Blogia
Crónicas Tamaganas

Autoestrada

Autoestrada

Meu caro Marcelino, deches moitas voltas. Fuches ó Toural e regresaches, pero non te atreviches a baixar a bicicleta encaramada na trave da adega. Aqueles recordos da época do contrabando rebulíanche polo maxín, pero os anos non pasaron en balde e o corpo non está para aquelas aventuras de corredoiras, escapando dos gardiñas.

¡Que coidada tes a bicicleta!. Está coma se fose do trinque, pero o que fallan son as túas pernas polo que se quixeches acercarte ó Concello tiveches que botar man do coche do xenro. Á hora da verdade non te distinguiches dos resto dos veciños. O corpo non está para bromas. Está visto que hai que arrimarse a quen che pode botar unha man, aínda que teña que pedir o día na empresa.

As leiras que ocupará a autoestrada de Verín na fronteira foron as culpables do absentismo laboral do xenro. "Espero que o recompenses, cando recibas o cheque do Ministerio". Está contento, porque as leiras están a ermo, dende fai moitos anos, e as viñas xa non teñen rastro das cepas. Só mantén aquela de enriba e a que está perto da casa. "Teñen bos bacelos e como é pouca extensión o xenro axuda os fins de semana". De tódalas formas cárgalle ó lume a culpa do abandono, pois non dá o brazo a torcer de que xa non está para traballar.

Quen foi fino foiche o Gonzalo. Coas súas tretas propúxolle a permuta do cupo a seu irmán, coa disculpa de querer plantar unha viña aló na Toixigueira, resultando que agora atravésaa a autoestrada, polo que recibirá un montón de euros. ¡Nin que soubera que ía pasar por alí a vía de comunicación internacional!

A alegría e ó entusiasmo con que plantou a viña non se reflexan nas meixelas. Seguramente que o negocio do viño require outras actividades e outros compromisos coa terra, pero non pode deixar a súa industria para adicarlle máis tempo á viña polo que se recolle uns cartiños polo esforzo que fixo ben vidos sexan.

A queixa está no Concello por ter que atender e informar de algo que é competencia do Ministerio, polo que os funcionarios municipais deberían recibir un plus, por parte da administración estatal, porque están a traballar sobre algo que non é da súa competencia.

Nunca entedín que o Concello teña que facer este traballo. O mesmo que atender ás persoas que as Forzas e Corpos da Seguridade do Estado reteñen no depósito do Xulgados.

0 comentarios