Blogia
Crónicas Tamaganas

A comitiva

Miña cara señora  María: Deixe que goce coma un cativo con chanquiñas novas. E iso que agora non hai pozas, nin lodeiros nas rúas dos pobos.

Para este goce tiña que ser e nacer, naqueles tempos, en calquera parroquia, pero viviu sempre no corazón da futura eurocidade.

Agora non se leva o que facía o tío Chanquiñas de colocar as gavelas dos toxos na rúa, para que estivera enxoita e poder pasar comodamente, convertendo aquel estrume en futuro esterco.

Pola noite, ao regresar da casa do avó, sempre engarraba nun pau dun toxo, a pesares de levar o fachón, que me facía miña avoa. Sempre daba coa testa na camada, fincando algún pico nas mans.

Non se debe alterar, nin perder os nervios, señora María. Pero debe incidir e persistir, porque os veciños votárono para facer oposición, non para que comulgue con rodas de muíño.

Aínda que só foi unha comitiva de tres coches, tiña que aparecer aló, como o un “taifas” e diferenciarse dos outros e para iso necesitaba non só o coche, senón tamén as motos con sirenas e luces, para recordar outros tempos deste país. Facíalle falta unha máis, aínda que sabe quen a ten e podíalla prestar e a comparsa sería máis axeitada para tal fin. Canta soidade!, en certos personaxes...

O aforro municipal é para o seguinte ano, no próximo orzamento, porque nestes intres aínda perdura o do ano anterior. Pero debe practicar nas cousa cativas, como neste caso.

Sabe demasiado que os funcionarios non están para eses mesteres, senón para desempeñar outras  funcións, mantendo a vila vixiada e coidando de que os vándalos non fagan das súas, porque saberá que ao cigarrón ou peliqueiro, da rúa Viriato, esnafráronlle, outra vez, seu nariz.

E iso que só foi unha xuntanza máis para darlle corpo a futura eurocidade, onde Verín baila o son da gaita lusa. Quen marca as directrices son os flavienses, porque son os que están preparados, porque esgotaron todo tipo de proxectos na súa categoría, por iso agora necesitan crear entes superiores para optar a outros. Nunha palabra teñen experiencia.

Souberon, a través da Asociación para o Desenvolvemento dos Concellos Ribeirenses do Alto Támega, colocar todas as ideas que xurdían nas Cámaras lusas, mentres que aquí non  aproveitaron a Fundación Comarcal para o mesmo fin.

Chama moito a atención de por que non se constituiu unha futura eurobisbarra ou eurocomarca ou euromancomunidade do Alto Támega, porque estas poboacións teñen máis de cento corenta mil cidadáns e responde máis aos intereses dos cidadáns, de ámbolos dous países.

Pode que esta futura eurocomarca do Alto Támega restaría liderado aos dous protagonistas da eurocidade, polo que empezaron a camiñar solos, por intereses políticos e persoais. Sen embargo ante Europa, sería unha representación con máis entidade, para conseguir estar en proxectos doutros niveis. Neste caso a comitiva levaría máis representantes. Todo sería máis grande!.

O señor Presidente da mancomunidade ten a oportunidade de principiar contactos cos da raia para dar forma a este ente no que debe por esforzos, porque así estaría representada toda a comarca de Monterrei. Hai que subirse ao carro de Europa!. Aínda que sexa para pantasear!.

Dáse conta, señora María, de que aquí non se da puntada sen fío.

0 comentarios