Blogia

Crónicas Tamaganas

Concello de Monterrei

Concello de Monterrei

Meu caro alcalde, a mellor descripción das cousas atópase nas hemerotecas, nos anales da historia e cómo non, na estrofa da canción: "Monterrei está nun alto e Verín está nun baixo. Nosa señoa da Estrela está nun campiño raso".

A escribidora das follas centrais do "ecoagro" non soubo buscar para nomear a xoia que está no teu concello. Quedouse simple e llanamente no egocentrismo da loita entre Vilaza e Albarellos.

Aparece logo un Vences mal situado e, cómo non, a Fortaleza presidindo a parte central de tódolos textos publicitarios municipais.

Así reduciu tódala xeografía, cultura, historia, costumes, gastronomía, actividades agrarias co silencio de temas tan importantes como é a arte ou recunchos naturais como tes alí no Requeixo.

Non hai referencia á romaría da Virxe da Caridade e coloca a festa do emigrante en Vilaza. ¡Que non se enteren o Zarraquiños e o Ernesto!.

Nin unha palabra a San Salvador de Medeiros cos sepulcros megalíticos. Nin a súa igrexa cos innumerables "cruceiros" espallados polo pobo, que poden representar un antigo "vía crucis", pola forma da colocación. Tamén faltan á cita a cultura castrexa, tanto na "cidá" como no "muro do Buble".

Pero onde está o colmo do texto publicitario é na ausencia de referencia á igrexa de Santa María de Mixós. Unha xoia do arte como di Xaquín Lourenzo. Mistura de estilos: asturiano, visigodo e mozárabe, que fan que apareza nos libros de texto de Histora do Arte. Ten unha lápida adicada ó deus bandua.

Ningunha mención ós vestixios da vía romana ó seu paso por Estevesiños.

Lagoas, entre outras, do texto publicitario, que sí son un "reclamo" turístico, se ese foi a intención de colaborar económicamente co fascículo agrario do xornal provincial.

Templanza

Templanza

Miña cara señora María, o xeonllo segue igual: non quere curar para que vostede ande mellor e sen dor. Pero vostede loita contra el. Non quere tomar brebaxes curativos, nin medicamentos oficiais xenéricos, a non ser no último momento.

- De tódalas formas ando, aínda que teña que levalo arrastro. -Agora levo tamén o carriño da mercaduría e de cando en vez descanso nel, sen deixar o caxato.

Está contenta porque os seus fillos alá lle arranxaron un portelo no portalón, polo que non ten que alancar no travesaño ou rubir polas escaleiras sen barandas. As galiñas, que son a súa alma, arráncana da cadeira e baixa á rúa para darlle de comer e beber. Nunha palabra, son as que a fan andar, por iso non se quere desfacer delas, como lle din os fillos.

Ata agora tivo bos veciños e aínda non lle chamaron a atención, nin a denunciaron por ter o galiñeiro no medio da vila. -"Son só catro galiñas, polo tanto tampouco fan moito mal e, como matei o galo, non despertan a ninguén fora de horas".

Debe ter coidado, señora María, pois alguén anda moi preocupado polos usos urbanísticos, dende un tempo para acá. Antes dáballe o mesmo. Eran votos.

O comer e beber destas galiñas son a causa ou olvido da dor da señora María, polo que se ten que pechar o galiñeiro deixaríase sen media vida.

No pasado setembro unha culebra oteaba dende a esquina do cruce ata que chegou ás vianda. Debe ter coidado.

Co seu humor fala da noticia do xornal que recolle a rolda de prensa do portavoz da “Pinza”, afirmando: ”que está en condicións de meter dentro dun sobre o nome da persoa que gañará a praza fixa do concello”.

Resposta moi sinxela para Cid Harguindey. Basta que lle recordase cando ambos militaban na mesma formación política, daquela, sendo alcalde e concelleiro respectivamente. A resposta está implícita na aseveración.

- Faltoulle prudencia, di a señora María, e mira que recomendo case sempre a estes politiquiños que lean o libro de Baltasar Gracián;” El Arte de la Prudencia”.

De tódalas formas o equipo gobernante non contestou. Seguramente non quixo baixar ás cloacas da política local e preferiu manterse á marxen de algo que só os imprudentes fan públicos.

Haberálle que dar a volta o adaxio latino: excusatio non petita, acusatio manifesta.

Autoestrada

Autoestrada

Meu caro Marcelino, deches moitas voltas. Fuches ó Toural e regresaches, pero non te atreviches a baixar a bicicleta encaramada na trave da adega. Aqueles recordos da época do contrabando rebulíanche polo maxín, pero os anos non pasaron en balde e o corpo non está para aquelas aventuras de corredoiras, escapando dos gardiñas.

¡Que coidada tes a bicicleta!. Está coma se fose do trinque, pero o que fallan son as túas pernas polo que se quixeches acercarte ó Concello tiveches que botar man do coche do xenro. Á hora da verdade non te distinguiches dos resto dos veciños. O corpo non está para bromas. Está visto que hai que arrimarse a quen che pode botar unha man, aínda que teña que pedir o día na empresa.

As leiras que ocupará a autoestrada de Verín na fronteira foron as culpables do absentismo laboral do xenro. "Espero que o recompenses, cando recibas o cheque do Ministerio". Está contento, porque as leiras están a ermo, dende fai moitos anos, e as viñas xa non teñen rastro das cepas. Só mantén aquela de enriba e a que está perto da casa. "Teñen bos bacelos e como é pouca extensión o xenro axuda os fins de semana". De tódalas formas cárgalle ó lume a culpa do abandono, pois non dá o brazo a torcer de que xa non está para traballar.

Quen foi fino foiche o Gonzalo. Coas súas tretas propúxolle a permuta do cupo a seu irmán, coa disculpa de querer plantar unha viña aló na Toixigueira, resultando que agora atravésaa a autoestrada, polo que recibirá un montón de euros. ¡Nin que soubera que ía pasar por alí a vía de comunicación internacional!

A alegría e ó entusiasmo con que plantou a viña non se reflexan nas meixelas. Seguramente que o negocio do viño require outras actividades e outros compromisos coa terra, pero non pode deixar a súa industria para adicarlle máis tempo á viña polo que se recolle uns cartiños polo esforzo que fixo ben vidos sexan.

A queixa está no Concello por ter que atender e informar de algo que é competencia do Ministerio, polo que os funcionarios municipais deberían recibir un plus, por parte da administración estatal, porque están a traballar sobre algo que non é da súa competencia.

