Blogia
Crónicas Tamaganas

Verín

Quimera

Miña cara señora María: parodiando a D. Miguel de Cervantes estamos nun lugar de cuxo nome non quero lembrarme. Queren que Verín sexa a ínsula  Barataria. Aquel invento de D. Quixote para desfacerse de Sancho, porque estaba farto de todas as súas cuitas e toda a súa sabiduría popular.

Non tiña problema, porque a súa tolería era capaz de iso e moito máis, polo tanto puxo mans a faena e nomeouno gobernador. 

O que si encontraría  Cervantes, como daquela, era material de abondo para seguir ampliando esta obra capital, o Inxenioso Fidalgo D. Quixote da Mancha ou, perdón, das ribeiras do Támega.

Aquí, con isto da eurocidade, tamén se está a vivir unha quimera.

Ultimamente todos queren arrimar o ombro para darlle corpo institucional, aínda que sexa con temas que poden prexudicar a empresarios da provincia como pode ser á  Fundación San Rosendo.

D. Benigno foi o primerio que se interesou por invertir no concello, ante a manida idea de que Verín ten recursos para explotar neste senso.

En colaboración coa Consellería de Industria e co Concello, a Fundación contratou  unha empresa para perforar distintos lugares do municipio para ver se era posible pór en funcionamento un balneario.

Agora recibe, dende Verín, o trato de desviarlle futuros clientes dos seus balnearios, que ten expallados por toda a provincia, dende Laias a Río Caldo, competindo co Inserso, para levarllos a Chaves, por querer facer a eurocidade.

¡Quítanllos aos nosos para darllos aos outros e iso que temos ben preto Baños de Molgas!

Non importa romper coas persoas que teñen boas intencións para Verín, nin interesa, para nada, dar vida dentro da provincia a empresas que crean postos de traballo con tal de que salga para adiante a ínsula barataria tamagana.

Chama a atención que ata a Deputación Provincial entre neste xogo, cando sabe que esas becas están a disposición de calquera estudante a través da páxina web da Axencia que xestiona o programa Leonardo da Vinci, dentro do Ministerio de Educación.

Por certo, cando un estudante solicita este tipo de becas, faino pensando non só no traballo, senón en perfeccionar un idioma. Por agora o portugués, os da raia, practicárono moitas veces por necesidade, polo que máis que unha oferta parece un insulto a todos os estudantes da fronteira.

En canto ó soldo, pregunten cantos andan a buscar emprego deste lado, porque aló o soldo base está en catrocentos vinte euros. Por certo, unha empresa lusa está a traballar na autoestrada cara Portugal.

E queren mandar a Chaves a facer prácticas ós futuros profesionais, cando os flavienses e toda a súa área de influencia viñeron, veñen e seguirán vindo, porque anhelan este territorio.

Cunha cativa desviación do río pequeno, aló en Feces de Abaixo, na alfándega, pode ubicarse a ínsula barataria, para que o gobernador ou gobernadora teñan a súa sede e deixen de teimar na quimérica eurocidade.

Sancho, como gobernador, foi cando estivo máis sensato e máis prudente.

 

Culpable

Meu caro Xan Carlos: xa somos tres os culpables de todos os males do mandamáis.

Ao Lucas dicíalle "fasme perder as eleccións”. Era a preocupación máis importante que tiña, en vez de buscar solucións ás necesidades e ás demandas dos veciños.

Aguantei oito anos escoitando, eses dixomedíxomes, aló na política local, ao lado mesmo do personaxe e de novo aparece “chorando” pola súa incompetencia política para levar adiante as súas promesas electorais.

Debeu errar o pobo verinés colocándoo na poltrona municipal ou, tal vez, lle quixo dar outra oportunidade para ver se era capaz de facer algo sen o patrocinio da Xunta de Galicia. Vese que non.

Non houbo rexedor tan ben situado na política para facer de Verín algo diferente, distinto, e ser espello doutros concellos, porque tivo o respaldo da Deputación Provincial, da Xunta de Galicia e do goberno de Madrid.

Nestes intres estánse a executar obras que daquela tiñan que estar rematadas e funcionando.

Meu caro Xan Carlos, non debes preocuparte, porque está facendo de ti o que necesitas para rubir na política.

Está pondo en ti temas que en vez de prexudicarte están a beneficiarte, porque  a xente percibe que te moves ben e que tes influencias aló, na política da Xunta e do goberno de Madrid.

Está a facer que sexas unha persoa experimentada nas andainas políticas, aínda que persoalmente che doian, e iso chega aos veciños, que así acoden a ti, para que lles botes unha man nas súas necesidades.

É bo para ti que te nomee nos medios de comunicación e que te insulte, sobre todo, nese senso, porque indica que ten poucos recursos para tratarte coma un representante electo, coma el, polos votantes verineses.

Non debes desanimarte por eses cualificativos, porque desautorizan sempre a quen os di e tamén debes saber que a educación mámase.

Debes recordarlle que o pobo colocouno a el na cadeira de brazos da alcaldía, co seu programa, polo tanto debe saber levalo a cabo, porque Allariz avanzou con alcalde do BNG, sendo a Deputación, a Xunta de Galicia e o goberno de Madrid do Partido Popular.

Verín non votou ó teu candidato, nin votou o teu programa, polo tanto a túa misión é facer de oposición, fiscalizando todas as actuacións dos que dirixen os destinos do concello, que para iso fuches electo.

Daste conta que practica moito a política de meter medo, coma se fose un rapaz.

Meu caro Xan: non te deixes amedrentar, aínda que presentase un escrito, na Mancomunidade, para prescindir dos servizos da empresa que asesoras.

Plus

Miña cara señora María: vive vostede nunha vila paradoxal. O concello non ten cartos, segundo declaracións do rexedor, pero permítese o luxo de darlle un plus a un funcionario.

As arcas estaban valeiras cando tomou posesión, pero os soldos séguense a incrementar. Son un insulto á cidadanía verinés.

Por outra banda firma un convenio cunha empresa para montar un “banco” de roupa complementado con alimentos desa mesma firma.

No concello non deben saber que na parroquia, dende fai moitos anos, existe "Cáritas”, e que desempeña esa labor ocupándose dos pobres e dos máis necesitados, polo que non deben montar algo que xa funciona, pero si axudala.

Pódese dicir que é entrar nun xogo non moi claro, porque estase a montar algo competidor con axuda pública e metendo por medio aos necesitados.

Co famoso “banco” de roupa pode que haxa xente que a leve e polo tanto tamén compre, polo que indirectamente faise negocio. Nesto, non debe entrar o concello, porque é primar a unha tenda en prexuízo de outras.

Hai que esperar que a este “banco” non lle ocorra coma aos dos baixos ou lonxas para alugar. Aínda non fixeron reconto, polo que non hai prensa co éxito. Seguro que todo quedou en auga de castañas.

