Blogia

Crónicas Tamaganas

IMPUGNACIÓN

IMPUGNACIÓN

Miña cara Rosa Mari. Déboche unha explicación do meu facer do sábado, día cinco, do presente mes.

Saberás que se celebraron as eleccións para presidir a Xunta local do PP de Verín. Tiven a ocurrencia de presentar un escrito de IMPUGNACIÓN do acto. Ó parecer non sentou ben a certos personaxiños.

- Era algo que estaba esperando, ¡como auga de maio!, para manifestar a miña “opinión”, polo que aprovetei esta convocatoria aberta a tódolos censados, pois facía máis dun ano que non participaba en reunións do partido por decisión persoal e unilateral do “taifiñas”.

Pago tódolos meses dúas mil pesetas, coma se estivera aínda de concelleiro, cando me corresponden dúas mil por ano, coma calquera outro, pois non exerzo cargo público do partido. Coma min, fano once máis de Verín. Logo hai tres da bisbarra. Hai diferentes cuotas.

Con estes ingresos págase a sede do edificio Zagros, da Avda. Luis Espada, máis electricidade e auga.

Por certo, Rosa Mari, aposto que dende o luns seguinte ó día cinco, o saldo da conta vai en aumento, ¿xa te imaxinas por qué?

Entre nós, Rosa Mari, ¿o teu pulso mellora? É algo que desexo con toda a miña alma. Vexo que aínda a bolsa que levas vai pouco chea, polo que tés que saír varias veces a compra. Cóidate que xa fai frío.

¡Todo isto son perogrulladas!. Divertímonos un pouco e satisfacemos o ego, porque decimos o que sentimos: que se repete a lei.

Nárroche textualmente: ”En el mes de noviembre se abrirá el proceso en cada ayuntamiento para elegir a los compromisarios, mediante la celebración de votaciones secretas en urnas. Los afiliados que tengan las cuotas al día podrán votar a tantas personas como delegados corresponda a su ayuntamiento", ¿é diferente Verín?.

Escoitei nas ondas que fixen o “ridículo”. ¡Cantas veces tiven que facerlo, pero conscientemente!

Por facer o ridículo descubrín isto. Por facer o ridículo ante os veciños alardeaba ante os órganos do partido e aproveitábase políticamente. Por facer o ridículo puxen enriba da mesa da alcaldía as firmas dos propietarios do acceso ó polígono e as negociacións dos veciños de Pazos, para o Parque Empresarial, etc, etc...

Por certo, non moveu un papel, pois xa ves cómo está todo na actualidade. Un veciño de Pazos recordoullo o día que viñeron en protesta ó Concello. O que son as cousas Rosa Mari, o día cinco ese veciño acarreaba votantes recordando a época de Cid Harguindey-Lovelle Alén. ¡Se traballaran así nas eleccións! ¡Claro, sen rival!

Tomando café, un veciño díxome:”Quero que digas que eu non son afiliado do PP, aínda que me enviaron cartas de ámbolos candidatos. Eu fun de Alianza Popular."

Réstame decirche que este acto chámase 600 mil pesetas ó mes, perdón 3600 euros. Abrinlle os ollos a moitos. Empurreinos a este posto tan codiciado.

Grazas, Domingo Otero, por desdecir ó señor Presidente:” En ningún momento se trató de quien podía votar o no". ¿Para que están os estatutos entón? ¡Esto parece o exército de Pancho Villa!

¡Canta falsedade!

