Blogia
Crónicas Tamaganas

Verín

Benita

Miña cara señora María, só eran tres as sentadas na cadeira da urbanización. Faltaba a señora Benita. A súa ausencia será polos séculos, pero vostedes seguirán téndoa presente, para que a conversa sexa máis amena.

Recurrirán a ela para matizar asuntos relacionados coa vila, porque polo seu mostrador pasaron moitas persoas e de todos os tipos. Pense que a rexencia dunha armería é fundamental para coñecer intencións persoais, moi privadas, en cada bisbarra.

Dende o máis aló seguirá outeando as súas tertulias e non permitirá que fagan tema de conversa a súa ausencia.

De cando en ve,z mandaranlle misivas para pola ao corrente dos aconteceres do concello.

E pediránlle opinión, porque consideran que o seu pensamento sempre foi un correcto comportamento. Ela tiña como orgullo a educación que imprimiu ós seus fillos.

Diránlle que se aprobou inicialmente o PXOM.  Ela contestará que esa promesa do mandamais verinés fora de tres meses, pero pasaron tres anos e aínda está no limbo.

Coñéceo ben, porque lle toca de refilón na familia. Sempre tivo pouca fe no personaxe. Mellor dito, ningunha simpatía sentiu nin tivo oportunidade de dicirlle o que pensaba sobre o atraso en que ten o concello.

Sempre con promesas ou encantos de serpente, para entreter aos veciños, namentras pasa o tempo e Verín segue coma de costume.

Recordarálles que lean o programa electoral e fíxense nas promesas que recolle, e cantas se cumpriron. O hotel Spá escola esfumouse. Botarálle a culpa á empresa, que non foi capaz de levar adiante o que negociaran, nunha conversa municipal, porque estamos en plena crise.

As verbas que se pronuncian no búnquer municipal, nunca terán efectividade, porque non son reflexadas, nin gravadas, para ser testemuña dos compromisos, polo que as leva o vento.

Aló enriba enterouse de que aparece unha promesa nova, a creación dun "campus". Non sabe de que titulación. O máis seguro é que sexa de técnicos para o paro ou para atender aos xubilados, dos que está enchéndose Verín.

Sen embargo non é capaz de promover ou recuperar o que moitas vilas están a facer, que é recuperar o que foron antano. E Verín foi unha vila de augüistas.

Cambiarán a estación de autobuses de ubicación, porque hai que facer rentable o solar no que está colocada. Marcharán con ela, para asustar aos futuros visitantes de Verín ou para que as persoas da bisbarra deixen de vir a comprar, cando experimenten que non dan chegado coas mercadurías ata o autobus.

E seguirán facendo da vila un deserto nunha terra chea de auga.

Gürtell

Miña cara señora María, se vostede soubera, botaría as mans á cabeza e seguro que soltaría bágoas. Mireina ben e meus ollos vírona elegante a pesar de que non lle basta a muleta para camiñar, senón que tamén bota man dun fillo para facilitarlle ir dereita.

Facía meses que as súas meixelas non recibían o ar, polo que relucían de brancas. Poucas engurras na súa pel a pesar de que os anos van pasando. Como din por aquí os anos non perdoan, pero vostede lévaos ben.

A escena foi triste porque recibían as condolencias os familiares do defunto, polo que tivo que ser esta forza maior quen a obrigou a baixar do andar. Todos temos que cumprir con estes actos de despedida dos nosos maiores e a veces non tan maiores. Pero a vida é así.

Saberá que as noticias non son moi do gusto do empresario verinés implicado no caso Gürtell, porque aparece como un dos intermediarios e a súa casa como lugar de entrega de cartos en todo este asunto.

Inocente de min, que estiven dúas veces con el, porque facía de condutor e acompañante do mandamais. Por certo, rubín a azotea da casa para ver se outeaba a veciña de en fronte, que era Ana Obregón.

E para máis inri, preguntei de que vivía e agora sae nas noticias gürtelianas. Vivín no Gürtell ou co Gürtell, pero as cousas van andando e colocarán a cada un no seu sitio.

O que máis me impresionou foron os comentarios dos funcionarios, dicindo que non saben de onde saíu o diñeiro. Altas finanzas ou simples chapuciñas que grao a grao fan un montón de fariña.

A vila sigue o seu curso. Tres anos de mandato e só as obras do plan “E”. Polo demais, uns simples obradoiros cunhas cantas persoas para cobrar logo o voto correspondente.

Chama moito a atención a reestruturación do xardín das piscinas, porque os veciños se preguntan de que alí non caben os operarios, porque ven máis que metros cadrados de superficie.

O campo dos Remedios sufriu unha tala masiva de piñeiros. Non hai forma de que aprendan doutros lugares, onde plantan antes de cortar. Falta de sombra para cando se celebre a romaría da Virxe dos Remedios, aló polo día oito de setembro. Os romeiros buscarana, pero só aguantarán o raios do sol.

Os taxistas manifestáronse diante do concello para ser recibidos polo “patesi” verinés.

Pouco a pouco, os veciños van perdendo o medo. Ó parecer foi boa a decisión da Policía Local manifestarse na capital, polo que outros toman a mesma decisión. É bo que  a xente salga á rúa para reivindicar servizos. Esperemos que non haxa que facer o mesmo coa privatización da auga e outra que nos espera.

Aos primeiros que lle quixeron tomar o pelo foio os de Tintores. Pero non picaron.

O Támega sufre outro tanto. Só lle da por querer tapalo. Que non lle entre un simple raio de luz. Queren que morra. Que non teña vida. A sorte é que a plantación foi cativa e colocáronos en terreo pobre, polo que non prenderán.

Por fin recolocaron unha pasarela na ponte do Melo. Así os de Pazos poden gozar dun atallo.

 

Feiras e festas do Lázaro

Miña cara señora María: todo quedou en xogos infantís e xogos de veteranos. Os demais non existen na vila. Isto ocorreulle a estas festas, que non hai quen lle de un empuxe para polas como daquela.

Lusos, poucos e o de recibir ás autoridades na casa consistorial, menos. Agora abusan da figura do Cigarrón ou Peliqueiro para todo. Ata que aburren coas cousas non paran!

Encheron o Pavillón de stands, pero o atractivo era cativo. Pode que se note a crise, pero tamén pode que a xente estea cansa de tanta festa no mesmo trimestre.

Por certo, os veciños raiotos pouco se deixaron ver. As campañas publicitarias das feiras e festas de San Lázaro só estiveron na ondas en boca dunha persoa indirecta ao concello, porque institucionalmente non existiron.

Debeu ter vergoña do programa festivo, por consideralo pouco representativo para a categoría da vila de Verín, sobre todo tendo coñecemento doutras épocas e sobre todo por ser a máxima representación municipal, polo que pouco se lle encheu a boca, ou aínda non dixeriu a derrota do trinta de xaneiro.

Pero Verín é así. Non hai quen busque outros alicientes para colocala na cota adecuada, porque se nota que isto corre cara embaixo.

A culpa non a quere ninguén. Xa dicía a miña aboa que a culpa quedou solteira, por moi vinculeira que fose.

Os que non fallan son os invitados familiares que, ano tras ano, apúntanse ás viandas, porque na mesa sempre hai cabrito, que é o mellor prato gastronómico que se pode inventar para representar a nosa bisbarra.

Non deron noticias do concurso gastronómico, como outros anos, polo que debeu ser pouco interesante. Tampouco apareceu nos medios de comunicación a “nosa” Secretaria Xeral de Turismo, promovendo e dando ao evento o impulso necesario, que tanto pregoou, cando era concelleira en Verín. Daquela sería para xustificar o inxustificable dos seus honorarios.

Quenes non faltaron foron o Xaquín e o Marcelo. A estes impórtalle pouco o programa , porque só desexan vir a Verín para pasar o rato e chegar tarde a casa, porque así considéranse homes. Cartos trouxeron poucos, porque só miraban e non tiraron coa escopeta de balotes e non rubiron aos cabaliños nin a nora.

O que si tiñan nas mans eran uns bocadillos cheos de hamburguesas, caéndolle a salsa pola barbela embaixo, como se nunca comeran, cando eran moito mellor aqueles chourizos que lle daba a súa nai que, protestando, trouxéronos para aforrar en comida.

Non puideron xogar ao futbolín no Bar Angel, nin onda o Pelís nin no Bar Alfonso, porque a vida cambia e uns desapareceron e  outros evolucionaron. Agora xógase á “diana”. Non coñecían este xogo.

