Blogia

Crónicas Tamaganas

Golpe na mesa...

  Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS. -  Puñetazo na mesa….?

 

 Miña cara señora María: -Tiña que suceder e sucedeu, -o alcalde-, Don Gerardo Seoane,  deu un golpe na mesa e grazas a iso enterouse do acontecido o día anterior no despacho do funcionario. –Presión?. - Dereito de pernada?.

 O Birilas foi, daquela, un aprendiz nun taller da vila. O seu pai, un profesional na carpintería de aldea, fora unha boa persoa e nunca tivera atrancos para colocar ben aos seus fillos cos bos profesionais que había no lugar.

 Rematada a súa aprendizaxe tocaba buscar un posto de traballo en algunha industria, que eran poucas, na vila. Destacaba algunha que era a envexa dos veciños, polo que había que buscar a persoa adecuada para pedir o favor  e ser colocado definitivamente, para non ter que emigrar.

 O seu pai tiña a persoa que exercía a influencia correspondente para poder optar ao traballo, polo que o Birilas foi colocado, pero con el levou unha carga para toda a súa vida, que foi o de levarlle, cada ano, pola matanza, o lomo do marrán  ao devandito señor. –Así penou con todas as consecuencias e aínda xubilado continúo a levar a encomenda, porque se lle fixo unha obrigación e non sabía como desfacerse dela.

 Cada vez que visita a vila percorre os recunchos para recordar os lugares e estar cun algún dos compañeiros do traballo e botar longas parrafadas coas que disfruta moito.

 E como non?, o primeiro que lle lanza ao seu veciño Manuel foi o do “callo” da rúa Irmáns Fernández Alvarez: -“Tivo que vir un arquitecto para arrancalo, cando un “callista” botou un montón de anos e non foi capaz de meterlle o bisturí”. –Que despexada e aberta se sinte agora a rúa!.

 Pero a cousa non quedou aí, porque lle contaran a chamada de atención ao funcionario por parte do alcalde, Don Gerardo Seoane, chegando a escoitarse a bronca máis aló das paredes do despacho.

  O expediente sobre o derribo da casa estaba en orden, con tódolos informes favorables, só quedaba aprobarse e executar o desmantelamento, pero xorde algo inesperado, -querer enviar o expediente a Patrimonio-, provocando un retraso no novo  planeamento da rúa, polo que o señor Alcalde, Don Gerardo Seoane, toma o asunto como un “pulso” do opositor e aclara a cuestión convocando ao responsable o seu despacho, para verificar o tema. –E quedou claro!-.

 Como?. –O Birilas recordaba o encargo do seu pai. -A estas alturas e aínda existe o dereito de pernada: -“un posto de traballo para estar pagando toda a vida o enchufe”-.

 E iso que o Birilas non sabe que ese posto de traballo foi produto de profesionais da menciña. Nun principio foi un doutor, pero quen rematou a faena foi un sanitario por mor, non dun pai político, pero si dun profesional de influencia considerable en Verín.

- Hai que dicir que o PXOM de Verín recolle un cacho  da Avenida Luis Espada e a rúa Irmáns Fernández Alvarez , en toda a súa anchura, como parte antiga da vila, o que acarreará problemas, cando haxa que remodelar beirarrúas e cambios de canalizacións, porque haberá que enviar os proxectos, aínda que sexa o colocar unhas simples baldosas, a Patrimonio, ou  -practicar o furtivismo-. -Un cachondeo!.

                              Verín, 25 de maio, do 2016.-

 

                             Adolfo Rolán.-

árbores?

  Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-..Árbores?.-

  Miña cara señora María: -Corría a lexislatura dende o ano noventa e catro ata o ano noventa e oito do século pasado e as obras na vila ocupaban a teima dos veciños, polas molestias que provocaban pero, aínda así, ían a marchas forzadas.

 Rematada, case, a renovación total da Avenida Luis  Espada ao pouco aparecen as reclamacións dos condutores vítimas das arestas cortantes dos bordos das beirarrúas. Eran e son de granito sen traballar, polo tanto eran axeitados para rachar rodas a degolación.

 –Os obreiros que pagan os contribuíntes tiveron que encargarse de pulir, en parte e daquela maneira, tales arestas. -E quen son os responsables daquela elección, cando no mercado hai de todo?. Pregunten quen corrixe os bosquexos dos técnicos con escalímetro, en man, e lapis, de “alta gama”, se tamén se lle pode chamar así.

 A rúa Juan Guerra Valdés foi un experimento para colocar alcorques ou proxecto de alcorques, pero deberon resultar moi incómodos para os veciños do lugar, que non se atreveron a continuar co resto das rúas da vila. -Nestes alcorques non se colocaron árbores, senón mobiliario urbano, que si danan aos coches. -A isto chámaselle pensar na vila e non no veciño que si, só pensa nel, polo tanto todo un proxecto social supeditado aos caprichos individuais. –A vila é para todos-.

 Se vostede, señora María, vivise en Infistela e se dirixir cara o centro da vila, a cotío, o primeiro que encontra é cunha rotonda que divide en dous cachos á rúa Canella Cega. Se vostede toma cara a súa dereita encóntrase cos alcorques e as súas respectivas árbores. Pero se vostede xira cara a esquerda tamén se encontra cos alcorques e as súas árbores correspondentes.

 E se vostede, simplemente, se agacha ou baixa do coche e observa ambos alcorques comprobará que uns son de formigón, polo tanto, feitos cunha forma ou molde, e os outros son de granito. E se os toca cos dedos da man ao longo da aresta superior e exterior, polos tres lados, a súa man no sofre feridas,  porque están pulidos e redondeados. -Como vostede non ten reparos en luxar as mans, porque non ten preguiza para lavalas  e  porque non se pode ir sempre do trinque. –Hai que saber elixir ou ser técnico para ver as consecuencias dos materiais.

 Se vostede, señora María, viaxase á Vila e Cortes, porque  conseguiu un cargo na Cámara, onde se cobra, cada mes, e o traballo, chega cunha pregunta ao ano, non cansa, comprobaría que a ambos lados dese edificio hai dúas prazas. Unha, case pegada ,separada por unha rúa,  que se chama Praza de España e a outra, a poucos metros, que responde ao nome de Praza de Oriente. –Ámbalas dúas prazas están cheas de árbores.

 Eses viaxes, señora María, deberíanlle axudar a ver as cousas doutro xeito, porque vostede andaría pola cidade europea de máis cantidade de árbores por habitantes.  -Ben, iso de andar, - viaxar en taxi-. -Iso é un orgullo para Madrid-. –Todos deberíamos ser Madrid!-.

- Para ter árbores hai que empezar a plantalos, algún día-. -Recorde-.

 E se lle preguntara a súa sobriña o que ve,  cando vai traballar ao Instituto de Queizás, pola travesía das Tapadas, tamén sabería que Marisol ten, no seu xardín, dúas árbores da mesma especie “liquidambar” e está encantada coas cores, que lle ofrecen os pétalos, polos outonos. -De feito, a súa sobriña, párase e quédase abraiada, mirando para eles.

-Debería dedicarse á  “res publica” e comprobar, “in situ”, o que debe dicir, antes de saír en ondas, para concordar coa realidade.

 - Señora María, debe ver as cousas polo lado positivo, porque alguén beneficiarase.

                    Verín,  27 de abril do 2016.-

...moitos cafés!

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-  ….moitos cafés!

Miña cara señora María: -A resposta non se fixo esperar e  Diego, coma un lóstrego, respondeu:  -pero, tómoos en Verín-.

 -Todo un acerto na resposta, intuíndo que non “consumía” na vila.

  Daquela consumía pouco porque estaba nos “altares”, pero, agora hai que pisar barro, polo que é necesario camiñar para que coñezan a un, pero para iso tamén hai que ter elegancia e saber comunicarse. –Ser persoa normal- que é o que queren os verineses. E Diego é iso, persoa que quere e que se deixa querer e senón que llo pregunten á Conchita.

 -Por certo, Diego, sempre conta a anécdota co teu avó. A dos gays. - Moi boa-. Ríome moito cando me ven á maxín e se a conta ela entón xa empezo a rirme dende o principio. Que valente fuches e que atrevido. Pero fuches como es, natural e por ser así estás onde estás e provocas receos e sobre todo envexas, porque,- ten medo que non volve a mandar-. Pero para iso hai que nacer e ser boa persoa, porque as persoas  humildes teñen esas calidades que as fan ser coma todas, -normais-.

 Xa o dixo o filósofo: “coñécete a ti mesmo”. Por iso tiveches esa anécdota co teu avó, porque es unha persoa segura, cousa que non ten o teu opoñente.

