Blogia
Crónicas Tamaganas

Lázaro

Meu caro Xerardo: a túa morriña non toma forma no momento actual. Tes razón e comparto contigo as inquedanzas que bulen polo teu maxín recordando aqueles anos de Lázaro. O título xa daba grandeza: “Ferias y Fiestas de Lázaro”. Polo que o demais viña espontaneamente.

O problema, meu caro Xerardo, é que temos un trimestre cheo de acontecementos festivos: San Antón –festa local-, As Candelas, San Brais e sobre todo o programa do Carnaval co xoves de Compadres, xoves de Comadres e Domingo de Entroido, para rematar antes de entrar na Semana Santa co Lázaro. Iso conleva que, ano tras ano, o Lázaro sexa pobriño.

Mira se é escaso que, con tanta festa, ata os nosos cativos baixan de notas neste trimestre. Porque o ambiente é totalmente de ocio e deberiamos pensar un pouco neles, porque desexamos que os nosos retoños sexan os mellores profesionais.

Por outra banda, estase a potenciar máis o Carnaval, porque é un atractivo turístico con máis rendabilidade económica. Levamos anos vendo que se invertiron os termos. Daquela o Lázaro era grande. Agora é grande o Carnaval.

Pero o que a ti che gustaba, meu caro Xerardo, era estrear o pantalón curto polos xeonllos e os zapatos que limpabas co cuspe cando se che luxaban. Tamén te levaba a túa irmá ó barbeiro para deixarche aquel tupé de chiva lambida. Por iso tes soidade aqueles anos. Agora estreamos todos os días.

Nembargantes, algo estase a conseguir coa festa do Patrón da vila. A feira do viño foi un éxito. A inauguración, o entorno e os fogos deron ambiente. Aínda que a orquestra non foi capaz de contentar ós bailaríns coa última actuación solicitada por uns poucos. Non enturbiou o que está sendo o principio de algo que, con acerto, pode chegar a recuperarse como antano. Tampouco se escoitaron moitas queixas co sucedido ó Conselleiro. Hai que unir esforzos para que non se repitan.

Haberá que propagar e potenciar o fin de semana con actos protocolarios, recuperando algún acto festivo-relixioso e actividades nas rúas, para que os nosos veciños portugueses, que tanto madrugan, teñan onde recrearse. Artesanía, cerámica, postos de venda na rúa e personaxes de animación con actuacións de teatreiros serían un bo elemento para darlle máis vida ó fin de semana.

A miña homenaxe, meus caros veciños, ó señor Julio García -finou hai uns días-, que respondeu á miña perseverancia, permitindo que o foxo se convertira na rúa desconxestionadora do casco antigo da vila.

0 comentarios