Nunca entedín que o Concello teña que facer este traballo. O mesmo que atender ás persoas que as Forzas e Corpos da Seguridade do Estado reteñen no depósito do Xulgados.

Lois

Lois

Meu caro Lois, claro que a señora María existe. Dixen, moitas veces, que anda polas rúas amarrada a un bastón e que descansa sobre as bases dos escaparates ou no pinar, perto da súa casa, enriba de calquera pedra.

Tamén dixen que a este problema de encher a vila de cadeiras, aínda no lle deron solución dende o Concello, porque non se dan conta de que estamos cheos de xente entrada en anos, de disminuídos físicos e persoas que necesitan descansar polos problemas que sexan.

En definitiva, de que estamos cheos de xubilados que regresan ó seu pobo e compran un piso en Verín, polo que é necesario pensar neles.

Porque necesitan saír á rúa para dar un paseo, aínda que non parolen, porque non lle é o veciño da aldea, nin teñen a debida confianza, pero necesitan saír a respirar o ambiente da rúa e dos arredores de Verín.

Nembargantes, dende o concello, tomaron a iniciativa de encher de pasos de peóns as radiais correspondentes, aínda que estén fora do casco primitivo.

Meu caro Lois, isto a ti non che concerne, porque ti non te baixas da furgoneta Renault, pero a gran maioría da población que gosta de andar ve moi ben estas medidas e outras que dende as instancias públicas débense tomar para facerlle a vida máis agradable a quen traballou, e que nós disfrutemos, polo que facilitarlle que poidan desprazarse pola vila coa máxima seguridade é algo ao que debemos contribuir todos.

Meu caro Lois, sabemos que eres un bo avó. Esperas tódolos días ó remate da escola.

Todos camiñamos para aló. Polo que todos nos beneficiaremos das cousas ben feitas e ben pensadas nestes intres. É moi importante que vaiamos pensando nestes pequenos detalles, porque así veremos cómo os veciños saberán corresponder no seu momento, políticamente falando. E cómo non, neste período preelectoral de camiño cara as eleccións locais da próxima primavera.

Saberán quén fai a vida imposible. Só actúa por fastidiar. Para que non se cren postos de traballo públicos. Cando nesta vila os únicos postos teñen que ser municipais, porque de empresas teremos que esperar pola Cidade do Motor, do Circuito de Automoción, da BMV e por qué non, daquela primeira promesa da democracia, de un tal Barrionuevo, que agora estase a consumar. ¡Xa choveu!

¡Coidado coas promesas!

Máscaras

Máscaras

Se leran a Taboada Chivite, seguramente non terían que investigar nada e se leran a Federico Justo tampouco, porque no seu libro aparece afirmando que “cigarrón” é o macho da cigarra.

Non importa que lle pinten un nariz de pallaso ou que lle poñan a bandeira de Galiza no zurrón do “peliqueiro” o que importa é que esta carauta vende.

O que sinte a máscara non se deixa levar por eses usos, porque a fin de contas o que se sinte cando se viste con ese traxe non hai palabras para describilo, afirmación do Beni.

Ademais, onde está o espíritu do personaxe é en saberse vestir, no andar, no correr, no parar, no zurrar, no movemento de cadeiras para que os chocos soen con ritmo e sobre todo no elevar a carauta para otear, dende alí, no alto da Picota.

Seguramente que o Peliqueiro que percorre as rúas de Laza non se sinte denigrado, porque sabe o que leva enriba. Como tamén sabe por onde ten que andar e sobre todo o que ten que facer nos desfiles ou nas cerimonias que hai ó longo do tempo carnavalesco.

Alguén plantexou o dos carteis como se fose unha guerra santa. Ou quixo aproveitarse para dar máis propaganda do carnaval verinés. Así houbo comunicacións mutuas entre aludidos tratando de buscar unha solución adecuada como se do mesmo Mahoma se tratara.

O Beni non está por esas. Sacan as cousas de sitio. Cada un pode facer o que queira coa máscara, porque ninguén ten rexistrado, nin patentado nada que se corresponda coas prendas, nin co estilo, porque quen respecta máis, os de Laza ou os de Castro. E non digamos os de Verín, que aparecen con zapatillas ou sen a carauta camiñando como se fosen de copas.

Seguramente que o Juan non participou, nin se enterou deste tema, porque últimamente está por outra labor.

Ademais o carnaval non necesita de falsos adalides, nin inventores, como di, porque antes que ninguén xa existía como ritual funerario, según o noso coñecido antropólogo Mandianes, estudoso do tema.

Seguramente que Mandianes non está ó corrente de que o Concello ten gastado moitos cartos en algo que se promociona por si só, polo que non fai falta esa inxente cantidade e levalo a onde a distancia fai que a visita sexa esporádica e menos agora coa globalización festiva.

Aínda así a importancia do tema non está nas caricaturas. O importante é que houbo comunicación entre Marín e Verín.

A máscara está en cadaquén.

A pinza

A pinza

A pinza empregouse sempre para amarrar a roupa no cordel ou no aramio. Pinzas houbo sempre de moitos materiais e de moitas formas, pero o que non sabía era que tamén as había no Concello, di Rosa Mari. Os do”non” coaligados, pegados, amarrados, levados de ganchete cos do “derribos s.l.”. Tócanse os extremos. Resulta perigoso para os administrados e futuros votantes esta ligazón interesada, porque pódense confundir os electores. Non importa, o efecto é o que interesa, polo que hai que rechazar e presentar mocións para non deixar “mover”, xestionar ó señor Alcalde. Mantelo paralizado, atalo de pés e mans para que non leve adiante o seu programa.

Nembargantes, quen resultan perxudicados son os veciños, porque ante a falta de cartos dunha partida determinada para subsanar calquera problema hai que recurrir a modificacións, polo que o señor Alcalde non vai estar esperando a que cheguen as propostas da oposición. Pasan os días e os veciños sen o servizo. O señor Alcalde fará como calquera fillo de veciño que se senta nese sillón: subsanará a avería e logo xa se buscarán os cartos. Estas iniciativas da oposición chámanse: “botar votos fora”. Porque unha explicación de calquera membro do goberno municipal é suficiente para desmantelar esta “pinza”. A isto chámase "tirar pedras contra seu propio tellado” e “quen sementa ventos, recolle tempestades”.