 

Pili

Miña cara Pili: é bo que as persoas que estades fora da vila teñades añoranza dela e que dedes unha opinión como ti nos fas no xornal do día 24 de marzal. A túa sinceira e histórica visión sobre o noso caro Verín está chea de verdades. Non fai falta un agudo olfato para catalogar as carencias das que adolece en beneficio da nosa moi amada Aquae Flaviae. Perdeu o tren no que soubo rubir Chaves.

A culpa non a quere ninguén. Gobernouse sempre dende a dereita e a base de decretos, chámalle didactorialmente. Poucos gobernos de esquerdas e sempre en comnivencia con outros partidos. O seu tempo foi insignificante e pouco influínte no desenrolo da vila.

Podo suxerir unha simple anécdota sobre algo que puido axudar a camiñar, pero que ainda a día de hoxe non hai nada de nada, como foi a inclusión de dous puntos no programa do Partido Popular do ano 1995, que son a comunicación coa autovía das Rías Baixas, do Polígono de Pazos, por Queizás e unir Verín con Chaves, con sendeiros a ambos lados do río Támega, colocando pasarelas e adecentar áreas de recreo e lugares de pesca.

Estou convencido de que non lle interesa que este pobo esperte a certos grupúsculos, que viven das esmolas municipais, polo que non se deben tocar as estruturas sociais, porque se poden perder as prebendas que se teñen.

Cando se lle entrega a “xoia da coroa” a unha empresa privada a cambio de cobrar cinco anos seguidos, para pagar débedas, e se deixa ao pairo o soldo dos empregados municipais e non hai ninghunha manifestación... algo falla nesta triste terra tamagana.

Cando só se ve crecer Infistela e non hai quen revolucione o pobo e cando saímos nas páxinas centrais dunha revista semanal, de ámbito estatal, e non se enche a vila de fotocopias, algo moi forte ten que pasar, para que non haxa un tipo de manifestación ou espontaneidade, que denuncie todas estas agresións.

Claro que Chaves creceu e rubiu no tren do progreso, porque soubo crear as bases adecuadas para estar aló nas europas, dende o ano 95-96.

Verín non soubo estar ás alturas, porque o orgullo de estar por enriba da vila lusa, naqueles anos, non lle permitía estar nas mesmas asociacións que deron o froito que hoxe se ve. Aquel “chovinismo” verinés foi o culpable deste atraso do que ti ben falas no teu artigo.

Chovinismo de perxonases que dirixen o Concello de Verín, pero que en épocas de vacas fracas quixeron aproveitarse, pola lonxanía co goberno do bipartito santiagués, creando a eurocidade Verín-Chaves, para saír nos medios de comunicación e por se aínda quedaban algo de cartiños en Bruxelas. Por agora, o único que trouxeron, foron postos de traballo para os amiguiños.

Como exemplo pódese ver a obra do río Támega en Verín e a obra do río Támega en Chaves. Que pertos e que lonxe estamos!

Pero se miras, simplemente, a maneira de acondicionar as beirarrúas xa che demostran como se fan e como queren as obras públicas. O gusto polo ben feito é a mellor propaganda de vender as súas vilas e cidades por doquier.

Para que vexas como progresou Chaves, debes saber que os nosos cativos disfrutan do parque infantil flaviense porque os seus pais os levan aló. Isto algo quere dicir. Unha aperta.

 

Canella Cega

Miña cara señora María: hai tempo que non se a ve pola rúa. Seguro que esta invernía non lle permite pasear, por iso non se decatou do alagamento da Canella Cega. Se vostede puidese camiñar faríao, coma sempre, polas rúas da vila e non deixaría de visitar Infistela.

A lomba onde se encontra tivo as consecuencias derivadas dunha mala planificación por parte dos enxeñeiros que proxectaron as canalizacións subterráneas dunha zona lacustre que agora demostrou querer recuperar o que sempre foi, unha pequena lagoa.

Recordará que os propietarios das leiras e viñas do lugar tiñan que acceder, perante o inverno, polas paredes que delimitaban as propiedades ao longo do camiño, porque non se podía camiñar xa que estaba cheo de lodo e auga. Máis ca un camiño era a saída natural das augas que se acumulaban naquela charca, que se formaba cando as choivas cargaban na zona da estrada de Castela e do pobo de Abedes.

Por certo, cando os rapaces da vila ían roubar uvas, accedían por un pontillón de lousa, despois de deixar o camiño habilitado por enriba das paredes, que tiñan as fincas. Todo aquilo era unha zona tipicamente rural, con todas as consecuencias que se podían derivar daquel asentamento lacustre. Corredoiras que facían de regatos e regatos que facían de camiños. Todo iso era a canella Cega.

Co tempo converteron a zona en urbana, facendo daquela corredoira unha rúa, pero a natureza non perdoa e quixo recuperar o seu lugar, polo que recuperou a súa antiga función, que era facer de desaugue natural da acumulación das augas perante os invernos.

Así fixo de regato, polo que os baixos dos edificios enchéronse de auga e os propietarios intentando recuperar os seus coches, ante un posible deterioro.

Seguro que os redactores dos proxectos non tiñan coñecemento do lugar e tampouco foron postos ao corrente, por parte das institucións locais, para que desen unha resposta axeitada a este tipo de problemas climatolóxicos.

Era curioso ver a canella Cega chea de auga e baixo ela unha capa de asfalto en quente e acabada de pintar, delimitando os pasos de peóns e calzadas, convertida en leito natural dun regato.

Pouco lle serviu pavimentala e pintala facéndoa a mellor rúa de Verín, se está condenada a ser o que sempre foi, porque está na cota máis baixa de todas as rúas da vila.

Claro que por alí circula un coche novo polo que había que eliminar as fochancas, porque sufrían os amortecedores e a columna do condutor e pode ser unha ruína para Verín que se malogre o propietario.

Con isto demóstrase o mal que se empregaron os cartos do Plan “E”, por parte de quen debe dar solucións a estes problemas, que soporta a vila de Verín.

 

Stand

Miña cara señora María: se vostede, cando sae da misa, vise un sombreiro ou unha gorra no chan, ao lado mesmo da porta, nunca se lle ocorrería botar un céntimo, porque non sospeitaría que o mendigo ou a persoa necesitada deixaría soa a súa representación para pedir limosna. Isto que lle estou a contar pasoulle ao stand do concello de Verín, na exposición de “Xantar”, aló en Expourene, perante este fin de semana.

Coitadiño do stand, porque tiña que facer de todo. Recibir aos visitantes. Repartir propaganda e dar a coñecer toda a amalgama de curiosidades, que se lle poden ofertar aos posibles visitadores de Verín.

No medio daquelas manifestacións de coloridos por parte doutros concellos, Verín optou por ter nove metros cadrados para expoñer as súas fontes e pouco máis, nunha simple estantería, e nun caballete cunha banderola coa festa do Lázaro. Para tan pouca cousa, tampouco se necesitaba azafata que estivera pendente dos visitantes e dese unha cativa exposición do que Verín e bisbarra teñen.

Triste e solitario aquel stand no medio de tantos, que presumían dos seus encantos e ofertaban degustacións das súas gastronomías.

Por certo, faltaron tamén os restaurantes verineses, que antano montaban o seu comedor, dando a coñecer os productos de horta e de casas dos pobos da bisbarra.

Sen embargo estaba, coma sempre, o Consello Regulador, competindo con viños doutras denominacións, para dar a coñecer os bos caldos que se están a preparar, dende hai uns anos para acó. Por certo, buscaron o mellor sitio de ubicación, dentro da exposición. Como pensaban non ter azafata, por aforrar uns cartiños, decidiron colocalo na entrada mesmo da porta principal, polo que non te percatabas de que aquelo era un stand ata que saías.

Parecía o sombreiro do mendigo, pedía pero non tiñan a quen darlle os cartos, polo que a xente non botaba, porque non tiña quen de agradecercho e desconfiaban de que outra persoa podía deixar o sombreiro valeiro por falta  de cuidador ou amo.

Así son as cousas deste concello. Quere pero non pode.

Pódese afirmar que está no mellor momento de darse a coñecer, porque ten ben colocada na Xunta de Galicia a outrora ben pagá, María del Carmen, como Secretaria Xeral de Turismo, e algo pode facer pola terra que a aupou á política e como consecuencia a ese posto que desempeña.

