Blogia
Crónicas Tamaganas

Presidente

Miña cara señora María:  se vostede estivera no Paco Paz seguramente contaría con máis detalle o que aconteceu aló.

Como vostede está entrada en anos non puido achegarse ata a capital, porque necesitaría dun transporte especial. A non ser, que o aseu voto fora imprescindible para aupar á presidencia ao verinés desleal.

Cadaquén arrimou a ascua á súa sardiña, destacando os medios xornalísticos, que estiveron baixo o paraugas da Xunta de Galicia.

Coma voitres se portaron coa familia Baltar ao longo desta campaña cara a presidencia provincial do PP.

Un urra para o xornal, “La Región”, que se portou coma un xabato na defensa de MB. Todos contra Baltar e todos contra “La Región”. Saíron vitoriosos, por iso esta loita soubo a moito máis. Unha loita pírrica.

Pasaba das nove da mañá e o aforo do pavillón estaba bastante ocupado, polos compromisarios e invitados ao evento popular.

Polo corredor central, cara o posto asinado, camiñaba, estilo “Obama”, o aspirante raiano, acompañado da súa dona e o seu fillo cativo. Faltaba a filla.

Nin bos días, nin mirada, nin xesto, nin acercamento cara o anfitrión, o seu “pai político”, que como bo capitán estaba no seu posto. A educación foi sempre a súa debilidade, mellor dito, a súa gran carencia.

Entre as voces da xente, os altofalantes anunciaban outra impugnación máis, comunicando que se faría efecto no momento de ir a votar os supostos compromisarios irregulares. Esqueceuse de cando en Verín gañou irregularmente, polos mesmos motivos de agora. Daquela a impugnación non seguiu seu curso, pero agora bota man dela para gañar. Que fraca memoria ten!. Agora si que fixo o ridículo, non como dixo nas ondas daquela. Agora todo o mundo o soubo, porque os medios de comunicación fixeron eco, desta guerra, onde o fin xustificaba todos o medios que buscaron. Este congreso pasará a historia pola traizón e polas impugnacións.

Toma a palabra Xosé L. Baltar. Rube ao estrado e comeza a dar conta da súa xestión ao longo dos anos que exerceu de presidente do PP de Ourense. Boas verbas para todas as persoas que estiveron o seu carón e foran leais.

Dende as bancadas de enriba outeábase o ambiente. Os aplausos ían marcando os posibles votos e tomaban importancia aqueles que non se deixaban levar polos impulsos de agradecemento, polo que a diferenza ía tomando corpo para diagnosticar o posible gañador. As cadeiras estaban definidas, polo que o gañador ía ser Manuel Baltar. Nas bancadas de Verín non aplaudían.

Aplausos e clamores de entusiasmo, ante as verbas do presidente saínte, resoaban dentro do recinto. O público sentíase vibrante ante quen soubo estar o seu lado nas súas necesidades. E iso que o presidente da mesa, outro fuxido, chamoulle a atención, porque daba as grazas aos presentes.

Baixou do estrado ante as frases de : “Baltar presidente!...”. Foi saudando ás persoas da primeira fila, pero parou na súa cadeira, aínda que estendeu a man para saudar aos seguintes da ringleira. Non quería encontrarse co candidato raiano. Estaba doído co seu comportamento.

O discurso do verinés debeuno facer un aprendiz, porque a palabra “lealdade” saíu da súa boca e de súpeto gritos de: “ fóra!, fóra!, fóra!,...” soou por xeración espontánea. Pouca categoría e pouco nivel. Unha cousa quedou clara: a gran diferenza de preparación cultural, política, etc... entre os dous candidatos. Pero a ousadía é a ousadía. Notábase derrotado.

Cando se dirixía á súa cadeira despois de rematar de ler o pobre discurso tamén empezou a saudar aos convidados da primeira fila. Chegou ata Baltar, que, por certo, estendeulle a man, pero nun xesto de desprezo, soubo, sixilosamente camiñar, en crequenas, ata ó seu fillo, colocándose fronte del, para que non se deran a man, cando chegase á súa altura.

Tempo de votar e, de súpeto, abrazos e alegrías nunha parte das bancadas. MB tiña máis votos, polo tanto, novo presidente do PP ourensán.

Como curiosidades hai que destacar un par delas. A primeira foi que cando o raioto lía o seu discurso, o exconselleiro das “vacas tolas” saíu para fóra, seguro que a botar un cigarro. A segunda foi que a Secretaria Xeral de Turismo colocouse entre dous concelleiros de Verín, charlando todo o rato e, como colofón, desapareceron do recinto deixándoo só, cando todo o mundo ía saudar ao vencedor.

Daba pena, pero buscouna. Viviu a soidade do vencido, vendo a alegría do gañador.

Os da boina gañaron aos do bonete. Os rurais venceron aos urbanitas.

Grazas a Baltar, que soubo imprimirlle carácter de indíxenas ourensáns.

 

0 comentarios