Blogia
Crónicas Tamaganas

Cine Buenos Aires

Cine Buenos Aires Rosa Mari está moi pendente do seu pulso. A filla ten que vir de vacacións a liberala un pouco das tarefas da casa para darlle descanso ó seu brazo, pois o doutor insiste que mentres non pare de facer cousas a man non recuperará a súa normalidade.
Aproveitará estas datas e verá se a lesión ten cura ou non. Desconfía, pois leva moito tempo sen notar mellora.
Irá a Cangas, tomará peixe e dará uns longos paseos na praia de Rodeira.
Lembra os seus anos novos -aínda está de bo ver- cando subía para o “galiñeiro“ do cine Buenos Aires e debruzada na barandilla escupía as cáscaras dos cacauetes cara embaixo. Logo agachábase para no ser recoñecida, pois os de butaca reclamábanlle ó acomodador, que nun periquete subía buscando a rapaza ou rapaz que facía tal falcatruada.
A película estaría interesante pero a gamberrada apetecíalle máis ós que ían ó cine a pasar a tarde, aínda que os cortes que se producían ó longo da proxección eran suficientes como para lanzar calquera desperdicio, sen ter que perder nada do que acontecía na pantalla.
Nalgunhas ocasións o acomodador colleuna pola orella e púxoa de patiñas na rúa. -¡Eu non fun¡, ¡eu nun fun¡, pero o vixiante tiña ben catalogados ós que facían as trasnadas e de vez ven cando dirixíase a un e invitábao a saír.
Como non tiña certeza turnábaos, pero sempres eran os mesmos.
Daquela non había reclamacións, nin volta dos cartos.
Apénase moito porque viu os carteis da venda ou compra da mellor sala de proxeccións de toda Galiza.
Aquelo de convertir o cine en salas multicines, pola nova propiedade parece que non encaixou, polo que aqueles recordos rememorando a nenez non van ter volta.
Houbo intentos por parte do Concello na adquisición do inmoble. Só faltou vontade política, pois dúas Consellerías, en boca dos Conselleiros respectivos, puxeron cantidades para facer en Verín un auditorio. Puido ser e non foi. Agora estase en situación de poder facer algo.
Comprada a Fonte de Caldeliñas, a mesma forma pódese empregar para adquirir o cine Buenos Aires.
Poderíanse buscar fórmulas para seguir proxectando, ó mesmo tempo que o Concello faría deste inmoble un emblema de actos públicos ó servizo de tódolos veciños, pois a ubicación é envidiable.
¡Naqueles cortes da película cantos aproveitaron para dar o primeiro bico!

0 comentarios