Blogia
Crónicas Tamaganas

Plan E

Plan E

Miña cara señora María: calquera persoa da vila se tivera que invertir os cartos do Plan E faríao dunha maneira máis racional e, sobre todo, trataría de dar solución aos grandes problemas que ten Verín. Seguro que buscaría a maneira de que o pobo quedara servido e que non serviran para que se servisen del. Noutro lugar darán “máis”, a pesar de que os veciños soportaron as obras que ao fin e ao cabo, non lle van dar ningún beneficio de futuro mellorable.

Xa o dicía o Marcelino o outro día no Toural e iso que non sofre as consecuencias e ruídos desta desafortunada inversión. De todas as formas, sabe o que quere e sabe o que di, porque empezou por numerar as obras que son moi necesarias no concello de Verín, como se estivese vivindo na vila ou tivera algún cargo de concelleiro. Por certo, sabe máis que moitos dos que se sentan nas cadeiras do salón de plenos do Concello.

As obras que Verín necesita son as seguintes: de carretilla dixo unha serie delas, que me deixou sen alento. Este é un bo veciño, porque sabe cando o enganan, polo que ten interés pola vida pública e ponse ao día.

A primeira obra que se debe incluír é o acceso ao polígono de Pazos. Ben polo Pracer, cara Queizás, para acceder a autovía das Rías Baixas, facendo unha ponte sobre o río Támega, ben polo acceso actual, enlazándoa coa N-525, no pobo de Pazos, aproveitando a construción de beirarrúas, para que os veciños  poidan pasear con seguridade. Un bo acceso ao polígono atraería a implantación de empresas cos conseguintes postos de traballo, para a bisbarra, que boa falta lle fan.

A segunda obra de máxima urxencia é unha pequena circunvalación pola zona norte, aínda que fose só unha parte, porque desconxestionaría o cruce do cine Buenos Aires. As beiras do regato da Rasela aínda se pode construír unha estrada con enlace coa N-525, pola finca dos Peláez, que facilitaría o tránsito cara Madrid e tamén cara Portugal, polo campo da feira.

A terceira obra sería a de construír as beirarrúas da estrada cara Vilela, porque son de extrema necesidade por ser zona de paseo dos veciños de Verín. Ante todo seguridade vial para os viandantes.

A cuarta obra do Plan E tiña que ser unha nova captación de auga, porque nas crecidas do río Támega a auga que chega ás casas é turbia, polos arrastres dos montes queimados. Dende a lagoa da finca do Miñambres, pola boa disposición dos novos propietarios, é fácil conseguir auga de calidade, porque non sería directamente do río.

A quinta obra sería unha canalización ao longo da estrada de Laza, dende o Hospital ata a estrada de Cabreiroá, enlazando coa rede xeral por Queizás, para recoller as augas residuais da zona este de Verín e liberar a rede do Camiño Vello de Queizás, para que cando entre en carga non anegue os baixos das casas do seu entorno.

Como remate das obras deste Plan incluiría unha obra tan necesaria e necesitada como é a separación das augas pluviais das augas residuais, matando dous paxaros dun tiro, como é que funcione mellor a depuradora e que nas rúas de Verín non haxa cheiros das alcantarillas.

Que razón ten este Marcelino! Deberíase presentar a alcalde!

0 comentarios