De tódalas formas, as propostas e iniciativas desta “pinza” teñen pouco que facer, porque en frente teñen a Cid Harguindey. Que llo pregunten. As máquinas non paran e os veciños contentos e agradecidos, a pesar de que teñen que pagar os materiais das obras. Estas inicitativas desta “pinza” ademáis de seren nefastas, políticamente falando, di Rosa Mari, porque demostran o pouco cariño que lle teñen a eses veciños necesitados desas obras de abastecemento e saneamento, son o resultado dun futuro cambalache, pensado nas futuras eleccións locais.

O Partido Popular ante o desaguisado do tripartito espera e desexa que o BNG, nas próximas eleccións locais, non entre a formar goberno, que sería tripartito, outra vez, e se manteña ó marxe, redundando en beneficio do PP para facerse coa alcaldía, porque coida ser o partido máis votado. Aínda non asimilaron nin aceptan que está gobernando Cid Harguindey. ¡Coidado cos amigos!

Director

Director

Chegou a onde desexaba, aínda que a súa coroación só é por un ano. A loita producida por unha interpretación lexislativa foi a causa da súa pelexa contra o director anterior. Por iso era a persoa adecuada para conquistar o posto. Cego pola inxustiza que considerou, aproveitou a primeira envestida que puido para encararse e así foi. Deu a cara e fixo campaña para que outro tomara o relevo na dirección. Os cambios de plans persoais como foi o regreso a súa terra deixou baleiro o carrego ó que a única candidatura aspirante fíxose cunha dirección en contra da súa afirmación de que se non tiñan o respaldo da mayoría dos votos dos compañeiros non tomarían posesión. Só foron verbas, porque os votos non chegaron, pero como non había máis candidaturas e, ante a desidia dos restantes, sentáronse no sillón da dirección do Taboada Chivite.

A señora María, que non puido disfrutar da súa netiña perante estas vacacións porque aínda non ten fixo o posto de traballo, dinos que é normal nunha persoa que leva máis de vinte anos por alcanzar a alcaldía, ó menos chegou á director, pensando que dende esta plataforma seríalle máis doado facerse con ela. "Ó estilo Fraga", di a señora Benita, "cando abandonou Madrid para vir a Galicia". O artífice daquel equipo que buscou os votos para sentarse don Alberte foi o que neste momento resultou nomeado pola Delegación Provincial para levar a dirección do Instituto. Chámase a esto entrar pola porta falsa e só resta un ano para as novas eleccións. A xente sabe que o importante é sentarse no sillón, despois todo é máis fácil. Dende o poder conséguense outras prevendas e renovar no carrego e moito máis sinxelo.

O camiño foi longo, porque ocupou o posto de xefe de estudos con tres directores, despois da marcha do señor Casal para Santiago. Esperou a ter o campo despexado, non só aquí, senón tamén enriba, polo que o nomeamento foi pura rutina. Nembargantes a señora María manifesta que daquela debeu facer a súa candidatura e non buscar votos para ninguén, porque houbera tido máis se el a encabeza.

Como anécdota, a señora María, que está moi relacionada con esta profesión, dinos que un pai foi requerido a pasar pola xefatura de estudos do Instituto. Problemas co fillo. Levaba na man o aviso correspondente, polo que solicitou que desexaba falar co “Señor Taboada Chivite”. Aclaráronlle que aquilo era o membrete das misivas do Instituto. Por certo, unha alumna presentouse ós exámenes deste setembro e cando chegou a profesora para facer o exame, atopouna moi compunxida, polo que lle preguntou se lle pasara algo. A rapaza díxolle, que non pudiera estudar, porque tivera que ir á praia. ¡Menudos pais!

Voltamos

Voltamos

Parafraseando a frei Luis de León:”como decíamos ayer”, voltamos a estas ondas para estar en contacto con todos vostedes. Algúns preguntaban se voltaba á radio ou non. A outros dalles o mesmo, pero o que sí notei é que ós interesados no tema faltáballes algo. Pois aquí estou, aínda que este hobbie non depende de min, senón que teño que estar supeditado a un horario que non fago. Por iso había que esperar para encadrar estas saídas nas ondas da COPE. Todos estamos atados a algo e todos dependemos de algo. Así é a vida. De tódalas formas alguén afirmou, nunha noite de esmorga, que despois de César Vidal, a crónica que máis gostaba era esta. De aí que estaba ansioso por saber cando escomenzaba a contar historias da vila , da bisbarra, porque, según el, teñen outra forma os aconteceres cotiáns.

Seguramente haberá quen non considera que esta voz salga na radio, porque a maneira de ver os feitos, dende aquí, non concordan cos seus intereses. A isto chámaselle liberdade de expresión. Ás veces as cousas necesitan doutra explicación, porque sempre dependen do cristal con que se miran. É negativo velas sempre co mesmo cristal. Ademáis é necesario ter outra opción dos sucesos para que os veciños teñan polo que optar e non contar só o que interesa sen decir todo o que se pensa e se sabe, e sobre todo para non sentirse enganados. As verdades a medias son moi perigosas e dende as roldas de prensa local que escoitamos, fáltase moito á verdade.

Pero o importante son vostedes, porque sen vostedes esto non funciona. Tamén a señora María está aí escoitando a COPE, sendo a principal protagonista deste narrador, sen olvidarnos do Paco, do Marcelino, do Mateo, da Rosa Mari, da Fina e tantos outros que merodean polo municipio dando corpo a estes comentarios, surxindo estas "crónicas tamaganas". Aínda que vos pareza mentira, sen as citas destas persoas, seguramente os feitos da vila non terían tanta transcendencia, nin tan apropiados a nós. Aconteceres sucederon moitos. Historias, as que busquemos. Feitos, os que surxan de todos vós e nós, pero cousiñas só as que ti e mais eu sabemos. A señora María está o corrente delas, porque foi moi sagaz e soubo facer da súa vida cotiá un diario que é fonte de inspiración para resaltar calquera detalle, contando algo que difícilmente sae á luz. Onde hai construcción hai Marbellas. Cada unha na súa medida.

Postos de traballo

Postos de traballo

A señora María xa tomou como costume o sentarse na base do escaparate do edificio contiguo a súa vivenda, aínda que ás veces tamén o fai no seu.

Non hai ansias de favorecer a esta xentiña colocándolle unhas cadeiras nos lugares que merodean, porque camiñar, camiñar é moi pouco.