De todas as formas, é triste que non sexan capaces de darlle a Verín outra categoría e poñan a disposición deste concello todo o que faga falta, para darlle un empuxe e convertilo en punto de referencia balnearia ou ben de recuperar aos agüistas de antano, para realzar o que daquela era coñecido en todas as bisbarras de Galicia e das zonas limítrofes de Zamora e León.

Ou non saben ou non queren, porque están no lugar que por cartos non debe ser. Noutras etapas anteriores non se facían estes desaguisados e en algunha exposición ata o señor Presidente da Xunta de Galicia, don Manuel Fraga diu noraboas polo stand en Silleda.

Nin O Lázaro souberon anunciar, porque aquela banderola tiña pouco gancho e menos sen unha persoa que o ofertara como festa do próximo fin de semana.

Verín, esperta, que te están a deixar que desaparezcas, porque esta “finquiña” debe ter pouco que mamar.

 

Viriato

Miña cara señora María: debería saber que a vila ten unha rúa que leva o nome de Viriato. No corazón do casco antigo, xa daquela, bautizaron a rúa co nome de quen, tal vez pensaron, fora o fundador de Verín.

Autores hai que tratan de confirmar esta afirmación, pero a historia sitúa a este caudillo lusitano, entre o río Douro e o Guadiana. Tal vez as súas incursións o trouxeran, nalgún momento, a esta bisbarra, pero as súas fazañas contra o invasor romano están lonxe de confirmar este feito.

Haberá que crear algunha beca, por parte das intitucións locais, para que estudiosos do tema poidan indagar nos arquivos históricos e que aseguren que, tamén aquí, loitou contra as lexións dos xenerais mandados por Roma.

A rúa está en Verín e leva o seu nome indistintamente de se foi ou non, quen colocou a primeira tenda neste lugar, para impedir o avance romano, na conquista da parte noroeste da península.

A súa especialidade era a guerra de guerrillas, aproveitando o coñemento da orografía, por ser pastor, para emboscar aos romanos e impedir seu avance. Parecía que este lusitano pastor era invencible, polo que os romanos tiveron que empregar a estratexia máis vella e compañeira do ser humano como é a traizón. Tres dos seus lugartenentes foron comprados e asasinaron a Viriato, porque no campo de batalla, no corpo a corpo, non foran capaces de sometelo.

O feito non debeu ser moi gostoso por parte do invasor, porque ao requerir o pago contestáronlle: “Roma non paga a traidores”.

O día trinta de xaneiro os rurais ourensáns tamén votaron dicindo: “A boina non paga a traidores”.

A historia galaica ten aconteceres onde se reflexa a vida dos indíxenas ao longo da existencia. Os irmandiños tamén se levantaron contra os poder establecido, porque os enchían a tributos. Tiveron que organizarse e demostrar que non estaban dacordo con aquela imposición, porque a terra non daba para manterse. Outra vez os da boina tiveron que enfrentarse aos do bonete. Como dicía Xerardo, os do xacho venceron aos do bolígrafo, no congreso popular de Ourense. Mellor dito, os da aixada venceron os da pluma estilográfica.

Tamén Zamora tivo longos anos a representación de Galicia nas cortes de Castela e León. O voto dos procuradores zamoranos era quen decidía polos galegos naquela época.

En Ourense, o trinta de xaneiro do presente ano, repetíase o mesmo. Madrid e Santiago xogaron a ter a representación dos ourensáns, pero encontráronse co “Viriato” ourensán e nin a traizón puido con el.

Non só houbo traizón, tamén desertores, que desexan que os postos das listas electorais sexan cubertos por persoas foráneas. Que non coñecen a provincia. Que aceptan as directrices dos que os colocaron, para ser deputados, e non defenden os intereses da nosa terra.

É triste que persoas que non saben situar a Ourense nun mapa teñan a súa representación, ocupando os primeiros postos de saída, nas listas, e sirvan só para levantar o dedo, non sendo capaces de reivindicar nada para Ourense, pola súa obediencia debida.

O “viriato ourensán” imprimiulle carácter e loitou para que isto non se dera e saíu victorioso, a pesar das traizóns, porque coñecía mellor co Viriato a terra por onde se movía. Foi mestre de escola polos pobos da provincia e tamén revisor da empresa Mangana, polo que o carácter rural non lle era descoñecido.

Baltar non permitiu que Ourense fora colonizado por santiagueses e madrileños. Baltar, pastor ourensán, venceu aos xenearis romanos, Feijóo e Rajoy.

 

Carnaval

Miña cara señora María: dez días de entroido son moitos días. Pero Verín é así. Non debe haber crise ou debe haber moitos cartos aforrados da época da emigración, porque ninguén levanta a voz protestando, xa que as industrias, comercios e escolares son víctimas deste programa con moi pouco sentidiño da realidade.

A bisbarra está desolada pero á festa apúntase todo quisque. Non importa gastar. Deben vir os cartos por arte de birli birloque.

O importante é pasalo ben e, coma sempre, os grandes beneficiados son os restaurantes e bares. Tamén os amigos lusos, porque nesta ocasión, ampliaron os días festivos locais, polo que a xente escapouse para Chaves, porque os comercios estaban abertos. Botando clientes fora!. Este é Verín, facendo votos para engrandecer a nosa ben cara vila flaviense.

Moitos días, pero isto vai cara abaixo. Ten que darse un xiro para intentar que non se derrumbe de todo.

Poucas ideas e copiando mal as da época do Sarria e logo do Prieto.

A sorte que hai é que existen personaxes para levantar este entroido, pero hai que dar con eles e que estean dispostos a dar o seu traballo para a comunidade verinesa.

Manter aquel nivel era lóxico que non se podía soportar, polo caro que saía, pero darlle un cambio recollendo elementos rurais para adapatalo as circunstanciais actuais é posible.

Este carnaval, e sobre todo o desfile, necesita de cambios que non o fagan morrer. Neste só se salvou unha comparsa, unha carroza e sobre todo o número de cigarróns ou peliqueiros.

Houbo xente que o tildou dun Lázaro máis, pola falta dos elementos característicos e indíxenas da vila.

Se souberan do “pregonillo” do Mirito non lles faría falta recurrir a repetición de ano tras ano do acontecer na praza o xoves de Comadres. Por certo, dalle ambiente a Verín con ese evento de celebración do mércores de precomadres.  Iniciativas deste tipo fan que o carnaval siga o seu curso, por iso hai que arroupalos coa colaboración adecuada.

Hai que recordar que estas festas entroideiras da vila sempre estiveron promocionadas polos veciños que estaban fóra, porque traían amigos que se divertían e facían de bos emisarios falando do ben que o pasaban.

Unha curiosa anécdota pasoulle a un enxeñeiro que foi invitado por un compañeiro de traballo a disfrutar destas festas. O tal, pensando que todo o monte é ourego, entrou no casino e sentouse nunha cadeira, coas pernas cruzadas, para levantarlles as faldas ás mozas.  Algunhas soportaron, pero chegou unha das da praza, musculosa e pequena, e deulle un pescozón que o tirou ao chan.

Daquela o carnaval facíase no casino, no bar Aurora, no café Novo e no Buenos Aires, polo que era máis acolledor e  familiar.

Haberá que recuperar ao Fausto para que recorra as rúas botando cinsa dun lado ao outro, porque así era o carnaval.

Haberá que sentarse e escoitar aos maiores para que conten como o facían, pero tamén haberá que deixar que os novos tempos inmersionen os seus elementos para que todos fagan que a mellor festa perdure no tempo.

O que si ten importancia é o Támega que fai que se unan Oimbra, Verín e Laza, porque beben das súas augas e si el está, tamén teñen que estar os tres pobos na mellor festa carnal.

Viva o entroido!

 

Presidente

Miña cara señora María:  se vostede estivera no Paco Paz seguramente contaría con máis detalle o que aconteceu aló.

Como vostede está entrada en anos non puido achegarse ata a capital, porque necesitaría dun transporte especial. A non ser, que o aseu voto fora imprescindible para aupar á presidencia ao verinés desleal.

Cadaquén arrimou a ascua á súa sardiña, destacando os medios xornalísticos, que estiveron baixo o paraugas da Xunta de Galicia.

Coma voitres se portaron coa familia Baltar ao longo desta campaña cara a presidencia provincial do PP.

Un urra para o xornal, “La Región”, que se portou coma un xabato na defensa de MB. Todos contra Baltar e todos contra “La Región”. Saíron vitoriosos, por iso esta loita soubo a moito máis. Unha loita pírrica.

