Blogia

Crónicas Tamaganas

Pancho

Meu caro Pancho: baixaches da aldea e establecícheste na vila. A isto, nestes e naqueles tempos, non lle chaman emigración, nin inmigración, porque a distancia das localidades é moi curta. Pero os que tivemos que abandonar a casa paterna choramos moitas veces baixo as sábanas, a pesares da reducida lonxitude.

Empezaches moi novo no oficio e fuxes medrando pouco a pouco, a pesares do atrancos. Fixeches os teus "pinitos" de aprendiz, como daquela, e covertícheste nun empresario-promotor da construcción, fóra do teu Concello. Nembargantes, fuches un produto máis da emigración, aínda que só botaches tres anos aló na Suiza.

Nestes intres estás ben situado, pero as circunstancias polas que pasa o sector son para sortear eses problemas alleos ó desenvolvemento normal da túa actividade.

Ten razón o teu presidente ó afirmar que non sabe a quen crer. Convócano a unha reunión e ós vinte minutos é chamado para outra. Non dá feito. Non sabe a quen atender. Só desexa que se faciliten as licencias dende o concello, aínda que sexan noutra zona.

Algo de culpa tamén ten, polo que debe asumir a súa responsabilidade ó non crer nas verbas da anterior corporación, porque pasan os días é estase na mesma situación de impax. Montou aquela ”marcha verde empresarial” en plena campaña electoral, e agora está cobrando coas mesmas moedas. Deixouse convencer doutras promesas, polo que non debe piar moito, xa que foi o que sementou.

Unha asociación debe ser autónoma e independente. Os seus intereses non deben supeditarse ó político de turno, para ter a libertade de poder facer propostas que defendan o sector, e así os postos de traballo correspondentes. Pola contra, estase a xogar coa comida de moitas familias por estar baixo interes políticos que camiñan noutra dirección.

Meu caro Pancho: cando hai vontade e xestión política non fan falta reunións nin acusacións sen contrastar, porque sábese o que necesita o sector e a vila. A transitoria non é solución para ninguén. Nin a Xunta debe entrar neste xogo, porque sería favorecer só a uns poucos.

Estase a pasar o tempo con estas posibles solucións, cando o que se debeu aprobar, neste último pleno, foi unha partida económica para negociar co equipo redactor un urxente remate do PXOM.

E non poden decir que non hai cartos, porque se xuntan o que cobran os concelleiros, máis os que se van pagar pola redacción desa transitoria, a cantidade é intersante para ofertar un acortamento de tempo, que é do que se trata.

¡Non vai pasar que, tramitada a transitoria, entreguen no Concello as carpetas do PXOM!

Alberto

Meu caro Alberto: tratas de que a xustiza repoña o teu bo nome, a túa boa fe, a túa boa honra, o teu bo honor.

Só unha cousa. Na vila todo o mundo se coñece, aínda que haxa veciños que miren para outro lado. Todos sabemos quen é cada quen, polo tanto non debes tomar a cousa tan en serio. A vida pon a cada un no seu sitio, e Deus colócanos a todos.

A falta de educación perante os anos que estiven na política local é o que máis lembro. Ti non fuches o primeiro. Nin eu tampouco, e iso que ti fuches testemuña daquel insulto que recibín naquela Comisión de Goberno, por solicitar un simple informe de secretaría para poder votar aquela licencia do lavadoiro de coches de Queizás. Por certo, as condicións polas que se concedeu, aínda hoxe, non se cumpren.

Era o ano 1989 e presidía a corporación o señor Cid Harguindey. Na oposición estaba ADEI, Agrupación de Electores Independentes de Verín.

O señor alcalde deu orden de cumprir unha ordenanza municipal na que se estipulaba unha tasa de vintecinco ou trinta pesetas por cada escrito que se rexistaba nas dependencias municipais.

ADEI considerou que iso era pór atrancos ó desenvolvemento normal da vida municipal da oposición, polo que levou ós tribunais ó señor alcalde.

Todos os veciños saben que o señor Cid Harguindey foi retirado da política local perante dez anos por este “simple” feito.

Este acto político foi produto da soberbia naquel entonces, e podése afirmar aínda máis: de chulería.

Meu caro Alberto, non hai moito tempo o señor Cid Harguindey contestaba na prensa respecto do “mandamáis” actual dicindo: “Quiere colar las mociones sin presentarlas en tiempo y forma evitando los informes técnicos. Pero yo tengo más experiencia que él, pues cuando hizo la primera comunión yo ya tenía novia. A mi no me las cuela”.

Estas declaracións, que son máis respetuosas que as que recibiches ti, están na onda do “mestre” e do “discípulo”, pero evidencian a maneira de vivir a política local.

Por iso os insultos que che dedicou o “mandamáis” actual públicamente nos medios de comunicación, deben ser tidos en conta á hora de analizar a túa denuncia. Que, por certo, volve ser ADEI a que leva ós tribunais de xustiza ó actual rexidor.

A comparación dos feitos é que son alcaldes, e a denuncia é presentada por concelleiros de ADEI, estando na oposición, pero aquel foi un acto administrativo e agora foron un sen fin de insultos persoais fóra das dependencias municipais, produto tamén da soberbia.

Os insultos, meu caro Alberto, só veñen de persoas acomplexadas e con falta de recursos, polo que non debes porte á altura delas. Non soporta, nin admite, que montaras unha plataforma de cidadáns independentes, aínda beneficiándose políticamente.

O refrán di: ”pola boca morre o peixe”. Esperemos que a xustiza restitúa o teu honor.

Débeslle regalar un texto de “Educación para la ciudadanía”. De tódalas formas, a educación “mámase”.

Irmandiños

Irmandiños

Meu caro Lete: un ano máis para romperche a tranquilidade no Castelo.

Os “irmandiños” acudiron chamados pola administración para desenvolver un xogo de “rol” na acrópolis. Os estrépitos entorpeceron a sesta e as noites do Manoliño. O Bento non puido dormir ningún día e a Conchita tamén se sumou á queixa.

Voceríos, gritos e insultos para encararse e quentar o ambiente entre ámbolas contiendas, tratando de conquistar o que noutra época non pudieron. Aínda así, só se escoitaban eles e os poucos seguidores deste tipo de xogos, porque daquela, apareceran nos xornais, non por moi educativos.

A falta de propaganda para visitar este acontecemento que sucedeu perante tres días en todo o monte da acrópolis fixo que non houbera espectadores, para aclamar aos vencedores en cada revolta.

Tal vez haberá que popularizar o xogo para que sexa un reclamo turístico para a bisbarra. De tódalas formas, algo leva consigo, porque é a segunda edición e aínda non caíu, como lle sucedeu a tódalas festas que se teñen programado.