 Agora quere andar e métese, en tódolos recunchos, de sobrante. Reparte licor café a destra e a siniestra e non se dá conta que á xente iso chéiralle á compra de votos.

- Porque iso non foi hábito de acción, perante a vida política do individuo,  polo que os veciños ven estraña esta maneira de actuar.

 Chamáballe finquiña a Verín. -Todo un pensamento para dicir que é para que o quere-. A vila é boa se responde aos seus intereses. Pola contra, que se amole. -De  cando en vez escoitabas: -“non nos votaron”-.

 Meu caro Diego debes falar co Toca –a este funcionario mandouno ao ostracismo- para que che conte o que lle dixo o outro día, en Viladerrei, saído do restaurante, levando unha botella de  “oporto” na man.

A vida, señora María, vai colocando a cadaquén no seu lugar e neste caso os veciños, xa cansos, mandárono á oposición que é onde debe estar por moitos anos e polo ben da vila e dos contribuíntes.

 Digo mal, nin na oposición, debe estar. –Un político local debe saber ocupar o lugar para o que se presentou, que é a defensa dos electores a través de preguntas, rogos ou mocións, cando non exerces o poder-.

 Criticar…, criticar debe facerse cando non hai outra saída, pero non tomar esa postura asiduamente, porque demostra que só interesa a política dende o punto de vista de: -“quítate ti, para poñerme eu”-.

                Verín,9 de abril do 2016.

                      Adolfo Rolán.-

Cousas da vila...!

Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS- Cousas da Vila.

Miña cara señora María: -A Diarquía Municipal anda a facer arranxos no organigrama interno da Casa Consistorial.
Tales arranxos levan consigo o traslado de funcionarios dunhas oficinas para outras. Tratan de ser máis eficientes ao colocar os técnicos da mesma área nunha zona conxunta.
Consideran que así poden comunicarse con máis facilidade e dar resposta a todos os problemas que afectan aos veciños e resolvelos no menor tempo posible.
Nun recuncho da praza do Concello falaban do tema o Manoliño e o Pirixel. Coma sempre solucionando os problemas da vila e neste caso dándolle o aprobado aos dirixentes.
Resulta que o tema máis que aplaudido era criticado, polo feito de non saber arranxar o ordenado pola responsable do persoal ou do acordado, porque non tiñan aínda claro como fora, se o trataran en xuntanza os dous partidos ou se fora idea só dela. -O que expresaban aceleradamente era o seu inconformismo coa actuación do “no lo entiendo”-.
-Non tiñan claro que cualificativo asinarlle, porque o seu maxín non daba para máis, polo que debía ser unha frase con máis significado. -Era unha auténtica persoa indesexable-, porque iso non se lle fai a ninguén e menos a un ser querido. -Mellor dito, a unha persoa coa que convives e sobre todo sendo nai dun fillo. –Chámase envexa- esa maneira de actuar, di o Manoliño.
-O caso foi que ao principio desta lexislatura os novos dirixentes municipais asinaron a cada partido político unha estancia para reunirse , cada grupo, e poder recibir aos veciños que o solicitaran. Pero o “no lo entiendo” tampouco debeu entender que agora non exerce de alcalde, polo que aínda non sabe que mandan outros e el ten que resinarse e saber ocupar o seu lugar na oposición e senón irse para a casa. –Pois non, ten que molestar e non lle importa a quen sexa!.
-Vendo que a concelleira non lle atendera a súa proposta, con toda a lóxica, porque nestes momentos non se trataba dese tema, senón de xuntar as áreas de traballo municipal, dirixiuse ao señor alcalde e ao señor tenente de alcalde coa mesma súplica –coma sempre facendo de cobra- para lograr o cambio de despacho.
-Unha funcionaria que se decatou do feito, visitouno para recordarlle as bromas insulsas que lle dirixía cando el a recolocara nunha oficina cativa e comentoulle: -por que non abriches unha porta no tabique e así érache máis grande a oficina?. A resposta do personaxe foi do máis grande. Non a esperen…., porque foi nada menos que: -“non me falo con esa señora”.
-Un neno que para conseguir o que quere bótase a “chorar”, e os “parvos” acéptanlle os caprichos, que despois explótaos politicamente dicindo: “No te preocupes que yo te hablo con el alcalde o con el teniente de alcalde”. –É unha maneira de coller peixes sen anzol-. –Aprendan…! –Non fai nada, pero……algo se pega!.
Verín, 21 de marzo do 2016.-
Adolfo Rolán.-

Catastro....2016

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS.-  Catastro….2016.

 

 Miña cara señora María: A Isabelita regresou. Estaba cansa de estar fóra da terriña e quere pasar os días finais entre as cousas onde creceu.

 As malas linguas din que tivo que vir porque o único fillo que ten casouse e non cabían todos no mesmo andar, xa que a familia aumentou cun neto, polo que as cousas complicáronse e a única decisión acertada foi regresar, para poder vivir pacificamente; seguro, que tamén axudou o “de casado, casa quere” e, seguindo o dito, fixo caso del.

 Asentada no pobo empezou a arranxar algunhas propiedades, porque a casa que herdara era cativa e, agora coas modernidades, cómpranse moitos utensilios que logo non hai onde metelos.

 E coma sempre, fixo obra de adaptación no alpendre para gardar o coche, porque a necesidade e polo que dirán había que comprar un e chegar a onda os veciños lucíndoo, porque senón, o que pensarían?.

 Aquel alpendre que fixera o seu pai para gardar a leña e os apeiros da labranza agora ía a converterse nunha garaxe. O malo é que se hai un coche, logo hai que ter sumo coidado para non raialo, polo que o alpendre convértese en uso exclusivo.

Como hai moitas máis  cousas tivo que desmantelar o andar, porque o fillo e a nora queren mobles de “ikea”, de por e tirar, cambiar e cambiar, polo que tamén tivo que acondicionar a bodega que herdara da súa nai, onda a casa do seu avó materno, que tiña a cuberta desfeita, porque nunca pensou que aquilo valera para algo.

 - E mira, o que son as cousas ter que botar man de algo que nunca lle dera aprecio. –A vida dá moitas voltas- nunca pensara en regresar e sentíase fóra de si imaxinándose, cando daquela, cativa, xogaba coa curmá e os veciños do barrio, nos montóns das patacas, esvarando por enriba.

 O que máis pena lle deu foi o de cambiar a colma do tellado, que era de palla, por uralitas, polo que ao pouco tempo tivo unha visita institucional recordándolle que a ser Camiño de Santiago, aquel material non era adecuado, polo que tivo que arranxar de novo o tellado. –Todo era distinto a cando vivira no pobo, agora normas e máis normas para impedir que a xente viva con normalidade, coma sempre.

 Os veciños visitábana e comentábanlle que aínda non lle chegara o peor. Espera uns anos e verás a onde che sube a contribución polos arranxos que fixeches e que non che se ocorra colocar no patio unha piscina de plástico para o neto, porque como che salga na foto, tamén che cobran por ela.

- E máis, como desmantelaches o poleiro coas obras que fixeches tes que arranxar un lugar para as galiñas e colocarlles algún telladiño para refuxiarse cando chove, polo que tamén terás que pagar por el.

 Recordaba que daquela pagábanse os arbitrios ao Concello, entre os cales habíaos sobre o carro, a bicicleta, o gando e tamén o can. –Agora os cans non pagan, cando hai un montón deles pola vila e métense coas galiñas.

  -Nin tan sequera no pobo deixan que a xente viva en paz, no pouco que hai para gozar, aínda que a eles chégalles con sentarse ao pé da casa a conversar con calquera veciño que pasa por alí.

 - Miña cara señora María ata as “últimas” hai que seguir cobrando aos pobres, porque calquera veciño dunha aldea é pobre, pero ten o espírito máis grande e xeneroso que ninguén. Vostede ten poleiro, pero, agora, sen galiñas, tamén lle cobran?

Carnaval...Entroido..?

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS.-  Carnaval…Entroido…?

 

 Miña cara señora María: -Ten que ir ás conferencias da Casa da Cultura para escoitar interesantes e atrevidas intervencións polos conferenciantes.

 Polo de pronto dous tabús quedaron esclarecidos. Os “nobres” da vila quedaron esquecidos polos canteiros ao esculpir as súas “armas” nos campos dos escudos espallados polas casas de Verín e o Carnaval ou Entroido deixou de ser o embigo do mundo. 

 A volta a un carnaval rural ou de inversión de valores como debería ser vai ser difícil de encamiñar. A sociedade camiña cara adiante e consigo leva os costumes, con matices ou sen eles.