Hora

Hora

Cando se ergueu e abriu a ventá a señora Pilar pensou que era media mañá. Baixou á lareira e mirou cara o reloxio que tiña colgado dunha punta que o seu difunto marido clavara na parede. A agulla estreita seguía o seu curso, dando voltas, polo que a pila non estaba esgotada. Algo estaba a suceder, pois había moita luz e levantouse como de costume. Prendeu o lume. Fixo o seu almorzó, ó mesmo que preparaba o do gando que lle fai de compaña. Galiñas, un macho e uns leitóns para facer a matanza, xa que naquela bodega sempre ten que haber algo con que satisfacer a fame deseperada das netas despois de camiñar, por aqueles outeiros, cando van de visita.
Saiu cara a cortiña e no carroucho unha veciña púxoa ó tanto do cambio da hora. O seu fillo non lle dixo nada cando foi gardar a chave da súa casa ó patio, polo que non lle mandou andar nas agullas do reloxio.A súa vida nunca estivo ó servizo das máquinas, menos agora que remata. O sol foi sempre quen lle marcou o seu ritmo. Os europeos non saben nada do que está a suceder neste recuncho do mundo, polo que só están pendentes do aforro dos cartos. Non teñen en conta o que sofren as persoas de enfermidades crónicas con este cambio e o resto da poboación. Todo por aforrar uns cartiños en enerxía. ¡Que materialistas¡ Subordinan tódolo humano a uns euros que á hora da verdade, gástanse en medicamentos polas baixas da xente.
Ademáis non ocurre como din, pois antes das seis da tarde en moitas empresas teñen que prender as luces para traballar.
Galicia está noutras latitudes e a súa franxa horaria coincide coa das illas Canarias e co país veciño, polo que teñen que tratar, agora coa mellora do estatuto, de que non sigan a manternos na igualdade co resto das comunidades como se todos vivisemos baixo o mesmo meridiano.
Élle un problema de lugar, señora Pilar.

Galiñeiro

Galiñeiro

A señora María leva moito tempo sen pisar o galiñeiro. E iso que lle colocaron unha cadeira para poder descansar e botar unha parrafada co propietario do bar, máis ou menos no medio do percorrido.
Agora o doutor mándaa camiñar sen despegarse da caxata. A pesares visitou o galiñeiro. Quedou abraiada do galo. ¡Que grande!, ¡canto creceu! Con esta carne meus dentes resquebrarían e non quero ter máis problemas co meu corpo. Xa me chegan os meus xeonllos.
Sentouse a carón da tela metálica e observou ó animal para fixarse no seu comportamento. Ó pouco tempo xa viu que era un auténtico déspota. Aquelas galiñas non asomaban o peteiro por ningures pois aparecía para impedir calquera acto que pudiera alborotar a harmonía que fora forxando perantes estes anos.
Sen embargo a señora María diuse conta que había dous comportamentos naquel galiñeiro.
Galiñas sumisas que se acercaban a el para indicarlle que tiñan necesidade de ir a beber e outras pasmadas que se deixaban levar para seguir observando e buscando o momento de darlle o golpe para desterralo. El, orgulloso e altaneiro non se percataba do segundo grupo. A chulería e o engreimento non lle permitía darse conta do que estaba a suceder no seu territorio.
Os gaviláns empezaron a merodear polo galiñeiro, polo que intentou que o dono protexera as galiñas colocando outra tela por enriba, quedando tódolos habitantes do habitáculo protexidos. A pesares, os gavilán insistían e ían marchando coas súas presas.
O galo moi furioso, cabreábase e ante a impotencia de conter aquela desfeita actuaba ameazando e chantaxeando.
Ó remate, cando intenta marchar a señora María agárrase a póla da figueira e consegue endereitarse, namentras seu maxín idea que o mellor sería deixar que o galo continuase coa súa teima, que remate só, cando se vexa coa cresta enrugada e torcida, perdendo a prepotencia e a arrogancia, percatarase do abandono das galiñas e da perda de influencia ata que pouco a pouco chegue o seu fin.
A señora María, encamiña o regreso co rostro compunxido e lamentándose, xa que dos máis de dous mil animaliños só quedan once. Espera co cinco de novembro todo cambie.
¡Ah!, esquecíaseme: ¿a gripe aviar acabará co galo?

