Gürtell
Miña cara señora María, se vostede soubera, botaría as mans á cabeza e seguro que soltaría bágoas. Mireina ben e meus ollos vírona elegante a pesar de que non lle basta a muleta para camiñar, senón que tamén bota man dun fillo para facilitarlle ir dereita.
Facía meses que as súas meixelas non recibían o ar, polo que relucían de brancas. Poucas engurras na súa pel a pesar de que os anos van pasando. Como din por aquí os anos non perdoan, pero vostede lévaos ben.
A escena foi triste porque recibían as condolencias os familiares do defunto, polo que tivo que ser esta forza maior quen a obrigou a baixar do andar. Todos temos que cumprir con estes actos de despedida dos nosos maiores e a veces non tan maiores. Pero a vida é así.
Saberá que as noticias non son moi do gusto do empresario verinés implicado no caso Gürtell, porque aparece como un dos intermediarios e a súa casa como lugar de entrega de cartos en todo este asunto.
Inocente de min, que estiven dúas veces con el, porque facía de condutor e acompañante do mandamais. Por certo, rubín a azotea da casa para ver se outeaba a veciña de en fronte, que era Ana Obregón.
E para máis inri, preguntei de que vivía e agora sae nas noticias gürtelianas. Vivín no Gürtell ou co Gürtell, pero as cousas van andando e colocarán a cada un no seu sitio.
O que máis me impresionou foron os comentarios dos funcionarios, dicindo que non saben de onde saíu o diñeiro. Altas finanzas ou simples chapuciñas que grao a grao fan un montón de fariña.
A vila sigue o seu curso. Tres anos de mandato e só as obras do plan “E”. Polo demais, uns simples obradoiros cunhas cantas persoas para cobrar logo o voto correspondente.
Chama moito a atención a reestruturación do xardín das piscinas, porque os veciños se preguntan de que alí non caben os operarios, porque ven máis que metros cadrados de superficie.
O campo dos Remedios sufriu unha tala masiva de piñeiros. Non hai forma de que aprendan doutros lugares, onde plantan antes de cortar. Falta de sombra para cando se celebre a romaría da Virxe dos Remedios, aló polo día oito de setembro. Os romeiros buscarana, pero só aguantarán o raios do sol.
Os taxistas manifestáronse diante do concello para ser recibidos polo “patesi” verinés.
Pouco a pouco, os veciños van perdendo o medo. Ó parecer foi boa a decisión da Policía Local manifestarse na capital, polo que outros toman a mesma decisión. É bo que a xente salga á rúa para reivindicar servizos. Esperemos que non haxa que facer o mesmo coa privatización da auga e outra que nos espera.
Aos primeiros que lle quixeron tomar o pelo foio os de Tintores. Pero non picaron.
O Támega sufre outro tanto. Só lle da por querer tapalo. Que non lle entre un simple raio de luz. Queren que morra. Que non teña vida. A sorte é que a plantación foi cativa e colocáronos en terreo pobre, polo que non prenderán.
Por fin recolocaron unha pasarela na ponte do Melo. Así os de Pazos poden gozar dun atallo.
0 comentarios