Carta...?
Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS- Carta….?
Miña cara señora María: -Que alegría vela polo Supermercado. O seus ollos brillaban do que estaba vendo, tanto tempo sen entrar!, pero o seu fillo, coñecedor da súa nai, cómo non, levouna a dar unha volta polos pasillos do supermercado, porque sabía que o estaba desexando.
Señora María, fillos así, non se encontran nestes tempos. As persoas de idade estorban en todas partes, por iso o ter alguén que coñeza os costumes dun é moi destacable, porque así pode revivir e recorrer os sitios que se van esquecendo. Un fillo, -que o sabe e a leva aló-, entón e cando nos damos conta da necesidade de non encerrar a ninguén en lugares, que por moitas comodidades que haxa, sempre falta a caricia dos seus e que o sorriso se dea nas meixelas.
Sen embargo a ledicia non chega a todas partes, señora María. -Nun lugar da vila hai unha misiva para os Reis Magos que reza así: -“ Meus queridos Reis Magos só vos pido que fagades uns quilómetros máis de AVE”. –Aquí resúmese toda a vida desta familia que tivo que abandonar a súa residencia habitual, porque o cabeza de familia foi destinado ao lugar da obra e debe de estar a punto de rematarse, que o ambiente familiar foi resumido e plasmado, deste xeito, polo cativo.
- E iso que non existen, que se chegan a existir entón non darían feito! .
Alguén andou no rebusco político, non como algúns veciños, cando ían ás leiras e aos bacelos, por se os propietarios esqueceran patacas ou cangallos de uvas para aproveitalos e ter colleita propia, senón, tipo cobra, para conseguir algo que debería estar asegurado, porque o efecto non desvirtuara a causa. Como tiña que ser el, pois había que practicar o arrastrarse, -para non esquecerse-, porque a dignidade é o de menos, neste tipo de individuos, que queren, a toda costa, estar na “casta”.
-Non escribiu a carta, pero rebuscou firmas e iso que no lugar da Gudiña -escoitar escoitounas-, pero coma se non fosen con el. -Que lle firmaran!, para volver o mesmo posto, aló en Madrid, por iso “ser cobra” ten os seus premios.
Daquela había que coidar a “finquiña”, pero, agora, a finquiña converteuse en eidiños.
Sen embargo o Manolo dicía: -“non entendo nada, repartía papeletas, coma se fose para el e resulta que estes resultados aínda foron máis nefastos cos das municipais, porque só sacaría seis concelleiros. O normal sería facer coma todos ou,- se me apretas-, facer o contrario, para que fosen menos e así quedar ben, o que está claro é que os veciños votaron ao partido e non ao individuo, deixando mal ao candidato nas municipais”-.
Iso é o de menos. O importante e rubir ao machiño, pero máis aínda, foi o sorriso que recuperaron os veciños do municipio ao cambiar de alcalde.
O ano 2015 portouse ben coa vila e os veciños van estar a altura das circunstancias, en cada momento, que o novo equipo de goberno necesite deles.
- Un feliz ano 2016 para todos/as vostedes.
Verín, 1de xaneiro do 2016.-
Adolfo Rolán.-
0 comentarios