C. de Biomasa
Miña cara señora María: vostede debeu estar moi imbuída en preparar a cea do Nadal, porque non escoitou as novas na radio, nin leu os xornais que se fixeron eco da “bomba” que vai sufrir e soportar o val do Támega.
Alguén apuntou a que fora unha “pulla” do vinte e oito, pero a información correspondía ao día vintecatro.
Se vostede entra en internet e abre calquera das páxinas que fale dos inconvenientes e ventaxas que acarrea a noticia encontrarase co seguinte: “Unha central de biomasa deteriora a paisaxe, produce contaminación térmica e sobre todo posibilita a contaminación das augas”. Que nos espera! Pobre río Támega, sempre na mesma zona!
Recordará, señora María, cando se instalou a cerámica de Queizás, que as hortas e casas colindantes sufrían as consecuencias daquela cheminea, polo que tiveron que darlle máis altura, pero o fume seguiu facendo das súas.
Recordará que a primeira manifestación ourensana foi producto dunha posible instalación da Tafisa, que provocou que os abrigos de visón encaberan a marcha polas rúas de Ourense, como protesta pola posible ruina que acarreaba.
Aquí, aínda non houbo manifesto de ningún partido político, nin asociación, nin veciños, nin sectores perxudicados, como pode ser o relacionado co viño.
Hai un exemplo de central de biomasa, como é a de Allariz, onde se poden corroborar os beneficios que aporta aos veciños. Polo de pronto o que si se ve é que os de Allariz están a construir outro polígono, terras máis arriba, porque seguro que as industrias non soportan o fume diario. Beneficios para o cidadán? Ningún, porque seguen pagando o recibo da luz igual que os demais.
O goberno central prohibindo fumar e o goberno local querendo montar un “puro” permanente de fume para arruinar o val de Monterrei. Así nos vai! E véndese como se fora a panacea de postos de traballo. Que pregunten en Allariz! Merecerá a pena, compensará? Coido que o val non se merece este trato.
Este tipo de centrais e deste tamaño son só para recibir subvención. Non responden a outra cuestión, porque a súa produción é mínima, polo tanto non se debe arruinar un val con este enxendro que marcará o futuro do val do Támega.
Esta futura planta de biomasa do futuro Parque Empresarial de Tamagos está condicionada por dúas medidas que deberá respetar. A primeira é que o val do río Támega está dentro da Rede Natura 2000, polo tanto as Institucións correspondentes algo terán que dicir. A segunda é que a cunca do río é pobre en auga, polo tanto a Confederación do río Douro terá que dar a última palabra para por en marcha tal industria. Haberá problemas de abastecemento de auga para Verín e os pobos no futuro?
Non hai que ser moi ilustrado para ver como está configurada a orografía do val, para constatar que as montañas que o circundan son baixas, polo que reciben poucas neves e poucas choivas, polo que a recuperación da súa capa freática é moi lenta. Hai que engadir que un estudo feito por unha empresa madrileña de captación de augas, cando foi aquilo de construir un balneario, demostroulle ao empresario o que estou dicindo, porque o balneario, aínda non foi construido e aínda máis, na veiga de Cabreiroá a fonte construiu un muro pantalla para acumular as augas que baixan do Pozo do Demo. Isto pódese ver. Non estou a falar de invencións, son realidades.
Que se pode dicir sobre a incidencia no viño desta bisbarra, que está a ser o despunte agrario, fixando poboación nos pobos, porque da para vivir, cando as outras zonas empecen, co boca a boca, campañas de desprestixio por esta ubicación, desta planta de biomasa, entón turraránse dos pelos e recordarán que non fixeron nada para que non se ubique neste val.
Señora María: “a can fraco todo son pulgas.”
0 comentarios