 A vila pasou dun carnaval espontáneo e de rúa a extremos que se plasmaron en cantidades de xeso e non fariña, nos anos oitenta. Ante isto os veciños responderon co invento do Capuchón para acougar as cantidades enormes que lanzaban desde os carromatos con sulfatadoras a motor. E iso foi unha etapa dun carnaval que logo derivou cara os desfiles pola avenida Luis Espada, que agora volve a caer noutro extremo como é a inxente cantidade de Cigarróns ou Peliqueiros, cando daquela só eran uns cantos, menos cos dedos dunha man, e os traxes eran alugados.

 Non hai termos intermedios, -pásase dun extremo a outro sen equilibrio-, que suavicen esa transición, para encontrar novas formas que enchan o periplo carnavalesco.

 As terras do Támega foron tomadas polo saber Limiá que trouxo como novidade a relación do Carnaval como festa “funeraria”. Unha tese que enriquece e axuda a buscar as orixes do Entroido. Tivo que ser o antropólogo de Loureses, señor Mandianes, quen expuxo tal pensamento. Hai que ter en conta que en Laza enterran o Entroido. -Algo terá que ver.

  E o seu veciño Antón tomou Cimadevila para mostrar as súas desgrazas amorosas, mostrando un “corazón” de boi para que se vira ben e se entendesen as súas desventuras. -A corazón aberto, como se di, sacouse de vestimenta e, en coiros, baixou cara a Picota, para purgar as súas culpas e poder recuperar a súa “Eva”.

 - Vostede ten razón señora María, agora, con tanta orquestra, desvirtúase, convertendo o carnaval nunha festa Patronal de calquera pobo.

 E, como non? A festa sucumbiu á sociedade de consumo e dos políticos, que fan dela o que lle dá a gaña. Prográmase como se fose máis unha festa gastronómica e ordenada ,que non unha festa social e, sobre todo, individual-colectiva, onde a transgresión era a manifestación máis común dos veciños entroideiros.

 -Marcan os días e dinlle á xente o que teñen que facer, non só cada día, senón cada momento. E isto fai que a festa abandone os costumes de sempre.

 Os maiores, en cada casa, deben contar como eles facían e vivían o carnaval, para que os novos saiban e recuperen feitos daqueles e non se deixen levar polas novas tendencias que obrigan a perder parte da esencia dunha festa totalmente rural e popular.

 Un acerto o pregoeiro da noite do xoves de Comadres na persoa de don Xaime Noguerol. -Bonito relato, no xornal, sobre as súas vivencias na praza.- Iso era o carnaval.

Meu caro Bruno, non tes problema coa nova máscara. O Carnaval admite todo. Non ves a loita entre os “Zamarras Negras” co resto de Cigarróns, pois falade co Marcos, un rapaz de poucos anos, e con que elegancia luce o traxe de Peliqueiro.

 A sociedade que avance pero o carnaval que non perda a súa manifestación esencial, señora María. -Divertiríase.

                                Verín, 10 de febreiro, do 2016.-

                            Adolfo Rolán.-

Lola..

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-   LOLA…

 Miña cara señora María: -A rúa Lisa quedou orfa.  A Lolita Tita finou e, polo tanto, ninguén saberá desempeñar e representar tan ben a idiosincrasia da vila de Verín. Verín será, a partires de agora, algo máis cativa e terá que buscar, que será moi difícil, substituto da Lola.

 Don Oscar, novel aínda na vila, soubo sintetizar todo o que representou a Lola, nunha breve pero intensa homilía, que demostrou, en tan pouco tempo, ser coñecedor da personalidade desta muller , que sen ela, a rúa, que a viu crecer e nacer, será máis solitaria, porque faltarán as verbas da muller, que lle imprimiu carácter e, que lanzaba verdadeiros dardos para saber de todo o concernente a cada persoa, que entraba a comprar, na famosa pastelería das Titas.

- Como os anteriores párrocos era invitado a tomar un pastel, cada vez que cruzaba fronte á tenda e, se declinaba a oferta, a contestación espontánea da Lola era: -“vai para o carallo”. -O crego deixaba aparecer un sorriso e ela non se inmutaba, - como se non fose con ela-. –Como dicía: - xa virá.- Expresión que podía recibir calquera outra persoa ao ser invitada pola anfitriona pasteleira.

 Sen embargo o crego sacou a relucir os famosos pasteis “das linguas de obispo”. –Tivo que comelos, porque os describiunos de  marabilla e, máis aínda, diferenciounos ás mil marabillas da lingua do señor Bispo, dirixíndose aos seus compañeiros que concelebraban a cerimonia do adeus ao corpo presente da nosa moi apreciada Lola.

 -Pódese afirmar que os mencionados pasteis son coñecidos en tódolos recunchos da xeografía-. Verín saía a relucir, en calquera xuntanza, lonxe de aquí, non só polas famosas “Linguas de obispo”,  senón que tamén se acordaban da pasteleira.

 Os verineses e, sobre todo, os acompañantes, botarán en falta á Lola, porque non terán quen lle faga tantas preguntas e tan rápidas, cando vaian a comprar pasteis.

 A curiosidade da Lola non tiña límites e as preguntas eran as mesmas para todo tipo de persoas, sen distinción de categorías. -Non tiña pelos na lingua, nin se puña vermella.

 Pero, como cairas aos poucos días por alí, cosíate a preguntas sobre a persoa que te acompañara e, como o acompañante fora só a mercar pasteis, as preguntas revolvíanse. - Tiña memoria de elefante. –Non se lle esquecía nada.-Ao pouco recibías unha chamada do amigo contándoche a  conversa coa Lola. E ao pasar por alí, dicíache: -estivo aquí o teu amigo de Xinzo.

 E, como non?, na comitiva de participantes, na condución do cadaleito, cara ao cemiterio tiña que saír, que non debería faltar, o do seu amor platónico cun bo mozo, -coma sempre-, da vila que se relacionaba co cine Buenos Aires.

 A anécdota repetíase cada ano, na festa do pobo. –Vas a onde a Lola e compras un Roscón. Pasados uns días hai que pagar o Roscón e hai que ir alí. -Lola, canto é o Roscón?. –Xa virá o teu pai a pagalo. Ao chegar a casa a pregunta non esperaba e, pagaches o Roscón? –A Lola díxome que xa llo pagaría vostede. E ata que ía a Verín o  meu pai non se pagaba o pastel.

- Persoas  así, tan espontáneas e sen pelos na lingua, deben quedar moi poucas e ao mesmo tempo tan graciosa,  ningunha-. Polo que debemos entoar a mea culpa e ir buscando veciños que nos recorden a estas persoas que imprimiron carácter,  como foi a Lolita Tita.

 Seguro que o señor Párroco orará por ela e Deus perdoaralle tódalas faltas, porque ela era así e non facía mal a ninguén. Muller chea de bondades e muller chea de espontaneidades, que máis se lle pode pedir a unha persoa. –Ser como foi-.

 -Querida Lola, Deus sabe como fuches e agora, que te ten a seu lado, saberá como es. -Unha aperta e, pídelle por nós.

                             Verín, 27 de xaneiro do 2016.-

                             Adolfo Rolán.-

..Manipulación..?

Verin-CRÓNICAS TAMAGANAS- …Manipulación…?