Acompáñaa case sempre a señora Bieita. Ambas non teñen problemas cos fillos, pois son grandes e cada un buscouse a vida por onde puido, xa que elas puxeron o remedio para que tiveran unha boa instrucción académica para situarse ben. Non se queixan dos sacrificios que viviron pero están satisfeitas cos resultados.

Netos e netas, di a señora María, xa empezan a situarse en bos postos de traballo, polo que xa non piden a seus pais, asegurándose o seu porvir. De tóda-las formas non sei qué dereito teñen algúns para que os fagan fixos no concello. Algunha bula, contéstalle a señora Bieita.

Estas liortas non acaban ben. ¡Cómo intuiron o remate da desfeita do tripartito!.

Meus fillos están esparexidos pola xeografía hispana. ¡Qué ben o pasamos cando nos xuntamos polo Nadal e nas feiras do verán!. Contan historias e anécdotas dos seus lugares respectivos. Se estiveran aquí todo ano sería un aburrimento. Con esto do AVE, das autovías e dos prezos baixos das aerolíneas non hai incovintes en presentarse sen avisar. ¡Qué sorpresa, qué alegría¡, cando chegan.

Algúns queren ter ós seus fillos sempre baixo as faldas. A experiencia doutras vidas enriquecen a personalidade e ven a vida con outros ollos. Os intercambios producen riqueza vivencial nos humanos, dille a señora Bieita.

Nembargantes a señora Bieita gosta de que estén pertos dela, polo que poida pasar. Os anos están enriba e necesita a visita dos seus aínda que sexa de pasada.

O certo é que unha praza nun concello non ten prezo. Por iso deberían ser tratadas doutra forma, porque tódo-los veciños contribúen a mantela.

Non estaría demais que se reservasen certas prazas municipais, para cubrir polos veciños eventualmente, sen ter que facelas fixas. Desta forma poderían rotar cada seis meses ou cada ano varias persoas garantindo desta maneira a pervivencia de varias familias.

Nunha bisbarra tan escasa de postos de traballo como é esta é lóxico que sucedan estas liortas, porque cada formación política desexa colocar ós seus.

Haberá que buscar fórmulas para que non se den estes acontecimentos. A transparencia debe estar por enriba de calquera partido, aínda que todos xogan ó seu.

As prebendas, señora María, as prebendas. O que esté limpo de pecado que tire a primeira pedra. Por certo, nestes días acábase de aprobar polo goberno de Galicia o anteproxecto de lei de Transparencia e boas práticas.

¡Chegou demasiado tarde!.

Neófito

Neófito

Chamoulle neófito -exclama a señora María- alá no fondo da estancia namentras a conversa coa veciña desenrólase sen dificultades.

O señor Harguindey, veterano político onde os haxa, non debeu empregar este calificativo para co seu compañeiro, porque pertence ó mesmo equipo de goberno ca el.

Tivo tempo de abondo, neste dous anos, para ensinar ós novatos a saber comportarse en política e sobre todo estando gobernando, independentemente da ideoloxía que profese cadaquén.

É importante recoñecer que a veteranía é un grao, pero a experiencia do señor Harguindey debería saber resolver estes casos sen chegar a descalificacións públicas, porque o resultado que recollen os veciños non é positivo para ninguén.

Coa profesionalidade dunha persoa da categoría do señor Harguindey, debería darse conta con quén se coaligaba, polo que tiña que advertir que ser concelleiro de urbanismo, dunha vila como Verín, é arriesgado xa que as crises municipais son froito destes departamentos.

O argumento de que as negociacións foron con outra persoa non ten fundamento, porque cada partido refrendou as decisións tomadas individualmente, na mesa de propostas e por cada representante, de aí que os cargos políticos son de cada grupo. E se non tomar outros acordos no momento que un deles abandonou a súa responsabilidade municipal.

A señora María está preocupada porque sente abandono político. Necesita dos servizos de asistencia a domicilio e dase conta que con estas liortas de prazas de auxiliares e do avance do PXOM perden moito tempo e a vila necesita pegar outro impulso para non estancarse.

Agora ben, o que faltou foi dirección política e coordinación, porque un equipo tan diverso e distinto necesita dunha sensibilidade especial para non chegar a estes problemas.

De tóda-las formas, recorda os anos de nova que a palabra “neófito” ten outro significado, polo que o señor Harguindey trabucouse ó designarlla a seu compañeiro. Alguén lle dixo que fora San Pablo quen a empregara na carta ós Timoteos para referirse ós conversos que tomaban a relixión por primeira vez.

Que saibamos, por referencia, o concelleiro, o máximo que pode profesar é o agnosticismo ou o ateísmo, pola militancia da que fai pública.

Xornais

Xornais

Non me chamaches, miña cara Rosa Mari, para que lera as noticias dos xornais do día 29 de abril e do día 5 de maio. Seguramente que botache ese sorriso irónico cando as liches.

O bonito do caso é que son de dous personaxes que ti aprecias moito, xa sabes, tesme que perdoar, por permitirme esta licencia.

Sei que canto máis lonxe estén de ti, moito mellor. Nos tes que torcer a cabeza, nin tes que cambiar de beirarrúa, cando os albiscas. Ademais a túa man non está para cambiar as bolsa do supermercado e cruzar a rúa. Debes seguir o consello do doutor, se queres mellorar, porque levas moito tempo con esa venda, apretando os músculos e non das recuperado a forza nela. Seguramente a túa vida na vila sería moito máis sinxela, porque sería difícil encontralos, pero as cousas son como son e contra iso non tes nada que facer.

As gargalladas que te botaches non chas quita ninguén e ese momento de felicidade tampouco, porque sen desexarlle mal, cando tes ocasión, como neste caso, de rirte, falo con toda a túa alma. Eses momentos nos que estás soa o sorriso aparece nas túas meixelas ó ver o que pon a prensa, sobre todo coñecendo ás persoas que fan tales aseveracións.

Porque te das conta de que son como se declaran, por iso a prensa, entre comillas, recolle as súas verbas, para atestiguar de que saíron da boca deles.

Nembargantes sei, miña cara Rosa Mari, de que a ti ninguén che ten que decir como son, porque, por moito que se solten nos diarios con estas ou con outras manifestacións, ti viviches experiencias onde se descubrían tal e como son.

Non te collen por sorpresa porque o teu xuizo sobre estes personaxes é claro. Esperas que algún día non representen a ningún veciño no Concello, porque sería nefasto que Verín seguise con persoeiros desta estirpe.

