O paso
Meu caro Toñito: os cargos das parroquias ocupan moito tempo a cambio de nada.
O teu é ter interese e cariño polo lugar onde se vive. As túas reivindicacións sobre un paso na autoestrada cara fronteira deben ter eco e seguramente serán escoitadas polas autoridades correspondentes.
Nembargantes, meu caro Toñito, o gasto que supón tal obra nunca será xustificado polas colleitas da Lama.
No tempo de exposición do proxecto, aló na casa do Concello, debeu ser o momento de presentar esta alegación, pero ninguén quere facerse cargo de por que non foi así. Asuntos da administración, tanto local como estatal.
Ninguén se dirixiu a vós para tratar o percorrido da autoestrada e os servizos que facían falta para os labregos da zona: non daban votos.
Todo o esforzo, daquela, foi concentrado na futura área de servizo para Feces e os pequenos detalles quedaron no esquecemento.
Ti que debiches escoitar algo tratas de derivar a economía do teu pobo cara outras facetas complementarias, porque nunca se sabe o que pode pasar con esta nova comunicación con Portugal.
Dende o río Pequeno ata Bigode, pasando pola Lama, a autoestrada recolle tres pasos. Un, baixo a ponte sobre o río. Outro, no camiño da Lomba ou da Xea e outro en Bigode, preto do enlace coa estrada internacional. Incomunicados non quedan os labregos, pero un paso máis non fai dano a ninguén.
Vouche contar unha historia: hai un tempo, non moito, un facendado de avoengo púxose en contacto cun técnico agrícola da bisbarra, para comprar certo terreo con miras a facer unha importante plantación de viñedo. O técnico falou cun veciño teu e acordaron o prezo por hectárea sobre vinte mil euros. Polo momento o empresario agrícola principiaba comprando dez hectáreas.
Todo ía ben e os tratos ían progresando cos propietarios. Pero apareceu nos xornais, unha vez máis, a noticia sobre a cidade do motor e todo se estragou. Os propietarios subiron o prezo da hectárea a máis de corenta mil euros.
Meu caro Toñito, o que podía ser un modelo a seguir para a agricultura da zona rompeuse pola avaricia dos minifundistas e agora vés ti e queres un paso máis baixo a autoestrada, porque os veciños teñen que percorrer case un quilómetro para traballar esas terras. Pero se están a ermo! Case abandonadas!
Ti estás noutra onda, na de empresario, pero, a dos veciños?.
A historia rematou que o señor empresario vinícola foi comprar os terreos a Rueda (Valladolid) cun prezo axeitado e con posibilidades de incrementar súa inversión.
Non lle estragues a data de inauguración aos políticos!
0 comentarios