O normal é que o concello faga a súa propia tenda e faga funcionar os servizos sociais para ben de todos, pero non tomar parte por unha firma, aínda que haxa boas intencións. Tamén é normal colaborar con “Cáritas”, chegando a onde ela non pode, porque ten coñecemento das necesidades dos veciños. Hai que pensar que se adecúa un local privado con cartos públicos.

O que si fai falta é un comedor, para que estas persoas poidan tomar algo quente, polo que aí é onde debe gastar os cartos o concello e habilitar algún baixo para esta necesidade.

Por outra banda, un pensionista agrario pasa un pouco dos cincocentos euros. O plus do funcionario é de catrocentos, polo tanto estase a provocar un esaxerado desequilibrio entre un votante e un administrativo público.

Debe aprender destas cousas e logo saber votar no seu momento, porque isto é rirse de todos os verineses e, sobre todo, de vostede señora María,  porque vostede é viúva e polo tanto a súa pensión non chega a cantidade do plus concedido.

Non importa estar en épocas de crises económicas e de deficientes xestións, o que interesa é ter contentos aos seus.

Estas cativas cousas son as que debe ter sempre no maxín e recordalas nos faladoiros, que fan aconchegadas nos peitorís das fiestras ou nas pedras aló no piñeiral, coas súas amigas.

A gran maioría dos votantes do xefe verinés pertencen a esas persoas de baixas pensións, polo que é un insulto dar un “plus”, cando ese plus depende dos impostos, que tamén pagan relixiosamente nas arcas municipais, estes “coitadiños”.

O paso

Meu caro Toñito: os cargos das parroquias ocupan moito tempo a cambio de nada.

O teu é ter interese e cariño polo lugar onde se vive. As túas reivindicacións sobre un paso na autoestrada cara fronteira deben ter eco e seguramente serán escoitadas polas autoridades correspondentes.

Nembargantes, meu caro Toñito, o gasto que supón tal obra nunca será xustificado polas colleitas da Lama.

No tempo de exposición do proxecto, aló na casa do Concello, debeu ser o momento de presentar esta alegación, pero ninguén quere facerse cargo de por que non foi así. Asuntos da administración, tanto local como estatal.

Ninguén se dirixiu a vós para tratar o percorrido da autoestrada e os servizos que facían falta para os labregos da zona: non daban votos.

Todo o esforzo, daquela, foi concentrado na futura área de servizo para Feces e os pequenos detalles quedaron no esquecemento.

Ti que debiches escoitar algo tratas de derivar a economía do teu pobo cara outras facetas complementarias, porque nunca se sabe o que pode pasar con esta nova comunicación con Portugal.

Dende o río Pequeno ata Bigode, pasando pola Lama, a autoestrada recolle tres pasos. Un, baixo a ponte sobre o río. Outro, no camiño da Lomba ou da Xea e outro  en Bigode, preto do enlace coa estrada internacional. Incomunicados non quedan os labregos, pero un paso máis non fai dano a ninguén.

Vouche contar unha historia: hai un tempo, non moito, un facendado de avoengo púxose en contacto cun técnico agrícola da bisbarra, para comprar certo terreo con miras a facer unha importante plantación de viñedo. O técnico falou cun veciño teu e acordaron o prezo por hectárea sobre vinte mil euros. Polo momento o empresario agrícola principiaba comprando dez hectáreas.

Todo ía ben e os tratos ían progresando cos propietarios. Pero apareceu nos xornais, unha vez máis, a noticia sobre a cidade do motor e todo se estragou. Os propietarios subiron o prezo da hectárea a máis de corenta mil euros.

Meu caro Toñito, o que podía ser un modelo a seguir para a agricultura da zona rompeuse pola avaricia dos minifundistas e agora vés ti e queres un paso máis baixo a autoestrada, porque os veciños teñen que percorrer case un quilómetro para traballar esas terras. Pero se están a ermo! Case abandonadas!

Ti estás noutra onda, na de empresario, pero, a dos veciños?.

A historia rematou que o señor empresario vinícola foi comprar os terreos a Rueda (Valladolid) cun prezo axeitado e con posibilidades de incrementar  súa inversión.

Non lle estragues a data de inauguración aos políticos!

 

Chapapote

Miña cara señora María: “O que a boa árbore se arrima, boa sombra o acubilla”,di o refrán.

Darase conta de que Verín non soubo arrimarse políticamente ao carón de quen ten os cartos institucionais, polo que só lle dan o que normalmente lle corresponde, pero nin un céntimo máis.

O outro día o rexedor presentouse nun acto para tratar de pedir, pero contestáronlle: “amiguiños si, e falar todo o que ti queiras, pero obras ningunha”.

A brigada de obras da Deputación anda a arranxar as rúas deterioradas con fochancas, pero deixa moito que desexar.

Daquela o mandamáis ponteaba a todos os delegados provinciais e ata ao señor Presidente da Deputación. Chegaba o “taifiñas” tamagano e todo Santiago aos seus pés! Agora ten que recuncar e chamar ao señor Baltar para que lle bote unha man, pero a Deputación ten moitos “virreiniños” provinciais que axudar, polo que ten que repartir, como boamente pode.

Verín esperaba outra cousa cando emitiu o seu voto nas furnas correspondentes, pero atopouse con que non hai que esperar máis de quen non sabe buscar. Para facer isto vale calquera!

De todos os xeitos, señora María, debe chamar a Protección Civil é darlle as grazas. Coma sempre, estes “coitadiños”, arrimando o ombro para que os veciños non sufran os desaguisados do rexedor.

Pensei que tiña que ir a comprar unha mascariña para poder ir ata o ambulatorio, porque a borralleira que se formou nas rúas intoxicaba a todos os viandantes. 

Alguén andaba recollendo os graos da area para facer un pouco de masa, para tapar buracos, nalgún baixo.

Que sorte vai ter a máquina de pintar as rúas porque así non se enferruxa. Hai uns dous meses que se pintaron as sinais horizontais. Non importa, pagan os veciños!

As protestas expandíronse pola vila, pero seguro que na famosa caixa de correos de suxestións do concello, ninguén emitiu a súa.

Unha vila cómoda, que protesten os outros!

O curioso do caso é que sobre as dúas da madrugada, no fondo da rúa Laureano Peláez os derrapes dos carros sucedíanse a modo de diversión dos respectivos condutores. Como non hai lugar para facelo, aproveitan a ocasión, cando se lles presenta, e sobre todo se o concello o fai posible.

Deus acordouse de vostede, señora María, e mandou un pouco de choiva para que o borrallo non se levantara.

Ao parecer a obra non está rematada, porque andiveron varrendo toda esa mestura de area e chapapote, para ver como quedaron as rúas, por se hai que arranxalas de novo. Máis borralleira!

Seguro que cando chova, faranse charcos aínda peores do que había, polo que o remedio foi peor ca enfermidade.

Quixéronlle lavar a cara á vila, pero fallaron no material. Pensaron que con esta obra íanse recordar as obras das lexislaturas do noventa e cinco ata as do dous mil tres. Daquela o goberno da Xunta era amigo...

Verín debe saber votar e mirar quen goberna nas institucións, que poden mandan cartos, porque os teñen.