Miña cara señora María: O celular emite unha melodía e o Paquiño, de inmediato, bota man del e responde, quen é?. –Non ten resposta e déixao no mesmo sitio, pero, de repente, volve a soar e coma un relámpago lánzase a collelo para que non lle escape o interlocutor.
-Mira, son eu, e para dicirche que o traballo do fillo non periga, pero hai que esperar a que veña outra subvención e non hai problema para volvelo a contratar. O que si quería era que tes que cambiar de empadroamento para igualar as mesas, porque senón, eliminan a do outro pobo e tódolos veciños teñen que ir a vosa parroquia a votar e iso é moi engorroso, porque a maioría son vellos e non votarían.
-E que teño que facer?. -Podes ir ao Concello e solicitar o cambio e senón, encárgome eu de cubrir os papeis. –Vale, pois….
A conversa entre o Pirixel e o Manoliño era amena, sobre todo contando o que dixera o seu amigo ao que, facía uns días, fora a facerlle unha visita. Pero, non daba creto do que escoitara, sobre todo, sendo un tema moi sutil e escabroso, cando dun censo se trata.
O Manoliño seguía a preguntar, porque non lle encaixaban as cousas e fíxolle unha pregunta, mira, e, quen firmou polo teu amigo?, dicir non mo dixo, pero como mo contou, coido que el, nin cubriu, nin firmou a permuta. -Como?, -como cho digo, pero, acontecen estas cousas?. –Eu non che sei nada, pero se mo contou éche verdade, porque o meu amigo, mentir non minte.
Facía mal tempo e déronse presa por rematar, pero, como se ven poucas veces, na vila, entón cóntanse tódalas ocorrencias sabidas e por saber.
-E non sabes?, -que é o que non sei?, -pois que o continuador de “cenador” anda a repartir axendas e bolígrafos da “Cámara Alta”. –Ti, que dis?,- iso, non pode ser certo, porque o país está en crise e non deben malgastar os cartos neses agasallos. –Pois ao Manolo regaloulle un bolígrafo e unha axenda e iso que antes non o coñecía, pero agora vense nun eidiño deses, que emprega para socializarse.
-Recortes por tódalas partes e na Cámara Alta permítense o luxo de darlle a cada membro un feixe deles. A sensatez brilla pola súa ausencia e ao parecer nesa Institución, pouco saben de aforrar. – Pois o traballo non os mata e o verinés facer…, facer…, non fai nada, iso din os xornais, cando fan referencia ao traballo destes representantes cada ano, sobre preguntas ou intervencións.
- Tampouco é iso, preocupouse pola pesca aló, nas illas Feroes, porque compiten con Galicia no mercado mundial e iso, si que é tema importantísimo para Verín. –Unha maneira de xustificar o soldo de cada mes, e chegoulle cun par de preguntas para cumprir.
-Señora María, preocúpese pouco, porque os “idus de marzo” traerán novas que endulzarán a vila, que é o que desexan os veciños.
Verín, 12 de xaneiro, do 2016.-
Adolfo Rolán.

Carta...?

 

Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-  Carta….?

 

  Miña cara señora María: -Que alegría vela polo Supermercado. O seus ollos brillaban do que estaba  vendo, tanto tempo sen entrar!, pero o seu fillo, coñecedor da súa nai, cómo non, levouna a dar unha volta polos pasillos do supermercado, porque sabía que o estaba desexando.

 Señora María, fillos así, non se encontran nestes tempos. As persoas  de idade estorban en todas partes, por iso o ter alguén que coñeza os costumes dun é moi destacable, porque así pode revivir e recorrer os sitios que se van esquecendo. Un fillo, -que o sabe e a leva aló-, entón e cando nos damos conta da necesidade  de non encerrar a ninguén en lugares, que por moitas comodidades que haxa, sempre falta a caricia dos seus e que o sorriso se dea nas meixelas.

  Sen embargo a ledicia non chega a todas partes, señora María.  -Nun lugar da vila hai unha misiva para os Reis Magos que reza así: -“ Meus queridos Reis Magos só vos pido que fagades uns quilómetros máis de AVE”.  –Aquí resúmese toda a vida desta familia que tivo que abandonar a súa residencia habitual, porque o cabeza de familia foi destinado ao lugar da obra e debe de estar a punto de rematarse, que o ambiente familiar foi resumido e plasmado, deste xeito, polo cativo.

- E iso que non existen, que se chegan a existir entón non darían feito! .

  Alguén andou no rebusco político, non como algúns veciños, cando ían ás leiras e aos bacelos, por se os propietarios esqueceran patacas ou cangallos de uvas para aproveitalos e ter colleita propia, senón, tipo cobra, para conseguir algo que debería estar asegurado, porque o efecto non desvirtuara a causa. Como tiña que ser el, pois había que practicar o arrastrarse, -para non esquecerse-, porque a dignidade é o de menos, neste tipo de individuos, que queren, a toda costa, estar na “casta”.

 -Non escribiu a carta, pero rebuscou firmas e iso que no lugar da Gudiña -escoitar escoitounas-, pero coma se non fosen con el. -Que lle firmaran!, para volver o mesmo posto, aló en Madrid, por iso “ser cobra” ten os seus premios.

 Daquela había que coidar a “finquiña”, pero, agora, a finquiña converteuse en eidiños.

 Sen embargo o Manolo dicía: -“non entendo nada, repartía papeletas, coma se fose para el e resulta que estes resultados aínda foron máis nefastos cos das municipais, porque só sacaría seis concelleiros. O normal sería facer coma todos ou,- se me apretas-, facer o contrario, para que fosen menos e así quedar ben, o que está claro é que os veciños votaron ao partido e non ao individuo, deixando mal ao candidato nas municipais”-.

 Iso é o de menos. O importante e rubir ao machiño, pero máis aínda, foi o sorriso que recuperaron os veciños do municipio ao cambiar de alcalde.

 O ano 2015 portouse ben coa vila e os  veciños van estar a altura das circunstancias, en cada momento, que o novo equipo de goberno necesite deles.

 - Un feliz ano 2016 para todos/as vostedes.

                               Verín, 1de xaneiro do 2016.-

                                Adolfo Rolán.-

 

Parking?

Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-  Parking...?

 

 Miña cara señora María: -Corría a lexislatura do noventa e cinco cara o noventa e nove e nunha mañá, a hora do recreo, tempo aproveitable para facer encargos despraceime, coma de costume, ata o Concello. Rubín a escaleira de dous en dous escalóns, coma sempre, e cheguei ata o despacho da alcaldía. Só había dúas persoas e o primeiro que me espetaron foi: -"imos facer un parking". A resposta no esperou: -"estades loucos".

 Así escomenzou unha aventura dun parking que agora estanse a  recoller as sementes. -Unha loucura!.

 Só houbo que buscar empresarios dispostos a invertir cartos en algo que a morte víase demasido anunciada.

 Tódalas extratexias para encher o parking fracasaron e a pesar de pintar tódalas rúas da vila con ringleiras amarelas os conductores non fixeron uso do aparcadoiro.

 No verán do noventa e cinco dúas parellas disfrutaron das súas vacacións en terras das illas Baleares. Unha delas, o señor, ocupou un cargo político, nunha Delegación Provincial. Este político non repetiu acompañamento vacacional, nin axudou cando houbo outro intento de construír un segundo apacadoiro na Alameda.

 Pódese dicir que se sentiu enganado. Un máis, no curriculum do "ex".

 A idea do aparcadoiro respondeu o interese que había nas cidades, polo que a vila non podía quedar desenganchada do negocio. A redacción do PXOM axoudou a levar adiante tal obra e miren se fixo mella no tema que encargouse o "respiradeiro" antes que a execución da obra. Déronlle mil voltas. O aparcadoiro había que ubicado na praza García Barbón. -Non se atreveron-. Ao final fíxose diante do Concello e a loita foi dura, pero o "medo político" levouno a coller vacacións para non estar presente no escomenzo da obra. Unha obra discutida e discutible, con manifestacións e gardas perennes toda algunha noite.

 O respiradoiro, o foguete, que custara máis de dous millóns das antigas pesetas estaba feito e había que pagalo e traelo. Non sabían que facer con el.

 Empezaban as famosas rotondas e, como non, Verín tiña que seguer a moda copiada de Francia, polo que encontrouse o lugar adecuado, que por certo, a construcción custou o seu en conseguir os terreos. -Logo, as eternas discusións de se é moi grande ou moi cativa o que si é, que resolveu o problema do "respiradoiro". O seu destino fora o lugar, case, onde está a estatua de García Barbón. Agora, síntese altivo na estrada cara Cabreiroá.

 - Terían que vir os seguintes políticos para facerlle o mesmo que lle fixeron a fonte, que diferenciaba dúas prazas e agora quedou nunha soa. Tanto reivindicar a historia dos lugares para sucumbir ante accións desconcertantes.

 Dúas obras dos "dous ex" levan o mesmo fin, a lonxa agropecuaria e o aparcadoiro. Curioso!.

 Eles son "ex" nos cargos, o apacadoiro vai ter un final feliz para a vila de Verín. Se daquela non se enchía, agora, coa boa idea do novo equipo de Goberno Municipal, póndoo a disposición dos usuarios, perante dúas horas gratis, estase a favorecer que, futuros visitantes da vila, poidan aparcar para facer as compras nela.

 Esta decisión traerá beneficios para comercios, restaurantes, pequenas industrias, bares, cafeterías, etc. porque non haberá perseguimentos con multas.

 

                      Verín, 2 de decembro do 2015.-

 

                                Adolfo Rolán.-




Insultos....?

Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-    Insultos…..?

 

 Miña cara señora María: -“So sabes dicir insultos, nunca tes argumentos para razoar sobre os temas a tratar. –Debes ser máis curto coa rella dun arado, espétalle o Pirixel ao Maneco, nunha discusión que a ningún dos dous lles ía nada.