Presidente

Presidente

Marcelino non tiña en qué vir á vila. Daba voltas e máis voltas. Subía e baixaba polas corredoiras e non atopaba a ninguén que o acercara, pois desexaba ver ó Presidente.
Estaba ansioso por escoitar directa e persoalmente as verbas que solucionarían tódolos problemas da bisbarra.
Ó final decidiuse por baixar a bicicleta que tiña encaramada na bodega. Limpouna e, recordando os tempos da raia, botouna a andar.
Tiña que facer esforzo co seu maxín para lembrar as viaxes cara a vila, cargado de contrabando, naquela bicicleta que lle regalara seu tío, porque comprara un seiscentos de segunda man.
O bombín funcionou, pero o neumático non colleu aire. Outro atranco para chegar e poder ver o seu Presidente. Sentía as cores, coma un afeccionado culé. Non podía faltar a cita dos camaradas que lle anunciaron a visita.
Pola súa testa só pasaban imaxes dos aconteceres cotiáns, levando a mercaduría, naquela bicicleta, cara Verín.
Tiña ilusión por ver ós seus, como di el. Sobre todo ó máximo representante. Porque agora poderá discutir no bar e falar das ideas que se levarán á realidade, para desenrolo da bisbarra. Porque os seus non fallarán como Mariano Rajoy que prometeu a Cidade do Motor e non hai resquicios de que tome corpo. A pesar de que agora andan co do circuito de automoción, devaluando a primeira promesa.
Colocado frente ó Concello, como unha estatua, inmóvil, sen pestañear, esperou e esperou. Seu presidente non daba chegado.
Daquela empezaba a dubidar do aviso e sentía resquemor a ser unha vez máis víctima do engano polos camaradas que mercadeaban na raia.
Pola noite, a eso das doce encendeu a radio e a noticia que escoitou así llo confirmou. O seu Presidente pasou por Verín, pero non parou. Estivo no Concello de Monterrei, no Parador de Turismo.
Daquela os camaradas non o avisaron do cambio. Por aquel carroucho estaban os gardiñas.
- Non perdiches nada. Non houbo ademán, nin saudou a ninguén daquelas persoas que se acercaron ata o Parador coa mesma idea ca ti.
Unha visita a vista de paxaro. Veu en helicóptero e os seus zapatos non tiveron ocasión de luxarse.
- Como verás, Marcelino, foi culpa do borrallo.

San Pedro

San Pedro

A señora Pilar non se enterou da Feira do Sol. Como fai tempo que a Feira do Lázaro non se celebra, como antano, non comprendeu que se trataba dunha “festa”, polo que o seu maxín derivou na manía que teñen os verinenses de cambiar as datas das feiras.
Sabe que as feiras son o tres, once e vinte e tres de cada mes, polo que non daba creto do que estaba acontecendo. – ¡Só fan propaganda e carteis da do vinte e tres, nin que as outras non tiveran arraigo nos paisanos da bisbarra para vir a Verín!.
Algo de razón tiña, xa que se celebrou pola caída da tarde e pola noite na súa aldea a esmorga é diferente.
Na noite de San Xoán os mozos recollen os tiestos dos corredores e colócanos na praza. Os rapaces métense no río, pois a auga de Santa Mariña cura a feridiña. A señora Pilar pon ó orballo pétalos con auga. Logo lávase pensando que o seu rostro recupera a tersura. Fai lavar a toda a familia.
- Está ben iso de celebrar acontecementos como foi a chegada do verán, pero haille que buscar data axeitada, pensando en querer arraigala e extendela ó exterior con miras a ser centro de reclamo turístico. Sería bo pensar nun venres ou nun sábado, pois a non coincidir co solsticio de verán, calquera data próxima é adecuada.
De todas as formas a festa de máis raigame da bisbarra, di a señora Pilar é a noite de San Pedro.
Os estudosos aínda non se parararon a investigar estas falcatruadas nocturnas. Sería bo que os sociólogos e antropólogos lle adicaran algo do seu tempo. Pois chama moito a atención que os participantes, casados e solteiros fan da noite a súa correría polos distintos recunchos de cada aldea buscando atrancos cos que tapiar a rúa e impedir que os veciños pasen para a igrexia.
- Que lle pregunten a Emilio. Pediu o día libre para poder descansar e dormir pois sabía que ía estar tóda a noite en vela. Así aconteceu. Non quería que lle marcharan co macho. Pola media noite tivo visita dos xefes. Encontrárono cunha lanterna acesa metida no bolsillo. Pensou que viñan os veciños a facerlle a broma.
Manolo e Lois do Espíritu Santo invitaron a cear a Ike, namentas dous veciños levantáronlle unha parede de ladrillo por dentro da persiana. Pola mañá, foi sacar o coche e encontrouse que non puido entrar. Os catro vixiaron o estado de ánimo do Ike.
O Manoliño pasou a noite debruzado na barandilla do corredor. Vixiaba seu carro. A roda veina dende enriba. Os mozos falaban con el, namentras catro ou cinco colocáronse preto do carro e arrancaron co chideiro. Como os vía pasar e a roda estaba no seu sitio non se percatou da falcatruada dos veciños.
Estes costumes si que perduran no tempo e iso que non teñen subvencións nin propaganda, nin marketin, pois o que necesitan é a espontaneidade, a sorpresa, o silencio absoluto para non ser descuberta a allada e, sobre todo, ter sentido do humor.
¡Que poucos son os elexidos¡

