Blogia
Crónicas Tamaganas

Río Támega

Río Támega

Miña cara señora María: “uns levan a fama e outros cardan a lá”, di o refrán popular. O outro día gocei dun paseo ao longo do río Támega co meu amigo Ponchi. Teño que decir que é membro da Federación Galega de Pesca.

Con el existe unha máxima: “se comen eles, eu tamén como”. Digo esto porque resulta que o que ten fama de furtivo é a persoa máis preocupada pola conservación da natureza e ao seu lado recibín a mellor clase de naturais locais, simple e llanamente percorrendo o río, dende a zona de baño ata a presa do Tresguerras.

Gran coñecedor do lugar, porque naceu preto do Támega, e a súa nenez pasouna no regato, que hoxe chaman rúa Otero Pedraio. Unha maneira, moi sui generis, de conservar o Concello de Verín a súa toponimia local!

Comezamos a nosa andaina ao longo do río e dixo que estaba correndo perigo por tratar de cambiar os peixes das charcas sen osíxeno para outras de máis auga. Cousa que deberían facer os de Medio Ambiente e non chegar, como fan sempre, fóra de tempo.

Días atrás, río enriba, envelenaron varias pozas e despois corrían para sacar os peixes mortos. Debeu ser para que non os viran os veciños.

O caso é que ao longo da Preguiza prácticase a pesca sen morte, pero hai persoas que si pescan e outras que colocan as “cordas” dende as barandas do malecón.

Pódese decir que a desidia das autoridades ante este problema é de mirar cara outro lado e deixar que estes furtivos esquilmen o río Támega, sabendo que esta zona é un lugar de recría para todo el.

O mesmo que a existencia de visóns. Dende a terraza do bar do Zurria viron como un destes animais se desprazou tranquilamente, cara abaixo da pasarela, e enguliu a troita que levaba na boca.

Para este tipo de individuos, Medio Ambiente debería empregar caixas-trampa selectivas, para capturalos e devolvelos ao seu dono, posto que elimina todo tipo de fauna específica do río. Asi non se ven patos, pitas de auga, ánade real e despraza ás londras.

O Concello debería atender estes problemas e debe poñer máis empeño en conservar limpos estes lugares, o mesmo que  colocar carteleiras co nome específico dos lugares do río. 

Dende a Ponte do Melo, que por certo, aínda está sen recuperar, frente ao cuartel da Garda Civil, os lugares de baño que había antigamente son os seguintes: 

Río enriba pasamos polo pozo dos Americanos, antigo Matadoiro, actual pasarela cara o barrio do Olivar. O pozo do Bazal, os Pasadais, que non existen, nin o concello fai nada por recuperar as típicas poldras, para que os verineses, de agora, saiban o que son e o para que servían. Estarían á altura da depuradora de auga potable. O Trerranas, o Pozo Negro, aínda conserva o amieiro tumbado, que os rapaces empregaban para chapucearse.

Continuamos pola Preguiza, pasando polo Pontillón, ata chegar ó Paquita, o pozo máis fondo, que daquela tragou a dúas persoas e máis aló o Mefa, onde o Tarzán, que en paz esté, facía unha presa de bidóns de aceite, enchéndoos de area e atándoos ós amieiros. Logo o Señoritas, a lagoa do prado do Miñambres e a presa dos muíños dos Peláez, na Pedreira, e dos Tresguerras, ambos en San Lázaro.

Como verá, señora María, debemos recuperar as nosas cousiñas.

Só se recupera cara Infistela. Debe haber problemas coa columna e iso que hai unha asociación que o intenta, pero os políticos locais marcháronlle coa subvención que pediran.

0 comentarios