Pasaba das nove da mañá e o aforo do pavillón estaba bastante ocupado, polos compromisarios e invitados ao evento popular.

Polo corredor central, cara o posto asinado, camiñaba, estilo “Obama”, o aspirante raiano, acompañado da súa dona e o seu fillo cativo. Faltaba a filla.

Nin bos días, nin mirada, nin xesto, nin acercamento cara o anfitrión, o seu “pai político”, que como bo capitán estaba no seu posto. A educación foi sempre a súa debilidade, mellor dito, a súa gran carencia.

Entre as voces da xente, os altofalantes anunciaban outra impugnación máis, comunicando que se faría efecto no momento de ir a votar os supostos compromisarios irregulares. Esqueceuse de cando en Verín gañou irregularmente, polos mesmos motivos de agora. Daquela a impugnación non seguiu seu curso, pero agora bota man dela para gañar. Que fraca memoria ten!. Agora si que fixo o ridículo, non como dixo nas ondas daquela. Agora todo o mundo o soubo, porque os medios de comunicación fixeron eco, desta guerra, onde o fin xustificaba todos o medios que buscaron. Este congreso pasará a historia pola traizón e polas impugnacións.

Toma a palabra Xosé L. Baltar. Rube ao estrado e comeza a dar conta da súa xestión ao longo dos anos que exerceu de presidente do PP de Ourense. Boas verbas para todas as persoas que estiveron o seu carón e foran leais.

Dende as bancadas de enriba outeábase o ambiente. Os aplausos ían marcando os posibles votos e tomaban importancia aqueles que non se deixaban levar polos impulsos de agradecemento, polo que a diferenza ía tomando corpo para diagnosticar o posible gañador. As cadeiras estaban definidas, polo que o gañador ía ser Manuel Baltar. Nas bancadas de Verín non aplaudían.

Aplausos e clamores de entusiasmo, ante as verbas do presidente saínte, resoaban dentro do recinto. O público sentíase vibrante ante quen soubo estar o seu lado nas súas necesidades. E iso que o presidente da mesa, outro fuxido, chamoulle a atención, porque daba as grazas aos presentes.

Baixou do estrado ante as frases de : “Baltar presidente!...”. Foi saudando ás persoas da primeira fila, pero parou na súa cadeira, aínda que estendeu a man para saudar aos seguintes da ringleira. Non quería encontrarse co candidato raiano. Estaba doído co seu comportamento.

O discurso do verinés debeuno facer un aprendiz, porque a palabra “lealdade” saíu da súa boca e de súpeto gritos de: “ fóra!, fóra!, fóra!,...” soou por xeración espontánea. Pouca categoría e pouco nivel. Unha cousa quedou clara: a gran diferenza de preparación cultural, política, etc... entre os dous candidatos. Pero a ousadía é a ousadía. Notábase derrotado.

Cando se dirixía á súa cadeira despois de rematar de ler o pobre discurso tamén empezou a saudar aos convidados da primeira fila. Chegou ata Baltar, que, por certo, estendeulle a man, pero nun xesto de desprezo, soubo, sixilosamente camiñar, en crequenas, ata ó seu fillo, colocándose fronte del, para que non se deran a man, cando chegase á súa altura.

Tempo de votar e, de súpeto, abrazos e alegrías nunha parte das bancadas. MB tiña máis votos, polo tanto, novo presidente do PP ourensán.

Como curiosidades hai que destacar un par delas. A primeira foi que cando o raioto lía o seu discurso, o exconselleiro das “vacas tolas” saíu para fóra, seguro que a botar un cigarro. A segunda foi que a Secretaria Xeral de Turismo colocouse entre dous concelleiros de Verín, charlando todo o rato e, como colofón, desapareceron do recinto deixándoo só, cando todo o mundo ía saudar ao vencedor.

Daba pena, pero buscouna. Viviu a soidade do vencido, vendo a alegría do gañador.

Os da boina gañaron aos do bonete. Os rurais venceron aos urbanitas.

Grazas a Baltar, que soubo imprimirlle carácter de indíxenas ourensáns.

 

Traizón anunciada

Meu caro Baltar: é curioso que che pasara a ti isto. Hai un evanxeo de Xudas, no que se recolle, que foi Xesús, quen mandou a Xudas, que o traizoase. Supoño que ti non farías iso.

Cantos bicos che deu e cantos sen sabores che fixo tragar para pagarche con esta moeda!

Do que gostaba era de cando te ía esperar ás aforas de Verín, rubía no teu coche e aparecía ao teu carón, porque quería sentirse e aparecer ante o pobo, como o teu fillo político e tamén sentirse importante. A importancia está no maxín, non na figura.

Coñecer, debíalo coñecer ben ou teño que recordarche aquela xuntanza nun restaurante ás aforas de Ourense, onde che foi falar de Manuel Baltar, porque estaba a provocar envexas nos políticos locais, que non participaban nas súas xuntanzas, cando fora Delegado Provincial de Agricultura? Eran verdadeiras envexas, pero ti participaches estoicamente naquela conversa-cea, bis a bis.

Algún queríao quitar do mapa político, xa daquela, porque era un rival máis na carreira, cara a presidencia provincial do PP. Xa choveu!

O camiño ata chegar a ti preparouno moi detalladamente. Non lle chegou ter una relación política, senón que quixo terte máis perto, polo que tratou de gañar a túa amizade e, sobre todo, chegar a ter unha relación case familiar, polo que invitou ao teu fillo Luís aos carnavais e fins de semana, converténdoo en “padriño” do seu fillo, co fin de ter unha íntima relación para gañar, aínda máis, a túa confianza.

Mistura todo con tal de saírse coa del, aínda que sexa unha traizón. Estaba preparado para facelo, porque o tiñas no Comité de dirección do Partido, polo que a información éralle privilexiada.

Cada problema que creaba, pola súa actitude antidemocrática e de chulería cos compañeiros, chámabate e presentábaste en Verín para calmar a tempestade da política local. Sempre aparecías no momento que te necesitaba e, agora, págache con esta traizón.

Viviches a sangría de compañeiros, que se marcharon do seu lado, porque o seu comportamento é de "ordeno e mando".

Gañou as eleccións ao Comité Local, incumprindo os estatutos, e agora reclama axuda a Santiago. Desconfía ata da súa sombra.

Leva en política case vintecinco anos e quere ser “renovación”. Está no posto máis solicitado polos políticos de calquera partido, postos a dedo, aupado por ti.

Se ti souberas o concepto que ten de liberdade e democracia seguro que obrarías doutro xeito. Ordenou desenlazar a páxina Web do concello co meu blog. Deu orden de eliminarme do taboleiro de escritores locais, da mesma páxina, e para máis “inri” gasta toda a súa enerxía en chamar aos responsables, provinciais e rexionais, dunha emisora local para que non lea as miñas “Crónicas Tamaganas” cada semana, e salgan nas ondas.

Se souberas como “delega” nos concelleiros terías, coñecemento de primeira man de como ordena e manda. Ningún concelleiro tivemos, nin teñen, firma en cada departamento. Nin deixa que propoñas un orzamento, coa súa memoria, para ser incluído no orzamento xeral.

Un dos ex-tenentes de alcalde, cando soubo dunha lista alternativa en Verín, expresou a seguinte frase: “son uns suicidas”. Este si que o coñece ben. A el expulsouno do partido sen darlle audiencia.

Quérelle tanto ao Partido que na conta bancaria, onde se pagan as cuotas, o titular é el. O Partido Popular de Verín non ten conta nin NIF, coma calquera asociación ou comunidade de veciños. E quere levar a Ourense o que fai en Verín!

Trampeou con dous mil afiliados para ter os compromisarios correspondentes, en cada congreso, e poder negociar as súas prevendas, cando nestas eleccións se comprobou que só foron votar cincocentos sesenta con dereito a voto.

Debería mirarse nos familiares, que acudiron a votar o día trece, para arroupar os postos de traballo, da maioría dos compromisarios, porque foron leais e non coma el.

Nembargantes, meu caro Baltar, é triste que teñan un concepto tan degradado dunha persoa, para buscala co fin de traizoar ao seu “pai político”. Este feito pasará a historia da provincia de Ourense e estudarase como exemplo de traizón política nos círculos correspondentes.

Agora ben, as cousas tamén hai que tomalas según de quen veñan. O único programa que ten é o catálogo das plumas estilográficas e dos móbiles.

