Blogia
Crónicas Tamaganas

La desbocá

Miña cara señora María: cando principiaron a compaxinar as labores da labranza coa construción de edificios na vila, aló polas décadas dos sesenta ou setenta, como froito dos cartos que se recibían dos emigrantes europeos, os labregos tiveron que adaptarse aos novos tempos, polo que pasaron do traballo coa xogada das vacas á facerse con machos ou cabalos, porque eran máis axeitados no agro e así  atendían ámbolos quefaceres.

Algúns, os “ricos”, seguían a ter as vacas, porque delas tiñan leite e facían uns cartiños ao vender o xato.

Houbo quen comprou algunha poldra para ila amansando e poder completar os servizos que se requirían.

O Xico, antes de marchar para as alemanias, fíxose cunha cría de macho, que lle deixou a súa dona para que fose crecendo e ao mesmo tempo que tratase de amansalo para ir facendo os traballos nas leiras.

A dona viu que o macho crecía, pero tamén viu que aquel animal non era para ela. Polo que convenceu a un sobriño para que o aparellase e fose acostumando na arada, porque xunguilo co carro tiña medo de que se desbocara e provocara algún accidente aló na aldea.

O sobriño, cumprindo co desexo de súa tía, xunguiu o macho e con moito tento colocoulle o alcatre e logo o arado coas rodas. A súa tía pegaba do animal polos ramais; aínda así facía movementos estraños pola vestimenta que lle estaban a poñer.

Sacárono á rúa e encamiñárono cara unha leira preto da casa. O animal non soportaba todos aqueles aparellos e daba brincos a pesar do freo do cabeceiro que se lle fincaba no fociño.

Colocárono nunha veira e empezaron a arar. O macho non tiraba do arado con mesura e daba arroutadas de esquerda a dereita, polo que o rego non saía dereito.

O sobriño non se facía co arado. Se o enterraba moito, o macho tombábase no alcatre e se o levantaba, apuraba dando brincos, polo que súa tía tiña que facer de guía, colléndoo polo cabeceiro, para que mantivese o paso e os regos fosen ben feitos.

O rapaz acordouse do cabalo do crego que viña a dicir misa os domingos, polo que habilitou un ferro e cruzoullo na boca. Sería difícil que o machiño se desbocase con dous freos. O do fociño e o da boca.

Algo parecido está a suceder no concello con tanta asiduidade, por parte de quen, nas coplas dos maios, tacharon de “la bien pagá”.

Con ese invento do banco municipal de baixos desbócanse porque son unha competencia ás inmobiliarias e poden levalas ao peche. De momento son nove e manteñen seus postos de traballo.

Ao mellor este desbocamento municipal é como consecuencia, señora María, dalgunha promesa electoral, polo que hai que crear ese posto de traballo para algún compromiso. Aproveite para a súa neta!

Da eurocidade Verín recollerá as migas e Chaves comerá o pastel. Iso foron as manifestacións desbocadas de que a vila non ten comedores, nin aulas para os cursos de verán, polo que hainos que levar para o outro lado da raia. Máis que concelleira verinesa, parece unha embaixadora lusa na vila.

Hai aulas de sobra nos colexios públicos e privados e hai empresas que preparan comidas. Débese falar menos e facer máis!

Pódese dicir que o actual salón de actos foi arranxado depresa, daquela, pola necesidade imperiosa que tiña Verín, para este tipo de eventos.

Estas “imaxinacións” cústanlle aos verineses tres mil euros ao mes. Pasaron de “la bien pagá” a “la desbocá”!

Señora María, cando regresou de Alemania, o Xico, desfíxose do animal.

3 comentarios

xoán -

Señor Rolán.
Hai sobriñoa que estaran toda avida arando,e non dan un rego direito....unha aperta,o catal´n

Visiño -

Señor Rolán. Animeime hoxe nun arrebato de morriña a googlear Verín e atoparme con este xa medio esquecido blog. Ten vostede que disculparme pero o meu banco obrígame a traballar coma un macho cabrío para non termos que levarnos mal, que pola miña parte así é xa, e non dispoño dese luxo chamado "tempo" en grandes cantidades, nen sequera para deixar algo de descendencia. Bueno, este extremo teño que consultalo tamén cos señores do banco.
Ten vostede razón na penosa xestión dos orzamentos co gallo da eurocidade. Xa que non temos, nen teremos, industria próspera nengunha, deberían os señores do consistorio ir apañando os últimos migallos que faltan por pagar da venda da soberanía do pobo español.
E deberían facelo porque o transporte está deixando de ser rentable. E en Verín hainos, transportistas, a patadas. Porque o campo non da, e segue sen dar, e cambia o clima e o campo non é forma de vida moderna, de momento. O excelente viño non se publicita como é debido, a xente pensa que o Ribeiro é un bo viño e en Monterrei só se fai vinagre. Qué pena. O turismo segue deixado da man de Deus. Xa non hai ministros que veñan a curarse. Sospeito que nengún ministro coñece sequera a existencia de Verín.
Así pois só nos queda a prostitución como boa e segura fonte de ingresos. Non sei para quén, pero cartos da, iso seguro.
Nuns años todos proxenetas e narcotraficantes. Case prefiro quedarme neste campo de refuxiados. Sempre podo atopar viciños da eurocidade en Samil os domingos pola tarde.

sergio da poza lopez -

por que nuestro amor es imposible?