Un ingrediente novo, como foi a visita guiada, xa é algo de apertura cara a xente, en contra dos puristas do xogo, pero os veciños tamén desexan que ademáis de divertirse os participantes, sexa algo que lle dé vida esta bisbarra.

Nembargantes, meu caro Lete, engadiron un aspecto máis ás túas explicacións ciceronianas, e non te trabucarás cando te poñas diante dos visitantes, xa que alguén preguntará pola revolta irmandiña. Deberás porte ó día estudando a historia de Galicia.

 

 

Dominaches de pe a pa a vida dos Condes ligada ao castelo de Monterrei, e agora tratan de que remates a túa andaina dando leccións de historia de Galicia.

Agora, que estás a punto de xubilarte, aparécenche con estas monsergas e ti, meu caro Lete, o que necesitas é que che fagan caso, sobre todo cando mandas esas misivas reclamando gardas para protexer a acrópolis de desaprensivos, como sucedía con aqueles que rubían as súas motos por enriba das murallas, ou aqueles que rompen os proxectores que iluminan pola noite tódolos edificios.

Debes dirixirte ós responsables da organización para que ó longo dos rueiros coloquen non só caixas con botellas de auga, senón tamén os correspondentes contenedores para que os “loitadores” non espallen os envases por doquier. Deste xeito, aforraríanlle traballo ós membros de Protección Civil e o xogo sería máis didáctico.

Meu caro Lete, de tódalas formas cos irmandiños entendícheste mellor que cos “malfeitores” e iso que non colocaron palco para sentarse os políticos, que por unha vez, estiveron a ras do reducido público. Non era dos teus.

Soldos

Miña cara señora María: unha vez máis estamos diante dos micros para comentar feitos, historias, costumes ou vicios da bisbarra a través das ondas da COPE, que tan ben nos acolle.

Como vostede sabe, os oíntes son moitos e espallados pola xeografía tanto galaica como lusa. Ata as terras de Braganza, de Vilarreal e polo Lindoso os oíntes desta emisora escoitan a cotío cada unha das novas que saen ó espazo.

Diante dos micros intentamos ver as cousas dende outro punto de vista, para que os afeccionados ás ondas teñan máis perspectivas coas que crear tertulias e entablar coloquios, dando opinións que logo poden introducilas nese “buzón” colocado nas dependencias municipais, para que algunha poda realizarse por parte de quen suxeriu a idea.

Miña cara señora María: que non lle suceda o mesmo que ó buzón do 95. Son as primeiras medidas para impresionar e darse a coñecer e que cambiou o equipo de goberno. Logo convértese todo nunha aburrida rutina e esfúmase coma tódalas promesas electorais.

Sei que non disfrutou da presencia da súa querida netiña neste verán. Nembargantes, estivo moi arroupada por tódolos seus. O seu pai comentou que debe asegurar o posto de traballo. Xa terá ocasións e tempo para vir.

Coido que debeu aproveitar o tempo de eleccións para colocala na lista do partido, e logo a vivir, que son tres días.

O bonito do caso é que ninguén é obrigado a presentarse, senón que cho propoñen e aceptas porque cho envolven coa parte máis bonita, de aí que non rexeitas a oferta.

A súa neta é disposta, resolutiva, moi comunicativa e ten “título”. Daría unha boa concelleira e sobre todo con esas pagas, que algunha delas resulta ser das mellores de todo o estado.

Un exconcelleiro tivo a ben de visitarme nun lugar inapropiado, para comentarme que se sentía denigrado polos soldos actuais, cando na súa lexislatura traballaran a reo e ninguén cobrara. Perdón, cobraba o de sempre, aínda que a veces saía nos xornais o contrario.

Ese pensamento, señora María, pasara polo meu maxín, polo que xa somos dous exconcelleiros que sentimos o mesmo. Outros fixeron comentarios que tamén ían nesa mesma línea.

Non se debe despistar para as próximas eleccións municipais e así terá sempre preto de vostede a netiña, e con eses soldos aínda mellor. Sobre todo se consegue o da media xornada, que é o mellor. Porque así ten máis tempo para disfrutar dela.

Participou da novena da Virxen da Merced e intentou coller un caravel daqueles que adornaban a carroza. O seu xeonllo non llo permitíu, pero un alma solidaria, vendo a súa intención, prestouse rápidamente a conseguir un para satisfacela.

¡Canto ten que interceder a Virxen da Merced para que algún gañe o ceo!

 

Mateo

Mateo

Meu caro Mateo: fuches ubicar a túa casa no mirador máis axeitado do pobo. No recuncho do monte onde as pedras son rochas de afiar. Por iso abasteces a tódolos amigos e veciños coas lousas que arrancas cando a auga deixa de manar.

Claro que estás preto do monte, por iso tiveches o problema co lume. Agora estando desértico durmes tranquilo, pero aqueles apuros ninguén chos sacou da alma. Pasará medio século ata que as árbores que están a repoboar sexan grandes, e volverán ter o mesmo destino: ser pasto dos incendiarios. O único problema é que non volverás durmir a sesta baixo ningún deles.

As pistas da concentración parcelaria deslindaron ben a túa casa, facendo de cortalumes, en caso de perigo. Nembargantes, a túa vida sempre estivo chea de sorpresas, porque o contrabando, o teu medio de vida, foi quen te mantivo fixo na raia.
A política nunca che interesou, porque, segundo ti, votaches sempre para o alcalde. Representas o típico personaxe que vas cos da feira e vés cos do mercado.
Agora, xubilado, tes máis tempo para falar cos veciños dos problemas cotiáns e, cómo non, tamén do concello, porque é a administración que está máis preto de ti.

O domingo pasado, ó saír da misa, observei cómo participabas na tertulia veciñal defendendo as verbas que oiras na radio, pero os teus contertulianos desdecíante.
Ti defendías a colaboración solicitada no discurso de investidura, porque a democracia é diálogo, chegar a acordos e, sobre todo, transparencia. A isto contestáronche que colaborar é participar en tódolos actos municipais.

Estes días celebrouse unha reunión no concello cos artífices da “marcha verde municipal”, en plena campaña electoral, para aupalo de novo á alcaldía, para falar do futuro PXOM, e tampouco foron convocados os concelleiros da oposición. Asimesmo na homenaxe ó Verín Fútbol Clube.

Por iso, meu caro Mateo, os teus veciños recriminábanche o da transparencia ou colaboración co equipo gobernante por mor da incongruencia política.
Se na vida cotián recolles según sementas, na política non vas esperar menos, sobre todo, estando nesta situación de arrogancia.