Vaia o meu apoio a Manuel Baltar, que si ten un programa e un compromiso coa provincia de Ourense, porque en Santiago, os de Ourense, séntense moi sós.

 

Verinés

Miña cara señora María: todo o meu gozo metido nun pozo.

A miña esperanza dunha renovación do Partido Popular ourensán, ao estilo do goberno da Xunta de Galicia, quedou no baúl dos recordos, cando nos medios de comunicación e políticos, dirixidos dende Santiago, aparecen tomando postura por un deles.

Un personaxe que leva en política, case vintecinco anos e nun dos postos máis solicitados por todos os adlátares, de calquera partido, como é o de ser Conselleiro Delegado de RTVG, resulta que conta coa bendición dende Santiago.

Por certo, este posto non é producto do seu traballo, senón dos que arrimamos o ombro. Primeiro para que chegase a alcalde, e logo, ser proposto polo presidente provincial, o señor Baltar.

Fraco favor lle fan ao partido ao ter que recurrir a un personaxe que Roberto Verinno calificou, na prensa, de “calaña”.

Os problemas con Ourense ou co señor Baltar non se poden solventar co “apoio” a esta clase de individuos. Máis  aínda, a ferida política, que ao parecer non está pechada, quérese curar coa antítese a unha necesaria renovación do partido en Ourense.

O PP ourensán ten persoas preparadas e de talante negociador. O único problema que ten Manuel Baltar é que leva o apelido Baltar. Pero recurrir ao Torquemada verinés é un insulto aos afiliados ourensáns. Se se perdeu indo ao Barco nesta campaña, cómo intenta que recabe apoios, co seu visto bo, se non coñece a xeografía ourensana?.

O concepto que ten liberdade podo resumilo en tres puntos:

Primeiro: deu orden de cortar o enlace da páxina do concello de Verín co meu blog.

Segundo: deu orden de eliminarme do taboleiro de escritores, tamén da páxina do concello, cando teño un libro publicado pola editorial Everest e colaborei, nos do concello, onde aparece el, firmando os prólogos.

Terceiro: para máis inri, gasta toda a súa enerxía en chamar aos xefes dunha emisora local, para que non lea as miñas “Crónicas Tamaganas" cada semana. Menudo demócrata!

O concepto que ten de “delegar” nos concelleiros resúmese nunhas verbas: “ningún concelleiro tivemos firma, en cada concellalía, e menos facer o orzamento, coa súa memoria correspondente." A isto chámalle delegar, estar baixo o seu mando único.

Debería aprender dos familiares dos traballadores do concello, que se comportaron con toda lealdade para con el, o día trece, acudindo a votar. Que pasaría se lle fixeran como lle fixo el ao seu pai político?. Seguro que algún cobra de soldo, cada mes, dez veces menos ca el, pero alí estiveron para manter o posto de traballo dos parentes. Iso é ser leales!. Non o del.

Desta lección non aprenderá e isto non queda aquí. A súa traizón é un aviso para navegantes.

Mire se llo coñecen ben en Verín, que un dos ex-tenentes de alcades expresou a seguinte frase, cando viu que había unha lista alternativa á del, que recibiu noventa votos: “valentes, pero son uns suicidas”. A este expulsouno do partido sen darlle audiencia.

Que concepto deben ter del os que o arroupan, xa que ningún diu a cara e recurriron a el, porque sabían que se convertiría nun traidor. É triste, para unha persoa, que te usen deste xeito e que saiban que eres así.

É tan demócrata e ábrenos as portas a todos os afiliados, que levo seis anos sen ser convocado a ningunha reunión do partido. Pago a cuota nunha conta onde reza de titular o seu nome e outro, e de NIF o seu número do carné de indentidade. Teño recibos do banco para demostrar esto. O normal é que, o PP de Verín, teña o seu NIF e o seu libro de actas como calquera asociación ou comunidade de veciños.

Xogou co número de dous mil afiliados moitos anos, para ter os compromisarios correspondentes en cada congreso e poder negociar as súas prevendas, cando nestas elecións non houbo máis que cincocentos sesenta con dereito a voto. A isto chámaselle ser demócrata.

Foi elexido presidente do Partido Popular de Verín, incumprindo os estatutos, como se demostrou agora. Daquela votaron sen estar ao día nas cuotas.

Voto Manuel Baltar porque ten un programa e, sobre todo, un punto que é o de defensor do afiliado. Onde está o programa do adversario? Só se adica a chamarlle a Baltar o que é el. Dígoo por experiencia.

 

Xudas

Xudas

Meu caro Baltar: é curioso que che pasara como a Cristo. Perdón por esta figura. Nos mentireiros políticos, nos curros dos bares só hai un comentario: "Son cousas do Baltar!", "está todo preparado!", "mandouno presentar!", "ao final intégranse as listas!, "todo é unha pantomima!"...

Hai un evanxeo de Xudas no que se recolle que tamén foi Xesús quen mandou a Xudas que o traizoara. Ao parecer é unha versión gnóstica do comportamento do apóstolo.

Cantos bicos che deu e cantos sen sabores che fixo pasar para que ao final remate desta forma!. Ata o último momento no te chama para anunciarche a súa candidatura!.

Pois coñecer, debíalo coñecer ben, ou teño que recordarche aquela xuntanza que tiveches con el nun restaurante, nas aforas de Ourense, camiño de Santiago, onde che foi a contar as cuitas que estaba a provocar o teu fillo nalgúns políticos da capital?. Non eran cuitas, eran envexas.

Algún estábase adiantando a este acontecer actual, por iso había que denigralo e apartalo, xa daquela. Ti non picaches, pero escoitaches todo o que che dixo serenamente.

Hai que ter morro para irlle falar mal a un pai do seu fillo, sobre todo en política!.

Aproveitou o momento no que non houbo ningún candidato arroupado por Santiago, polo que a conxuntura foille propicia para facelo, e apareceu, como se fose el. Estaba listo para traizoarte, ademais tíñalo nese Comité de dirección do Partido, a nivel provincial, onde tratades todos os temas, polo que a información éralle privilexiada.

Ti deixaches crecer a este personaxe, sobre todo nun lugar onde os votos da dereita están máis que sementados. Calquera persoa que encabece a lista do Partido Popular gana as eleccións locais. Aínda máis, mellorando os votos, porque este non da máis de si. Mantense na maioría raspada e nunca superou a suma dos votos da oposición.

Deixáchelo facer o que quixo. Convocaches as eleccións ao Comité Local de Verín, porque houbera reclamacións de afiliados.

Gañou aquelas eleccións incumprindo totalmente os estatutos do Partido Popular e así foi crecendo ata pagarche con esta moeda.

Compartiches con el a sangría de compañeiros que marcharon do seu lado, porque o seu comportamento é de ordeno e mando. Pódoche afirmar, porque o vivín, que non hai palabras nos dicionarios de todas as Reais Academias das Linguas do mundo que o poidan definir.

Nestes intres estou contento porque el mesmo se definiu con esta actitude co seu “pai político”, polo que confirma a opinión de todos aqueles que o tiñan ben catalogado. Isto é un aviso para navegantes políticos. Que lean neste comportamento. Válelle calquera partido con tal de estar na poltrona!.

Fuches o seu “pai político”. Cada problema que creaba, polo seu comportamento antidemocrático e de chulería, cos compañeiros, chamábate e presentábaste en Verín para calmar a tempestade da política local. Sempre estabas e aparecías no momento que te necesitaba e agora págache desta forma.

Nunca te preguntaches o porque non foi electo presidente da Mancomunidade. Aí tes un elemento que o debiches analizar, para coñecelo mellor.

Como xestor, na política, poño dous exemplos. Nada de parques empresariais e máis de mil persoas apuntadas para optar a un posto dos tres obradoiros concedidos. E a súa xestión quérea elevar á provincia!.

Pero, non te preocupes, porque ti non estás colgado na cruz e podes seguir, a pesar desta traizón.

 

Paseo

Paseo

Miña cara señora María: se vostede puidera permitirse o luxo de dar una volta polas rúas da vila encontraríase con situacións difíciles de comprender. Vostede só pode cumprir coa encomenda que lle ten súa filla. A de recoller ó netiño ás horas que ela está no traballo. E para iso fai un gran esforzo co seu xeonllo, porque nesa rota non hai un par de cadeiras onde poida descansar. Así trata este pobo aos seus maiores, sabendo que son a sabedoría da experiencia.

