Blogia
Crónicas Tamaganas

Informe PXOM

Miña cara señora María: Teño nas miñas mans, unha copia do informe do PXOM de Verín.

Todas as gotiñas, que o rexedor vai soltando, nos medios de comunicación, están aquí recollidas.

É triste que os interesados por este tema, teñan que estar a espera da incontinencia do mandamais.

A manida frase de que cada pobo ten o que se merece xa non fai mella, nin entra no maxín dos veciños, para tela en conta non momentos oportunos das eleccións, polo que somos unha xente sometida.

Este documento, custodiado con sete chaves, aínda que só abre o caixón a que está escondida tras do cadro da parede do leste, apareceu unha copia por doquier, chegando ata min, polo que vou a referirme a el, no punto que máis salientable me parece, porque recolle parte da miña suxerencia ao PXOM, con data  do dezasete de setembro do dou mil seis e número de rexistro de entrada, no Concello, tres mil oitocentos catorce.

Prégolle, señora María, que non insista en descubrir ao mensaxeiro. Hai que ser cabaleiro, como di o rexedor, porque  sabe conversas privadas dos concelleiros da oposición e non as publica.

Tonterías! Sabe o que quere saber el, como nos pasa a todos. Contan o que queremos escoitar e sobre todo entre políticos.

O texto é moi embulleirado e só se entende se vai acompañado da planimetría, por iso ten pouca validez, a pesar de ilo soltando por goteo.

Seguro que algún personaxe viuno e outros da súa clientela tamén, cando o normal é que fosen informados todos os veciños, nunha xuntanza, con explicación dos técnicos.

O informe consta de catorce páxinas, todas enumeradas e coa data e hora de saída da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia e número de rexistro 503 do 27. FEB. 2009 13:16 D.X. URBANISMO Nº 503. Tamén teñen un cuño coas grafías: PTO-OU-08/025 VERIN (OURENSE)  P.X.O.M. - A.I. - Informe - Páxina 1 de 14.

Para min ten un valor enorme, porque matiza, case cos mesmos termos a miña suxerencia  nos espazos que deben ser ocupados polo PXOM.

Leo un dos párrafos: “O núcleo urbano de Verín presenta un crecemento radial ao longo das vías de comunicación, que se veu favorecido pola implantación de grandes equipamentos en lugares periféricos. Como consecuencia desta dinámica resultaron numerosas bolsas de terreos sen transformar en posición relativamente centrais da cidade, que, atendendo a un principio de utilización, racional do solo, deberían ser os lugares prioritarios onde situar as novas edificacións.”

A miña suxerencia di: “Verín creceu ao longo destes factores: primeiro nomeo cada unha das rúas, centrando a maior densidade de construcción en torno ás radiais principais. Isto provocou zonas interiores baleiras, que deron lugar a longas avenidas con traseiras urbanas indefendibles, que son as que vostedes deben darlle unha solución axeitada."

Máis adiante iremos esmiuzando o máis salientable do informe.

Como verá señora María, os veciños deben ser informados e os políticos deben ser claros coma a auga do Támega, río enriba.

0 comentarios