Cine Buenos Aires

Cine Buenos Aires

Rosa Mari está moi pendente do seu pulso. A filla ten que vir de vacacións a liberala un pouco das tarefas da casa para darlle descanso ó seu brazo, pois o doutor insiste que mentres non pare de facer cousas a man non recuperará a súa normalidade.
Aproveitará estas datas e verá se a lesión ten cura ou non. Desconfía, pois leva moito tempo sen notar mellora.
Irá a Cangas, tomará peixe e dará uns longos paseos na praia de Rodeira.
Lembra os seus anos novos -aínda está de bo ver- cando subía para o “galiñeiro“ do cine Buenos Aires e debruzada na barandilla escupía as cáscaras dos cacauetes cara embaixo. Logo agachábase para no ser recoñecida, pois os de butaca reclamábanlle ó acomodador, que nun periquete subía buscando a rapaza ou rapaz que facía tal falcatruada.
A película estaría interesante pero a gamberrada apetecíalle máis ós que ían ó cine a pasar a tarde, aínda que os cortes que se producían ó longo da proxección eran suficientes como para lanzar calquera desperdicio, sen ter que perder nada do que acontecía na pantalla.
Nalgunhas ocasións o acomodador colleuna pola orella e púxoa de patiñas na rúa. -¡Eu non fun¡, ¡eu nun fun¡, pero o vixiante tiña ben catalogados ós que facían as trasnadas e de vez ven cando dirixíase a un e invitábao a saír.
Como non tiña certeza turnábaos, pero sempres eran os mesmos.
Daquela non había reclamacións, nin volta dos cartos.
Apénase moito porque viu os carteis da venda ou compra da mellor sala de proxeccións de toda Galiza.
Aquelo de convertir o cine en salas multicines, pola nova propiedade parece que non encaixou, polo que aqueles recordos rememorando a nenez non van ter volta.
Houbo intentos por parte do Concello na adquisición do inmoble. Só faltou vontade política, pois dúas Consellerías, en boca dos Conselleiros respectivos, puxeron cantidades para facer en Verín un auditorio. Puido ser e non foi. Agora estase en situación de poder facer algo.
Comprada a Fonte de Caldeliñas, a mesma forma pódese empregar para adquirir o cine Buenos Aires.
Poderíanse buscar fórmulas para seguir proxectando, ó mesmo tempo que o Concello faría deste inmoble un emblema de actos públicos ó servizo de tódolos veciños, pois a ubicación é envidiable.
¡Naqueles cortes da película cantos aproveitaron para dar o primeiro bico!

Pepe

Pepe

Caravillas sempre está disposto a satisfacer as necesidades dos que transitan polas Zarrapas.
Aqueles negrillos, que antano daban sombra, para protexer da calor ós viaxeiros que elexían esta rota para adentrarse en Galicia sufriron a peste e desapareceron. Caravillas nunca máis lle botará unha pizca de auga.
- Sei que estás aí, o outro lado das ondas. Escoitando a COPE, coma sempre. Fiel a teu amigo, que nos quixo deixar, que non pediu permiso para irse, para abandonarnos para sempre.
Agora non meterá o coche oficial no patio, para tomar tranquilamente ese frugal ágape, que sempre lle tiñas, acompañándoo con ese viño que os dous traíades do pais veciño.
Non se meterá máis contigo, nin viaxarás con el a ver ó teu Madrid querido.
Seguramente que ó volver cada mércores a Chaves faltarache o compañeiro, que tanta lata che daba porque nunca tiña presa. Enrollábase con calquera e tiña que recorrer tódolos postos do mercado. Desexaba ver todo, cando ti só comprabas o necesario e listo para comer, pois había que regresar para atender o negocio.
Sabemos amigo Caravillas que seguramente está alí, onde algún día estaremos nós e Deus queira que ó lado del, pois ti sabes que un ser tan querido coma Pepe ten que estar no mellor dos mundos.
Porque ti tamén sabes que o recibiu San Pedro e a chave máis grande abriu a porta máis grande, porque Pepe non ía só. Todos iamos con el, porque non sabía vivir sen nós e nós sen el.
Para calquera encomenda na capital había que chamalo e... ¿agora?.
Ti sabes ben que tardar, tardaba, pero a misiva chegaba aínda que botara un montón de días no coche.
Quero recordar unhas verbas da amada que a prensa publicou hai uns días. Palabras que din o sentir profundo dun ser querido, cando ve que o outro se vai.
“Esos ojos azules tan lindos no volverán a mirarme, yo no los veré jamás”.
“Tú me iluminarás porque tus ojos se habrán convertido en dos estrellas del firmamento”.
“Algún día me reuniré contigo, no sé cuando podremos cumplir nuestros sueños, tus promesas…”.
Esta “amada”, amigo Caravillas só ti sabes quen é, pero coma sempre debes gardar este secreto, porque Pepe desde arriba está a mirarte, observando, polo que non lle debes fallar.
Non debemos cantar: “...cando un amigo se va...”

