Galiñeiro
A señora María leva moito tempo sen pisar o galiñeiro. E iso que lle colocaron unha cadeira para poder descansar e botar unha parrafada co propietario do bar, máis ou menos no medio do percorrido.
Agora o doutor mándaa camiñar sen despegarse da caxata. A pesares visitou o galiñeiro. Quedou abraiada do galo. ¡Que grande!, ¡canto creceu! Con esta carne meus dentes resquebrarían e non quero ter máis problemas co meu corpo. Xa me chegan os meus xeonllos.
Sentouse a carón da tela metálica e observou ó animal para fixarse no seu comportamento. Ó pouco tempo xa viu que era un auténtico déspota. Aquelas galiñas non asomaban o peteiro por ningures pois aparecía para impedir calquera acto que pudiera alborotar a harmonía que fora forxando perantes estes anos.
Sen embargo a señora María diuse conta que había dous comportamentos naquel galiñeiro.
Galiñas sumisas que se acercaban a el para indicarlle que tiñan necesidade de ir a beber e outras pasmadas que se deixaban levar para seguir observando e buscando o momento de darlle o golpe para desterralo. El, orgulloso e altaneiro non se percataba do segundo grupo. A chulería e o engreimento non lle permitía darse conta do que estaba a suceder no seu territorio.
Os gaviláns empezaron a merodear polo galiñeiro, polo que intentou que o dono protexera as galiñas colocando outra tela por enriba, quedando tódolos habitantes do habitáculo protexidos. A pesares, os gavilán insistían e ían marchando coas súas presas.
O galo moi furioso, cabreábase e ante a impotencia de conter aquela desfeita actuaba ameazando e chantaxeando.
Ó remate, cando intenta marchar a señora María agárrase a póla da figueira e consegue endereitarse, namentras seu maxín idea que o mellor sería deixar que o galo continuase coa súa teima, que remate só, cando se vexa coa cresta enrugada e torcida, perdendo a prepotencia e a arrogancia, percatarase do abandono das galiñas e da perda de influencia ata que pouco a pouco chegue o seu fin.
A señora María, encamiña o regreso co rostro compunxido e lamentándose, xa que dos máis de dous mil animaliños só quedan once. Espera co cinco de novembro todo cambie.
¡Ah!, esquecíaseme: ¿a gripe aviar acabará co galo?
0 comentarios