Mimi
Miña cara señora María: Que listiña nos saíu a Mimi!. Pronto aprendeu da escola dos políticos, porque trata de contar só as súas vivencias positivas.
Experiencias en todas as categorías institucionais, dende concellos ata Bruxelas, con coñecementos de idiomas, facendo do seu currículo un vademecum, para colocarse no máis alto pedestal. Sería unha boa alumna de Dióxenes.
Ata o de agora non me fixo caso, señora María. Téñolle dito que chame a Mirian e que veña para acá, porque coa paridade nas listas electorais, ten sitio en calquera partido. A crise das ideoloxías é global.
Recorda vostede que no pasado verán falouse moito do abandono político da tenente de Alcalde. Aquel amago deu froito e agora aparece a Mimi no cumio da política autonómica . Iso se que é unha carreira!
Debe saber xogar moi ben ao mus, porque estes órdagos non saen todos os días!
-Ten que ter presente este exemplo e esta maneira de entender a política nesta terra. Dá vergoña que a convertan nun comercio. Móvese todo por prebendas. Eu colócote, e ti correspóndesme. Ninguén dixo nada.
Sería interesante que no resto dos concellos se fixese outro tanto. Veríase ao señor Presidente, facendo de mago, buscando solucións a tanto descontento, pero encontraríase cun enorme problema, porque non hai postos para todos.
De momento, Mimi saíuse coa súa.
-Debe estar moi doída, porque o primeiro que fixo foi lanzar ao voo que de agora en adiante non vai cobrar do Concello. Mellor dito, de todos nós. Non importa, porque o fará a través do Parlamento, que por certo tamén cobran dos nosos impostos.
Mirian sería unha boa candidata, porque gozaba moito de entreter a todos os cativos da rúa e as nais agradecíanllo, porque llos entretiña e descargábanse deles. Era moi querida e coñecida. Non se pode dicir o mesmo da Mimi.
-Nas entrevistas da prensa oculta unha serie de experiencias que hai que resaltar para colocala no seu lugar.
Debe falar algo da lonxa agropecuaria, que está no campo da feira, porque sabe moito dese tema. Custou preto de trescentos millóns das antigas pesetas e está morta de risa. Traballou no gabinete, do entonces conselleiro, do Medio Rural.
Máis tarde foi electa para por en marcha á Fundación Comarcal da Bisbarra de Monterrei. Soñaba con outra cousa e ao pouco tempo abandonou. Con este cargo puido empezar este invento da eurocidade, polo que xa se tiña ganado moito camiño e os veciños a gozar dese proxecto.
Pasou por empresas privadas no país veciño e tamén por unha Caixa de Aforros Galega e o Metro de Madrid. Fixo principios de crear súa propia empresa, pero coa promesa do gran soldo, nas municipais, aceptou o envite do rexedor e aquí a temos. Por certo, aínda non dixo o nome nin a dona da empresa da nómina que serviu, para xustificar o seu soldo, no concello verinés. Esta sería unha boa noticia.
Ata o de agora non hai novas de que esas empresas foran destacadas e postas como exemplos nos foros económicos, polas súas ganancias, basadas nos proxectos da Mimi.
Para rematar pódese dicir que o rexedor comentou, dentro do concello, que o responsable desta “bomba” foi el, polo que non lle pode botar a culpa a ninguén, porque ninguén lla impuxera.
Con esta solución suavizou un peso de encima.
0 comentarios