 Sen embargo, como ambos son teimosos, seguen a falar do individuo, como se o coñeceran de sempre, pero so oíran, que tivera cargos políticos, pero nada máis, porque, como todo galego que se honra, foron emigrantes. Un, en Vascongadas, e o outro, en Cataluña.

  Despois de tantos anos o político non cambiou nada. As historias abundan por doquier, que confirman o dito. Senadores que contan os mesmos feitos, é dicir, aseguran que non se lle pegou nada positivo, socialmente falando, porque segue a facer as mesmas xudeadas.

 Ao parecer o Pirixel contaba bastante ben as historias do “ex”. –Dicía: -non importa o cargo que desempeñe e ocupe o posto que sexa e rodeado de persoas aprendidas que non aprende nada de ningunha delas. – Continuaba expondo, a  arrogancia, egoísmo, narcisismo, ambición, falsedade, indignidade, codicia, arrogancia,  vanidade e engreimento, impídenlle ver bos comportamentos no resto das persoas, pero, non só dos veciños, senón dos que ten que acompañar, horas e horas, polo desempeño do cargo e cargos.

 Pero o Maneco, máis coidadoso, respóndelle: -“só se quedou cos “insultos” e “acusacións”-.

 -O novo alcalde non debe preocuparse deses calificativos insultantes.

 Leva toda a súa vida política predicando dende os medios de comunicación, porque sabe “amañar” esa relación, pero os veciños respondéronlle co ostracismo político, mandándoo ao lugar, que nunca esperou e que non sabe estar.

 -Por outra, o de “insultar” é un problema de ignorancia e de falta de argumentos para razoar calquera tema, polo que bota man dos “insultos”.

 Insulto, meus caros veciños, pero insulto recibino eu desa mesma boca, nunha Comisión de Goberno, das de antes, porque agora cambiáronlle o nome, cando nun dos puntos, da orde do día, apareceu a solicitude de obra e apertura do lavadoiro de coches de Queizás.

- Na vida escoitei un insulto tan denigrante e intrinsicamente maléfico dun individuo, como aquel-. -E sobre todo sabendo, como sabía, a historia dos aprobados-. -Como o doutor, por solicitude paterna, chamaba a seu amigo para botar unha man-.

 -Pasei o resto da lexislatura sen ir á Comisión e iso, que se cobraba case unhas quince mil pesetas, cada semana, pero non se atreveu a substituírme. – “O que ten cu ten medo”, di o refrán.

- Polo tanto, meu caro Alcalde, non contestes e segue como ata de agora.

 

                        Verín, 26 de novembro do 2015.-

                        Adolfo Rolán.-

sentenzas?

Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-   Sentenzas?...

 

Miña cara señora María:  A discusión descorría con bastante normalidade entre o Chelís e o Manoliño, pero as dúbidas que expresaban non lle concordaban co que desexaban ambos.

 Os dous estaban de acordo no mesmo, pero non chegaban a nada, porque non se escoitaban.

O recuncho da nova urbanización é o lugar de máis tertulias da vila e eles imitando aos de máis idade sentáronse nas cadeiras do lugar, sen embargo non deron con ningunha conclusión concertada.

 O tema que trataban era o das novas que encheron as páxinas da bisbarra nos xornais correspondentes e, como non, o discutido “multiusos” na propiedade da familia dos Vilarellos.

 A xustiza deulles a razón nas dúas sentencias, polo que disertaban sobre quen debería indemnizalos se o Concello ou os veciños de Verín. Estaban de acordo que deberían ser os responsables políticos e os técnicos que auparon o proxecto xuridicamente. Pero non sabían se esta medida estaba contemplada nas leis, polo que, falaban e falaban e o resultado non chegaba.

-O que tiñan claro é que a familia debía ser compensada por quen fose. Non se debe abusar da xentiña, nin ir de prepotentes ante os coitadiños veciños, cando e sobre todo, crúzanse nas beirarrúas uns e outros.

 A señora María non puido presenciar a disertación, porque o tempo non acompaña e o fillo aínda non chegara para baixala.

 O home, xubilado en Barcelona, anda coa mosca trala orella e ao mellor cambia de  empadroamento, polo que poida pasar aló, en Cataluña, para ter asegurada a súa pensión.

 Sabe que a súa nai gusta moito de parolar e aínda máis o de estar ao día nos aconteceres de Verín.

 Aínda que a filla a tiña ao corrente da ocupación da finca da familia Vilarello, como non saíran as sentenzas, non estaba ao corrente das novas onde o novo alcalde manifestaba, que non recorrerían as sentenzas e que mirarían a maneira de cumprir os veredictos.

 Sen embargo o Chelís e o Manoliño xa leran as novas, polo que manifestaban estar de acordo co pensamento do señor alcalde. Habería que buscar sentenzas onde a implicación patrimonial dos políticos fora a entrega para a indemnización, liberando as arcas do concello.

 Gustaban e aceptaban  de que o novo alcalde non recorrise as sentenzas, porque era unha tranquilidade para a familia, porque a xentiña llana non quere saber de xulgados, nin de xuízos.

 Os votantes, señora María, deberían votar a partidos que non seu programa electoral levasen a” non prescrición de delitos cometidos perante a vida política dos políticos. E, ademais o recoller, moi claramente, a responsabilidade patrimonial, de cada un deles, cando abusar do poder.

-Sería unha garantía para ir acotando á corrupción-.

 

                            Verín, 2 de novembro, do 2015.-

                             Adolfo Rolán.-

...Bar Chaves......

Verín-            CRÓNICAS TAMAGANAS. ……… Bar Chaves….!

 Miña cara señora María: -Daquela,case  cada sábado, soaba o teléfono e , como non, había que collelo. Sempre a mesma chamada e dende o mesmo lugar.

 A chamada só era para dicir que me acercara porque había que visitar unha obra. Sen embargo, nunca a obra foi visitada. -Simple e llanamente era para acompañar ao personaxe ata o bar Chaves-.Baixaba o escalón e arrimándose á barra pedía unha consumición con medio pincho, que lle servía o Suso e xa podía marchar. –Esa era a misión dos sábados facer de garda costas ao longo do percorrido.- Cadaquén que pense o que queira, aínda hoxe a pregunta aparece polo maxín e non encontra resposta.  Cantos anos de “lazarillo político”?.

 Todo isto vén porque estes días aparece nos xornais o edificio que se está a construír no mesmo solar. Debe ter présa para a tomar o pincho no novo baixo do edificio e ademais quere que non teña problemas porque pode retrasarse a apertura dun novo” bar chaves”. –Que lle pregunten aos propietarios da obra que é a segunda que sofre as inclemencias do persoeiro-.

 Sen embargo hai constancia de que xa  a primeira licencia mandárana a Patrimonio, cando non debía ir, e ademais Patrimonio empregaba unha normativa de solo urbanizable en solo urbano. -Neste primeira licencia os técnicos admiten que se balancearon, porque a normativa ou normativas daquel momento non recollían o Bar Chaves como edificio singular a protexer.

 Ademais de isto o PXOM do 2012 tampouco recolle este solar como edificación  protexida entón, onde está o problema?. –Pódese afirmar algo positivo deste PXOM do 2012, que é a demarcación das edificacións a protexer,  con informes vinculantes de Patrimonio, que recolle o seu contorno con unha ringleira que destaca porque a súa trama parécese a cartas da baralla española xunguidas con guións ao longo dos planos.

  Esta ringleira pasa ao longo da Avenida Luis Espada, polo tanto pasa por diante do mencionado solar. Hai que resaltar que esta ringleira das cartas nos planos debe medir de ancha dous milímetros ou menos, pois ben aquí radica o problema. Esta ringleira é continuadora e non contornea ao mencionado solar, polo tanto non debe afectar a unha edificación, que é deseñada por  un técnico para a  súa execución, porque o técnico, analizando o plano non lle dá esa clasificación de protección.

 Para esclarecer este tema hai que ver outro exemplo. Calquera persoa adquire un solar para construír unha edificación unifamiliar. O solar está ubicado en solo que hai que separarse do lindeiros tres metros. O concello dá a licencia e comézase a edificación respectando esa distancia. Ao chegar a cuberta hai que rematar a obra e o aleiro sobresae da plomada ou verticalidade das paredes, polo que está fóra dos tres metros, hai que tirar  ou paralizar a  obra?. –Que empece?.

  No caso do Bar Chaves son as galerías recollidas na primeira licencia, que condicionan ao deseñador na segunda licencia, porque no PXOM do 2012 iguálanse,  en alturas, todas as edificacións da Avenida Luis Espada.

