Blogia
Crónicas Tamaganas

A cobra

A cobra

Miña cara señora María: por favor, séntese un pouquiño  a meu lado. Délle descanso á muleta. Hai tempo que lle quero dicir algo. Debe levar a muleta onda o Palmero para que lle repoña a goma, pois a que ten está lambida e, non se faga de rogar, porque sen muleta non da unha lancada. Ademais pode esbarar en calquera momento e o seu xeonllo non debe sufrir máis.

Tamén lle digo que ten que deixar de pasear por Infistela. Non me faga preguntas. Están a facer unha rotonda na encrucillada da Canella Cega coa rúa Espido e pode accidentarse.

Se quere pasear fágao -perante un tempo-, deica maio, polo alto do Polvorín, para chegar ó camiño que arranca cara a fonte de Cabreiroá, despois de ir pola Avenida dos Balnearios e cruzar cara o Barrio de Obras Públicas. Verá que dende alí hai unha mellor vista e pode ver todo o que lle interese, a pesar do peche esaxerado que ten a finca do doutor. Así mesmo, o de Medeiros anda a construir unha obriña de fin de semana, polo que ten perpiaños onde pode descansar.

Nembargantes, a señora María interesouse máis pola historia do sábado ás once da mañá alí, na Alameda, preto da lagoa, camiño de Estevesiños. O Pepe da Avelina cruza todos os días por alí. Coñece ben o lugar, pero nunca lle sucedera algo igual.

Cando cruzaba co tractor encontrouse cun bicho no medio do camiño. Parou e baixouse. Escomenzou a dar voltas arredor. De pronto, o animal levantouse de medio corpo e o berrido do Pepe ouviuse en todo o amieiral. ¡Qué "culebrón"!, ¡menuda cachola!, ¡qué cacho ollos!. Erguida, remelábaos para controlar todo movemento estrano.

Ó Pepe veulle á cabeza o sucedido cos ovos das galiñas e os gazapos do cortello. Desaparecían e non sabían quén era o ladrón. Unha cobra coma esta tiña que ser a que se aproveitaba de todo. Recordaba que as ubres das vacas da zona, estaban baleiras cando ían a muxir, botábanlle a culpa á Rosiña.

A cobra baixou o corpo e camiñaba arrastrándose para fuxir. Facíao con destreza, pero atenta a calquera movemento do Pepe. Meteuse no río.

Máis tarde, enterouse que aparecera en Pazos, onda Fina.

Claro, señora María, é que  Fina ten unha granxa.

0 comentarios