Blogia
Crónicas Tamaganas

Lista-candidatura

Miña cara señora María: recordando a Esopo, coa súa fábula do "Parto dos Montes" e seguindo con Horacio, na epístola aos Pisons (Ars Poética), os montes tamaganos ruxiron moi forte, pero só pariron unha lista de serviles. Pasou como na fábula, un rídiculo rato foi o que saiu daquelas entrañas.

Representan ás familias que, fai un ano, acudían a refrendalo, na sede local, para enfrentarse ao fillo de seu "pai político". Non se pode buscar unha voz que distorsione. Máis aínda, non verán un papel, porque non se enterarán de nada. E non lles importa, porque para iso foron elexidos, polo que o seu empeño por destacar ou querer facer algo polo seu pobo, verano diluído en verbas vacías de contido, pero intencionadas, para telos contentos. Iso faino moi ben.

O anuncio dos partos por parte do taifiñas, é o del. Non lle importa lanzar calquera promesa, aínda que sabe de certo que non se vai facer, pero lánzaa aos medios para que resone por todos os recunchos do concello. Sacarálle deseños e publicaráa na campaña, aínda que lle recorden que do panfleto da anterior lexislatura, nada de nada. Oídos xordos e non se avergoña, e segue de porta en porta. Cara para todo!

Na mesma zona que en anteriores campañas presentou a ubicación do auditorio, agora coloca "La Ciudad de las  Artes". Un conxunto de edificacións ailladas para que haxa máis porteiros, máis conserxes pero, sobre todo, destaca o sentido do aforro en época de crise.

 A publicidade destas obras sempre leva unha coletilla: "se os veciños ceden os terreos".

 Respecto destas propiedades hai un posible problema, porque están nunha área de reparto do futuro PXOM, polo que de momento hai que aprobalo e despois, que os convenios se poidan executar. Neste caso, o convenio non está firmado por todos os propietarios, porque nunha das fincas falta a firma da parte que ten a metade.

 Será por anuncios, por promesas, por obras megalómanas, que aínda ningunha delas se ve por ningures.

 A BMW, a Cidade do Motor, o auditorio, o hotel-spá-escola, a Cidade do Transporte, o xeriátrico, o parque empresarial, etc. Promesas que recordo sen coller os libriños publicitarios das campañas onde aparecen con bocetos para impresionar aos votantes, pero que, ano tras ano, seguen sen executarse.

 Destas promesas pódese afirmar que quen fallou foi a xestión municipal, porque testemuñas hai de abondo nas hemerotecas, que recollen as verbas dos políticos que comprometeron a financiación correspondente, na súa visita á vila. Só un detalle, sen PXOM, non hai obras. O PXOM depende do concello.

 As inversións da Fundación San Rosendo con respecto ao termalismo e un xeriátrico quedaron no limbo, porque o compromiso municipal foi sen respaldo, polo que pouco se podía facer, cando todo se concentra nunha soa persoa. Gastáronse, perto de trinta millóns das antigas pesetas, en perforar o val, por parte da empresa e pode que a Xunta, pero nos xornais saían novas falando do tema.

 O famoso xeriátrico que se ubicaba na Paragalda (A Rasela) e no que a empresa concesionaria entrego dous millóns das antigas pesetas aos propietarios, pola adquisición dos terreos, tamén quedou no esquecemento e iso que se mandaba aos veciños a apuntarse para un futuro posto de traballo. Outro engano máis!

Partos e máis partos, señora María, pero só "ridículos ratos", como gastar en obras xa feitas, como sucedeu co Plan "E". O tema da auga, cando o río Támega ven cheo de residuos está sen solucionar, porque a captación é directa do río, por iso chega ás viviendas nese estado. Chégase tarde á procura de futuras empresas, porque non hai solo industrial, polo que os rapaces e non tan rapaces, volven ter que emigrar.

 Señora María, debe dar outras oportunidades, porque non pode ser sempre de piñón fixo, porque así lle vai á vila. Pechan negocios e a xuventude vaise. Só se ven persoas de idade e, ás veces, nin iso, porque non hai cadeiras para eles, e así vostede leva moitos días sen baixar á rúa. Faga un esforzo e cambie o voto, porque nun concello débese votar á persoa e, sobre todo, porque non debe estar sempre o mesmo, e vostede sabe moi ben que os anos corrompen. Oito anos e cambiar o voto!

0 comentarios