Alguén, perante a reunión, despois do éxito da manifestación en plena campaña, propuso ir a Santiago, como se aquilo fose unha festa.
Debe estar facendo méritos para conseguir dúas cousas: unha, recoller todas as súas propiedades no futuro plan urbano, e outra, entrar na lista do partido para conseguir o mesmo fin.

Estes son os nosos "polítiquillos", e seguiremos votándoos.

Verino

Verino

Meu caro Verino: o teu artigo nun xornal de ámbito estatal, dando unha visión diferente de cómo se deben administrar os erarios públicos dun concello, demostra a túa visión de xestión dunha gran empresa como a que dirixes.

Seguro que a señora María non te leu, porque a súa filla só lle leva os xornais da comunidade autónoma pola tardiña, entre lusco e fusco, cando xa está cansa de escoitar a radio. Ademais ,se non baixa dar unha volta, séntese moi incómoda co seu xeonllo e trata de meterse pronto na cama.

Polo telefóno, coméntolle que tes outra maneira de ver as cousas. De forma sinxela e directa, non andas a rebuscar ideas, que lexislatura tras lexislatura outros prometen pero que nunca executan, porque lles falta financiación, sobre todo se o goberno local non é da mesna corrente ideolóxica que o da Autonomía ou do Goberno Central.
Chama moito a atención que, nunhas pinceladas literarias, expoñas un simple programa de goberno, dándolle outra dimensión a este concello, aínda que misturas territorios, porque estás por enriba de localismos, xa que o teu mundo non ten lindes, porque te moves na aldea global.

Esa experiencia de empresario-deseñador colócate nun ángulo distinto, para ver outra vila con ingredientes diferentes que a poden proxectar cara un futuro posible, que dende o Concello nunca se pararon a pensar.

Nembargantes, a túa aseveración sobre Tirso de Molina, colocándoo en Monterrei coa súa obra literaria “O burlador de Sevilla”, fai que o teu maxín fabule tamén sobre a bisbarra, dándolle unha dimensión que sexa capaz de atraer foráneos buscando este recuncho xeográfico. Como maestro do deseño permíteste figuras que os demais non poden manifestar.

Persoas coma ti deberían prestar ou exercer de asesores aos rexidores dos concellos, ou formar parte de comisións veciñais con persoas de idade e ricas en experiencias para consultas, unhas ou dúas veces por ano.

As túas xuntanzas de empresarios ou de xornalistas, que ano tras ano realizas en Monterrei, proxectan esta bisbarra cara ao exterior. Sendo prácticas que outros colectivos locais deberían seguir, para darlle máis impulso a esta terra.

Partes de realidades que ás veces dende o sillón hai que plantexar, por non ser reclamo dos veciños, aos que hai que satisfacer de inmediato, xa que son os que mandan, porque emiten o voto que manteñen a un alcalde.

Namentras a política sexa así, meu caro Verino, non hai programa que se leve a cabo, porque se está sempre na dúbida, nin orzamento que aguante. Rómpese con todo e séguese o que a realidade máis preta te condiciona. É triste decilo, pero os "politiquillos" seguen estos pasos, sobre todo cando non teñen claro o que queren para o seu concello.

Non te das conta que non hai Parque Empresarial completo, e agora imos ter dous. Cando estamos rodeados do de Cualedro, do de Monterrei, do de Oimbra, do de Vilardevós, do de Castrelo do Val, do de Riós e do de Chaves... ¿Somos serios? Este minifundismo non se debería permitir.

Eleccións municipais

Eleccións municipais

Miña cara señora María: “A persoa humana é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra”.

Debo decirlle que non ten que cruzar a rúa lonxe dos pasos de peóns ou dos semáforos. O seu xeonllo non está para correr eses riscos, porque pode fallarlle no medio e as consecuencias poden ser desmesuradas, xa que vostede debe seguir e continuar cotidianamente, porque representa a persoa ideal residente na vila.

Ademais aínda é desa xente que gosta de conversa e empréndea en calquera recuncho, aínda que teña que sosterse coa muleta longo tempo.

Xa sei que gañaron os seus, os do corazón e pensamento, pero vostede é das que sufren o cambiazo. Os que a levaron a votar preocúpasen ben de que a papeleta que mete na urna sexa a deles e non a súa. Qué ben a trataron. Abríronlle a porta do coche e acompañárona ata a mesa electoral, por se acaso.

A vostede élle difícil comprender cómo fai catro anos os verineses castigaron ao Partido Popular, deixándoo sen maioría absoluta, tendo como respaldo á Deputación, á Xunta de Galicia e ó Goberno Central e agora, ano 2007, as urnas vólvenlle dar a maioría, sen ter o apadriñamento dos entes anteriores.

A vila, señora María, anda ao revés. Debe comprender que os verineses castigaron a chegada ao poder do tripartito, a través dunha moción de censura.

Tampouco comprenderon nin aceptaron o derribo das obras executadas anteriormente, porque acarrea dobre gasto para as arcas municipais, que sempre adolecen de fondos para servir aos veciños.

Pero sobre todo o que a vila castigou foi a falta de autoridade. Sabíase quén era o alcalde, pero non se sabía quén gobernaba, xa que fixeron do concello un reino de taifas. Como exemplo, todo o que sucedeu co PXOM.

Nunha experiencia política, o principio de autoridade debe ser a guía que marque as liñas a seguir despois de redactar un programa común baseado en propostas de cada partido.

Hai que olvidarse do programa individual e consensuar os puntos para desenvolver durante a etapa que dure o goberno, porque as sensibilidades partidistas son malas compañeiras en política.

Miña cara señora María, que a Verín non lle pase como o dito: “nunca segundas partes foron boas”. Porque o pobo non se equivoca, e non hai que recordar aquelas etapas de alcaldesa de Alianza Popular e Deputación de UCD.

A vila tivo dous momentos de avance, que coincidiron sendo alcalde Cid Harguindey e vicepresidente da Deputación para asuntos económicos, e logo gobernando no concello o PP coincidindo coa Deputación, Xunta de Galicia e Goberno de Madrid como respaldo político.

Agora, señora María, o municipio pasará outra travesía no deserto.

Hilariño

Hilariño

Meu caro Hilariño: ¡queren que votes dúas veces!

¡O que hai que facer para manterse no poder!

