Totali....
Miña cara señora María: hai que recorrer aos ditos populares para acertar na definición dos feitos cotiáns de certos “politiquiños” que merodean pola política verinesa.
O refrán di: ”O que as fai, págaas”. Isto debeu ser a paga que o Presidente da Deputación lle asinou ao “taifiñas” verinés, polo seu comportamento no último congreso provincial do PP ourensán.
Seguro que vostede, señora María, sería moito máis prudente e esperaría a ver os comportamentos do resto de compañeiros, para logo tomar unha decisión política. Nunca lanzaría aos medios de comunicación, que foi vostede quen recuperou o segundo deputado para constituír a formación da Deputación, cando ten nota da debacle dos socialistas na bisbarra e sobre todo en Laza, onde non teñen representación, e en Vilardebós que pasaron a oposición, despois de tantos anos gobernando.
Non pasara un mes do que fixera na composición da lista de Verín, como para decirlle ao aspirante a presidir a Deputación con quen tiña que contar e formar o seu equipo. A resposta estaba na reclamación: “eu a ti non che dixen a quen tiñas que levar, nin fixen o teu equipo”. Así funcionan os partidos políticos, pero unha cousa é formar un equipo para presentarse ás eleccións municipais, nas que deberían participar os afiliados, e outra formar un equipo despois de ser elexidos para constituir o organismo provincial.
Este compormento totalitario exténdese por doquier, e así hai en distintos cruces e lugares da vila carteleiras con fotografías do mandamáis, copiando o máis puro estilo dos persoeiros que encheron a historia en países totalitarios, sufrindo os escarnizados comportamentos correspondentes.
A lei non debería permitir este tipo de propaganda encuberta. Tiña que marcar o tempo o mesmo que ocorre co tempo da campaña.
Con iso de “grazas pola vosa confianza” mantén a súa foto para que se saiba que dirixe os destinos do concello. Quere estar presente e quere que os veciños o teñan sempre na súa maxín, nin durmindo deben esquecerse do individuo. Deben soñar con el e así dirixir a vida de cada un dos concidadáns. Terán que vir as eternas anduriñas e nidar enriba para que os excrementos luxen toda a carteleira e fagan que desaparezan da vila.
O primeiro que lle saíu nos medios de comunicación foi o novo rexedor de Laza, dándolle a resposta á súa medida, que non contestou, porque sabe que non lle é coma o anterior alcalde. Parece que o refrán ten razón cando di: “A todo porco lle chega o seu sanmartiño”.
Ao parecer vendeu por todos os recunchos do concello que abandonaba e quedaba o segundo de alcalde. A mesma propaganda de todas as eleccións. Nunca se cumpriu esta promesa ou proposta, pero fai o seu efecto e a xente segue votando a piñón fixo. ¿Cando as promesas incumplidas toman corpo de lei e son punibles? Nunca abandonará esta “finquiña”, como lle chamaba. Coido que aínda segue calificándoa así, senón públicamente, si para os seus adentros.
Nembargantes atacan por todas as partes. Na encrucixada de rúas na rotonda da rúa Canella Cega está escrita, nas paredes dun peche dun solar, unha frase que di: “POLITICOS (flecha á esquerda) LADRONES EN TODAS (flecha á dereita) DIRECCIONES”. Cada quén que saque as súas conclusións e que mire ou observe na zona as direccións correpondentes que indican as flechas. Sutilmente o autor ou autores souberon buscar o lugar adecuado para que os lectores se orienten adecuadamente.
Nesa zona está INFISTELA, lugar residencial por excelencia na vila, polo que estén atentos porque dará lugar a grandes comentarios e aspaventos, que pode que traigan consecuencias.
Señora María, que teña unhas boas vacacións en compañía dos seus. Sei que está triste, pero a vida continúa e todos imos ter o mesmo fin.
0 comentarios