Quimera
Miña cara señora María: parodiando a D. Miguel de Cervantes estamos nun lugar de cuxo nome non quero lembrarme. Queren que Verín sexa a ínsula Barataria. Aquel invento de D. Quixote para desfacerse de Sancho, porque estaba farto de todas as súas cuitas e toda a súa sabiduría popular.
Non tiña problema, porque a súa tolería era capaz de iso e moito máis, polo tanto puxo mans a faena e nomeouno gobernador.
O que si encontraría Cervantes, como daquela, era material de abondo para seguir ampliando esta obra capital, o Inxenioso Fidalgo D. Quixote da Mancha ou, perdón, das ribeiras do Támega.
Aquí, con isto da eurocidade, tamén se está a vivir unha quimera.
Ultimamente todos queren arrimar o ombro para darlle corpo institucional, aínda que sexa con temas que poden prexudicar a empresarios da provincia como pode ser á Fundación San Rosendo.
D. Benigno foi o primerio que se interesou por invertir no concello, ante a manida idea de que Verín ten recursos para explotar neste senso.
En colaboración coa Consellería de Industria e co Concello, a Fundación contratou unha empresa para perforar distintos lugares do municipio para ver se era posible pór en funcionamento un balneario.
Agora recibe, dende Verín, o trato de desviarlle futuros clientes dos seus balnearios, que ten expallados por toda a provincia, dende Laias a Río Caldo, competindo co Inserso, para levarllos a Chaves, por querer facer a eurocidade.
¡Quítanllos aos nosos para darllos aos outros e iso que temos ben preto Baños de Molgas!
Non importa romper coas persoas que teñen boas intencións para Verín, nin interesa, para nada, dar vida dentro da provincia a empresas que crean postos de traballo con tal de que salga para adiante a ínsula barataria tamagana.
Chama a atención que ata a Deputación Provincial entre neste xogo, cando sabe que esas becas están a disposición de calquera estudante a través da páxina web da Axencia que xestiona o programa Leonardo da Vinci, dentro do Ministerio de Educación.
Por certo, cando un estudante solicita este tipo de becas, faino pensando non só no traballo, senón en perfeccionar un idioma. Por agora o portugués, os da raia, practicárono moitas veces por necesidade, polo que máis que unha oferta parece un insulto a todos os estudantes da fronteira.
En canto ó soldo, pregunten cantos andan a buscar emprego deste lado, porque aló o soldo base está en catrocentos vinte euros. Por certo, unha empresa lusa está a traballar na autoestrada cara Portugal.
E queren mandar a Chaves a facer prácticas ós futuros profesionais, cando os flavienses e toda a súa área de influencia viñeron, veñen e seguirán vindo, porque anhelan este territorio.
Cunha cativa desviación do río pequeno, aló en Feces de Abaixo, na alfándega, pode ubicarse a ínsula barataria, para que o gobernador ou gobernadora teñan a súa sede e deixen de teimar na quimérica eurocidade.
Sancho, como gobernador, foi cando estivo máis sensato e máis prudente.
0 comentarios