Cando a túa nai emigrou, aló polos anos cincuenta, a vida non era vida. Intentou buscar algo mellor, pero só atopou a emigración.
Daquela non se votaba, polo que non recibiu promesas dun posto de traballo. Tamén hai que dicilo, que cando a túa nai colleu o barco en Vigo, tiña só catorce anos.
Na reclama do tío emigrado aparecía a súa irmá, pero colleu medo e non se atreveu, como a vida apretaba, decidiron que a túa nai tiña que preparar o baúl e responder á misiva do tío.
Eran catro irmás, que moi novas quedaron sen pais. Alguén tiña que botar man delas. Entre a avoa e este tío fixéronse cargo.
A túa nai atopouse no país de recollida con papeis falsos, porque a documentación que mandara o seu tío ía en nome da outra irmá maior.
Contaba o teu pai as voltas e os enganos a que foi sometido, perante moitos anos, para tratar de por en regra toda a documentación, pero ata que ti naciches e fuches grande non se solucionou o problema.

E agora queren que votes. Cando ti, meu caro Hilariño, non sabes ónde está a aldea que viu nacer a túa nai, nin coñeces ós familiares que aínda viven na terriña, que tanto a túa nai como o teu pai falábanche dela apesadumbrados e coa morriña levada como expresión eterna nas súas meixelas.

A eles a emigración aínda lles sorríu, porque regresaron para ver as súas herdanzas e familiares, pero non vas ter esa oportunidade de ver esta terra onde ofrecen todo, a non ser que poidas sentir na túa alma o que a túa nai sentía por ela.

O normal é que te deixen en paz, porque ti non eres galego, porque non o sintes, aínda que as túas raíces estén aquí. Ademais sentiríaste mal por ter que votar ó que non coñeces e tampouco desexas ter un privilexio, entre os mortais, como sería facelo dúas veces.

A ti o que che gustaría é que se preocupasen de influír, na emigración, onde estás, para ter unha vida digna, porque ti tés a túa, os teus descendentes e os teus amigos aí, polo que se queren algo, que se dirixan ás autoridades indíxenas para resolver os problemas dos emigrantes.

Acórdanse de ti porque é época de eleccións. Pasados estos días volves ó baúl dos recordos e iso que non sabes cánta propaganda fan nos televexos, tanto uns coma os outros, xa que neste asunto non se salva ninguén.

Saberás que é moi importante o teu voto, por iso recibirás a visita dos políticos de turno, porque o teu voto decide quén vai ser alcalde. Pregúntallo ó Perico.

Non resolven o asunto dentro da xeografía hispana e vano resolver cos emigrados, dos emigrados, dos emigrados...

Meu caro Hilariño, unha aperta e vota como sabes.

Rambo

Rambo

Miña cara María do Carme: a túa filla foi Eva. Elexírona, como te elexiran a ti, naqueles anos de moza. Agora eres mamá e dentro de pouco serás avoa. A iso desexan chegar tódalas persoas con responsabilidade na perpetuidade de manter no tempo o seu apelido e a súa descendencia.

Hai que conservar o rito para que non desaparezan estes vellos acontecementos que, ano tras ano, celebrades pola Santa Cruz.
Terás que ir preparando o “ajuar” porque, segundo a costume, ten que que casar no ano que foi nomeada.

Dormiu na Picota e o segredo perdurou namentras non saiu á rúa, esperándoa os danzantes e o Adán, para percorrer a vila, antes de celebrar o sacrificio de Isaac e a loita de mouros e cristiáns.

Tampouco faltou o “Maio”. Por certo, colocaron a árbore máis alta que lle rouban ó veciño.

A cerimonia foi un éxito e Rosa encargaríase de que os zapatos fosen á medida, xa que o seu fillo transmitiume tódolos aconteceres da festa.

Laza mantén no tempo estas “cousiñas” de antano, porque hai persoas que as realizan a cotío. Son un raigame que non perden porque as levan na súa alma.

Por iso o “Rambo” tratou de que Verin faga algo nos “maios”, para que non queden no olvido tódolos xogos que representou no seu caixón.
Daba gusto velo explicar tódalas composicións feitas cos bugallos dos carballos. Tíñaas de tódalas medidas e así configurou os distintos xogos populares cos actores correspondentes, naquel espazo tan reducido.
Os carrabouxos facían de cabeza, de corpo, de pernas e de brazos.

Seguramente o “Rambo” quixo volverse cativo e rememorar os xogos da súa nenez, para non deixar de sentir o que tanto o fixo disfrutar. Agora son só “guenvois”para os pequenos.

No caixón non faltou ningún divertimento artesán, e iso que non tiña o carriño feito coas cabezas dos nabos ou a carrilana de táboas.

Tiña xogos de rapaces e rapazas, pois co follo do millo representou bonecas con lazos. As roixideiras de xungos non as debeu coñecer ou xogar con elas, porque tampouco aparecían polos recunchos do caixón.

Ningún personaxe tiña un asubío na boca, polo que non debeu aprender cómo se facían, e iso que non foi a Espiño, onda o Enrique, para que lle ensinara os bolos cos que xoga na praza da aldea.

Tería un grave problema, porque Enrique é un perfeccionista do artesanato e non lle permitiría que fixese os bolos se non era a madeira dunha mazaira ben seca.

Votos do máis alá

Votos do máis alá

Miña cara Luisa: “ata os mortos votan”. Seguramente que túa tía recibirá a propaganda de tódolos partidos políticos. Descansando como está na cidade eterna e que rompan a tranquilidade do seu sono, con estas misivas demostran a pouca sensibilidade que teñen ao solicitar o seu voto ou, como neste caso, felicitándolle as festas navideñas.

Saberás, miña cara Luisa, que tanto no teu concello coma nos outros, daquela era unha norma o inflar os censos con todo tipo de nomes, porque segundo o número de habitantes reciben os correspondentes cartos do estado.
Agora, ademais diso, necesítanos para conseguir máis votos e así máis concelleiros. É dicir, para gobernar, para mandar, en definitiva, para tomar o poder municipal. Para manterse na poltrona, non para servir aos concidadáns.

Tamén pode ocorrer que non se revisara o censo, pero neste caso son moitos anos de soterrada os da túa tía. Polo tanto, algo tivo que suceder para que se manteña na listaxe do censo do teu concello.

Claro que a señora Dolores Flora non irá votar, pero recibirá as papeletas de tódolos partidos que se presenten nas próximas eleccións municipais.
Ti serás a que recollas as papeletas, pero terás un problema, xa que non poderás emitir ese voto. A non ser que ocorra como contaba miña tía, emigrada, aló nun pais sudamericano que podían pasar a votar as veces que desexaran, porque non había control naquel consulado.

Iso chámase eficacia censal. Ou chámase trampa censal, pero o que si está claro é que todos xogan co mesmo.

Chama moito a atención de que os axentes censais non cubriran ben os folletos correspondentes, pero o que si está claro é que a túa tía fai máis de seis anos que está no camposanto, e recibiu a felicitación polo nadal. Serán as meigas as culpables de todo.

