Blogia
Crónicas Tamaganas

Lola..

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-   LOLA…

 Miña cara señora María: -A rúa Lisa quedou orfa.  A Lolita Tita finou e, polo tanto, ninguén saberá desempeñar e representar tan ben a idiosincrasia da vila de Verín. Verín será, a partires de agora, algo máis cativa e terá que buscar, que será moi difícil, substituto da Lola.

 Don Oscar, novel aínda na vila, soubo sintetizar todo o que representou a Lola, nunha breve pero intensa homilía, que demostrou, en tan pouco tempo, ser coñecedor da personalidade desta muller , que sen ela, a rúa, que a viu crecer e nacer, será máis solitaria, porque faltarán as verbas da muller, que lle imprimiu carácter e, que lanzaba verdadeiros dardos para saber de todo o concernente a cada persoa, que entraba a comprar, na famosa pastelería das Titas.

- Como os anteriores párrocos era invitado a tomar un pastel, cada vez que cruzaba fronte á tenda e, se declinaba a oferta, a contestación espontánea da Lola era: -“vai para o carallo”. -O crego deixaba aparecer un sorriso e ela non se inmutaba, - como se non fose con ela-. –Como dicía: - xa virá.- Expresión que podía recibir calquera outra persoa ao ser invitada pola anfitriona pasteleira.

 Sen embargo o crego sacou a relucir os famosos pasteis “das linguas de obispo”. –Tivo que comelos, porque os describiunos de  marabilla e, máis aínda, diferenciounos ás mil marabillas da lingua do señor Bispo, dirixíndose aos seus compañeiros que concelebraban a cerimonia do adeus ao corpo presente da nosa moi apreciada Lola.

 -Pódese afirmar que os mencionados pasteis son coñecidos en tódolos recunchos da xeografía-. Verín saía a relucir, en calquera xuntanza, lonxe de aquí, non só polas famosas “Linguas de obispo”,  senón que tamén se acordaban da pasteleira.

 Os verineses e, sobre todo, os acompañantes, botarán en falta á Lola, porque non terán quen lle faga tantas preguntas e tan rápidas, cando vaian a comprar pasteis.

 A curiosidade da Lola non tiña límites e as preguntas eran as mesmas para todo tipo de persoas, sen distinción de categorías. -Non tiña pelos na lingua, nin se puña vermella.

 Pero, como cairas aos poucos días por alí, cosíate a preguntas sobre a persoa que te acompañara e, como o acompañante fora só a mercar pasteis, as preguntas revolvíanse. - Tiña memoria de elefante. –Non se lle esquecía nada.-Ao pouco recibías unha chamada do amigo contándoche a  conversa coa Lola. E ao pasar por alí, dicíache: -estivo aquí o teu amigo de Xinzo.

 E, como non?, na comitiva de participantes, na condución do cadaleito, cara ao cemiterio tiña que saír, que non debería faltar, o do seu amor platónico cun bo mozo, -coma sempre-, da vila que se relacionaba co cine Buenos Aires.

 A anécdota repetíase cada ano, na festa do pobo. –Vas a onde a Lola e compras un Roscón. Pasados uns días hai que pagar o Roscón e hai que ir alí. -Lola, canto é o Roscón?. –Xa virá o teu pai a pagalo. Ao chegar a casa a pregunta non esperaba e, pagaches o Roscón? –A Lola díxome que xa llo pagaría vostede. E ata que ía a Verín o  meu pai non se pagaba o pastel.

- Persoas  así, tan espontáneas e sen pelos na lingua, deben quedar moi poucas e ao mesmo tempo tan graciosa,  ningunha-. Polo que debemos entoar a mea culpa e ir buscando veciños que nos recorden a estas persoas que imprimiron carácter,  como foi a Lolita Tita.

 Seguro que o señor Párroco orará por ela e Deus perdoaralle tódalas faltas, porque ela era así e non facía mal a ninguén. Muller chea de bondades e muller chea de espontaneidades, que máis se lle pode pedir a unha persoa. –Ser como foi-.

 -Querida Lola, Deus sabe como fuches e agora, que te ten a seu lado, saberá como es. -Unha aperta e, pídelle por nós.

                             Verín, 27 de xaneiro do 2016.-

                             Adolfo Rolán.-

0 comentarios