Red, red wine

Red, red wine

¡Hurra tres veces para Don Xosé Vilela! Os deberes ben feitos. A lección aprendida e as novas ideas ó servizo da agricultura.
Aquí temos o exemplo de persoa que apostou polos productos endóxenos, polo que hai aquí, que non fai falta importalos, nin encher a bisbarra de “castelos no aire”, para crear riqueza.
Abandonou a vila e foi para a aldea e alí casou coa terra e cos inxertos e desta simbiose saíu o “Ladairo”. Viño que percorre toda Galicia, España e outros recunchos do mundo.
Froito de todo isto é o galardón recibido ó mellor viño tinto de Galicia. Ademáis doutros premios en distintas categorías.
A Baco seguramente lle agradecería tomar este caldo daquela. Pero son os mortais os que se aproveitan de tan boa elaboración para dar con ese paladar que agradou ó tribunal que decidiu concederlle o premio.
Sangue, suor e bágoas como din, son o que Vilela verte tódolos días ó longo dos rueiros, entre cepas, que soubo adaptar á terra para conseguir este premio que redundará en tódala Denominación de Orixe. En tódala bisbarra.
Ten anécdotas das que se ri pola ocurrencia con que llas contan, facendo ver que nesta terra do Támega sempre se desconfía de que se pode conseguir un viño de tan alta calidade.
Visitou Verín un alto funcionario de Madrid e ocurriu que visitou a Bodega Ladairo, probando un viño sen etiquetar. Levou unhas caixas e bebendo cuns amigos, na súa casa, saíu a relucir de onde era aquel viño. Todos o localizaron na Ribeira do Douro, desexando saber de qué bodega era.
O río Támega é afluente do Douro en terras de Portugal, pero para isto non pertence ó Douro. Para traer de rúa os propietarios das súas ribeiras si.
O funcionario é un gran amigo do premiado e continúa comprando viño desta terra.
Daquela abandonou o garaxe. Cambios de aceite e colocar pastillas de freno, da rúa Laureano Peláez. Apostou pola agricultura, aínda que nos primeiros anos, este garaxe foi o almacén e dende aquí principiou a comercialización dos primeiros caldos do Ladairo.
Os expertos aconselláronlle estar no campo, no medio da viña, para vivir cada día os seus problemas, para tratalas con xeito adecuado e pór remedio antes de que cheguen as pragas.
Haberá que aprender del. O mestre de Tintores, lembro de rapaz que dicía que non había leitugas coma as que collía alí. Cebolas coma as de Albarellos non se encontran por ningures.
Temos a terra, temos os productos, ¿qué falta?
Persoas como o Vilela.

P.D.: Por certo, ningún bodegueiro presente no acto da Denominación de Orixen o felicitou.