As frases das que estou a falar transcríbochas textualmente:

“Houbo moito barullo, cando o avance é papel mollado”. O traballo duns profesionais non se debe tratar así e sobre todo pagándoo os veciños de Verín, que son os que lle deron o voto para desempeñar o cargo que ocupa. Algo de respeto e consideración débese ter cos votantes e cos profesionais e senón para que mandaches aquela misiva ós diarios nos que te queixabas do trato político cando non gobernabas.

O outro texto di: ”Se fai iso un edil meu, tería o cese ó día seguinte na súa mesa”. Fíxate nese posesivo. Indica propiedade privada. Dono dos concelleiros, de Verín, dos votos, do Concello, do partido, etc. A democracia e a liberdade aínda non botaron raices nese maxín. Hai reminiscencias feudais. "Espero que non exerza o dereito de pernada, pois estamos no século XXI", di Rosa Mari.

¡Non saben que somos grandes!

 

 

Avatares do Parque Empresarial

Avatares do Parque Empresarial

D. Ramón é unha persoa moi comprometida. Entregado en corpo e alma ós demais. A súa vida está chea de anécdotas, polo que estar ó seu lado é ler nunha enciclopedia de moito compendio.

Emigrou. Quixo estar ó lado dos que ían facer as américas. Pasou o charco e adicouse a conservar as crenzas dos chegados, tratando de gañar para causa ós indíxenas.

Botou uns anos en terras lonxanas, pero a morriña pesaba moito e regresou a súa terriña. Asentou no val, preto do Támega.

As inquedanzas bulían polo seu maxín, polo que botou man ás obras tratando de mellorar a vida dos veciños.

Saneamentos e abastecementos foron os seus primeiros logros. Abandonouse aquilo de facer cola onde o pozo público para levar auga para a casa e facer as necesidades no recuncho axeitado.

A vida discorría pero faltaba dar empuxe á bisbarra. Participou na primeira intentona de configurar un polígono industrial en Verín.

SIGALSA era a empresa pública encargada de por en funcionamento tales infraestructuras pola xeografía galaica.

D. Ramón plantexou o tema ante as Instancias Superiores, tratando de que se ubicase nos montes de Cabreiroá. Non era Alcalde, polo que a súa proposta quedou no olvido.

O Polígono Industrial fíxose no Toxal. Dende aquela houbo varios intentos de darlle un bo acceso, pero os avatares da política non deron coa comunicación adecuada.

Houbo momentos que se deberon aproveitar para facer que o polígono tivera bos accesos. Cid Harguindey, sendo alcalde aterrou un vial ó longo do Pracer, que servía de protección para o saneamento que daba servizo ó matadoiro. Vial que é tema de litixio nestes momentos, por non estar rematado polos seguintes alcaldes. Logo coa autovía. Máis tarde co acceso e Concentración Parcelaria de Vilaza, unha pista da Concentración podía comunicar o Toxal coa N-525, antes de chegar a Albarellos. Por outra o acceso de Vilaza púidose colocar entre este pobo e O Rosal. Dende aquí era máis fácil comunicar o polígono. Enfrentamentos entre os dous rexidores, daquel momento, non deron lugar a resultados positivos.

No ano 96, cando D. Manuel Fraga inaguraba a adaptación do matadoiro, solicitou a presencia do señor Conselleiro de Agricultura e do señor Presidente da Deputación para darlle solución ó polígono industrial, pois era unha criatura sen pai, porque SIGALSA desaparecera do mercado. O traspaso a Xestur foi a consigna que o señor Fraga requeriu e así se fixo, naqueles anos.

Recolleuse a súa ampliación no PXOUM. Houbo un intento do equipo redactor de reubicalo no mesmo lugar que se di agora.

Hai que decir que o actual alcalde foi quen contratou ó equipo redactor de PXOUM e sempre foi partidario de Cabreiroá-Tamagos. O mesmo que Xestur, pois xa se ve o informe que remite ó Concello de Verín.

Participei en dúas reunións, na escola de Pazos, cos propietarios das leiras, para censalos e chegar a acordos do prezo, pois as directrices do organismo correspondente eran claras. Menos de mil pesetas o metro cadrado para poder asumir con rapidez a futura urbanización do futuro Parque Empresarial. Ó meu traballo faltoulle o acompañamento político correspondente, polo que así quedou todo.

Gobernando o Partido Popular melloráronse as infraestructuras, pois crecían árbores nas beirarrúas, provocando un nulo reclamo para futuros emprendedores.

Os empresarios do Polígono non deben renunciar a un bo acceso nin á ampliación das súas industrias no lugar, pero con educación e saber estar.

Querido D. Ramón xa ve cómo son as cousas. Despois dos anos veñen a darlle a razón.

 

 

 

Benigna

Benigna

O que son as cousas miña cara Rosa Mari, a túa veciña, perante moitos anos, pensa que a señora María non ten corpo nin alma.

A señora María, cara Benigna, é viuva, ten fillos e fillas, galiñeiro e bodega. O que ocorre é que no galiñeiro só hai catro pitas, que son as culpables ou colaboradoras co doutor para facela andar. Visítaas pola mañá e pola tarde polo que ten que baixar do piso e andar pola beirarrúa sen cadeiras, para descansar cada tramo.

Dígoche querida Benigna, que non se lle escapa nada. Só lle falta que o Concello se preocupe algo máis desta xente e acondicione recunchos na vila para provocar todo tipo de tertulias, onde se analizan os problemas cotiáns ou anécdotas que non sei cómo se enteran, pero saber sábenas todas.

Mira como son, que estaban enteradas dos problemas do avance e que o Tenente de Alcalde quería presentar un escrito ó Pleno para retiralo. Sería un amago para ter máis protagonismo de cara ós seus votantes, apuntándose méritos cara as eleccións locais do ano que ven. Que fora ou non, ata a última hora, os concelleiros do BNG mantivéronse na súa postura. Unha chamada de lonxe fixo que cederan. O señor Harguindey é un veterano na política local, polo que: “máis sabe o demo por vello que por demo”.

Tamén se enteraron de cómo no santuario de “Covadonga” da avenida Luis Espada facíanse SUXERENCIAS coma churros. E ríanse a gargalladas, porque era a mesma para tódolos interesados: “Quero que me quede a miña finca coma no PXOM do 98”. ¡Que bo é aquel Plan e iso que ten o fallo da muralla!