Xa sabes que isto de inflar as listaxes do censo é practica dos partidos cos afiliados, botando por terra o que din os estatutos:

- son só afiliados os que están ó corrente da cuota anual.

Así acuden máis representantes ós congresos e poden inclinar a votación cara o candidato que máis prebendas concede.

¡Bendita a señora Dolores Flora que recibe misivas de calquera partido, cando os verdadeiros afiliados mándanos ó ostracismo!

Como a finada señora Dolores Flora non ten culpa disto, nin nunca pensou ser protagonista desta narración, rogamos a Deus que siga téndoa ó seu carón e nós pregoamos para que así sexa.

A visita do Presidente da Cámara

A visita do Presidente da Cámara

Miña cara señora María: non dan puntada sen fío. A visita do Presidente da Cámara Municipal de Chaves a Verín sae no xornal coma se fose unha visita institucional. Máis, lonxe da realidade, foi unha visita privada e seguramente solicitada polo candidato do grupo conservador verinés.

Hai que facer coma os outros e contrarrestar os efectos das xuntanzas de instancias superiores e non quedarse atrás polo que poida pasar nas eleccións. Se fan reunións, hai que facer reunións. Se prometen, hai que prometer, aínda que se tarden doce anos en facer realidade a autoestrada coa fronteira.

Como ve, señora María, xogan coa xente.

Se hai unha xuntanza ó máis alto nivel da Eurorrexión, hai que provocar algo parecido a baixo nivel e sacan da manga unha Eurocidade. ¡Qué nome máis bonito!

Como o rexidor luso non é afín ó rexidor verinés, provócase este galimatías de ditos e diretes entre o voceiro popular e o alcalde, para contrarrestar feitos de cara ás próximas eleccións municipais.

O importante, miña cara señora María, é inventarse palabras que soen ben, pero sen fondo, sen base, sen significado, con moito significante e, sobre todo, en época electoral. Para saír na foto, porque iso arrastra votos.

Nembargantes, señora María, ningún se preocupa de vostede, porque vostede vive na vila e daba verdadeira pena vela arrimada a aquel coche na Canella Cega, porque nas beirarrúas non hai un simple banco para descansar. Vostede, naquel momento, necesitaba darlle descanso o seu xeonllo e a súa muleta.

Non hai que remontarse moito para ver a realidade con respecto ó invento de organismos. A comarcalización non dá tomado realidade porque non interesa. E iso que cando se está na oposición, tódalas actuacións políticas encamiñanse neste sentido, pero cando se está no poder, non hai tempo para que tomen corpo e sexan unha realidade.

A Mancomunidade de Municipios desta bisbarra está constituída por un grupo de concellos dos que algúns fundadores xa se deron de baixa.
Agora anuncian a Eurocidade. Logo veremos o que nos tran, pero o que si sabemos todos, señora María, é que a esas institucións haille que dar corpo e vida, e para iso necesítanse cartos que, por certo, sairán do seu bolsillo, pero vostede seguirá sen bancos nos que descansar.

O síndrome do sillón

O síndrome do sillón

Meu caro alcalde: “pola boca morre o peixe”. As súas declaracións do día 30 de marzo do presente ano manifestan o “síndrome do sillón”.

É unha pena que tan bo rapaz apareza na rúa e salga con estas monsergas. Desacredítase a el mesmo.

Cando queira saber as razóns polas que me marchei de concelleiro non ten máis que preguntarmas, pero opinar sobre algo, metendo a todos no mesmo saco, por favor, meu caro alcalde, gárdeas para outra ocasión.

Debe ler a prensa. Os seus dixéronlle ben claro as razóns polas que se foron.

O sillón, meu caro alcalde, lévaos ó nirvana e crense deuses. Aí é onde debe buscar as causas polas que os mortais preferimos andar cos pés no chan e ser un máis.

A cousa máis marabillosa dun cargo público é servir ós seus concidadáns, non servirse deles. Pero o sillón, meu caro alcalde, emchóupaos e súbeos á derradeira dimensión, vendo dende enriba os quefaceres terrestres, cando é na terra onde están os problemas dos administrados. Como exemplo, meu caro alcalde, a falta de licencias de obras para que a vila camiñe e non se pare, porque a construción foi, é e será o motor desta bisbarra.

Lea tamén as cartas que lle escriben sendos veciños: un verinés agradecido, no xornal do 31 de marzo e o outro, un verinés desagradecido, do día 10 de abril.
Se repasa a súa frase que aparece nos xornais dicindo: ”que se foron, non por forza maior nin enfermidades, senón por desacordo coas formacións políticas”, estará dacordo comigo en que vostede, e calquera que se senta no sillón, non son as formacións políticas.
As formacións políticas fórmanas as bases que pagan relixiosamente a cuota e, polo tanto, débense convocar a unha asamblea e someter a votación calquer tema, despois de plantexalo e discutilo o tempo que faga falta, para tomar o acordo que máis beneficio redunde para as partes.
Algún case ten que marcharse, por mor dunha ficticia “agresión”, da que for certo, vostede informou.

De tódalas formas, meu caro alcalde, todos nos fomos correctamente, porque deixamos o posto para ser cuberto polo seguinte da lista. Vostede sabe que puidemos elexir o Grupo Mixto.

Os do sillón non soportan que se vaian os concelleiros porque evidencian a falta de diálogo e o comportamento dos rexidores á hora de tomar acordos. Só se conta con eles cando hai problemas. Vostede lea as manifestacións dos seus, achacando a falta de convocatorias do partido e de reunirse para aclarar temas e ver problemas que afectan á vila.

Pensei que era diferente, que entraran aires novos no Concello, pero polo que observo é un produto máis do “síndrome do sillón”.

Teña coidado, porque ese síndrome finou con outros con máis obras no concello.

Lázaro

Meu caro Xerardo: a túa morriña non toma forma no momento actual. Tes razón e comparto contigo as inquedanzas que bulen polo teu maxín recordando aqueles anos de Lázaro. O título xa daba grandeza: “Ferias y Fiestas de Lázaro”. Polo que o demais viña espontaneamente.

O problema, meu caro Xerardo, é que temos un trimestre cheo de acontecementos festivos: San Antón –festa local-, As Candelas, San Brais e sobre todo o programa do Carnaval co xoves de Compadres, xoves de Comadres e Domingo de Entroido, para rematar antes de entrar na Semana Santa co Lázaro. Iso conleva que, ano tras ano, o Lázaro sexa pobriño.

Mira se é escaso que, con tanta festa, ata os nosos cativos baixan de notas neste trimestre. Porque o ambiente é totalmente de ocio e deberiamos pensar un pouco neles, porque desexamos que os nosos retoños sexan os mellores profesionais.

Por outra banda, estase a potenciar máis o Carnaval, porque é un atractivo turístico con máis rendabilidade económica. Levamos anos vendo que se invertiron os termos. Daquela o Lázaro era grande. Agora é grande o Carnaval.

Pero o que a ti che gustaba, meu caro Xerardo, era estrear o pantalón curto polos xeonllos e os zapatos que limpabas co cuspe cando se che luxaban. Tamén te levaba a túa irmá ó barbeiro para deixarche aquel tupé de chiva lambida. Por iso tes soidade aqueles anos. Agora estreamos todos os días.

Nembargantes, algo estase a conseguir coa festa do Patrón da vila. A feira do viño foi un éxito. A inauguración, o entorno e os fogos deron ambiente. Aínda que a orquestra non foi capaz de contentar ós bailaríns coa última actuación solicitada por uns poucos. Non enturbiou o que está sendo o principio de algo que, con acerto, pode chegar a recuperarse como antano. Tampouco se escoitaron moitas queixas co sucedido ó Conselleiro. Hai que unir esforzos para que non se repitan.

Haberá que propagar e potenciar o fin de semana con actos protocolarios, recuperando algún acto festivo-relixioso e actividades nas rúas, para que os nosos veciños portugueses, que tanto madrugan, teñan onde recrearse. Artesanía, cerámica, postos de venda na rúa e personaxes de animación con actuacións de teatreiros serían un bo elemento para darlle máis vida ó fin de semana.

A miña homenaxe, meus caros veciños, ó señor Julio García -finou hai uns días-, que respondeu á miña perseverancia, permitindo que o foxo se convertira na rúa desconxestionadora do casco antigo da vila.

A cobra

A cobra

Miña cara señora María: por favor, séntese un pouquiño  a meu lado. Délle descanso á muleta. Hai tempo que lle quero dicir algo. Debe levar a muleta onda o Palmero para que lle repoña a goma, pois a que ten está lambida e, non se faga de rogar, porque sen muleta non da unha lancada. Ademais pode esbarar en calquera momento e o seu xeonllo non debe sufrir máis.

Tamén lle digo que ten que deixar de pasear por Infistela. Non me faga preguntas. Están a facer unha rotonda na encrucillada da Canella Cega coa rúa Espido e pode accidentarse.

Se quere pasear fágao -perante un tempo-, deica maio, polo alto do Polvorín, para chegar ó camiño que arranca cara a fonte de Cabreiroá, despois de ir pola Avenida dos Balnearios e cruzar cara o Barrio de Obras Públicas. Verá que dende alí hai unha mellor vista e pode ver todo o que lle interese, a pesar do peche esaxerado que ten a finca do doutor. Así mesmo, o de Medeiros anda a construir unha obriña de fin de semana, polo que ten perpiaños onde pode descansar.

Nembargantes, a señora María interesouse máis pola historia do sábado ás once da mañá alí, na Alameda, preto da lagoa, camiño de Estevesiños. O Pepe da Avelina cruza todos os días por alí. Coñece ben o lugar, pero nunca lle sucedera algo igual.

Cando cruzaba co tractor encontrouse cun bicho no medio do camiño. Parou e baixouse. Escomenzou a dar voltas arredor. De pronto, o animal levantouse de medio corpo e o berrido do Pepe ouviuse en todo o amieiral. ¡Qué "culebrón"!, ¡menuda cachola!, ¡qué cacho ollos!. Erguida, remelábaos para controlar todo movemento estrano.

Ó Pepe veulle á cabeza o sucedido cos ovos das galiñas e os gazapos do cortello. Desaparecían e non sabían quén era o ladrón. Unha cobra coma esta tiña que ser a que se aproveitaba de todo. Recordaba que as ubres das vacas da zona, estaban baleiras cando ían a muxir, botábanlle a culpa á Rosiña.

A cobra baixou o corpo e camiñaba arrastrándose para fuxir. Facíao con destreza, pero atenta a calquera movemento do Pepe. Meteuse no río.

Máis tarde, enterouse que aparecera en Pazos, onda Fina.

Claro, señora María, é que  Fina ten unha granxa.

Sergio

Sergio

Meu caro Sergio: "todo o teu gozo metido nun pozo". Neste refrán pódese resumir toda a túa pesadume pola noticia da suspensión do PXOM, por parte dos tribunais, ó non admitir a trámite o recurso plantexado polo Concello.

Ás veces a vida, meu caro Sergio, xoga estas pasadas e un déixase levar.

É triste ver cómo os sacrificios da emigración che valeron para pouco. Pensabas gañar uns cartiños coa compra da finca e resulta que ven a xustiza e tírache con todo.

Non che preguntaron nada, porque non sabían que os teus aforros están invertidos na terriña, non coma outros que especulan na bolsa. Ti, sempre seguro, na terra, pero está visto que nin así.

Daquela as túas meixelas radiaban alegría, cando comprobaches, in situ, que a leira che quedara na zona de ampliación do núcleo rural, agora veñen e tíranche con todo ó traste. ¡Qué penuria, meu caro Sergio!.

As causas da túa situación foron tres: demasiada presa na aprobación do PXOM do 1998, por mor de entrar nun ano electoral; imposibilidade de negociación, para retirar as denuncias cos afectados; e oscurantismo-secretismo incumplindo o punto da orden do pleno correspondente á adaptación da nova lei do solo.

No verán do 1998, 28-29 de xullo, marcharon con papeis do PXOM para Santiago. Regresaron antes da data de aprobación, que foi o tres de agosto daquel ano. Os días foron escasos para a Dirección Xeral de Urbanismo e para estudalos a oposición antes do pleno. Todo porque no se podían perder días de vacacións e porque se entraba en ano electoral, e iso que aínda restaban meses por diante. Meu caro Sergio, é normal que con tanta presa e tanto papel que ler este PXOM tivera irregularidades.

A pesares do contencioso, houbo intentos de arranxar o problema.

Un dos promotores propuxo retirar a denuncia a cambio da multa que lle impuxera a administración, por ampliación dunha nave. Pódoche cofirmar, meu caro Sergio, que aínda hoxe estou esperando pola resposta daquel alcalde, que por certo debería estar ben caladiño e arrimar o ombro polo ben de Verín. A soberbia e outros intereses fixeron que o arreglo non frutificara.

Como remate, meu caro Sergio, fixéronse cargo da concellalía de urbanismo, co tripartirto, uns novatos con descoñecemento da realidade do concello. En vez de adaptarse ó mandato do pleno, fan un plan totalmente novo, incumprindo co acordo plenario e buscando problemas cos veciños, polo que calquera tiña base para ir ó contencioso. Así mesmo, traballaron ás espaldas do alcalde e o resto de concelleiros.