Taxis

Taxis

Moncho emigrou moi novo. A causa foi que casou pronto e tiña que manter á familia.
Non foi daqueles primeiros que foron para Europa. Foi dos últimos onde a emigración xa conseguira unha aceptable vivenda e non aqueles barracóns pretos da fábrica, como noutros tempos.
Tampouco botou moitos anos. Os suficientes para comprar un piso e unha praza de taxi que alguén lle gardou ata o seu regreso.
- Como di: traballamos a reo. Non tiñamos descanso. Miña muller sacrificouse moito. Había que xuntar os cartiños, para retornar e dar un futuro á descendencia. Apunta que os vellos tamén se portaron ben, pois algo aportaron ás compras.
Bota a partida e trata de armonizar ós dezasete autónomos do taxi da vila. Danlle moito traballo.
Pasaron moitos pola directiva, pero non conseguiron as propostas debatidas nas reunións. E iso que agora son un fato de novos, pois cos veteranos non hai quen poida, nin quen lle cambie o seu modo de exercer a profesión. Aínda que algún di: ¡para tres días que me quedan!
Nestas datas anda moi preocupado. Non se concentra na partida e altérase.
- O concello insiste en contratar unha empresa de autobuses e provoca a nosa ruina. ¡Agora que tiña a vida encarrilada!
¡Non saben que en cada casa de cada parroquia hai como mínimo un coche!
Pon como exemplo Allariz, que -¡moito Alarbús¡-, pero unha empresa privada tivo que botar man del e aínda máis, tódolos servizos de antano desapareceron.
¡Se daquela sei que fan isto non regreso das Europas!
- Non te preocupes que isto dura menos dun ano. Non hai empresa que se faga cargo dun negocio ruinoso.
- Agora ben o mellor servizo é o voso. Esa subvención recollida no orzamento negóciase con vós e facédevos cargo dos servizos que resulten. Só hai que ter un control. E así non faría falta arruinar un sector, que ata agora funciona e dá de comer a dezasete familias.
- Máis aínda, o servizo que prestades os taxistas non llo dá ningunha empresa. Pois axudádelles a coller as bolsas, paquetes e enseres da compra e a calquera hora estades ó servizo dos veciños. A comodidade de subir ou baixar a un taxi non a ten un autobús, e todos imos para vellos.

Camiño do río

Camiño do río

Aquilino comprou por teléfono a finca onde mandou construir a súa vivenda.
A casa só a vía cando viña de vacacións. Crecía pouco a pouco, despois de entregarlle uns cartiños ó constructor.
Daquela todo se facía así. Daquela deixábae todo en mans de deus, e algún, cando regresou non encontrou o seu solar, e menos a zona verde que tanto lle encandilaban para poderllo vender.
Aquilino gustoulle o lugar, aínda que está nos arredores da vila e sufríu moito nos pasados anos de riadas.
Encontrouse, despois de aprobar o PXOUM, con que a nova rúa invadía parte do solar e o seu cerramento quedaba fóra de alineación.
Nunca tivo ningunha contestación desairosa. Soubo aceptar as explicacións adecuadas do sucedido.
Ademais, para facer o acceso ó Polígono, de momento, non facía falta derrubar nada xa que a rúa é suficientemente ancha, como para adecentar dous carrís en ámbolos sentidos. As beirarrúas faríanse noutra fase, polo que non había lugar a malos entendidos nin a disgustarse.
De tódalas formas o cerramento de “rosa Porriño”, podíase retranquear peza a peza, a nova línea, cando o Concello tivera a ben completar a urbanización de todo o vial.
Nembargantes Aquilino non sabía que aquel camiño fora bautizado en “Interviú” como “autopista hacia el cielo”. Eran tempos de AP y UCD, na década dos oitenta.
Do noventa e cinco ó noventa e nove, ninguén moveu un papel para acondicionalo. Do noventa e nove ó dous mil tres surxiu o primeiro intento de lavarlle a cara. Froito das reclamacións dos veciños e como se acercaban as eleccións municipais a Deputación fixo parte da explanación e pavimentou o tramo ata o río Támega.
Tampouco sabe Aquilino que ó mesmo tempo que se negociaba con algúns propietarios o deslinde de vinte metros, a outros prometíaselle reducilo a dezaoito. ¡Que por certo nunca se levou a pleno esta promesa!
O outro proxecto non recollía toda a explanación, pero púidose executar ben arrimándoa a un lado ben ó outro, ou partindo do eixe central.
Tampouco sabe Aquilino que o convenio que recollía a continuación da rúa cara ó Polígono caducou e que ó mellor salta de alegría, porque non terá circulación pesada e intensiva por diante da súa casa como sigan así as cousas.
¡Daquela quitáronlle o borrallo, agora o negocio!