Non se debe preocupar, que aos novos non lles fai mellor trato, porque para uns simples obradoiros, dunhas vinte ou trinta prazas, presentáronse máis de mil duascentas persoas. Que porvir nos espera!

Os veciños quedan abraiados e pola súa maxín pasan ideas que non poden ter explicación a hora de entender a execución de certas obras. Andan a soterrar os colectores do lixo na calzada da estrada internacional de Portugal. Saberá que cando se intenta facer unha obra deste tipo hai que molestar o menos posible aos veciños, que se senten prexudicados, polo tanto débese buscar o lugar de ubicación que menos dane aos negocios lindeiros.

Ademais, este lugar por varios motivos é o menos axeitado para colocar os colectores, porque non son estéticos, porque atrancan a circulación á hora de recoller o lixo e ademais na tenda que está ao lado poden minguar os clientes, polo cheiro que poden botar en calquera momento.

Ante a protesta dun veciño o que fixeron foi desprazalos uns metros cara o outro. Moi boa solución! Ispen a un santo para vestir a outro!

Non haberá problema señora María, dende o concello cargarase sobre os veciños. Verín recibe as culpas de todo o que está mal ou non funciona.

Que pinta no cargo se non asume as responsabilidades que lle concedeu o pobo nas eleccións!

Non recoñece a súa inoperancia. Quere súbditos, non persoas que esixan!

Aínda que os veciños teñan culpa haberá que facer campañas de concienciación, porque unha casa límpase todos os días, ou, el non?

O problema xorde cando non se ten educación e non se lla pode transmitir aos veciños que recollen o que ven e escoitan dos dirixentes.

O propietario do local máis prexudicado pode que reclame, pero non haberá problema, porque paga o pobo. Coitadiño pobo!

A corenta ou cincuenta metros de distancia hai un lugar que debe estar esperando para ser ocupado por colectores, que se chama rúa Correos, por detrás da Sindical. A ambos lados calquera sitio vale.

Por suposto, non carrexa ningún problema e menos protestas de veciños ou propietarios de locais comerciais.

Decisións caprichosas e falta de táctica política, señora María. Dende o poder hai que amedrentar. Así non se move ninguén.

É a máxima municipal.

 

Auga

Auga

Miña cara señora María: tantas veces foi o intento de privatizar a auga na vila de Verín, que por fin conseguiuno o “taifiñas verinés”. Tiña razón o Toca cando decía que polas rúas de Verín andaba un golfiño sen espina.

No 2002 acercouse por estas terras e non quixo esquecerse delas, por iso deixou unha cría para que seguise a causa e se amamantase daquelas dádivas. Poucos recordan aqueles acontecementos no concello de Verín. Un dos tenentes de alcalde foi expulsado do partido, coma se fora un apestoso, porque tiña outra maneira de pensar acerca da privatización da auga.

Defendía a proposta doutra empresa, porque lle parecía que era máis rentable para o Concello, porque se facía cargo dos empregados municipais encargados da auga municipal e ademáis ofertaba unha cantidade económica parecida a do golfiño.

Aqueles actos demostraron como funciona un partido político presidencialista-dictatorial no concello de Verín. Sen escoitar as partes, sempre por manifestación do señor Lucas, tomaron o acordo de expulsalo do partido.

En poucos días déuselle esta solución, a pesar de que algúns compañeiros manifestaran, que se debía esperar a setembro para dar unha solución máis política, por necesidade imperiosa do número de concelleiros para acadar o número suficiente en cada votación, porque coidaban que se podía reconducir a situación.

O problema era ou fora outro, que naquel momento ninguén chegou a pensar, pero visto este presente, a auga está moi clara.

A mesma empresa, que daquela defendía o rexedor, acada agora definitivamente a adxudicación por vinte e cinco anos. Onde estaremos nós!

Pouco importa ver os exemplos dos servizos, que levan varios anos privatizados, que non teñen aos veciños contentos e que os da oposición, de cando en vez, denuncian. Pero nin caso dende o concello.

As afirmacións sobre os beneficios para o concello son de tal consideración que poñen de manifesto o pensamento do mandamais sobre os seus veciños. Pensa que son uns ilusos e que se creen todo o que di. Debería escoitar ao Manoliño o outro día no bar. Daquela boca saían verbas que todos os presentes asentían.

É paradóxico que neste concello se privatice un servizo, como é o da auga, e se queira municipalizar o da recadación, que leva varios anos en mans dunha empresa que consegue unha alta rendabilidade para toda a Mancomunidade. Ó mellor isto é unha xogada para buscar outros fins. Escóitanse voces de persoas inmersas neste tema de que hai que recurrir a estes ingresos municipais, algunhas veces, para facer outros pagos. A partires de agora empeñar máis ao concello. Pagan os veciños!.

Ninguén cre as dádivas da empresa e ninguén pensa que unha empresa privada ven perder cartos a Verín. Como empresa que é ten que gañar cartos, porque senón vai a deriva. A creación de calquera empresa e co fin de xerar riqueza. Aquí e na China. Só nunha maxín tan cativa pode suceder o contrario.

Miña cara señora María agarde ver se isto se produce así. Saberá que esta decisión de privatizar a auga non está no programa co que se presentou nas eleccións locais do 2004.

O instinto de ecolocalización ao “golfiño” deulle bo resultado.

Plan E

Plan E

Miña cara señora María: calquera persoa da vila se tivera que invertir os cartos do Plan E faríao dunha maneira máis racional e, sobre todo, trataría de dar solución aos grandes problemas que ten Verín. Seguro que buscaría a maneira de que o pobo quedara servido e que non serviran para que se servisen del. Noutro lugar darán “máis”, a pesar de que os veciños soportaron as obras que ao fin e ao cabo, non lle van dar ningún beneficio de futuro mellorable.

Xa o dicía o Marcelino o outro día no Toural e iso que non sofre as consecuencias e ruídos desta desafortunada inversión. De todas as formas, sabe o que quere e sabe o que di, porque empezou por numerar as obras que son moi necesarias no concello de Verín, como se estivese vivindo na vila ou tivera algún cargo de concelleiro. Por certo, sabe máis que moitos dos que se sentan nas cadeiras do salón de plenos do Concello.

As obras que Verín necesita son as seguintes: de carretilla dixo unha serie delas, que me deixou sen alento. Este é un bo veciño, porque sabe cando o enganan, polo que ten interés pola vida pública e ponse ao día.

A primeira obra que se debe incluír é o acceso ao polígono de Pazos. Ben polo Pracer, cara Queizás, para acceder a autovía das Rías Baixas, facendo unha ponte sobre o río Támega, ben polo acceso actual, enlazándoa coa N-525, no pobo de Pazos, aproveitando a construción de beirarrúas, para que os veciños  poidan pasear con seguridade. Un bo acceso ao polígono atraería a implantación de empresas cos conseguintes postos de traballo, para a bisbarra, que boa falta lle fan.

A segunda obra de máxima urxencia é unha pequena circunvalación pola zona norte, aínda que fose só unha parte, porque desconxestionaría o cruce do cine Buenos Aires. As beiras do regato da Rasela aínda se pode construír unha estrada con enlace coa N-525, pola finca dos Peláez, que facilitaría o tránsito cara Madrid e tamén cara Portugal, polo campo da feira.

A terceira obra sería a de construír as beirarrúas da estrada cara Vilela, porque son de extrema necesidade por ser zona de paseo dos veciños de Verín. Ante todo seguridade vial para os viandantes.

A cuarta obra do Plan E tiña que ser unha nova captación de auga, porque nas crecidas do río Támega a auga que chega ás casas é turbia, polos arrastres dos montes queimados. Dende a lagoa da finca do Miñambres, pola boa disposición dos novos propietarios, é fácil conseguir auga de calidade, porque non sería directamente do río.

A quinta obra sería unha canalización ao longo da estrada de Laza, dende o Hospital ata a estrada de Cabreiroá, enlazando coa rede xeral por Queizás, para recoller as augas residuais da zona este de Verín e liberar a rede do Camiño Vello de Queizás, para que cando entre en carga non anegue os baixos das casas do seu entorno.

Como remate das obras deste Plan incluiría unha obra tan necesaria e necesitada como é a separación das augas pluviais das augas residuais, matando dous paxaros dun tiro, como é que funcione mellor a depuradora e que nas rúas de Verín non haxa cheiros das alcantarillas.

Que razón ten este Marcelino! Deberíase presentar a alcalde!