Nin argumentos, nin razoamentos en que basar a instancia, para tomar corpo legal e ter que prolongar o núcleo rural correspondente. Máis aínda, sen especificar e sen acompañar un plano que xustifique tal solicitude, demostrando que a finca está dentro da zona que permite a lei do solo de Galicia aprobada polo anterior Goberno da Xunta de Galicia, presidida polo señor Fraga.

O importante é presentar suxerencias, para atestiguar que son moitos os disgustados con este avance.

É curiosa a anécdota da Bieita contando o que lle pasou ó Ernesto. No anterior Plan deu múltiples visitas ó Concello para falar co equipo redactor e os políticos locais, tratando de convencelos de que debían endereitar a circunvalación e así quedáballe un solar na súa finca, pois do contrario non había forma de ter terreo suficiente para obrar. Non houbo maneira de que lle cambiaran a línea de ocupación, vendo que as fincas de enfrente tiñan fondo de abondo. Preséntase agora no santuario e fanlle unha suxerencia co contido que el se fartara de explicar e argumentar ó equipo anterior.

Pode haber tanta falsedade, tanto cinismo, tanta hipocresía. Daquela non o escoitaron. Agora fanlle a suxerencia, sabendo que a circunvalación, agora, ten menos anchura.

Reflexión

Reflexión

Corría o ano de 1995. D.Emilio González Afonso era o alcalde. Na parede do departamento de urbanismo colgaban os planos do Avance do POXM, que na actualidade está “sub iudice”, é decir pendente da resolución que dicten os Maxistrados do Tribunal Supremo.

D. Emilio accedera ó sillón municipal a través dunha moción de censura.

Naquel maio do 95 celebrábanse as eleccións locais. Aquel alboroto dos veciños, por descontento cos planos daquel avance foron a causa principal da perda da alcaldía porque se empregaron, por parte do PP, para avivar os ánimos.

Vidas paralelas son as que fan de Verín unha vila singular. Non hai tempo para a historia na vila.

D. Emilio debería reflexionar sobre o que aconteceu naquel ano 95 e tomar a decisión máis adecuada para sobrevivir na política local como alcalde.O tempo non corre, voa, pero en política local é moi importante saber onde estás, coñecer ben a quen tes e de quen te rodeas. Polo tanto D.Emilio debería saber que está a un ano das eleccións locais e polo que poida pasar debería tratar de que non se repetisen os mesmos acontecimentos que, daquela, levárono ó fracaso electoral.

O pobo está levantado. Enfadaron ós que non o estaban.

O actual alcalde está a tempo de tomar a decisión máis importante: SUSPENDER O AVANCE do futuro POXM e deixar que as cousas segan como están e dar licencias como ata agora. Ademais estase a recibir en calquera momento a sentencia definitiva do POXM do 98.

Así non paralizan a única actividade que dá de comer a moitos verinenses, salvándose das críticas da rúa e sosegando a política municipal para encarar con tranquilidade o próximo ano electoral.

D.Emilio, non dé oportunidades e menos a quen foi incapaz de sentarse a negociar para que Verín tivese un POXM definitivo, polo que de momento só habería que adaptalo á lei do solo de Galicia.

Corría o ano 1998 e o mes era xullo. ¡Estamos chegando!. Ocorréuseme dicir que non se debía deixar sen aprobar o POXM, antes de rematar o ano. ¡Quén viu tal cousa! Non houbo tempo de reaccionar. Colleu ó equipo redactor e marchou a Santiago. En tres días solucionou os problemas daqueles planos coa administración. Eran amigos. O tres de agosto aprobouse definitivamente.

Había que encarar non só o ano electoral con tranquilidade, senón tamén aquelas vacacións do mes de agosto.

Ganáronse as eleccións do 1999. Aquel tempo chegou para calmar os ánimos dos propietarios, promotores, etc.

D. Emilio, non cometa os mesmos erros do 1995. Xa repetiu un e está con outro. ¡Sorte alcalde!

Tríptico

Tríptico

 

Mirian chamou a súa avoa para dicirlle que os cigarróns-peliqueiros foran a Madrid e non a avisou, pois desexaba estar na cerimonia carnavalesca da capital do estado.
A señora María non llo dixo porque esta neta sáese das casillas con esto do Carnaval. di: ¡é un verdadeiro furacán!.

Daquela, cando era cativa, seu pai tróuxoa á festa e o primeiro que se lle ocurriu foi que quería vestir o traxe. Arranxaron por aquí e por acolá, confeccionando un traxe para a rapariga. Traballaron a reo para estrear, a netiña, aquel traxe que tantos cartos houbo que xuntar para satisfacela.
Vestiuno e o primeiro que pediu foi o vergallo. Saíu sen careta, pois o tempo non chegou para rematar o uniforme e non lle importaba nada o purismo de Laza.
Disfrutou repartindo zurragazos a destra e senestra, aínda que seu pai levábaa pola man. ¡Cánto disfrutou aquela rapaciña!, por iso quería estar alí cos “seus”.

A parrafada prolongouse e da boca da señora María, a neta escoitou os aconteceres da viaxe e as novas sucedidas na capital. As noticias falaban do tríptico explicativo que non se repartiu por orden do Concelleiro de Cultura, pois considerou que era despectivo cos veciños portugueses.

- Vouche ler o párrafo para que ti analices se é xenófo cos de Chaves: ”Máscaras de incomparable atractivo visual, coexisten con las más inesperadas manifestaciones, en un incomparable ambiente de fiesta popular. Vecinos, turistas y portugueses, crean, en su mezcla un particularísimo teatro humano, sobre calles y plazas tapizadas del blanco fértil e inmaculado de la harina, difuminadas por el humo de la pirotecnia”.

 

- Miña avoa, a narración ten intención e significado de dar a coñecer a nosa festa tradicional cos participantes que acuden ano tras ano. ¡Eu si son turista, pois véxote só unha vez!

- Non hai insulto nin xenofobia. A cadaquén, o autor chámalle polo seu nome. Aínda máis, destaca a participación da xente do alén da fronteira no evento carnavalesco. E tampouco desprestixian a festa ou só se queren para comprar nas tendas.

A señora María contoulle, como anécdota, o sucedido na capital ó Concelleiro, pois ten unha curmá vivindo alí. Chamouna para que arroupase á comitiva verinense. A curmá díxolle que a esperase baixo a bandeira que o Señor Ministro mandou colocar na mencionada praza, pois así era máis fácil velo. Como un plantón estivo baixo a bandeira española ata que chegou. ¡Faltoulle a estrela de cinco puntas e que púxese “Galiza Nazón”!.