Un ano despois

Un ano despois

Fixo un ano que a moción de censura cambiou ó alcalde. Rosa Mari, que anda nos doutores por mor da súa man, estivo esperando toda nerviosa ata que apareceu, daquela, a fumata branca.
¡Qué alegría levou! Lembra que aquelo duraba unha eternidade. ¡Que non se atrevían¡ !Que non daban xuntado os nove votos para sacar adiante a moción!
Leva percorrido varios doutores e seguramente acabará indo onda o curandeiro. Agora que non hai na Rasela irá o Rosal ou esperará para ir o fin de semana a Mandín. Recurrirá ó de Vilardecervos, cando na Rúa dos Remedios pode ter a solución.
Escoitou ó edil lamentarse de tantas presións. ¡Que si viaxes para aquí, viaxes para acolá¡ Pero a fumata branca apareceu e no sillón sentouse outro alcalde.
Vidas paralelas foron as que discorreron perante este ano.
Carod Rovira tensiona e acorrala a Zapatero. Cid Harguindey, fae e desfae ó seu antollo co Milín.
O que son as cousas, di Rosa Mari, son prisioneiros da súa propia ambición.
A oposición non encontrou o seu papel. Non soubo asumir nin soubo aceptar o desprazamento da alcaldía. Adícanse a practicar o non polo non.
Non souberon coller o pulso e liderar todo tipo de obras, para que os veciños o asuman e así facer ver que os cartos veñen da Deputación ou da Xunta, porque eles os xestionaron.
Deixaron que o novo equipo cumprise coas súas promesas. Postos de traballo, arranxos de camiños, involucrando ós propietarios, asumindo parte dos gastos de abastecemento e saneamento. !Todos contentos e contribuindo!, di Rosa Mari.
Non se olvida que se xudicializou a vida municipal e ameazando de que se seguirá indo ós xulgados. Queren rememorar as liortas entre a UCD e AP doutros tempos.
Polo baixiño dime que a primeira actuación de fai un ano foi a festa dos Maios e daquela houbo censura nas coplas. Pode ser, despois de tanto título hai que controlar todo.
Non te preocupes que tamén houbo intento, por parte de alguén, de que o que suscribe estos artigos non falase nesta emisora.
¡Son todos iguais!

Chopos do campo de fútbol

Chopos do campo de fútbol

Tivo que ir á revisión. Ó chegar preto do Hospital non daba crédito ó que estaba a ollar. Desapareceran as árbores frente do campo de fútbol.
A señora María botou man dun taxi para chegar ata alí, pois a súa filla a esas horas tiña traballo e o seu xeonllo non resistiría sen doer tanta distancia.
¡Desolador quedou o lugar!. Gastáronse máis de vinte millóns das antigas pesetas en adecentar o lugar e agora transformouse aquel sitio nun inhóspito e desabrigado recinto onda non hai para acurrucarse baixo unha árbore en días de calor.
A señora María, pensa en alto e di que a racionalización non existe na programación de obras a realizar. O impacto ambiental creado é provocador.
Hai outras maneiras de subsanar problemas deste tipo. A pelusilla que soltan as árbores pode ser causa da tala, pero pódese programar de tal xeito que non rompa o ambiente creado dunha maneira tan brusca.
Seguramente recaudaron uns poucos euros, pero unha administración pública non pode medir as obras desde o punto de vista económico. Chegaba con ir alternando a tala, replantando outras especies e podar as restantes. Así, ó longo duns poucos anos, sustituiríanse os actuais sen que o impacto fose tan esaxerado.
Don Feliciano Sola, coñecido como “Tainas”, foi o concelleiro que tivo a boa idea de plantar eses chopos que acaban de mandar ó aserradeiro, aló polos anos oitenta. ¡En paz estén!
Tomouse a decisión de eliminar o ben público en perxuizo da comunidade, a señora María pregúntase onde andan aqueles que tanto defendían as árbores do Concello, facendo manifestacións onde tivo que actuar a forza pública, ¡cando aqueles árbores foron trasladados e qué floridos están na veiga de Vilela e na veiga de Tintores!.
Estes tiveron outro fin. Esperemos que non sigan deixandónos sen zonas onde poder disfrutar dunha sombra perante a época estival.
¡Canto tempo para facer outra criatura!