Chencho

Meu caro Chencho: ti que pensaches que ías escurrir o problema que deixaches tras de ti, veñen agora, e queren que volvas as túas andainas da raia. Non entenden nada e menos entendes ti, porque iso da eurocidade ten tantas verbas rimbombantes que ninguén sabe con cal quedarse.

Daquela chamábanche raioto e todo estaba claro. Agora  non sabes con cal definirte. 

A comunicación e os intercambios comerciais eran o teu pan de cada día, pero aquelo que deixou de ser negocio, quéreno recoller para darlle  forma á eurocidade. 

Abandonaches a raia, porque viches que non era para ti, porque ti querías manexar un carro, xa que o volante era o teu. O problema, co que cada día te encontras no teu oficio non cho resolven, para que volvas aos teus inicios. 

Ti non desexas volver á raia, porque prosperaches e sénteste realizado co teu traballo de autopatrono, aínda que sufras cada día a envestida dos que che ocupan teu aparcadoiro. 

Agora convertéronte en cidadán dunha eurocidade que aínda non ten xentilicio e din que somos Europa. Tamén lle queren impor un idioma. No grupo escolar de Oímbra levan anos impartindo lingua portuguesa con profesora nativa. Nos lles fixo falta estar nin ser eurocidade. 

Chegaron tarde, porque a rota “europea” da castaña leva bastantes anos anunciada en cada un dos concellos que participaron nese programa, aínda que algúns non se decataron porque o deles non é camiñar polos rueiros respetivos, senón polo aire e polas autoestradas. Estiveron en Bruxelas. 

Daquela as finanzas estaban máis pertas e a Xunta de Galicia tiña a  mesma cor política. Agora están moi lonxe e hai outras institucións doutra cor política, que son quen diciden. 

Non serás raioto, nin fecense, nin verinés, terás que ser eurocidadán flavienseverinés ou verinesflaviense. Sempre con palabras que logo esfúmanse co tempo. 

En tampouco  tempo ninguén se acorda do título dos pratos que viñeron non sei de que sitio para catalogalos e polos como típicos ou das tapas, que ata houbo premios, para  seguir, agora, coas de sempre. 

Non che se ocorra pedir algún prato daqueles, cando leves algún invitado, porque te sentirás mal. 

Terás problemas en recordar aqueles nomes e nas cartas dos restaurantes non aparecerán, porque os consumidores cotiáns non fan uso deles. O importante é que chamen a atención no momento. 

Volverás aos anteriores oficios, porque coa eurocidade substituirán o teu carro por autobuses, xa que comunicarán Chaves–Verín ou Verín–Chaves, polo que o teu traballo desaparecerá e iso que se fai amigo dos teus. 

Tamén debes saber que Verín vai ser un barrio da eurocidade e neste tempo de crise os cartos chegarán tarde, mal e nunca. 

É interesante que leas a entrevista do último día do mes de xullo, porque alí terás a opinión de quen sabe moito sobre a eurocidade.

A revolta

A revolta

Miña cara Mari Carme: debéronte ouvir os deuses da acrópoles porque, nesta ocasión, houbo visitas guiadas.

Os de Santiago déronse conta de que o xogo de rol, parodiando aos “irmandiños”, debería estar aberto a tódolos veciños da bisbarra e aos foráneos que gustan de ver este tipo de entretementos.

Fixéronse eco da túa reclamación e programaron, publicando con antelación, cada unha das actividades e as horas correspondentes, para ir ata os participantes na “revolta” medieval.

Juan José explicaríache en que consiste un xogo de rol. Non te quedes con que é un xogo de rapaces. Nun bo xogo de rol non deben participar máis de cinco xogadores. Aquí baten o Guinness.

O que tamén se notou foi a limpeza e recollida do lixo en cada lugar de posición das seccións da contenda.

Progresan, a pesares de que non van contentar a todos, e deben seguir adiante. Foi a terceira revolta irmandiña, en versión de xogo de rol, pero deron vida e  entretiveron á xente perante estes días. O Campo do río, na parroquia de Mixós, serviu para revivir aquelas loitas do século XV entre as distintas capas da sociedade galega.

No campo de batalla, que por certo, acertaron co lugar, deberían colocar unhas gradas, para que os espectadores teñan unha visión máis axeitada de como se executa a loita entre fidalgos e irmandiños.

Se aquilo serviu para que Galicia entrara na idade Moderna, pois este xogo de rol debería ser o arranque do espertar desta bisbarra, para abandonar xeitos pasados, que a manteñen parasita.

Interesante sería que dende as institucións, tanto locais como comarcais, visen no xogo, algo máis que diversión e cousa de rapaces, recollendo a parte axeitada para ser guía no campo cultural.

Unha programación conxunta entre este xogo de rol e aquela “Lluvia como risa furiosa” do Antonino sería algo tan novo e completo que moitas cidades, que teñen este tipo de actividades, estarían celosas deste quefacer tamagano e  farían da bisbarra un referente dinamizador que outros lugares quixeran para si.

O que si hai que ter é a suficiente sutileza para atraer e levar adiante o que a Xunta programa, capitalizándoo dende os concellos, e converter este “xogo” en algo parecido ao Entroido, para facer da bisbarra un lugar de encontro de todos estes afeccionados. Que non se faga coma coas xuntanzas dos motoristas.

De momento, celebrouse a terceira “revolta”. É un éxito de permanencia no tempo dun acto cultural. Participou Verín coa praza e coa Preguiza. Só resta adecualo, para sacarlle a rendibilidade cultural, económica e social.

¡Que non empecen os politiquiños, curtos de maxín, a estragalo!

Miña cara Mari Carme, a pesar de que “os irmandiños” asediaron e destruíron, total ou parcialmente, case cento trinta fortalezas galegas, non chegaron a Monterrei. Chegan agora. Así temos touriños, quintanas, feixoos, ximéneces, etc., pero non se sabe quen fan de fidalgos e quen de irmandiños.

O centenario

Miña cara señora María: coma cada ano, celebrouse na vila a festividade da Nosa Señora da Mercé. Os romeiros acudiron a cumprir coa santa porque lles concedeu a graza que lle rogaron, perante o ano.

A igrexa da Mercé está no corazón da vila, polo que os desprazamentos son curtos e así a señora María non ten que abusar da filla ou da veciña, para que a acompañen, ata o convento mercedario.

Non lle importa que haxa cadeiras polas beirarrúas, porque ten localizados, ao longo do percorrido, todos os escaparates que lle permiten  acougar un bocadiño no seu peitoril.

De todaos os xeitos, camiña máis erguida e parece que pronto abandonará a muleta. Seguramente que a virxe da Mercé acordouse dela.

O que non lle gustou foi que o Concello programara a semana do centenario de D. Xesús Taboada Chivite nas mesmas datas, porque quería escoitar aos relatores e sobre todo a  intervención dos participantes, porque tiña noticia de que intervirían o seu sobriño e D. Xaquín González, como representantes dos antigos alumnos.

Anécdotas hóuboas para todos. O máis salientable foi a calidade humana do autor, da que falaron todos os presentes. Faltou analizar o tipo de pedagoxía pola que se rexeu a desaparecida academia verinés. Faltaron intervencións moi interesantes de persoas que presenciaron os actos.

As persoas políticas locais que participaron no centenario deberon preparar mellor a súa intervención, en cada acto, xa que Verín debe ser modelo en calquera acontecemento cultural.

Os munícipes preocupáronse máis por enlearse que de se houbo ou non invitación a outros estamentos e de facerse a foto, antes que de facer acto de presenza, para dar exemplo aos veciños, como representantes públicos que aman a cultura.

Preocupoulles máis falar dun futuro auditorio, que de dar apoio aos familiares e ver que aínda houbo cadeiras baleiras.

Fáltalle a este rexedor orgullo de estirpe, porque sempre está a chorar, para que outros lle fagan o que non foi capaz de realizar, despois de levar na política local case un cuarto de século.

Por falta de oportunidades non foi, porque tivo compromisos de concelleiros da Xunta de Galicia, con partidas orzamentarias, como foron o finado D. Xosé Cuíña Crespo e D. Xesús Pérez Varela. Os verineses deberían preguntar de quen foi a culpa...

A veciña contestoulle dicindo que é moi normal que dende a institución local fagan destas cousas, o concello colaborou na peregrinación nocturna ao santuario dos Milagres. A isto chámaselle defender os intereses dos negocios da vila, que por certo, pagan os seus impostos cada ano.

Verín ten tres parroquias, que celebraron a festividade da virxe dos Remedios: Vilamaior, Tamaguelos e Feces de Cima, e non tiveron a mesma participación institucional, para facilitar o desenvolvemento adecuado en cada unha delas.

No santuario dos Remedios a falta de colaboración para ordenar o tráfico e a ausencia de Protección Civil para casos urxentes, ante tantos devotos, foi a guinda que colmou o vaso da colaboración institucional.

Sen embargo vai gañando puntos na festividade da Virxe da Mercé.

Tnte. de alcalde

Miña cara señora María: as novas dadas por esta emisora sobre o abandono da política local da señora tenente de alcalde podían ser consideradas coma unha serpe de verán, se ocorresen no mes de agosto, pero foron en setembro e corroboradas polo mandamáis verinés.

Coma sempre, señora María, a culpa tenlla a oposición, lávanse as mans coma Pilatos.

Se isto fora verdade habería que interpretar que a oposición soubo facer o seu papel e o rexedor non soubo elexir, no seu momento, á candidata.

Nembargantes, hai que remontarse ao verán do ano pasado, para contestualizar a primeira  causa que provocou esta dimisión.

Naquel momento a tenente de alcalde sentiuse enganada porque a oferta de soldo non se correspondía coa que lle ofrecera para aceptar ir nas listas das eleccións locais.

Ante o anuncio de que se ía para casa foi cando recibiu unha nova oferta de tres mil euros máis dietas por catro horas de traballo ao día por parte do mandamáis, resultando ser unha das políticas mellor pagadas de tódala xeografía hispana.

Non se deu conta de que estaba a ser un xoguete nas mans do vetusto zorro político local, porque ía ser o escudo persoal de protección que necesitaba, coma sempre, e ser colocada de parapeto para recibir todos os dardos lanzados pola oposición.

Seguramente que a rapaza, perdón pola expresión, tamén estaba desilusionada por dúas cousas. A primeira foi que se sentiu incapaz de facer nada, porque no concello non hai recursos para levar adiante proxectos que crearan ilusión nos veciños. Todo leva seu tempo e aquela frase de que: “en palacio todo vai despacio”, comprobouno “in situ” e persoalmente.

A segunda viviuna neste último mes de agosto. O ágape da feira do viño e o fallo nas declaracións correspondentes ao carnaval, polo que, seguramente foi reprendida, por parte de quen buscou financiación, para tales eventos, moitas veces, tamén foron motivos para axudar, que por certo a oposicón recordoullo detalle a detalle e lugar a lugar.

A partires destas declaracións non houbo outras novas na súa boca en todo o mes.

Pero o que máis lle debeu doer, perante este mes de agosto, foi que se sentiu totalmente inútil, xa que tiña que dar conta tódolos días dos asuntos municipais e non exercía como rexedora, senón coma se fora un monicreque con mando a distancia. Sentiuse ninguneada.

Tampouco foi arroupada nos momentos críticos e viu a falta de humanidade que rodea todo o ambiente e non tivo esa man que a veces se necesita para saír adiante.

Seguramente que esta gota que colmou o vaso foi quen fixo que tomara a decisión de abandonar, polo que non chegou a pasar o ecuador político verinés

Hai que destacar a laboura da oposición, que ademais foi calificada como determinante polo rexedor nesta decisión persoal, da tenente de alcalde, sen aceptar que o único responsable foi el por non preparala para asumir tódalas críticas que lle poideran xurdir, sobre todo, sendo unha persoa novata na política municipal.

De todos os xeitos, non foi a primeira persoa que dimitiu, con este rexedor, nin será a última, sobre todo se se vive intensamente a vida municipal para servizo dos veciños e democraticamente.

 

A raia

Meu caro Mateo: terán que falar contigo para que lles ensines os trucos para co trato cos do outro lado da raia.

Agora terás que prescindir deles e non volverás a ter tratos como daquela, porque agora todo será oficial.

Daste conta que se celan da túa vida, da túa maneira de facer negocios, de como vives e sobre todo de que para ti nunca existiron fronteiras, porque os rueiros que te conducían cara Portugal sabían das túas longas e duras noites cargado cos fardos, para estar á hora sinalada, para facer o trato.

De cando en vez, xurdía algún impedimento por parte dos gardiñas ou da garda civil, pero sabías como torealos.

Agora queren que todo sexa oficial, que todo estea controlado, queren facerse responsables das túas andainas, máis aínda, queren que non fagas nada que non sexa pregoado e aproveitado politicamente.

Empezan polos cativos, para ir creando a eurocidade, cando ti tiveches que aprender a base de pescozós, é dicir, a base de ir cos outros e facer coma eles, día a día, noite a noite, buscando o carroucho que non estaba vixiado para gañar aquelas primeiras pesetas. ¡Ti eras o descontrol!

Terás sorte porque terás autobús gratis, cando ti percorriches sen descanso todos os rueiros, que facilitaban o teu traballo clandestino.

Eras un auténtico raioto e agora esquecerás todo aquelo, porque todo vai estar mediatizado polas institucións correspondentes da raia. Haberá un goberno que dirixa a eurocidade e colocaranse uns "chupatintas" coma nos outros sitios.

Non queren que vaias, cando ti necesitas ir ó outro lado. Queren ter todo controlado e véndeno coma un gran logro. Ante o fracaso e o incumprimento de promesas apañan estes feitos con fotos e firmas para darse o gusto de que están a realizar unha gran faena.

Ti, adiantácheste a este "parto" eurocidadán, porque non sabías nin entendías de limitacións políticas.

E ti, meu caro Mateo, só pides que che arreglen a escaleira do adro da túa parroquia e fagan unha rampla para acceder con facilidade, os domingos, cando vas á misa.

Non te viron andar co andador que che deron no hospital e como paseabas polas beirarrúas da vila ao longo da avenida de Castela.

Seguramente que a túa neta tróuxote con ela, porque así non se desprazaba para coidarte. Ti, comprendíchela e aceptaches sen recriminacións, porque facilitaches o seu traballo.

Pero a vila non é para ti, tampouco a eurocidade, porque voltaches a casa moi pronto. Necesitabas daquel cantiño no pobo, que sabe todo dos teus segredos.

San Cipriano

Miña cara señora María: tardar, tardou pero chegar, chegou.

En pleno século vinteún, e conseguir un “ciprianillo” costa o seu.

Agora coa presenza do libro debe dedicarse a facer maxia e desencantar os lugares, dos que fala, en toda a bisbarra de Monterrei.

Non debe ter medo, porque explica como hai que facer para desencantar cada rocha e poder encontrar o tesouro.

Algo de razón tiña o señor Bruno cando saíu en defensa da “pedra da moura”, aló nas  Pedreiras, na parroquia de Tamaguelos, para non ser avasalada pola nova autoestrada, que están a facer, cara Portugal.

O “Ciprianillo” nomea tres rochas e textualmente pon: “en Tamaguelos, en los tres peñascos, hay una gran tinaja de barro oscuro con mayólicas de gran valor”.

Seguramente ata aló só debeu chegar un desencantamento municipal, porque despois dun ano todas as promesas aínda non tomaron realidade.

Por iso a mediados do mes de xullo de fai un ano, tomou corpo o grimorio e, comparecendo no lugar correspondente, só foi capaz de producir un tesouro. Claro que a cerimonia non tivo máis que un método: ”ou me pagas o que me prometiches ou me vou". Aquela “pedra da moura” non estaba nas Pedreiras, estaba no despacho da alcaldía do concello verinés.

Así resultou o que tanto, señora María, leva oído nos medios de comunicación. Se bota unha ollada e repasa cada texto dos xornais verá que só destaca un, perante este primeiro ano, desta nova lexislatura.

No resume de Xan Carlos, de fai uns días, tamén destacou ese tesouro, engadindo aínda máis, que estaban escondidos, para non chamar moito a atención.

Di o refrán: “o que busca sempre atopa”. Pois ben, señora María, debe seguir e tratar de desencantar o resto dos tesouros.

No “Ciprianillo” aparecen lugares como Flariz, cun brazado de ouro. Na torre da igrexa de Vilaza fálase dun saco de moedas de ouro, acuñadas en Logroño. En Mixós, no atallo cara Infesta, está entrerrada, cun poste enriba, unha caixa de segravias romanas. Na pendente de Feces, na terra branca, baixo sementeira de belotas, hai outro tesouro. No camiño cara a Xironda, no tallo de Montecel, nunha parede con moitas hedras, quitaron cinco pedras e meteron no fondo escarpíns de moito valor, que tiña o Concello.

Moito encantamento debe aparecer por esta bisbarra para tratar de dar solucións positivas. Esta vila debe espertar e deixarse de monotonías políticas que só favorecen a uns poucos. Só fai falta levantar a vista, mirar e ver. Deben percorrer os arredores, para darse conta de quen progresa.

Apareceu unha pedra da moura cara Cabreiroá. ¡Deberá desencantala, señora María!

Tapas

Meu caro Milo: qué maneira de amargarche a túa andaina baconiana cotiá.

Non queren que te sentes tranquilo, despois de percorrer toda a bisbarra e que o Mirito e o Reigada poñan enriba da túa mesa as viandas regadas coa bebida de Baco.

Non lle deben gustar esas paroladas que botades, entre lusco e fusco, naquela terraza, aló no barrio da Cruz Vermella ou os faustos que montades ao son dos vosos instrumentos musicais. Nunha palabra, meu caro Milo, non queren que gocedes duns momentos sosegados ao remate da xornada laboral.

Por iso queren levarvos por rotas de tapas que eles queren marcar e vós, coma cordeiriños, participar da comparsa municipal.

Non deben coñecer a vila, aos veciños e menos os barrios ou lugares onde funciona o tapeo.

Eses barrios non aparecen no listado preparado polo cónclave turístico municipal que tan boas ideas solta, de cando en vez, para facer alucinar aos verineses.

Os veciños séntense abraiados de tan boas ideas e sobre todo sendo produto de tres mil euros ao mes máis outros mil de dietas, pola peregrinación xeográfica europea, para parir estas ideas.

Gustan do poeta clásico que deixou escrito que parían os montes e saíaun rídiculo rato. Aquí pairen aínda mellor, pairen tapas gastronómicas, porque xa non falan do éxito que están a ter aqueles pratos tan rimbombantes de gastronomía foránea.

Aquí hai que parir o que lle gusta ao Milo e aos seus e que tan ben lle saben preparar os restauradores dos barrios da periferia e do cruce de Sousas, por iso eles acoden cada tarde a eses lugares.

Cada bar dos arredores da vila, ten o “reclamo” apropiado e a graza persoal, para manter os clientes. Pero van eles, non os leva ninguén, como queren facer dende o Concello.

Hai que estragar o que funciona, ¡porque non o controlan!

Os bares de petiscos dos arredores da vila funcionan, porque despois de coñecer os gustos das persoas, están na ruta das súas casas, é dicir, das súa saldeas; ademais poden ser un par de copas e non un rosario delas, xa que os bolsos non están para máis e menos para multas de tráfico.

Pero non, quérenvos catequizar e levarvos á procesión de Baco, por iso están pensando en amañar un autobús con elevadores hidráulicos, para que as persoas, coma a señora María, poidan participar.

Teredes que anotarvos, aló, na Casa do Escudo e así convertervos nun número que é o que a eles lles interesa, para logo alardear nos medios de comunicación do éxito do proxecto.

Meu caro Milo, seríalles mellor empezar por alugar baixos no casco antigo, sobre todo na rúa do Pozo e Viriato, axeitalos e logo ofertarllos ás persoas, para crear emprego e dinamizar o que tanto predican, pero non fan, como é a zona antiga de Verín.

Xa sei, meu caro Milo, que isto require doutras maxíns, doutra maneira de traballar e compromiso co pobo.

Ante a reclamación dun empresario do ramo, o”mandamais” verinés respondeu: “son ideas dunha rapaza que teño alí”.

Isto é favorecer a uns en perxuízo doutros, dende a casa de todos.

Ábedes

Miña cara Mila: só a ti che se podía ocorrer dicir, en voz alta no medio do salón, tal sentencia.

Non é santo da túa devoción, pero debes gardar as formas, para non ferir a ninguén, porque os teus fillos non queren que sexas así de espontánea.

Acertar, acertaches e o momento e o lugar tamén foron moi axeitados. Convocarvos a unha xuntanza ás oito do serán un domingo é ser ousado e imprudente, porque calquera veciño sae a pasear cos familiares, xa que é o único tempo que hai para estar cos netiños. Ademais son momentos ou días para facer eses recados, que non hai tempo pola semana. Facer visitas ao hospital. Ir ver á consogra ao pobo de enriba ou visitar o bacelo, aló en Tamagos, por se lle hai que dar sulfato ou marfollar.

Pois non, tiveches que ir á reunión, porque a convocatoria era do concello e ía estar presente o mandamáis. Por certo que os folletos da xuntanza penduraban como estandartes polos recunchos do pobo, por se non chegaba o boca a boca dos caciquiños.

Polo teu maxín pasaron un feixe de ideas sobre o personaxe, pero non chegou a que tiña que ser. Por iso expresácheste, desa maneira, fronte aos veciños que estaban presentes.

Estiveches moi atenta, por si facía mención a que ía retirar o poste da luz, que tanto estorba fronte da túa casa, porque foi promesa que aínda está por cumprir e recoller a auga da fonte que se expande pola praza e non poden xogar teus netos.

Pois non, falouche da praza que se vai facer na entrada do pobo, cando sabes que a finanza a Xunta de Galicia na maior parte, porque se non houbera esa participación non habería praza.

Chamouche moito a atención porque dixo que ía ser coma a de Tintores, pero ti non a coñeces, polo que o teu maxín marchou á praza do Obradoiro, aló no Santiago.

E fíxoche graza a repetición de que tedes que pedirlle ao señor Delegado da Xunta outro mobiliario, porque as cadeiras que trae o proxecto non son comas que hai na rúa Lisa.

E para este anuncio estrágache a tarde dun domingo!. Quíxose adiantar á reunión e exposición do verdadeiro financeiro da futura praza. ¡Ten que xustificar o soldo miña cara Mila!

Logo parécelle mal e quéixase, nos medios de comunicación, de que non o reciben nas Delegacións e nas Consellerías da Xunta de Galicia. Páganlle coa mesma moeda, aínda que isto está mal, pero así funcionaron ata agora, polo que estes non van cambiar.

O normal, miña cara Mila, é que debeu esperar a que viñese o señor Delegado e acompañalo ata o teu pobo e ambos dar a explicación correspondente sobre a futura praza, xa que os cartos son dos contribuíntes.

Os veciños deben saber qué tanto por cento aporta cada organismo e ver que hai entendemento entre distintas administracións para o ben dos cidadáns e non aparecer con nocturnidade e aleivosía anunciando algo e tratando de poñer aos veciños en alerta, para amargar a visita a outra persoa, por ser doutro partido político.

¿A que non falou nin viu se a praza vai ben valada, para seguranza dos cativos, ao longo da beirarrúa, pola estrada cara a autovía?

Miña cara Mila, o seu obxectivo era outro.

La desbocá

Miña cara señora María: cando principiaron a compaxinar as labores da labranza coa construción de edificios na vila, aló polas décadas dos sesenta ou setenta, como froito dos cartos que se recibían dos emigrantes europeos, os labregos tiveron que adaptarse aos novos tempos, polo que pasaron do traballo coa xogada das vacas á facerse con machos ou cabalos, porque eran máis axeitados no agro e así  atendían ámbolos quefaceres.

Algúns, os “ricos”, seguían a ter as vacas, porque delas tiñan leite e facían uns cartiños ao vender o xato.

Houbo quen comprou algunha poldra para ila amansando e poder completar os servizos que se requirían.

O Xico, antes de marchar para as alemanias, fíxose cunha cría de macho, que lle deixou a súa dona para que fose crecendo e ao mesmo tempo que tratase de amansalo para ir facendo os traballos nas leiras.

A dona viu que o macho crecía, pero tamén viu que aquel animal non era para ela. Polo que convenceu a un sobriño para que o aparellase e fose acostumando na arada, porque xunguilo co carro tiña medo de que se desbocara e provocara algún accidente aló na aldea.

O sobriño, cumprindo co desexo de súa tía, xunguiu o macho e con moito tento colocoulle o alcatre e logo o arado coas rodas. A súa tía pegaba do animal polos ramais; aínda así facía movementos estraños pola vestimenta que lle estaban a poñer.

Sacárono á rúa e encamiñárono cara unha leira preto da casa. O animal non soportaba todos aqueles aparellos e daba brincos a pesar do freo do cabeceiro que se lle fincaba no fociño.

Colocárono nunha veira e empezaron a arar. O macho non tiraba do arado con mesura e daba arroutadas de esquerda a dereita, polo que o rego non saía dereito.

O sobriño non se facía co arado. Se o enterraba moito, o macho tombábase no alcatre e se o levantaba, apuraba dando brincos, polo que súa tía tiña que facer de guía, colléndoo polo cabeceiro, para que mantivese o paso e os regos fosen ben feitos.

O rapaz acordouse do cabalo do crego que viña a dicir misa os domingos, polo que habilitou un ferro e cruzoullo na boca. Sería difícil que o machiño se desbocase con dous freos. O do fociño e o da boca.

Algo parecido está a suceder no concello con tanta asiduidade, por parte de quen, nas coplas dos maios, tacharon de “la bien pagá”.

Con ese invento do banco municipal de baixos desbócanse porque son unha competencia ás inmobiliarias e poden levalas ao peche. De momento son nove e manteñen seus postos de traballo.

Ao mellor este desbocamento municipal é como consecuencia, señora María, dalgunha promesa electoral, polo que hai que crear ese posto de traballo para algún compromiso. Aproveite para a súa neta!

Da eurocidade Verín recollerá as migas e Chaves comerá o pastel. Iso foron as manifestacións desbocadas de que a vila non ten comedores, nin aulas para os cursos de verán, polo que hainos que levar para o outro lado da raia. Máis que concelleira verinesa, parece unha embaixadora lusa na vila.

Hai aulas de sobra nos colexios públicos e privados e hai empresas que preparan comidas. Débese falar menos e facer máis!

Pódese dicir que o actual salón de actos foi arranxado depresa, daquela, pola necesidade imperiosa que tiña Verín, para este tipo de eventos.

Estas “imaxinacións” cústanlle aos verineses tres mil euros ao mes. Pasaron de “la bien pagá” a “la desbocá”!

Señora María, cando regresou de Alemania, o Xico, desfíxose do animal.

Coro

Miña cara señora María: o grupo musical do colexio relixioso da "Mercé" de Verín non dá feito. Leva tido actuacións musicais polas distintas parroquias da bisbarra, a petición dos respectivos párrocos, demostrando que tamén os rapaces saben facer ben as cousas e participando nas cerimonias relixiosas de cada domingo.

A súa actuación en Vilaza provocou o compromiso co señor alcalde de Monterrei para colaborar na festividade da Virxe da Caridade a instancias de D. Antonio.

Despois de actuar o domingo en Cabreiroá, o luns desprazáronse ata a Caridade para que os seus cantos foran escoitados polos devotos da santiña. Por certo, ao remate da misa recibiron unha gran ovación, a pesar de que cinco cantores sucumbiron ao mareo. Non pasou nada, pero foron retirados urxentemente para airealos e recuperar o estado normal, ante a calor que facía no templo.

Perante o mes de maio o coro relixioso ten cuberto toda a súa programación e como daquela, fai moitos anos, volverán a cantarlle á Virxe da Pena Tallada, aló en Cercedelo.

Parabéns para o seu director e para estes rapaces que son un exemplo a ter en conta, neste tempos tan faltos de relixiosidade.

Moitas familias deberían verse neles, para darse conta de que tamén hai que cultivar a parte non material da persoa.

Quen non tivo todo da súa parte, miña cara señora María, foi o mandamáis verinés. Non gustou do comunicado que leron ao rematar a cerimonia das primeiras comuñóns na igrexa parroquial. Só soubo replicar dicindo que lle botaban á xente enriba.

Algo de razón podería ter, pero debe aprender do señor alcalde de Monterrei, de como resolveu a participación dos cantores do colexio Mercedario na Caridade.

Faltando o señor director da coral verinesa débese buscar unha solución, porque si se vale para unha cousa, tamén se debe valer para outra. Iso foi o que lle dixeron. Os compromisos son compromisos e non pensar que se pode deixar a unha parroquia, no día grande das comuñóns, sen a correspondente actuación musical.

Xogar pódese xogar coas promesas incumpridas aos veciños, pero chegado o momento tamén saben estar no lugar axeitado para dicir o que pensan e senten, como así o fixeron, por boca daquela señora.

Outros grupos puideron substituír á coral, e polo tanto cumprir coa obriga coa parroquia, pero hai que estar ao loro, como o señor alcalde de Monterrei e xestionar no momento.

De todas as formas, señora María, a culpa seguramente a terá o funcionario de quenda ou o concelleiro correspondente.

¡Coma sempre inmaculado debe aparecer o rexedor da vila!

“Vale máis un instante de vida verdadeira, que anos vividos nun silencio”, -di o pensador.

¡Somos libres!

Tres de maio

Miña cara señora María: a comisión tiña buscada a que foi “Eva” na vila de Laza.

Nun principio, un mozo, nativo do pobo, quería que fose súa noiva, rompendo a continuidade e costume de ser unha moza indíxena buscada entre a veciñanza, case sempre, con remate en voda, no ano electa.

Co tempo haberá que abrir as fronteiras do rural, porque os novos buscan outras rutas, a pesares das medidas políticas, que andan a tomar, para asentar xuventude nas aldeas.

Deberán recorrer á serpe da Pedra da Moura, para que o seu encantamento prenda nos pobos e non se baleiren.

Hai que destacar que Laza non anda con inventos, segue o costume e raizame coma sempre. O tres de maio celébrase como no primeiro día. Non falta ningún detalle e non falta ningún percorrido polas rúas de sempre.

Desta vez a comisión pasouse un pouquiño, porque levaron a “Eva” ás seis da mañá á casa da Pepita. Rosa ás dez e media entraba na habitación e espertaba a moza que ía ser “Eva”.

Moza que recibiu todas as miradas de toda a xente congregada, dende as primeiras horas da mañá, aló na Picota, no momento que o seu pé pisaba a praza, porque querían ver a que ía ser a raíña de todas as cerimonias do tres de maio.

O traxe, que garda celosamente Rosa dun ano para outro, ten moitos anos, sen embargo parece do trinque e sempre amidonado para que reluza á luz do gran día da vila alta do río Támega.

Os zapatos non llos regala ninguén. Tenos que comprar a rapaza.

Debe tomar nota Xosé Anxo e habilitar unha partida para este mester, porque os tempos non están para gastos. -Aínda que, para un día coma este, as “Evas” búscanos por onde sexa.

Laza, vila do alto Támega, rememora e celebra súas festas coa participación de todos os veciños, independentemente de que haxa visitantes. Os costumes lévanos no sangue, polo que é doado pór en escena calquera acto, para celebrar un festín que exalta unha época do ano.

Non gustan da propaganda, porque teñen medo da invasión desnaturalizada, das cousas foráneas. Prefiren do seu, aínda que sexa pouco, pero é agrario. Porque os de Laza séntense orgullosos de ser de alí. ¡Que llo digan ao señor Alcalde!

Saben quen son e exprésanse naturalmente, porque non senten vergoña do seu e dos seus costumes.

Estivo mal que Adán "O Percherón" non quixera a laranxa que Eva lle daba.

A comitiva, formada polos danzantes e veciños, dirixiuse cara a igrexa para recoller ao Santo Cristo e a Virxe, saíndo en procesión pola Picota, a Rúa e o Outeiro.

Celebración do Auto Sacramental: Abrahán e Isaac, na Picota e máis tarde a loita entre Mouros e Cristiáns preto da igrexa.

Para rematar as cerimonias da mañá, Eva saúda dende o balcón da casa da Pepita. Nese momento os danzantes corren cara a igrexa par coller un cacho de roscón. O danzante que chega primeiro a coller o cacho é que ten o privilexio de gozar co primeiro baile de Eva, pola tarde.

Polas dezasete trinta a comitiva foi buscar a Eva a súa casa, acompañándoa ata a praza da Picota, para dar inicio aos festexos da tarde. Tamén houbo verbena.

Laza non necesita inventar nada. Sabe aproveitar o que ten.

“A libre elección de amos non suprime nin aos amos nin aos escravos”
, -di o pensador.

¡Somos libres!

A Pedra da Moura

Miña cara señora María: hai cousas que se teñen que ver para crer, pero están a suceder na vila acontecementos que desbordan calquera maxín por esperto que sexa.
Tal vez teña culpa de todo isto a Pedra da Moura que os de Tamaguelos teñen aló no monte. Seguro que o encantamento da serpe fai que temas importantes vexan a luz cando fai uns días ninguén respondía por eles.

De noite e para a mañá no Concello aparecen cartos para facer fronte as débedas que herdaron de todos os anteriores gobernos locais. Os de agora só cobran, non gastan.

De noite e para a mañá hai que tirar co muro que se rematou de construír, pechando o prado da Fonte do Sapo. ¡Nin que non houbera tempo de modificar o proxecto antes de comezar as obras!.
Estase a derruír o que está feito, seguindo os pasos dos anteriores gobernantes, que tanto se criticou. Alí, non chama tanto a atención, pero ese muro, debeu custar máis ca o resto da obra executada na paraxe. A culpa non a quere ninguén pero terana, coma sempre, os anteriores munícipes.

Hai que decir que esta obra foi a concurso. Contratouse, empezouse e rematouse co actual alcalde. O proxecto estivo exposto no concello, polo que se puideron presentar reclamacións ou modificacións, como está a suceder agora co proxecto de ampliación do Polígono de Pazos.