- Hai que dicir que esas galerías ou cristaleiras sobresaen sesenta centímetros da verticalidade do edificio, polo que di que sobrevoan  a  mencionada ringleira. –A ringleira mide menos de dous milímetros.

  E para isto tanto ruído?. –Non.Buscade noutros temas-. - Non sabe nin soporta estar na oposición-.                              

 

      Verín, 9 de outubro do 2015.-

                        Adolfo Rolán.-

...cen días

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-…..Cen días!

 

 Miña cara señora María: -Ao parecer hai que deixar cen días aos políticos e dirixentes de tódolos sectores da vida para ver como resolven e poñer a andar as encomendas postas baixo ao mando deles.

Cen días son, polo tanto, o tempo que leva o novo rexedor verinés na casa do Concello e hai que facerlle a análise dos seus actos para ver se foi fiel ás súas promesas electorais.

Despois de ler as novas que saíron nos xornais, con crónicas da vila, os veciños danse conta, que cada día que pasa máis acertaron en cambiar de dirixente.

Tódolos  epítetos, “que foron ditados”, son un reflexo do que acontecía nas lexislaturas anteriores, polo que está a falar de si mesmo, non da nova corporación.

 –Deberíalle caer a cara de vergoña ou esconderse a quen afirma que despilfarran os cartos dos contribuíntes verineses, cando nos seus mandatos hai exemplos de sobra para ver e non cometer eses erros. Obras como o parquin da praza do concello, obras como a lonxa , obras como o multiusos e, como non, unha fachada emblemática como era a propiedade de Obras Públicas na Avenida de Sousas, que se apresurou a desmantelar e aí non actúa a fiscalía.

 –A única obra que a xente se paraba ante ela para observala, porque era única en toda a vila. Rompía coa monotonía do resto de construcións urbanas. Era diferente, distinta, pero para iso hai que ter sensibilidade-.

 Nese solar querían  meter aos cativos da vila. Un lugar rodeado de edificios que non deixan recibir o sol, nin ventilación para unhas persoas tan necesitadas do natural. -Tampouco hai sensibilidade-. Catro paredes que enmarcan as vivencias de criaturas deben ser abertas e estar e vivir coa natureza ou, só pode vivir só en Infistela?.

 O novo equipo de goberno, polo de agora, chégalle cumprir coas promesas cativas a persoas concretas que buscaron apoio e foron escoitadas, porque estaban cansos de desprazarse ata o concello e recibir as mesmas monsergas do “ex”, incumpridas.

Dous guiños recibiron os veciños e ademais sen gastos ou poucos. Derribar as casas de ambas esquinas das rúas Travesía de Sousas e da Muralla. -Os comentarios pronto empezaron a escoitarse.

  Saben recoller ideas ou suxerencias que logo vense plasmadas en realidade e por iso a alegría refréxase nas meixelas dos veciños, porque síntense artífices de eventos bos para a vida da vila, para o seu pobo. E senón que llo digan aos do casco vello. Levaban tempo crispados e agora o sorriso alóngaselle na boca. –Se a xente está satisfeita, todo funciona mellor e os votos non escapan, porque ata ,desta vez, fuxiron os dos “amigos” e afiliados.

 Moveron Verín coa serie de actos o longo do verán. Acertaron coas feiras mercados e eventos, -ata recuperaron proxeccións de filmes- que aglutinaron aos veciños e pegaron deles para que non escaparan da vila, porque Verín daba sensación dunha vila desértica e soubérana revitalizar e iso critícase.

Deben ler eses xornais e analizalos e denlle varias lecturas por si se escapa algo, porque o narrador si coñece ao personaxe. –Delirium tremens!. –É imposible describir mellor todo o sufrido e soportado polos veciños do Concello de Verín.

 Un consello: -Debería estar calado e sobre todo ……………..

                            Verín, 25 de setembro, do 2015.-

                             Adolfo Rolán.-

Sobrante.....!

Verín-CRÓNICAS TAMAGAS-   O sobrante……!

 Miña cara señora María: O Maneco pasea e pasea tragándose as rúas da vila como  se fose un tiovivo de corda senfín.

 No pobo sentíase desprazado porque valía pouco e  non se atrevía con nada, por iso ninguén o escollía para xogar. Sen embargo presentábase a todos os convites que se celebraban aínda que non fose invitado. Chegou un momento en que ao  acercarse  ao corro dos rapaces alguén daba a alarma de que viña “o sobrante”.

 Algo  está a suceder cun novo “sobrante” verinés. Despois de pasar tempo sen andar polas rúas agora aparece por doquier, por iso tíldano co mesmo apelativo que o Maneco.

 Na inauguración da ampliación no Castelo de Monterrei do Parador o “sobrante” apareceu nas escaleiras da torre da Homenaxe; cando a Plataforma do Non ao Parador intentou penetrar na fortaleza, vislumbrárono baixando, polo que a gritos, chamáronlle de todo e aínda houbo algunha voz que dicía:” …tírate..tírate…..”!. De pronto oíuse unha voz dende enriba dicindo: -“Eu son de Verín”. –“..pero se firmaches a conexión da auga…”.

 -E  iso que chuléase sempre de que nas adversidades crécese. –Hai que dicir que cando había que dar a cara por temas municipais, tanto no xulgado, como ante calquera veciño, firmaba un decreto para non ir-.

- Na feira do viño tivo que soportar un mirada do xefe supremo que non se debe recomendar para ninguén. –Hai unha foto que recolle o momento con ambos raios conectando ambas miradas que expresan o detalle. Pode que aparecese sen estar invitado ou que prefiren que non apareza por esas inauguracións, porque, ao mellor, non queren estar na foto co personaxe e non saben como desfacerse del. –Tódolos meses de agosto practica o que se chama “cobra!. –Busca algo, polo que hai que “arrastrarse”. –Neste mes non hai soberbia.

 O Maneco, señora María, debía padecer o síndrome da desubicación, porque a súa nai era dunha parroquia por baixo de Verín e o seu pai doutra ao norte da vila, polo que pasaba longas tempadas con ambas familias, de aí que, o pobre cativo, fora un sobrante, porque non tiña tempo para a convivencia nun só lugar.

Na declaración do xornal referente ás vinte e catro horas na casa mostra a evidencia de que está desubicado polo que haberá que esperar a que non ocorran cousas peores.

                                                   Verín, 16 de agosto, do 2015.-

 

                                                Adolfo Rolán.-

cabaleiro....?

Verín- CRÓNICAS TAMAGANAS- Cabaleiro……?

 Miña cara señora María:- O Xoán Ferreiro está de visita en Tintores. Saberá que é do Barcelona, polo que a súa conversa só corre a cargo do fútbol, pero o mellor sempre é o barsa.

 Sen embargo, a veces, pregunta sobre a política local. Quere saber e vai directo para enterarse dos aconteceres do seu pobo e do concello. Non fala de grandes temas, prefire falar das cousas que coñeceu e quere recordar. Debe ser produto da idade e, sobre todo, da lonxanía e fala e fala e pregunta e pregunta.

 E como non, enterouse do unximento a cabaleiro aló no Santiago dunha Fundación a que tamén pertence o “Honorable”  Pujol, polo que necesitaba saber como se pode facer partícipe do asunto.

 O que si recordaba era o libro de cabalerías que o mestre, colocándoos en ringleira, facíalles ler, cada día, na escola para homes. Aquel libro tiña por título:” El Ingenioso Hidalgo Don Quijote de la Mancha”. O mestre empregábao par ensinar a ler, pero matizaba que había outro libro que era falso, dun tal Avellaneda, e non se lía.- Esa matización recordábaa o Xoán, como algo que lle quedara gravado no seu maxín, pola insistencia do mestre sobre a falsidade. -Os dous libros estaban no armario da escola.

 Tiveron que pasar os anos para que Xoán soubera a verdadeira historia do libro de cabalerías e ver como o personaxe remata louco por ler tantos libros sobre o mesmo tema. O que acontece agora non versa sobre lectura de libros, porque a súa lectura é só de catálogos e poucos. O que si pode acontecer é que como non sabe facer nada caiga nunha quimera tipo Don Quijote. –Algo parecido apareceu, caro Xoán, hai uns día,s na prensa, facendo unhas declaracións persoais relacionadas co ocio e co tempo na casa.

 Sen embargo o mestre nunca fixera comentarios sobre o libro para chegar a comprender que o libro recollía dúas realidades da vida: _”o idealismo e o realismo”. A sociedade alta e baixa. Don Quijote e Sancho.

