Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Eleccións autonómicas

Miña cara señora María: tenlle razón o Marcelino cando di que a rexencia dunha casa é coma a dun pobo e a deste coma a dun concello, e  a do concello coma a dun goberno autonómico ou dun estado.

Se vostede repara un pouco na anterior lexislatura municipal observará que Verín estivo baixo un goberno de conxunción de tres forzas políticas, na que sobresaíron os nacionalistas do BNG, por dúas cousas: control máximo do PXOUM e abandono da coalición.

Se furga un pouco máis darase conta de que os concelleiros desta formación eran coñecidos por todos os veciños; sen embargo o resto de cargos políticos estiveron eclipsados, a non ser o señor Cid Harguindey.

Ata o señor alcalde estivo anulado polo afán de protagonismo dos nacionalistas.

No reparto das concellarías colleron a de urbanismo para estar máis en contacto cos empresarios e propietarios e así os veciños tiveran dependencia nacionalista.

Sen embargo este goberno local adoeceu dun programa conxunto e pactado para levar adiante perante a lexislatura. Cada partido era un reino de taifas. Falta de reunións, falta de consensos, que foi o que recibiu a cidadanía, por iso perderon o goberno municipal.

Foron desprazados pola ineficacia política, máis que polos méritos do actual rexedor.

O PXOUM, que é a arma política de calquera forza gobernante, foi a causa principal que os levou a rotura e ao abandono do goberno local.

Na constitución desta nova lexislatura local destacou o desprazamento a un segundo plano do candidato a alcalde, o socialista señor Afonso, en favor de Xan Carlos.

Darase conta, señora María, que todo isto que estou narrando sae reflectido na actual política autonómica de Galicia.

Se vostede bota unha ollada a Santiago só verá nomes nacionalistas. Case todos os galegos saben os nomes dos conselleiros do BNG, pero ninguén sabe os do PSOE, a non ser, os do señor Presidente e o señor Pachi Vázquez.

Todos recordan á concelleira dos “mojitos” e ao señor Quintana, de baile cos da terceira idade.

Ata en Verín estiveron máis presentes os políticos nacionalistas que os socialistas, a pesar de ter un representante de Castrelo do Val, como o señor Delegado da COTOP.

Como verá, o señor Touriño tamén pasou a un segundo plano na política autonómica.

Haberá que reflexionar de por que se pode pasar en tan pouco tempo dun goberno a outro. Os votantes non lle deron tempo para nada e os outros aínda non estaban destetados e volvéronlle a meter o biberón na boca.

Facíalle falta un pouco máis de tempo na oposición para descontaminarse de todos os vicios políticos e das actitudes arrogantes que manifestan nada máis tomar o poder.

Botáronos tamén máis polos seus fallos que polos méritos da oposición.

 

Sábado, 14 de Marzo de 2009 13:08 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín

Comentarios » Ir a formulario

verin

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.





Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris