Entroido
A túa avoa comprometeuse coa túa tía para coidar dos cativos. Non debería ser así, pois foi unha gran entroideira.
Saberás que os de Laza engadiron un acontecimento máis ó programa do Entroido.
A dona do señor alcalde remitiume un mañuzo de carteis anunciadores do feito. O caso é que desexaron darlle publicidade e abrir a todo o mundo o que daquela estaba reservado para os veciños ou máis achegados. Coloqueillos en lugares estratéxicos, para que se poideran ver. Podo confirmar que aínda están colgados.
A túa avoa contaríache a polémica que montaron co cartel do carnaval e iso que non houbo denuncias polo ruído das comparsas, que algún día renunciarán a desfilar, por mor de estar ó arbitrio dos deuses festivos. Non lles gustou o fallo do tribunal, e iso que eran expertos. O cartel foi un cartel, que anunciaba o carnaval de Verín.
Saberás que nas casas de Laza, perante o entroido, a mesa do comedor está repleta das viandas carnavalescas, lembrando as festas da época romana. Todo o que cheire a antigo debe estar presente nesta vila rural e tamén están tódalas partes do noso porco celta.
Pois ben, ocorréuselle facer a festa da cachucha. Pero o que demostraron é que son hábiles no día que propuxeron e sobre todo na hora.
Non estropearon, nin cargaron os días principais do entroido con actuacións, senón que rebuscaron e foron dar co día máis axeitado.
Non estaría de máis, miña cara Mirian, de xuntarse os tres concellos das ribeiras do Támega para programar a festa do carnaval de tal maneira que non se entorpeceran nos festexos, mantendo cada un a súa raigame principal.
Cabe destacar o resurdir do luns de Oimbra, pois non entorpece a baixada da “morena” de Laza, polo que non resultaría difícil compaxinalos cos de Verín, para formar, non o triángulo máxico do entroido do sur da provincia, senón os carnavais do val do Támega ou de Monterrei, que por certo xa hai moita xente que percorre estes pobos ribeireños do Támega.
E aínda máis, miña cara Mirian, deberíanse publicitar cos daló da raia, coas Cámaras portuguesas, para crear rutas gastronómicas do inverno, ó longo do río Támega.
Foron grandes, a festa gastronómica de Laza, o percorrido polas bodegas de Oimbra e tamén a cachuchada de Verín.
0 comentarios