 O autor plasmou a realidade da vida, naqueles séculos, contando historias quiméricas das tarefas a emprender polo cabaleiro, que logo se rememoran co paso dos anos en cada sociedade. Todos os desaguisados que emprendía a clase dominante recaían sobre a clase popular, por iso Sancho lle recordaba ao cabaleiro que aqueles non eran xigantes senón muíños de vento, xa que logo tiña que remediar o acontecido. –Nunha palabra, intentaba axudar a súa clase social.

-Haberá que orar, señora María, para que  o” cabaleiro” santiagués non sufra das quiméricas aventuras de Cervantes, porque os veciños non desexan soportar máis estes individuos que se “colocaron” fora da realidade.

                               Verín, 9 de agosto do 2015.-

                               Adolfo Rolán.-

Soldos...

Verín- CRONICAS TAMAGANAS- Soldos……….?

 

Miña cara señora María: Chegou Mirian, veu sen o pai pero ela, resolutiva, como é, enfréntase á vida e , como non, todo para adiante  axudando, con  moito coidado, a súa avoa.

O que non perdeu, a pesar de todo, é o de estar ao día nas cousas que ocorren na vila.

O seu interés polo Idi Amin verinés foi a primeira entrada  coa que se presentou na xuntanza da tarde nas cadeiras da urbanización do Castro. – A resposta saíulle de inmediato da señora Castelán;  - Segue a facer o mesmo. O exemplo telo no tenente de alcalde que non lle repetiu. –Todos escapan del e non hai explicacións do porque. Debe ser un persoeiro a estudar nos anais dos libros de comportamentos e sobre todo de sociabilidade.- O que se chamaba, daquela, urbanidade.

 Ao parecer, espétalle o Castelán, agora  preséntase aló, onde xorde calquera reunión, porque pensa que a culpa de non gañar era que saía pouco polo pobo. –Unha maneira de botar pelotas fora ou de satisfacerse para non ter que pensar na verdadeiras causas, que son máis persoais que políticas.

Sen embargo Mirian interesaba tamén polo dos soldos, que facía poucos días criticara o ex -verinés.

-Chamoulle moito que un individuo que levaba e leva anos vivindo da política, que se expresara desa forma en contra dos soldos dos novos rexedores municipais. –Non comprendía que alguén que manifesta, aos poucos días, estar fora de si, porque alegaba, que ata os sábados e domingos, tiña que resolver temas do concello, agora, soluciónanse  por xeración espontánea.

Os dos soldos, querida Mirian, éche unha historia propia do persoeiro. -Corría o ano dous mil e proponme ir para Santiago, capital da Galaecia, deixando o meu traballo de mestre para dedicarme as vinte e catro horas do día a atenderlle “a famosa finquiña” verinesa. Parecíanlle  poucas horas  de entrega á política local, polo que, encontrou un posto de asesor na Consellería do Medio Rural, que daquela rexentaba, un funcionario de Extensión Agraria, coñecido, daquela, como Conselleiro das vacas tolas. –Por certo, nestas eleccións, ía de segundo, despois do ex.. –Que terá a política?.

-Sabes Mirian que o soldo que me  tiñan asinado era de cincuenta mil pesetas menos, que o da nómina da miña empresa. –E iso que era dos deles, imaxínate, senón fora.
-Pois esta casta de individuos  é a que dirixe as institucións e hainos que soporta,r porque as persoas inocentes ou non tan inocente,s vótanas. –Ou ruben ao carro mellor colocado, como ocorre case sempre, porque estes non van nas listas dos perdedores, porque saben que así non cheiran nada.

Pero aínda hai máis, miña cara Mirian: -o caso das vacas tolas trouxo consigo o ter que deixar o posto de Santiago, polo que había que regresar á empresa,e rogoume que me quedara con el, pois aínda foi peor, pois pasaron case tres meses sen asinarme soldo no concello, ata que un día senteime diante del , no despacho, e só lle dixen: lo ti non levas un soldo tódolos meses para túa casa.

Pasaron os anos e  aínda non se fixeron efectivos aqueles meses e iso que no tripartito intentaron correxir o tema, pero….por certo, a falta de cobro xuntaba  a falta de cotización á seguridade social polo que se transmitía un problema á miña  xubilación. –A pesar de todo estou na vida con vida positiva e durmo moi ben-.

-A vara de medir de estes individuos non é equitativa. A súa perspectiva de socialización está moi lonxe de persoas normais

                                Verín 20 de xullo do 2015.-

                              Adolfo Rolán

Broma...sobrante.

VERIN.BLOGIA.COM

VERIN-CRONICAS TAMAGANAS.  "...Broma....  sobrante...".

Miña cara señora María: -O Rofo non cría o que lle ensinaban-.

Nas meixelas, dos veciños da vila, frorecen pétalos que se esparellan por tódolas rúas. O medo político desapareceu e volven os viandantes a sorrir.

O sorriso, a venganza,  a satisfación, cómplices de largar do sillón algo que fedía. Os viandantes, como liberados, dun peso que non tiñan forza para arrancalo, ata camiñan con estilo, como se por as rúas foran persoas distintas de fai uns poucos días. -Como se pode cambiar en tan pouco tempo unha forma de andar?.

-A liberdade é a causa principal de todo isto. Acontece o que ten que acontecer, porque os veciños respiran politicamente liberdade.

-Os xestos, a maneira de expresarse, tender a man, dicir bos días ou un ata logo van acompañadas de sorrisos maléficos que expresan alegría polo ocorrido nas votacións. -A sorna faise dona das rúas verinesas-. Uns, exprésana abertamente e outros, cun medio guiño. -Pero todos sorríen.

Para sorna ou chiste ou broma o preparado no maletero dun carro verinés ao lado dunha beirrarúa da avenida Luis Espada.

O propietario colocou o inmenso programa electoral no medio do maletero coa imaxe do personxe cara enriba. Pechaba o maletero e dirixía aos viandantes ofertándolle que se arrimaran e abrisen o capó para coller algo. -Ninguén picaba-. Ao abrir o maletero e ver ao personaxe sentíanse alegres por non querer o que ofertaba o dono.

 Se embargo á saída do supermercado unha persoa "compunxida" preguntou: -Como levas o do Baltar?, -hai que torealo, foi a resposta do aludido, pero rematou a conversa aí. -Interesante a pregunta e a resposta. Debe ser a nova comunicación que deben emprender os barridos do concello ou é que non teñen máis que dicir, polo que encontrarse na rúa, de frente, cos veciños e non dicir nada, despois de tantos anos na poltrona, ten que provocar delirios.

 Delirio foi co que se encontrou un empresario cando foi invitado a visitar Infistela e escoitar a proposta que se lle ofertaba. Nunca, polo seu maxín, pasara tal aventura, porque se encontrou con algo que non respondía a seus intereses e menos sofrindo, cada ano, as visitas imprescindibles dos que controlan todo economicamente. Ao pesar de todo comprometeu a palabra e buscaría entre os seus alguén que lle interesara o predio.

Delirio foi tamén co que se encontrou o novo Alcalde na actuación dos Coros. Invitación non houbo, pero apareceu, e tivo que soportar a chamada que a representante do coro verinés fixo, con nome, o que se quedara no fondo da igrexa, para que rubira a entregar o agasallo correspondente. -Sen embargo o nome do actual Alcalde non foi pronunciado. -Só o señor Alcalde-. -Un sobrante-. Ou é que lle gosta a música?. -Pode ser. -Pero todo en función do voto.

Non se preocupen que pronto haberá novas interesantes. Verase que o concello non era o que todos pensaban que era. A coba do Alí Babá sería un Belén comparado co que se está comprobando.

 Gastarse todo o remanente en obras para gañar as eleccións non deu o resultado que se buscaba. Isto debería estar prohibido por lei. Os partidos deberían buscar consensos, lexislando, o mesmo que coas inaguracións preelectorais.

Primeiro anuncia un alto remanente e logo non chega para pagar as obras das eleccións, que, por certo, aínda se están rematando e haberá que esperar se son continuadas porque os cartos non se estiran.

 Señora María, cada un é como é, polo que non se poden pedir peras aos olmos.

-Remata o mandato, coma sempre, mentindo. Pero, os verineses, coas meixelas cheas de rosas. -Boas feiras para todos.

 

                                               Verín 2 de jullo do 2015.-

                                         Adolfo Rolán.-

-Agresión á mestra.......

 

 VERÍN-CRÓNICAS TAMAGANAS: -"Cada mestre/a co seu libriño".

 Miña cara señora María: -A vila só sae nos medios de comunicación con novas nada positivas. 

A vida xorde cada momento e non hai lugar para endereitar o que resulta torcido. Cando o camiñar é retorcido e o ambiente está contaminado é difícil encontrar un remedio. -A árbore enderéitase de pequena.