Manolito

Manolito

 

Meu caro Manolito: contáronche o conto da leiteira e vícheste rico. A historia e vida do Manolito foi como a de calquera veciño da bisbarra que emigrou para saír daquelas miserias. Foi ás alemanias e gañou uns cartiños polo regresou e invertiu comprando, non un solar, senón unha finca.

O conto era o de sempre. Trazas unha rúa polo medio e logo vendes solares a ambos lados. A finca daba o camelo, porque está ben situada, polo que a inversión podíase recuperar en pouco tempo. Meteuse ao negocio, polo que non voltou máis para a Alemania.

Comenzou, como lle dixeran, trazando a rúa e tamén a adecentou con formigón, facendo unha calzada de oito metros de ancha, dende os bordillos das beirarrúas, polo que os compradores non ían a faltar.

Vendeu un solar no centro, no que se construíu un baixo, que por certo, aínda non hai moito, estivo funcionando un taller de carpintería, pero aquilo no continuou, porque as forzas vivas dominantes da vila, en colaboración co concello, non permitiron que seguise, porque era un intruso no negocio da construcción, daquela época. Estamos a falar da década dos sesenta, setenta e parte do oitenta.

O Manolito tivo que recompor súa vida e sempre estivo penando pola aquela posible urbanización.

Tivo unha oportunidade co PXOUM do 1998, porque  lle recollía a súa finca dentro dunha área de reparto, pero todo se foi ao traste, cando o PXOUM foi declarado nulo pola xustiza.

Esta rúa presta un gran sevizo á vila de Verín e confirmouse, neste verán, coas obras, polo que foi utilizada para desprazar a circulación por ela, xa que está preta da estación de autobuses.

Polas mesmas datas na parroquia de Tamaguelos vense a facer case o mesmo que fixo o Manolito. Hai unha finca, coido que rústica, e vendeuse a cachos, polo que os veciños que lindaban adquiriron as partes traseiras correspondentes as súas vivendas con dereito de paso, creándose unha serventía polo medio.

Esa serventía é utilizada polos veciños do barrio, porque lles facilita o paso cara a estrada de Portugal e debe ser bastante empregada, polo que da a sensación de ser un camiño de terra batida. Nesa serventía ou dereito de paso o Concello de Verín colocou tres postes de madeira e dous de cemento coas respectivas farolas para alumear algo que non é público.

Para solventar o tema ante as preguntas da oposición municipal pola suposta ilegalidade urbanística fixeron un documento de cambio de propiedade da serventía pasándolla ao pobo de Tamaguelos.

Meu caro Manolito, fai un documento de cesión da rúa ao pobo de Verín e así colocaránche farolas, que por certo fanlle falta, porque a túa rúa é moi transitada a pé polos veciños do barrio e tamén por coches. Ao fin os contribuíntes verineses corren cos gastos de ambas e a túa está case no centro da vila.

O que si che vou decir é que ti non fuches alcalde nin eres o señorito do pobo, polo que non che corresponden dende o concello de Verín da mesma maneira.

Un aviso para as futuras urbanización dos promotores de Verín. Fagan como en Tamaguelos e aforrarán moitos cartos en pavimentar as rúas e porlle as infraestruturas, é dicir, en facer os proxectos. Paga o pobo!

Din que hai unha Axencia da legalidade Urbanística da Xunta de Galiza, que está para estes desaguisados. Supoño que tomará cartas no tema.

Perdón, olvideime, Verín non ten PXOM.

 

Castelo

Meu caro Presidente da Mancomunidade de Monterrei: vai quedar sen nada!. Bótano das oficinas do Concello de Verín e fanlle alugar unhas co conseguinte gasto para a Mancomunidade.

Nin lle ofertan espazos na desocupada Lonxa, nin no famoso edificio transfronteirizo do Polígono de Pazos.

Estanlle debilitando a súa poltrona coa proposta da saída da recadación e pouco a pouco imos ver como a abandona totalmente, ata conseguilo quitar da presidencia. Logo volverá a normalidade. Buscará recunchos na casa consistorial de Verín, habilitando oficinas para ter todo controlado e non desprazarse porque se mancha, pero mentres, ten a mancomunidade neste impax.

Vostede debe coñecelo ben, porque a primeira falcatruada que lle fai non é ou, esqueceu aquela da xuntanza do Padroado da Fundación Hospital de Verín en Ourense?

Está noutras miras polo que necesita protagonismo e poder. Quere presidir a Mancomunidade polo que o vai ter sempre dándolle a lata. Emprega a ameaza sen disimulo, porque argumentos desa maxín non saen.

Deuse conta que dende que dimitiu Xan Carlos, portavoz do PSOE, sae pouco nos xornais polo que necesita que falen del, porque os de Santiago igual non se decatan e déixano sen un “postiño” na executiva provincial.

Seguro que a parafernalia do venres pasado estivo manipulada.

Non ten sentido que dende a Xunta de Galicia cursen un fax ao concello de Verín, comunicándolle que o Ministerio de Facenda cedía o Castelo de Monterrei á Comunidade Autónoma de Galicia. O normal é que ese fas chegase á casa consistorial de Monterrei, sita no pobo de Albarellos.

Cando suceden este desvaríos os respectivos concellos teñen no seu protocolo o remitilo a seu destino. Pero isto non sucedeu este venres, por que?. Simple e chairamente polo afán de protagonismo, nestes intres, e tamén pola descortesía política do autor do feito.

E non só non remite o fax ao seu destino senón que non o le ao pé da letra.

A xenreira contra o modisto de Verín, Roberto Verino, fixo que non aparecera no comunicado de prensa a palabra “moda”, sendo a primeira da específica narración, que o fax tiña dedicada aos destinos para os que ten que ser empregada toda a acrópoles.

Ante todo isto, meu caro Xosé Lois, colles o teléfono e antes de apagalo, preséntaste no concello de Verín, para acompañar ao “taifiñas”, na súa rolda de prensa, dos venres. Soubeches estar á altura correspondente, porque a prudencia é túa virtude e non quixeches montar ningunha liorta, pero cántas che leva feito?.

Quero crer que todo isto non sexa froito da incultura e ignorancia de quen mandou o fax a Verín.

Logo dirache que como había que dar tamén a noticia do acondicionamento do camiño real, cara o Castelo, e parte pertence a Verín, pois todo queda na casa, pero, en cal?.

Nestes intres de crise financeira o concello de Monterrei debería cobrar dereitos de imaxe cada vez que o concello de Verín emprega o castelo nas campañas de publicidade.

Debes ter coidado porque podes quedar sen castelo. Intención e orde hóuboa daquela.

 

D. Rodolfo

D. Rodolfo

Miña cara señora María: a bisbarra gozou sempre de persoas importantes no mundo cultural e científico. Pero a bisbarra non soubo, moitas veces, recoñecer a súa valía. O pouco que se fai queda reducido aos premios Taboada Chivite,  Carlos Caneiro e Antonio Fernández.

O concello de Vilardevós foi berce de persoas destacadas en materias diversas como poden ser en filosofía, música e como non en xeodesia.

De cando en vez hai algún concerto para recordar a Anxel Barxa, natural de Terroso, e autor de partituras escoitadas polo mundo.

Grazas a estes autores os tamaganos temos onde recrearnos culturalmente, aínda que teñamos que rebuscar súas obras espalladas por distintas bibliotecas.

Señora María o outro día recibín a mellor clase de cartografía, na casa de D. Rodolfo Núñez de las Cuevas. Que sorte temos algúns!

Saberá que dirixiíu o Instituto Xeográfico Nacional perante unha década, o que permitiu modernizar a cartografía hispana, introducindo os métodos de cartografía asistida por ordenador. Colaborou coa Nasa, polo que estamos ante unha persoa moi especializada. Deberíamos aproveitar máis o seu maxisterio, porque está sempre disposto a exercelo.

Como resultado dese tempo formou unha biblioteca, que ten na súa casa paterna, aló no medio do pobo de Vilardevós.

Home entusiasta do seu traballo diu conferencias por moitos recunchos do mundo, polo que foi formando equipos e amigos, que deixaron nas súas mans libros, que sabian que ían  ser ben conservados, polo que resultou unha colección digna de conservar nesta bisbarra.

Trasladou dende Madrid todos os seus libros ata o querido pobo, porque ama esta terra e como cumprimento dunha idea de súa dona, que quixo ser soterrada, neste camposanto, ao pé da serra de Penas Libres.