Con todo isto, meu caro Sergio, é normal que estemos onde estamos, e faltan por vir máis sentencias. A culpa non a quere ninguén.

Prieto

Prieto

Meu caro Prieto: Quixeches gañar o mundo, pero pasouche coma Ícaro: o sol derreteuche as ás.

Canta ilusión perdida. Cantas voltas. Canto ir e vir. Visitas a Pazos, Mandín, Queirugás, Tamaguelos, Feces, etc..., aquí e acolá. Todo, meu caro amigo, para estar coma ó principio. Tes que comenzar de novo.

Agora si tes un problema. Saber ubicarte e saber desprenderte dos prexuízos.

Teste que definir. Seguir no partido, apoiando ó candidato oficialista, ou abandonar.

Tamén podes seguir e facer a túa loita nas municipais. Pero debes fiar moi fino, porque pódeche pasar coma ó Lucas, que acudan a Verín os mandamases expulsándote sen saber porqué.

De tódalas formas debiches aprender, daquela, cómo se resolven os conflictos internos e, así mesmo, da miña impugnación ó Comité local, porque saberás que foi unha calada por resposta.

Ti non vas ser diferente por moitas visitas que fixeras a Ourense e por moitas promesas recibidas.

Non te diches conta de que estorbabas. De que podes dicir cousas e de que podes soltar a lingua. E sobre todo de que pertenciches a unha organización, que como organización que é, saes trasquilado, anulado, despersonalizado. Contas porque sumas, pero cando desexas subir un escalón aparecen os pantasmas, contando historias, coma que ten que ir outra persoa, claro, amiga súa... ¿esto da amizade?... deixémolo así.

Meu caro Alberto, percatácheste de que estiveron a xogar contigo. A outros pasounos algo parecido.

Sempre buliu no meu maxín a idea de non interesarme polos asuntos partidistas máis aló da Estivadas. Contigo aínda se reafirma máis.

Nun pobo no que nos coñecemos todos, o importante é sumar para poder sentarse na alcaldía, pero aquí réstase, polo que haberá que esperar ós acontecementos de maio, para tomar unha determinación de continuísmo ou de distanzamento.

Visitabas á Conchita, para convencela, por estar enfada por incumprimentos. Ías onda o Toño para recuperalo, e así pobo por pobo, e veciño a veciño.

Recordo os espaventos do trato coa veciña de Tamagos saíndo da alcaldía só por reclamar auga, en pleno verán.

Que visiten Infistela e que cadaquén xulgue ás persoas que servimos ós veciños.

Os dous escoitamos aquela frase de que na oposición dá o mesmo oito concelleiros que un. Nunca entendiches eso. Algún día saberalo.

Non desvanezcas meu caro Alberto: "a todo porco lle chega seu San Martiño".

Entroido

Entroido

Miña cara Mirian: díxome a túa avoa que non viñeras ó carnaval. Seguramente queres acimentar o posto de traballo que herdaches de teu pai. Non está nada mal que unha rapariga dos teus anos pense desa maneira. Outros están a  expensas da casa paterna.

A túa avoa comprometeuse coa túa tía para coidar dos cativos. Non debería ser así, pois foi unha gran entroideira.

Saberás que os de Laza engadiron un acontecimento máis ó programa do Entroido.

A dona do señor alcalde remitiume un mañuzo de carteis anunciadores do feito. O caso é que desexaron darlle publicidade e abrir a todo o mundo o que daquela estaba reservado para os veciños ou máis achegados. Coloqueillos en lugares estratéxicos, para que se poideran ver. Podo confirmar que aínda están colgados.

A túa avoa contaríache a polémica que montaron co cartel do carnaval e iso que non houbo denuncias polo ruído das comparsas, que algún día renunciarán a desfilar, por mor de estar ó arbitrio dos deuses festivos. Non lles gustou o fallo do tribunal, e iso que eran expertos. O cartel foi un cartel, que anunciaba o carnaval de Verín.

Saberás que nas casas de Laza, perante o entroido, a mesa do comedor está repleta das viandas carnavalescas, lembrando as festas da época romana. Todo o que cheire a antigo debe estar presente nesta vila rural e tamén están tódalas partes do noso porco celta.

Pois ben, ocorréuselle facer a festa da cachucha. Pero o que demostraron é que son hábiles no día que propuxeron e sobre todo na hora.

Non estropearon, nin cargaron os días principais do entroido con actuacións, senón que rebuscaron e foron dar co día máis axeitado.

Non estaría de máis, miña cara Mirian, de xuntarse os tres concellos das ribeiras do Támega para programar a festa do carnaval de tal maneira que non se entorpeceran nos festexos, mantendo cada un a súa raigame principal.

Cabe destacar o resurdir do luns de Oimbra, pois non entorpece a baixada da “morena” de Laza, polo que non resultaría difícil compaxinalos cos de Verín, para formar, non o triángulo máxico do entroido do sur da provincia, senón os carnavais do val do Támega ou de Monterrei, que por certo xa hai moita xente que percorre estes pobos ribeireños do Támega.

E aínda máis, miña cara Mirian, deberíanse publicitar cos daló da raia, coas Cámaras portuguesas, para crear rutas gastronómicas do inverno, ó longo do río Támega.

Foron grandes, a festa gastronómica de Laza, o percorrido polas bodegas de Oimbra e tamén a cachuchada de Verín.

Nadal

Nadal

Meus caros Reis Magos: rematou o ano sen facer balance dos acontecementos e obras do concello.

Non apareceron discursos dos que gobernan nin dos da oposición.

Os que gobernan non falaron dos feitos e do que aínda resta por facer, sobre todo, no referente ó programa co que se presentaron ás eleccións locais.

Os da oposición, convertidos en pinza municipal, non loitaron por decir quén fixo mellor tarefa, aínda que un deles tamén gobernou co bipartito cando se formou o tripartito. O outro gobernou en solitario e en minoría no primeiro ano da presente lexislatura.

Visto o anterior, meus caros Reis Magos, o vecindario dubidará moito á hora de atribuír a calquera deles as mencionadas obras.

Nembargantes, a señora María escribiuvos para que alumedes os carrouchos polos que pasearán os seus netos, porque dos discursos políticos sempre quedan asuntos no olvido. Nunha palabra: non se fía.

A misiva máis importante chegaríavos do señor Alcalde, porque dándolle a recente enquisa máis votos, e polo tanto algún concelleiro máis, resulta que o PSOE quere prescindir del.

A señora María non entende nada, xa que foi a persoa e candidato que lle deu categoría a este partido na vila, a pesar da súa andaina política, e resulta que tratan de que non encabece nas próximas eleccións municipais. ¡Non teñen outro mellor!. ¡Esperemos...!

Os propietarios das leiras que ocupará a autoestrada cara a fronteira tamén vos remitiron cartas. Esperan que as teñades moi en conta, pois fanlle falla os cartiños e resulta que non teñen documentos de propiedade. Preferían que as recibira o cuarto rei Mago, porque saben que se perdeu por mor de axudar ós pobres e así a solución sería rápida.

Nunca se pararon en facer unha simple partilla, entre irmáns, despois de elexiren o cupo, para levala ó Rexistro da Propiedade e inscribila, polo que non teñen con qué demostrar a súa propiedade. Só a posesión da terra fai posible a súa pertenza, pero eso non é papel oficial, polo que tivo que ser o concello quen habilitou un documento para dar forma a todo este desbaraxuste.

A Galiza profunda, diría a señora María, pero non se enterou deste problema.

Coa concentración parcelaria que está en marcha nos mencionados pobos quedaría resolto o tema, pero como se adiantou a execución da autoestrada colleunos fóra de sitio, polo que é necesario dar carpetazo ó asunto e que os veciños cobren o máis rapidamente posible.

O Cabazas tamén vos escribiu, porque non quere perder os dereitos da palleira aló no Carqueixal. Faríandeslle caso.

Teriades moito coidado do acompañante dos xuristas reclamantes. Seguramente que as misivas que vos escribiu foron partidistas, polo que non reclamou obxectivamente. Leríandeslle ben a letra miúda.

Unha aperta meus caros Reis Magos.

Ameazas

Ameazas

Miña cara señora María, aínda non chegou marzo e os pantasmas municipais están a flor de pel...

- Cid Harguindey debe ter coidado cos “idus de Marzo”, porque nunca lle foron propicios, dime acurrucándose e arrimándose a min, porque segue sen evolucionar nada a súa enfermidade.

Agora vive arrimada a unha muleta e lévaa a todas partes. Sen ela non pode facer nada. Pasou ben as feiras do nadal. Notábaselle nas meixelas que relucían esplendor.

Segue a comentar que Harguindey sempre andou polo fío da navalla, polo que debe ter coidado.

Anuncian querelas, denuncias ante os tribunais, para amedrentalo, pero segue e segue, porque lle gosta estar aí, onde a xustiza ten lagoas, para que os xuíces se definan. Desexa xogar coa interpretación xudicial e coa tardanza dos veredictos.

Os da “pinza” municipal, que non é tal pinza, senon anulación completa, politicamente falando, do PP sobre do BNG, tratan de minar as bases de Cid Harguindey. Pero Harguindey responde sen encollerse e toreándoos con máis desprecio, porque os considera non aptos para dirixir os destinos do Concello.

Escoiten a contestación que lle dirixe ó portavoz municipal do PP no famoso pleno das mocións: - “Quiere colar las mociones sin presentarlas en tiempo y forma evitando los informes técnicos. Pero yo tengo más experiencia que él, pues cuando hizo la primera comunión yo ya tenía novia. A mi no me las cuela”.

A señora María dime que algo de razón ten, porque sumando os votos da oposición poden sacar adiante calquera iniciativa, incluídas as mocións, presentándoas polo curso ordinario, sen ter que recurrir ó último momento da iniciación dun pleno.

A reflexión deste punto é importante porque demostra a qué xoga esta pinza municipal. Independentemente de que calquera desas mocións non teñen importancia algunha para os veciños, que prefiren que se preocupen máis de temas como pode ser a limpeza das rúas ou o coidado dos animais de compañía, que deixan os excrementos nas beirarrúas facéndoas intransitables e provocando disgustos nos viandantes, cando entran no seu andar, porque o cheiro que introducen fano insoportable.

Mocións sobre este tipo serían interesantes para que tratemos de cómo saber ter un animal de compañía nunha vila coma a nosa.

Así os veciños saberán quen se preocupa pola súa convivencia.

Antonino

Antonino

Meu caro Antonino, pasaches por Verín para facer a túa presentación na capital auriense do libro que titulas “Dibujas Ausente”, onde cantas e recordas a túa nai.

Non entendo ese paso de largo e non parar na terra que te viu nacer. Moi dolido tes que estar para non ter un minuto de vida para adicarllo a túa vila natal. ¡Así pagan ós pobos os seus creadores, os seus intelectuais!

Das a entender que te fuches e desexas que se prolongue a túa ausencia para que outros aproveiten e disfruten coas túas xenialidades.

Ós verineses seranos complicado entender esa presentación sen contar con nós porque, a pesar de todo, querémoste. Máis aínda, debíchela facer aquí para demostrarche que estamos ó corrente da túa actividade.

Sabemos que non paras, pero nós seguimos a estar no mesmo sitio, esperando a que tomes unha decisión para representar calquera das túas obras, porque sabemos que darás todo do que é capaz o teu intelecto. Porque ti necesitas dos teus. O mesmo que nós necesitamos de ti.

Sabemos polos xornais que estás aí, que non paras. Os proxectos cubren toda a túa existencia, pero vemos que tes tempo para escribir poemas adicados a túa nai. Nós queremos ser túa nai. E que nos cantes. Que sexamos instrumentos de escape para teu maxín. Non queremos ser culpa do teu olvido.

Teu enfado é para nós algo que nos da forza para recordarte, porque seguimos a defender a túa obra. Algo insólito na bisbarra de Monterrei aquel acontecemento: "Lluvia como risa furiosa”. Sucedeu nesta terra, porque fuches ti o que tiñas fe na súa posta en escea e porque necesitabas demostrarlle á vida que esta bisbarra tamén sabe facer cousas. E realizáchelas, por iso fuches un incomprendido. Adiantácheste ó tempo. Non estabamos preparados para tanta xenialidade. E agora non nos queres e pasaches de nós.

Non soubemos apreciar as túas manifestacións artísticas. Só se falaba de cartos, cando o que estaba nos bocetos era moito máis que esas penurias mercantís.

A vila adolece tanto desas actividades que persoas coma ti fan falta continuamente para encher esta alma que cada día se abandoa máis. A vila necesita beber do saber de persoas coma ti.

Mira para o Aian que sacou do baúl dos recordos o cineclube para deleite dos amantes do sétimo arte. Porque persoas coma vós son as que fan falta na vila, a pesar dos pesares, que desinteresadamente traendes algo no que podamos recrear a maxin, para olvidarnos, un pouco, do ensimismamento no que estamos sumidos.

Dende aquí, dende esta atalaia da COPE reivindico a túa presencia na vila, porque sen ti a vila está orfa de poesía, de paisaxe, de vivencias e sobre todo de marcha orquestal.