 A reflexión do Manoliño fíxoa en alto para que os veciños o ouviran. Situose cando de cativo fora á escola e nunca escoitara cun pai maltratase ao mestre. Sen embargo recordaba con ironía a súa escolarización, aínda que aos catorce anos tivera que emigrar cara Cataluña.

Contaba como o mestre os colocaba en fila india diante da porta da escola, cando o tío Nicolás se lle queixaba das trasnadas dos rapaces, e pegáballe cunha vara nas posadeiras. -Algún chegaba á casa cos moratóns, pero non se lle ocorría dicir nada, por se acaso.

 Daquela non se podía ir coas queixas do mestre á casa porque aínda recibías máis, polo que aguzábase o maxín para esquivar os castigos.

E como non, o Manoliño avivou o seu e descubriu o método para que a vara do mestre non fixera das súas nas súas posadeiras. - Ocorréuselle colocar unha das enciclopedias ALVAREZ por baixo dos pantalóns. As primeiras palizas, o mestre, como eran en ringleiras, misturábanse os azoutes e o son non se  diferenciaba, pero cando o catigo foi a el só descubriuse o invento.

 Pero os rapaces non se achicaban e buscaban novas formas de eludir os golpes.

 -Tivo que ser o Pajuelo o que deu con outra forma de paralas. -Cando o mestre o mandou a buscar varas deulle un corte coa navalla, máis ou menos pola metade, entón, a dar o primeiro azoute a vara resquebrábase e non continuaba.

 Por iso o Manoliño non entendía como unha familia se presenta na escola a agredir a unha mestra, cando o castigo foi só sentar a cativa na "cadeira de pensar".

  Se ademais as institucuións non axudan, entón os profesionais encóntranse sen saber que facer ou sen poder tomar decisións equilibradas en cada instante. Por iso, a veces, ocorren estes sucesos, que logo a prensa, buscando regocixo, faise eco e publicita os feitos. Os medios deberían colocar e nomear a cadaquén no seu lugar, para saber quens son as persoas que agreden e así coñecerse todos.

-Temas que deberían solucionarse localmente, pasan a ser novas para encher espacios universais, provocando que a vila asuma unha característica coa que non se corresponde cotidianamente. -Non hai que ocultar nada, pero cada cousa debe ter a súa medida.

Algo debe gardar o refrán: -"Pasa máis fame cun mestre/a da escola". Este dito que tanto entrou na mente da cidadanía, naqueles anos, parece querer resucitar e facer que os mestres estén continuamente nos medios de comunicación, facendo ou creando responsabilidades en algo que só teñen que buscar solucións para que o acto educativo resulte o máis proveitoso posible para a sociedade, aínda que sexa sen os medios adecuados.- Dar clase así é imposible. O mestre/a necesita de autoridade e o respaldado das administracións en cada momento.

O acontecimento non foi un acto aillado, senón que se repite coa mesma familia. O centro xa fora visitado por outro membro, cando outro suceso ocorrera no comedor, cun cativo irmán da rapaza, que agora aparece como partícipe dunha liorta, entre escolares da mesma idade. -Polo tanto, estas visitas ao centro deberían aparecer como causas máis que suficientes de vixilancia por parte das autoridades, para que non ocorran estes sucesos.

Ó parecer o día anterior xa se presentaran no colexio e a sorte foi que a mestra, que estaba soa, comentoulle ao conserxe que lle dixera que non estaba, polo que nai e avoa, volveron ao día seguinte.

Señora María, estas cousas son producto da sociedade. As leis en vez de correxir e atallar estes problemas ao parecer acrecéntanos. -Daquela, era pasar fame, agora, é recibir agresións.

 

                                      Verín, 24 de xuño do 2015.-

                               Adolfo Rolán.-

 

 

 

 

 

 

 

 

 

"no lo entiendo"

VERIN- CRONICAS TAMAGANAS.-   “No lo entiendo”.

Miña cara señora María: Pasara a medianoite e ó celular chega unha mensaxe. Ó parecer o xornalista debeu chamar ó candidato popular da vila e a resposta debeu ser curta, por iso as verbas foron tan breves e tan desafortunadas.

 O maxín retrocedeu uns anos e reviviu aquelas conversas onde non escoitaba, polo que non podía entender o que se dicía. –Non debeu cambiar aínda, -agora, di, vai comunicar mellor. Cando se cambia a rúa polos medios de comunicación, nun pobo onde nos coñecemos todos, a lonxanía das ondas conduce a estes resultados. –Falta o contacto directo, pero tamén faltou quen soubera disculpar a ausencia  da máxima autoridade municipal en moitos recunchos do concello. –Non se pode aparecer só en eleccións.

Se este personaxe se queixa da comunicación que farán outros. Entra nas ondas cando se antolla e desdice a todo opositor,  contando a súa verdade, cando, na maioría das veces non sabe nin do que fala, porque só fala do del, do que el quere dicir. -Posesión da súa verdade absoluta.

 Para situalo ben hai que contar o sucedido o 21 de maio.  As nove da mañá soa o teléfono dun exfuncionario.- Non o colle. Máis tarde volve a soar e levántao, contestando á chamada. Ao outro lado da liña unha persoa do concello dille que o señor alcalde quere falar con el. -Contesta que pasará por alí cando vai a comer. Ao chegar á hora da comida acércase ao concello; sube ao despacho e recíbeo a persoa que fixera a chamada, polo que anúncialle que o señor alcalde non está e entrégalle un encargo. Abre o papel e le unha nova, dun xornal dos noventa, que facía referencia a unha denuncia sobre a compra dun concelleiro, cando dunha moción de censura, na que se lle atribuíra a compra do tal concelleiro, polo que se querellara contra o actual candidato  independente dos socialistas, por facer aquela aseveración. –Tiña medo?. - Sabíase que aquela denuncia fora retirada polo exfuncionario, naquel momento. A que viña isto despois de tantos anos?. –Unha estratexia propia do individuo-.

Estratexia foi a que fixo posible que non só perdera a maioría absoluta, senón que baixara a sete concelleiros.- Uns mil cincocentos votos. Nesta campaña non lle valeu cambiar o segundo da lista e menos dicir que se quedaría de futuro alcalde, como fai catro anos.- Daquela os veciños picaron e creron a mentira.- Foron tantas!.- Os contribuíntes tamén se cansan das mesmas caras e das mesmas verbas.

 As causas deste descenso foron persoais e políticas. As políticas, é dicir, a decisións tomadas polo personaxe, e aprobadas logo,  son o froito que sementou nesa famosa “finquiña” de Verín, perante anos.

Como causa principal foi a suba da CONTRIBUCIÓN URBANA.  Hai que recordar que sendo membro da corporación presidida por Cid Harguindey debería acordarse de que daquela tamén foi causa da perda da alcaldía, polo que non aprendeu aquela lección.  –A sensación de silencio por parte dos propietarios, tanto daquela como desta, foi a mesma, polo que o caída fíxose realidade.

Como segunda causa pódese colocar a xerencia da auga. O abuso e a forma de tratar aos usuarios non ten parangón. –Colocar contadores, aínda que fose para uso doméstico, era o deles. O bonito do caso é que o Concello non se beneficiaba, pero cargaban a factura para a Xunta de Galicia.

 O maltrato ó Casco Vello tamén influíu no resultado. –A falta de buscar solucións ou tomar medidas en conxunto colocounos nunha animadversión cara aos concelleiros populares que perderon a confianza dos veciños.

A etnia Xitana non pode faltar na colaboración deste desastre electoral  dos populares. As prebendas que tiveron foron eliminadas polo que “favorecidos” polas promesas dos opositores premiaron ós dadivosos. –Auga, postos de venda e esquecerse do Pastor foron  causas suficientes para cambiar o voto.

E como non, tamén axudaron os alcaldes da bisbarra, recuperando electores para eles. Pero quen si axudou ou axudaron foi o recibimento e trato a que foron sometidos os veciños ante reclamacións.- Iso de dicirlles que acudisen á xustiza, facéndolle gastar cartos, nesta época de crise, foi máis que suficiente para cambiar.

Non hai que esquecer tamén ás  persoas que se colocaron de parte de Manuel Baltar, que non foron  recuperadas para a mesma causa.

Aínda así non se pode esquecer o traballo feito polos outros partidos.- En concreto, a festa mitin do último día, o panfleto, moi bo, deixouno descolocado. –Non reaccionou-.

Houbo tamén células dormintes que, paso a paso, colocaron o seu traballo nos lugares adecuados, para que deran o froito esperado.

 

                                       Verín, 30 de maio do 2015.-        

                                                 Adolfo Rolán.