Blogia
Crónicas Tamaganas

Panxoliñas

Miña cara señora María: -Que liortas se traen con isto das luces do Nadal! 

-Vostede o único que necesita é que coloquen cadeiras ao longo das beirarrúas, para descansar, cando vai recoller á netiña ao Amaro Refojo.

O mesmo que o Rodolfo que está canso de que lle estorben as macetas colocadas por algunhas rúas. Por certo, que fúnebres e descoloridas e que tristes fan á vila ese tipo de arbustos que lle colocan¡. -¡Que pouco gusto!

 Recorda aqueles anos, cando ía porta a porta cantando panxoliñas, para facer uns cartiños e vivir os tempos do Nadal con alegría, grazas ás esmolas que ían recibindo de cada veciño e dinlle, agora, que hai que aforrar nas luces que están esparexidas polas rúas, porque estamos en tempo de vacas fracas.

Vostede o que necesita é que o Concello aforre noutras partidas e o demostre baixando impostos ou taxas aos veciños. Ata o de agora non houbo ningún intento, nin decisión municipal, de tomar algunha iniciativa en favor dos contribuíntes.

Pola contra, estase a dicir que non prenden as luces ata que deixen de penar por algures. ¡Quen manda, manda!

Non se trata só de luces, senón dun conxunto de actividades que fagan da vila un lugar de acollida e bo trato cos visitantes.

Este consumo de luz pódese pagar con parte do tan manido  aforro enerxético. Tamén con ese famoso aforro de vinte mil euros como consecuencia da nova adquisición dunha máquina desbrozadora. Pero sobre todo cunha partida que recolle o orzamento municipal, que algunhas veces, perante o ano, se lle inxectan cartos, porque o seu uso é moi particular.

Como verá señora María non se trata de cartos, senón de vontade política. ¡Cada pobo ten o que ten  e non vale turrarse dos pelos!

Quen está contento é o Juanito Ferreiro, porque seu equipo gañou. Non fixo falta que lle escribira aos Reis Magos, porque este ano está que rompe fronteiras.  Alardea daquel campo e o primeiro que fai cando cho ensina é mostrarche a placa  co seu nome, pola que pagou cincocentas mil das antigas pesetas. ¡Eran outros tempos!

Necesítanse persoas coma el, que sintan as cores, para darlle outro aire a esta vila, e haberá que mandar misivas a todos os Reis Magos para que nos boten unha man.

Saberá, señora María, que apareceu o cuarto Rei Mago en Verín. Anda polos rueiros ofertando chapapote. Nada de incenso, nin ouro, nin mirra, como daquela.

Ponos sobre aviso dicíndolle que non se deixen enganar e que non pase como en Feces de Abaixo, que logo ten que vir toda a plana maior para desfacer os agravios.

Dende aquí, dende a  COPE, que todos os oíntes teñan unha felices festas do Nadal e que o ano novo sexa un pouquiño mellor.

Señora María, debe escribirlle aos Reis Magos, para que fagan de Verín, unha vila máis humana, máis solidaria e sobre todo máis cristiá.

0 comentarios