Blogia
Crónicas Tamaganas

Chailo

Chailo

Meu caro Chailo,  o entroido deberíase chamar Laza. Sodes a alma de todo este periodo carnal previo as cerimonias cristiáns da Semana Santa. Se faltara Laza, seguramente o entroido non sería entroido, sería unha festa coma outra calquera e iríase perdendo non albores do tempo.

Mantedes a tradición dos días coma se fosen unhas etapas que percorrer para satisfacer o voso ego e manter ese espíritu entroideiro que fan de Laza ese recuncho onde perviven as esencias dunha festa vecindaria a pesares da rivalidade dos barrios.

Seguramente que os de Barrio están celosos porque a morena saíu sempre de Cima de Vila. Hai que botarlle a culpa ao Costiña, que Deus o teña no ceo, pero mantivo con sumo coidado aquel suspense de por onde aparecía a Morena, e que burro ía ser o encargado de levar ata a Picota ao forasteiro que acepta a inocentada ou burla dos acompañantes ao longo da comitiva.

Sabes, meu caro Chailo, que sodes unha parte importante desta festividade, porque non deixastes que as influenzas do camiño xacobeo volas estragase ou contaminase. Pode que nestas datas de inverno os pelegríns non tiveran a forza suficiente para introducir calquera costume foráneo, polo que vos mantedes aínda sen contaxiar.

Para calquera cativo que desexe vivir o entroido, como daquela, haino que levar a Laza e deixalo, perante este tempo, para que teña esas vivencias.

O neto do Jaravasio, cada ano que pasa, vai collendo estilo. Seguro que non defraudará os seus pais, porque representa a esencia da familia. Quen cambiou foi o Beni, que anduvo de reporteiro e de coidador dos cativos. Perdeuse a subida da Picota. Non importa, porque sabe que volve para o ano.

Pero antes de chegar a Laza débese parar nos pobos nos que aínda os rapaces, ao saír da escola, percorren as rúas  tiznando ás rapazas e botando cinsa a todos os veciños que atopan pola rúa.

Tintores, Nocedo, Vences, Matamá e Castrelo do Val foron paradas obrigatorias antes de chegar ao cumio do entroido. As correrías polos rueiros detrás das raparigas non tiñan sosego. O agotamento era quen facía que recibiras de varias mozas o manoseo ata deixarte coma un carnaval. Tiznábante de chirnas do cú dun pote ou dunha caldeira e o borrallo quente do forno comunal misturábano con formigas, que producían sensación de picores por todo o corpo, tendo que espirte para desfacerte delas.

Agora sodes un pouco “lai” e as farrapadas xa non son como eran. Teremos que  velas en Tamicelas, porque seguen cos excrementos das vacas, como daquela, para lanzarllas aos veciños que cruzan pola praza. Vós, empregades lodo ou barro amasado e logo emboutádelo no farrapo lanzándollo a calquera que se perde pola Picota.

Deberíades recuperar as bostas, ou senón os lodos da depuradora, facendo das farrapadas un entroido como daquela.

Está moi ben ese folión-cea do venres. Sobre todo a recuperación dos fachóns, recordando as túas andainas de mozo, cando regresabas de namorar a túa dona ou de botarlle as serenatas, nunha noite pecha.

Meu caro Chailo, o entroido é noso. Lémbraste de cando quedaches na rúa, de como te trouxo túa nai ao mundo. Eran outros tempos. Estarías baixo os efectos de Baco.

Recórdalle ó teu cuñado que hai que alumear o Canto do Agro. Por alí pasa o folión.

0 comentarios