A súa primeira intención foi donar os seus libros ao seu pobo, polo que fixo as xestións necesarias para que quedaran, pero a desidia ou falta de compromiso dun técnico fixo que non houbera vontade política para conseguir o seu anhelo, polo que se lle brindou outra saída, que aínda que non responde a súa primitiva idea, si ten algo de interés, porque será levada á Cidade  da Cultura, aló nos Santiagos de Compostelas.

Apareceron os políticos de Santiago e puxeron mans a obra para rematar o que vai ser a primerira parte do edificio en inagurar, que será a biblioteca, ofrecéndose en colocar aló todos os libros.

Con esta proposta surxen dous problemas. O primeiro é que o D. Rodolfo veña menos tempo por Vilardevós, polo que o señor crego, D. Baltasar, e máis os amigos non disfrutaremos de súa compaña e das súas explicacións sobre os mapas ou deixe de explicarnos o da busca da cidade soterrada baixo a lagoa de Antela, ou nos narre o da batalla de Osoño, co mapa napoléonico de Galicia. Que Deus non o queira!

Non pode faltar a visita á Teresiña, que sabe do que gostan, tanto D. Rodolfo como D. Batasar, preto da igrexa.

O segundo é que así non quedan reclamos nos pobos, para atraer estudosos do tema e por outra que non se contribúe ao asentamento de poboación no rural.

De todas as formas, na bisbarra, señora María, é a segunda biblioteca que emigra para o centralismo de Galicia. Primeiro Taboada Chivite, agora Rodolfo Núñez de las Cuevas.

Se o concello de Vilardevós non ten recursos para esta biblioteca debeu buscar axuda na Mancomunidade e tamén na eurocidade. Que copien dos flavienses! A ver se algún día fan algo na fortaleza de Monterrei! Que boa obra para o plan “E”!

 

Río Támega

Río Támega

Miña cara señora María: “uns levan a fama e outros cardan a lá”, di o refrán popular. O outro día gocei dun paseo ao longo do río Támega co meu amigo Ponchi. Teño que decir que é membro da Federación Galega de Pesca.

Con el existe unha máxima: “se comen eles, eu tamén como”. Digo esto porque resulta que o que ten fama de furtivo é a persoa máis preocupada pola conservación da natureza e ao seu lado recibín a mellor clase de naturais locais, simple e llanamente percorrendo o río, dende a zona de baño ata a presa do Tresguerras.

Gran coñecedor do lugar, porque naceu preto do Támega, e a súa nenez pasouna no regato, que hoxe chaman rúa Otero Pedraio. Unha maneira, moi sui generis, de conservar o Concello de Verín a súa toponimia local!

Comezamos a nosa andaina ao longo do río e dixo que estaba correndo perigo por tratar de cambiar os peixes das charcas sen osíxeno para outras de máis auga. Cousa que deberían facer os de Medio Ambiente e non chegar, como fan sempre, fóra de tempo.

Días atrás, río enriba, envelenaron varias pozas e despois corrían para sacar os peixes mortos. Debeu ser para que non os viran os veciños.

O caso é que ao longo da Preguiza prácticase a pesca sen morte, pero hai persoas que si pescan e outras que colocan as “cordas” dende as barandas do malecón.

Pódese decir que a desidia das autoridades ante este problema é de mirar cara outro lado e deixar que estes furtivos esquilmen o río Támega, sabendo que esta zona é un lugar de recría para todo el.

O mesmo que a existencia de visóns. Dende a terraza do bar do Zurria viron como un destes animais se desprazou tranquilamente, cara abaixo da pasarela, e enguliu a troita que levaba na boca.

Para este tipo de individuos, Medio Ambiente debería empregar caixas-trampa selectivas, para capturalos e devolvelos ao seu dono, posto que elimina todo tipo de fauna específica do río. Asi non se ven patos, pitas de auga, ánade real e despraza ás londras.

O Concello debería atender estes problemas e debe poñer máis empeño en conservar limpos estes lugares, o mesmo que  colocar carteleiras co nome específico dos lugares do río. 

Dende a Ponte do Melo, que por certo, aínda está sen recuperar, frente ao cuartel da Garda Civil, os lugares de baño que había antigamente son os seguintes: 

Río enriba pasamos polo pozo dos Americanos, antigo Matadoiro, actual pasarela cara o barrio do Olivar. O pozo do Bazal, os Pasadais, que non existen, nin o concello fai nada por recuperar as típicas poldras, para que os verineses, de agora, saiban o que son e o para que servían. Estarían á altura da depuradora de auga potable. O Trerranas, o Pozo Negro, aínda conserva o amieiro tumbado, que os rapaces empregaban para chapucearse.

Continuamos pola Preguiza, pasando polo Pontillón, ata chegar ó Paquita, o pozo máis fondo, que daquela tragou a dúas persoas e máis aló o Mefa, onde o Tarzán, que en paz esté, facía unha presa de bidóns de aceite, enchéndoos de area e atándoos ós amieiros. Logo o Señoritas, a lagoa do prado do Miñambres e a presa dos muíños dos Peláez, na Pedreira, e dos Tresguerras, ambos en San Lázaro.

Como verá, señora María, debemos recuperar as nosas cousiñas.

Só se recupera cara Infistela. Debe haber problemas coa columna e iso que hai unha asociación que o intenta, pero os políticos locais marcháronlle coa subvención que pediran.

Tainas

Miña cara señora María:

Tainas, don Feliciano Sola do hotel Aurora, deixounos. Cansouse de estar con nós. Quixo dar un paso máis na súa pelegrinación vital.

Seguro que aló non cambiará. Non debe cambiar. Deus quéreo así.

Todos os que o apreciabamos, quedamos orfos. Un gran oco, que será moi difícil de encher, arredor de calquera mesa ocupada de viandas, sobre todo no país veciño.

Quedara con el, para facer un pasarrúas, explicándome a orixe e historia de cada casa de Verín, pero non tiven esa oportunidade, porque a morte adiántouseme. Foi máis rápida, mellor dito, chegou antes que o aparello que mercara por internet, polo que non tiven a sorte de pasar unhas tardes a seu lado. Necesitaba escoitalo e que me contara as súas viviencias en cada recuncho de Verín.

Tiña algo que facía pasar o tempo sen enterarte, porque a súa maneira de expresarse era natural e moi amena. Falaba e falaba, sempre con algunha historieta que facía que o momento fora  divertido. A seu lado non había penurias.

Poucas persoas hai tan elegantes, tan coidadosas cos demáis, e cunha sutileza que era capaz de convertir calquera trastada nunha peremne amizade.

Seguro que estará presente en todas as mesas onde se senten os seus amigos, Fanfán e Sánchez, sobre todo nos restaurantes do país veciño, que frecuentaban asiduamente.

Un bo detalle por parte dos propietarios que acudiron á cita con ramos de flores.

No Kilómetro 10 e no Canxirao será onde noten a súa ausencia e terán moito coidado a hora de ver aos amigos, porque estarán sentados, pero faltarán as verbas do “sabio”  vello restaurador.

Haberá sempre unha cadeira valeira ao redor dunhas boas viandas, como era normal, porque así pensarán que está presente.

Que Deus te coloque ao seu carón, porque é o que todos desexamos.

Seguro que estarás presente ao longo da nosa vida, porque a túa ausencia será unha presenza en cada unha das nosas xuntanzas.

Será difícil  sentarse sen ti e será duro romper o xeo das primeiras verbas, para comezar a conversa, porque as bágoas asomaranse polas meixelas dos contertulios, que ven difícil emprender a charla ao redor da mesa, porque algo lles falta.

As Portas de Madrid deixáronte pasar. Non che puxeron freno, nin che cobraron o fielato para que non esperaras e chegaras tarde ao máis aló.

Non foi nada fácil chegar ata elas e iso que na parroquia entonaron cánticos que purgaron as túas culpas.

Baixo a súa mirada pasaches os seus umbrais, porque tiñas necesidade de chegar, para alcanzar a eternidade.

Se Deus che regalara un pouco de vida seguro que farías o mesmo. Cruzarías a fronteira co Fanfán e o Sánchez e iríandes ao Km 10.

Non debes abusar da confianza se non eres capaz de chegar e invitar a todos. Pódeche pasar o mesmo que cando entraches na cafetería  Oasis e dixécheslle ao camareiro que invitabas a  todos. Botaches man da carteira e non tiñas un centavo, polo que dirixicheste ao dono dicíndolle que non se preocupara que ao día seguinte irías a pagarlle. Ata hoxe, non apareciches. Pero... iso eras ti.

Que Deus te teña onda el!