A Roma dos triunviratos

A Roma dos triunviratos

O tío Colás vive no recuncho de arriba. O home, entrado en anos, non desperdicia ningún resquicio para darlle humor a súa vida. De feito, na súa cara, o sorriso, non se oculta. Aquel rostro irradia luz e dá a impresión de que non se esgota nunca.
Anda mal das pernas, aínda que o doutor mándao camiñar, pero só da unhas voltas no barrio e pasa días sen conectar co resto do pobo, polo que, se o desexan ver, hai que ir ata alí.
A xente entrada en anos, gusta das visitas e dalle pereza descubrir os seus encantos da xunventude, pero teñen moitas ansias de comunicarse e contar cousas que lle din os veciños, que de cando en vez, van facerlle unha visita.
As veces fala e fala e non hai maneira de que cale, debe ser que os viciños olvidáronse del e seguramente, leva días sen ver a ninguén, por eso, aproveita calquera momento da visita para parolar, como se estivese só ou pensando en alto.
Non se lle escapa nada e dicía que vai facer un ano que Verín ten tres alcaldes, como se esto fora posible, pero como llo din os visitantes, transmite o que escoita fielmente, e insiste manifestando que un dos tres ten que mandar máis, xa que non entende moi ben eso de tres alcaldes. ¡Nin que Verín fora a Roma dos triunviratos!
Non entende como foi ou é posible o entendemento entre os tres alcaldes, sobre todo, despois de criticar tanto ós independentes.
Enterouse tamén do acoso a que foi sometido un edil para que non firmara a moción de censura. Ceas en Maceda. Visitas por Allariz. No Campismo en Chaves e tendo que ocultarse perante unha semana nunha vila para que non souberan del. Estas declaracións, di que llas escoitaron pola radio. Remata dicindo que sempre o "ladrón pensa que todos son da súa condición".
Aínda que foi un ano tranquilo, sosegouse a vida política, a pesar dos andares pola xustiza, pero Verín ten que ser fiel e non pode deixar de ser un Concello con personalidade moi definida, con carácter.
O home está ó día das cousas do Concello. Ten sorte pois por alí pasan case tódolos veciños, e cada un conta da feira como lle vai, por eso déixase levar e só fai comentarios vagos e sen profundizar.
¡Hai que seguir gobernando con tres!

Cidade do motor

Cidade do motor

A señora María está contentísima. Olvidouse dos problemas do seu xeonllo.
Esta noticia esperábaa como auga de maio. Por fin ve realizada a promesa de fai catro anos.
Non sabe se hai proxecto nin sabe que alí, nestes momentos, estase a realizar a Concentración Parcelaria de Mandín, Feces de Cima e Feces de Abaixo, cun investimento de máis de trescentos millóns das antigas pesetas.
De tódalas formas non entende cómo se poden gastar cartos onde logo desexan ubicar a Cidade do Motor.
Ten fe. Está ilusionada. Quedouse abraiada coa noticia. Tódolos concellos da bisbarra apoiando a idea, pero o que ten, son unhas gañas tremendas de estar rodeada dos seus. Culpa de todo á emigración.
Desexa que regresen e xa os está colocando a cada un na súa especialidade.
Ten sorte, pois unha neta estudou informática e seguramente se ocupará das redes do complexo.
O enxeñeiro técnico non terá problemas, pois a súa experiencia na fábrica de coches é unha garantía no seu currículum vitae.
Con quen pode ter problemas é cunha nora, pero algo surxirá nun investimento de tanta envergadura.
Falaban dun orzamento de douscentos mil millós das antigas pesetas, para por en marcha a Cidade do Motor e acondicionar o río Támega ata Verín.
A señora María coida que non está a facer castelos no aire. Recórdolle o conto da leiteira.
Dase conta de que hai catro anos tamén anunciaron a BMW, a Cidade do Motor, porque se achegaban as eleccións autonómicas e máis tarde lanzaron un globo sonda do Circuito Galego de Automoción, pero aínda non hai indicios de que surxa algo.
Comenta que xa escoitou a un político autonómico dicir que o orzamento non sería tan alto e a un do goberno de Madrid que iría para Zamora ou León.
A leiteira, señora María, esnafrou o cántaro do leite cando saltou de tanta alegría.
Ah, olvidábaseme, e os espectadores para a rendabilidade.