- ¡Menuda broma lle gastou a curmá!, susúrralle a neta dende Barna.

 

Mirian

Mirian

Por primeira vez Mirian non disfrutou, en persoa, do Carnaval. Tampouco quixo que súa avoa lle contase nada, pois apénase moito. Non quere recordar os seus anos de cativa percorrendo as rúas da vila. Agora é moza. Traballa e aínda non aprendeu a conquerir ó xefe, nin buscar a maneira de compaxinar carnaval con feiras.
O traballo foi un agasallo, por parte do empresario, a seu pai; de aí que non desexa nin enfadar ó pai, nin comprometer ó xefe. Fala e fala da festa, pero non queren entender o que a rapariga desexa.
Aínda así, cando lle permite o horario entra en Internet e paséase polos fotogramas do entroido que aparecen na pantalla. ¡Cánta morriña!, ¡cánta envexa! Non pode máis e remata chamando a súa queridiña avoa.

- ¡Ai miña filliña, canto frío! - Fixeches ben en non vir. Este ano en Verín non cabía unha agulla entre tanta xente, a pesar de que carrozas e comparsas van a menos.

- Xa lin que hai queixas no trato e que desexan cambiar o desfile para a tarde.

- Os grandes sacrificados do entroido sempre foron as carrozas e as comparsas. Ninguén se acorda delas. Nin os hosteleiros nin o Concello. Como se cansen, dan ó traste co desfile.

- Saín cedo para coller sitio na beirarrúa. Encontreime coa falta de previsión para saíren os autobuses da estación. Ó final invadiron a calzada do desfile. Comentaban que na ponte estaba parado un camión cargado de gas. Alí botou todo o tempo que durou a cabalgata. Grazas que non houbo lanzamentos de petardos por alí cerca.
Para este problema de ocupación da estrada nacional, tantas horas, debería establecerse un gabinete de coordinación da Comisión de Festas coas Forzas de Seguridade, Policía Local, Protección Civil e as concellalías correspondentes, para prever estas situacións e pór solucións adecuadas. Non é tan difícil reorientar ó trafico da estación pola rúa Espido, con saída a Sousas.
O imprenteiro non quixo facerlle as pegatinas ós "PePes”, porque falaban do alcalde e o Concelleiro de festexos negoulle unha pañoleta a un membro dunha comparsa, cando se vían, por doquier, no pescozo da xente. Nun bar cobráronlle a auga que pediu un Cigarrón cansado de bregar.

- Don José, daquela todo era máis humano e o Andrés chegaba para dirixir, só el, o tráfico. ¡Claro, era Lázaro¡

Entroido

Entroido

 

Don José, sentado no salón, está escoitando a COPE. Seu fillo está pendente del, aínda así non debe preocuparse polo acaecido co tríptico explicativo do carnaval, nin co xornal madrileño, que no especial do sábado pasado describe que o disfraz máis tradicional e multitudinario é o capuchón.
Se a corresponsal ou periodista lle dese a ler o texto ó Concelleiro verinense, seguramente que prohibiría semellante aseveración. De tódalas formas a pé de páxina aparece o teléfono do Concello de Verín.

Darase conta, don José, do que trae a publicidade. Daquela non había medios económicos, nin de comunicación. Só se chegaba a Ourense e a veciña Chaves. Todo era máis persoal, máis directo, polo que non sucedían estes fallos; nin nos percatabamos do que escribían sobre a nosa festa, porque non ocurría.
Agora búscase a globalización do Carnaval. Por iso se escribe sen analizar e sen coñecer en profundidade o tema. Superficialmente falan do entroido, como se foran sucesos da vida cotiá, cando tras de si hai toda unha vida, unha maneira de ser, de expresarse, de vivir. Algo que se leva na alma, como o Miguel, que chamou ós seus dicíndolle que conten con él para todo, a pesar da reunión que a empresa ten en Londres e a que non pode faltar.

O seu percorrido dende Laza ata Oimbra é unha pelegrinación. Ten que estar na súa terriña para ver ós peliqueiros, baixar a “morena” e sobre todo escoitar o testamento do burro, por se lle reservan algo. Acompañará ó seu amigo Pardo na procesión da bodegas en Oimbra, pois agora son “lai”, xa que deixaron de “bautizar” ós bebedores co purín humano.

O mesmo lle sucede ó Pelís e ós ”Xanganos". Víveno cada día. Soldando, pintando, armando e colocando cada cousa no seu sitio. Non falta o viño, nin as brasas para asar. Cada noite alegran o momento cos micros, ensaiando as cantigas que lanzarán ó aire o día grande.

Non hai carnaval coma o verinense. É tan intenso que cada cidadán leva un dentro. De aí que haxa tanta crítica, porque desexan que os da comisión acerten co que cada un faría.

Xerardo farda de ter a mellor colección de carteis sobre o entroido. Para velos hai que ir a súa casa. - Non importa, tamén hai viño.

Don José, sei que ten visitas dos seus que veñen de Madrid e de Ourense, pero que o seu fillo o debruce no balcón, para ver pasar ó Pelís.

– Non se preocupe, porque a pita no ten a gripe aviar.

Bandas da estrada de Laza

Bandas da estrada de Laza

Unha vez máis dende estas ondas escomenzamos unha andaina para narrar ós oíntes da COPE, novas que vaian surxindo ó longo do ano.

Pasou o dous mil cinco. Verín estivo perante a maior parte do ano bastante tranquilo. A concentración dos empresarios de Pazos enturbiaron a serenidade que se respiraba na vila, que parece que non se move, pero paseniñamente camiña cara o seu futuro.

Na oposición enfrentamento entre o xefe e o traballador político do Grupo Popular. Desavenencias eran as que aparecían nos xornais, aclarando cadaquén a súa postura. No fondo, a loita polo poder, tratando de situarse no mellor posto. Vexan a Voz de Galicia do martes e fíxense no soldo dos Conselleiros da RTVG. 12O.OOO euros por ano como media.

Antes de rematar o ano unha ocurrencia fóra de lugar: “información privilexiada”, por ver un polígono dentro dunha área de reparto na nova reforma do Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal. Esto chámase alarma municipal por exaltar os ánimos dos propietarios correspondentes. A cousa quedou en pouco, pero a xente preocupouse polo tema e preguntan por todas partes cómo anda a nova redacción.
“Información privilexiada” tíñana os planos que examinou o dono de Fontenova, porque o Concello daquela non tiña equipos informáticos adecuados. En cada reunión planos novos e non houbo Convenio urbanístico.
Ás veces é mellor estar calado, pois as verbas delatan a quen as está pronunciando.

