Canella Cega
Miña cara señora María: hai tempo que non se a ve pola rúa. Seguro que esta invernía non lle permite pasear, por iso non se decatou do alagamento da Canella Cega. Se vostede puidese camiñar faríao, coma sempre, polas rúas da vila e non deixaría de visitar Infistela.
A lomba onde se encontra tivo as consecuencias derivadas dunha mala planificación por parte dos enxeñeiros que proxectaron as canalizacións subterráneas dunha zona lacustre que agora demostrou querer recuperar o que sempre foi, unha pequena lagoa.
Recordará que os propietarios das leiras e viñas do lugar tiñan que acceder, perante o inverno, polas paredes que delimitaban as propiedades ao longo do camiño, porque non se podía camiñar xa que estaba cheo de lodo e auga. Máis ca un camiño era a saída natural das augas que se acumulaban naquela charca, que se formaba cando as choivas cargaban na zona da estrada de Castela e do pobo de Abedes.
Por certo, cando os rapaces da vila ían roubar uvas, accedían por un pontillón de lousa, despois de deixar o camiño habilitado por enriba das paredes, que tiñan as fincas. Todo aquilo era unha zona tipicamente rural, con todas as consecuencias que se podían derivar daquel asentamento lacustre. Corredoiras que facían de regatos e regatos que facían de camiños. Todo iso era a canella Cega.
Co tempo converteron a zona en urbana, facendo daquela corredoira unha rúa, pero a natureza non perdoa e quixo recuperar o seu lugar, polo que recuperou a súa antiga función, que era facer de desaugue natural da acumulación das augas perante os invernos.
Así fixo de regato, polo que os baixos dos edificios enchéronse de auga e os propietarios intentando recuperar os seus coches, ante un posible deterioro.
Seguro que os redactores dos proxectos non tiñan coñecemento do lugar e tampouco foron postos ao corrente, por parte das institucións locais, para que desen unha resposta axeitada a este tipo de problemas climatolóxicos.
Era curioso ver a canella Cega chea de auga e baixo ela unha capa de asfalto en quente e acabada de pintar, delimitando os pasos de peóns e calzadas, convertida en leito natural dun regato.
Pouco lle serviu pavimentala e pintala facéndoa a mellor rúa de Verín, se está condenada a ser o que sempre foi, porque está na cota máis baixa de todas as rúas da vila.
Claro que por alí circula un coche novo polo que había que eliminar as fochancas, porque sufrían os amortecedores e a columna do condutor e pode ser unha ruína para Verín que se malogre o propietario.
Con isto demóstrase o mal que se empregaron os cartos do Plan “E”, por parte de quen debe dar solucións a estes problemas, que soporta a vila de Verín.
0 comentarios