Blogia
Crónicas Tamaganas

Ordenanza

 

Miña cara señora María: alégrome de que gozara da súa neta. Está feita unha moza. É triste que so a poida ver de Nadal en Nadal. A culpa tena a emigración. Non hai remedio. Esperar, por se isto da eurocidade é algo máis que postos para os amigos ou organismos para cargos de políticos desbancados. O que si vai carrexar é suba de impostos para os contribuíntes.

 Mirian gusta desta terra. É das que pena por ela. Non a esquece e tena na súa alma, pero esta terra fai pouco para retornala. As súas meixelas brillan de alegría e seus ollos expresan satisfacción por estar entre os seus. Coma de costume todos a rodean e escoitan súas historias. Anécdotas, non para de contar.

Seguro, señora María, que ó seu carón o seu xeonllo doe menos. Non ten tempo de sentir a dor. É bo ter unha neta con humor para aparcar as doenzas uns intres.

Debe ter coidado ó abrir a porta do portal, cando lle pon a muleta, porque lle pode esvarar e mancala.

Non lle gustou nada a normativa do concello sobre actos deshonestos, aínda que viu ben a parte correspondente aos cans de compañía, porque a súa aboa foi investida polo do veciño algunha vez.  O mesmo que algúns rapaciños.

Vai ser difícil que multen a ese can, a pesar de que colle as bolsas do lixo esparexéndoas  por toda a rúa. Houbo queixas dalgúns veciños e chamáronlle a atención ó seu dono, pero erre que erre, segue a facer o mesmo.

En canto aos actos vandálicos vai ser tamén complicada a súa aplicación, porque suceden a horas intempestivas. Saben buscar as horas de falta de vixilancia, polo que os vándalos campan por toda a vila.

De todas as formas, non fai falta recorrer a este tipo de ordenanzas municipais, porque poden  infrinxir algún precepto individual. O normal é que, ante calquera acto incívico, identifiquen aos actores, dando coñecemento á autoridade xudicial, por parte da policía local, para que os xulgue, segundo a lexislación vixente. 

Mirian ríase ó ler a noticia no xornal, porque as súas vivencias na emigración están por riba destas ocorrencias retrógradas. Nin preguntou quen goberna no concello, porque sabe que aquí a xente é moito de piñón fixo. Non son capaces de provocar cambios políticos, cada catro ou oito anos, para que  entren outros ventos na casa do concello!

Contou que a súa amiga chamouna dende as rías baixas para preguntarlle pola noticia do Atlántico, porque considerou que fora unha inocentada no día das pullas. -Pero non. Confirmoulle que se aprobara no derradeiro pleno do 2008.

Esta ordenanza débeselle remitir a cada casa para que a analicen e teñan coñecemento dela. Por certo, non esquecerse dos veciños portugueses, porque todos somos eurocidade.

Verín, vila que anda para atrás, en vez de para adiante. Así nos luce o pelo. Sempre buscando atrancos. Sempre pondo trabas. Debe haber pouco que facer, cando se buscan este tipo de xustificacións para unha labor municipal. Con isto demóstrase un afán intolerable de intervir nos comportamentos dos veciños ata nas decisións máis íntimas. Así rematamos, na vila, o 2008. Haberá que recuperar aquel slogan do maio do 98 que dicía: “Prohibido prohibir”.

Co fácil que é ler o que está no programa co que se presentaron ás eleccións é levalo á practica!

 

0 comentarios