Chama a señora María. Non falta á cita de cada Nadal. A súa filla levouna para a súa casa. Dorme tranquila a pesar de estar preto das bandas colocadas na estrada de Laza.
O tripartito tomou dúas medidas adecuadas para todos los verinenses, pero insuficientes no que atañe á seguridade vial. Aparcadoiros limitados e moderación da velocidade cara o Hospital.
Deberon ampliar a zona azul a máis rúas e colocar máis bandas entre as dúas que están na estrada de Laza. Hai que ser máis agresivos en canto a medidas de seguridade nas calzadas.
Se paran un rato e observan, a maioría dos conductores fan malabarismos para saltealas. Serpentean as dúas bandas e nas das casas baratas alí é un verdadeiro circo o que sucuede. Só por non xuntalas un pouco máis e chegalas ata ás beirarrúas.
Unha solución posible é a de elevar a calzada ata as beirarrúas, como noutros lugares.
Disgustado preguntou no penúltimo pleno do 2005 o Concelleiro de festexos insinuando que as retirasen, porque a súa filla frenou espontáneamente e recibiu un golpe por detrás. Por certo non tivo a resposta que recibín eu nunha Comisión de Goberno, que son a porta pechada, por preguntar si había informe de secretaría, para poder conceder licencia ó labadoiro de coches de Queizás.Recibín o maior insulto da miña vida.
¡Aquelo, era democracia¡

Pelegrinatio

Pelegrinatio

 “Pelegrinatio” é o título dun libro da autora Matilde Asensi, que trata dun pelegrín que percorre o camiño de Santiago, por obrigación do seu pai, para purgar toda a súa vida chea de praceres, que viviu na corte de Barcelona.
 Seu pai pono baixo as ordes dun templario, que lle indica a rota e cada un dos rituais a realizar en cada etapa percorrida.
Despois de chegar a Santiago converteuse en xentilhome e adalide da Sabedoría e o Coñecemento, pois a maxia e o simbolismo do camiño fixérano apto para tal fin.

A señora Pilar tamén peregrinou ó Santuario dos Remedios. Cumpre co novenario e remata sempre cunha esmola no peto da santiña.
Desta vez encontrouse cun problema. Por moitas voltas que daba ó redor do santuario, cada vez vía máis difícil cumprir coa promesa.
Aquel corpo erguido, dereito e esbelto para unha persoa da súa idade, púñase compunxido, pois non había razón para non satisfacer a súa santa, porque faltaba o peto.
Voltou para o pobo. De súpeto chaman á porta do patio. Era de noite. Pegou un berrido para recibir contestación e poder abrir con confianza.
Non recoñecera a voz. Abríu a porta e fixo entrar á visitante.

- Mire, ten que perdoar por non avisala a tempo, pero a esmola tena que botar en Verín, porque o “peto”encóntrase na rúa Luis Espada, pois así os devotos non tiñan que subir ata os Remedios. Debe apurar para que as súas promesas sexan tidas en conta polos de alá .

- Non te preocupes, miña queridiña. ¿Cánto hai que dar?

- De momento son doce euros. Logo veremos se hai que engadir algo máis. Como non temos o poder, cadaquén paga o seu. Deu media volta. Mirouna de enriba a baixo e contestoulle: - Sempre paguei o meu.

- Non se despiste, pois isto remata pronto. Imos mal de tempo. Porque, olvídanse de vostede e, xa sabe, hai que facer algo por esas netas.

A señora Pilar, coma sempre, pensando no futuro das netiñas baixou a Verín e botou a súa esmola no “peto” de sempre.
Claro que o “peto” non tiña santiña, tiña santurrón.

                                  Xoves, 2 de febreiro do 2006.-

 

                                                Adolfo Rolán.-

Parque empresarial

Parque empresarial

O señor Domingo estaba satisfeito. Por fin as boas novas surxiron e radiaba de alegría. Xubilou. Elexiu este val para descansar. Moitos anos nas entrañas da terra, picando e botando carbón para o exterior, respirando aquel infernal polviño que cada pouco tempo remata cun mineiro abafado de silicose.
Aguantou como puido e no seu andar de Asturias para a súa patria, sempre gostou de comprar unha terriña para ter a súa casa, onde recibir ós seus para celebrar algo, que antes non podía, como eran as festas familiares. Ilusionado co val, plantou súas raíces, preto do río Tamega. Encontrou o que desexaba e estaba a seu alcance, polo que se fixo coa propiedade e a disfrutar.
Amante dos cogumelos, pasa os días de acá para acolá, sempre coa súa dona, buscando nos recunchos máis insólitos, pois di que alí é onde nacen. Gosta de ter o arcón cheo para disfrute dos seus.
As experiencias que tivo nos anos de riadas amargáronlle a existencia e percatouse do que están a facer certos personaxiños, cando empurran e buscan a ampliación do Polígono Industrial. A noticia de fai un mes, por parte de Xestur, asegurando que se necesitaba facer recheos de sesenta centímetros a tres metros, non o deixaba dormir. –¡Aínda máis auga¡, pensaba para seus adentros.
- Con este recheo no Toxal, nós somos carne de cañón. Non hai quen nos salve de futuras riadas. Ó río só lle queda expandirse para Queizás, polo que volveremos a ser pasto das crecidas.
Preguntaba e non entendía a insistencia de ubicar algo onde as desgracias podían ser desmesuradas, cando hai outros lugares máis axeitados para colocar industrias. - ¿Por qué non loitaron para comunicalo coa autovía ou coa estrada de Ourense, naqueles anos? Naceu mal e insisten.
A última noticia colleuno por sorpresa, polo que está a tomala con moita prudencia. Non as ten todas consigo. Por dentro está máis que satisfeito de que por fin se definise, por parte dos organismos, o lugar do Futuro Parque Empresarial. Non lle importa o sitio. O que non desexa e pasar outras noites como naqueles anos. ¡Nin llo desexa a ninguén!
Sínteo, porque algún propietario do Toxal, xa fixera cos cartos das expropiacións a conta da leiteira, pero téñense que pór no lugar dos de Queizás, pois sería condenar ó ostracismo a todo un pobo, porque baixarían os prezos das súas propiedades e sempre coa soga ó pescozo.
Facer ben as cousas costa menos.