Pero onde xurde o verdadeiro encantamento, miña cara señora María é que, na vila, haberá traballo para moitos anos. Polo tanto non fan falta plataformas, nin movementos provocados por sindicatos, nin asociacións de comerciantes, nin culturais, nin de calquera tipo, porque a vara máxica tocou na rocha e, como Moisés, provocou o efecto correspondente.

Inocentes todos, sempre na deriva, cando hai diante un “encantado” con estas virtudes, que non se aprecian. O que ocorre é que non se entende, porque a vista outea en determinados lugares, que mostran a súa capacidade, despois de tantos anos na vida municipal.

Buscando por todos os recunchos a rocha e a alma, é a preocupación principal, antes que rematar a autoestrada, que tanto anos leva esperando Verín, prometida aló polo noventa e cinco. Teñen dúbidas de que facer con ela. Alguén xa se comprometeu a baixar un cacho para o pobo, porque toda farían falta moitas máquinas para movela. Outros que se desvíe o trazado da autoestrada. E como di o refrán: “a río revolto ganancia de pescadores”.

Non sería mellor que lle fixeran como sucedeu na autoestrada das Rías Baixas cos restos neolíticos, ó seu paso por Ábedes, e remataran dunha vez a comunicación con Portugal, por isto de conformar, dunha vez por todas, esa Eurocidade.

De todas os xeitos, a serpe necesita comer. Seguramente haberá que levarlle as correspondentes viandas, porque daquela había gando naqueles lameiros e podía chegar ás ubres das femias paridas, pero agora non hai nin un coello, con iso dos incendios, polo que o encantamento pode quedarse en fume, como está a suceder con tanto anuncio mediático municipal.

“A liberdade non fai felices ás persoas, fainas sinxelamente persoas”, di o pensador.

¡Somos libres!

A plataforma

Miña cara señora María: nace na vila unha plataforma nova cunha mazá podre. Daquela a tía Edelmira facía ramalletes de dúas mazás con acios de uvas e colgábaas dos craviños que o seu fillo fincara nos cangos do faiado, tanto no comedor como no corredor, e nos cuartos de durmir.
Era unha maneira de conservar aquelas froitas brillantes e tersas ata as festas do Nadal, pero aínda perduraban moito máis tempo. Baixo as súas enaguas sacaba sempre uns conchos, unha piringalla ou unha mazá para darlle aos netos en días de visita.
Era difícil que a podremia chegara ata aló enriba e contaxiara aqueles ramalletes que penduraban do teito, xa que tía Edelmira preocupábase de manter os ventanucos abertos e pechados en cada momento do día. Así tamén as preservaba dos entoxados, xa que cunha simple ollada notábase a falta dalgún ramallete.

A mazá podre da Plataforma xa tivo as súas consecuencias hai uns anos, sobre todo cando contaxiou os planos do PXOM do noventa e oito e borrou a posible colocación en Tamagos dun Parque Empresarial, perdéndose futuros postos de traballo para os verineses.
Agora esa mazá, aparece como defensora dese futuro Parque Empresarial, que promoven e intentan levar adiante outras.

A mazá seguiu podre na ampliación do Polígono de Pazos, porque despois de ter arranxado o prezo das propiedades non moveu un ápice aló polos Santiagos.
As firmas dos propietarios para a ampliación e execución do acceso ao polígono de Pazos, pola finca do Pracer ata a estrada de Portugal estaban presentadas, pero á xestión de conseguir tal obra debeulle propagar tanta putrefacción, porque alí non hai nada de nada.

Ao PXOM do noventa e oito sucedeulle outro tanto. O empresario que recorreu o PXOM solicitou unha xuntanza onde quería tratar de retirar a denuncia a cambio da multa á que fora sometido. A mazá seguía podre, polo que non houbo maneira de sentarse a negociar.
Seguramente se perdeu a ocasión de ter o mellor PXOM da vila, e nestes momentos non se estaría na situación de impás a que está sometida a construción e de aumentar o paro nesta bisbarra.

Despois de todo isto, a mazá segue, polo que debe ter pouca vida esta Plataforma aberta a todos os verineses que pertenzan ou non a organizacións sindicais, políticas, culturais e veciños en xeral.

A votación foi moi clara. Vinte e oito votos a favor de constituír a Plataforma e dous abstivéronse, aínda que un non moi claro, porque a man estaba levantada noutra pregunta.

A señora María as mazás non as colgaba. Tíñaas no cesto vendimo, polo que de cando en vez removíaas para quitar as que estaban podres.

“O pobo é soberano cando é libre, pola contra é escravo do poder”, di o pensador.

¡Somos libres!

Visiño

Meu caro Visiño: cando regreses ao pobo desexo que non atopes a túa propiedade espoliada e totalmente derruída. Na aldea, nas terras de enriba, arranxaron a vella escola para facer un centro dos que agora chaman social ou de día, que logo baixo o control do caciquiño do momento, ábrese cando lle apetece, mentres o resto dos veciños, agarimados uns a outros, baixo un corredor, pasan as tardes, cheos de frío ou de calor.

Para facer a obra, o Concello solicitou un obradoiro, polo que deu emprego a uns cantos parsimoniosos, que logo resultarán votos cativos nas eleccións correspondentes.
Aos encargados de tal obradoiro ocorréuselle que, para aforrar cartos, era mellor coller o material en casas deshabitadas, polo que aló foron e principiaron a botar embaixo paredes enteiras.

Espero que a túa non sufrira ningunha turrada, porque a da Teru quedou totalmente esborrallada, pola acción persoal dos aprendices.
Ante as preguntas dun veciño solicitando quen os autorizara, a resposta foi rápida e contundente: as propietarias.
As donas, meu caro Visiño, cando visitaron o pobo, nas súas vacacións, encontraron súa propiedade totalmente arrasada.

O bonito do caso é que para chegar a tal construción hai que pasar por un patio privado, que por certo, cando arranxaron a rúa, quedou sen pavimentar, por ser privado.
Para coller as pedras non era privado, meu caro Visiño.

Cansáronse de chamar ao Concello para falar coa máxima autoridade, pero sempre estaba de viaxe ou de vacacións. Optaron por dirixirse mediante unha carta certificada. A resposta tardou, pero a contestación foi clara: colleron as pedras, porque un veciño lles dixo que as podían cargar na camioneta.

Comprenderás que o roubo estaba admitido, pero non se trataba de xudicializar o caso, senón de chegar a acordos, para buscar unha solución que satisfixera ambas partes.

Pódese dar o caso de que o Concello emita unha circular ou bando no que obrigue a pechar todos os solares do municipio. Este solar que estaba en boas condicións, encóntrase agora aberto, de par en par para que calquera rapaz ou veciño pase por alí e se lesione, polo que as propietarias teñen que gastar cartos en algo que estaba en perfectas condicións.
De novo deron contestación mediante outra misiva certificada e están a espera que o señor Alcalde busque a solución adecuada, aínda que teñan que destruír a súa obra para colocar as paredes como estaban nun principio.

Con isto, meu caro Visiño, non te fagas ilusións, porque a vós, emigrantes eternos, só vos queren para o voto, pero non para tervos un regreso digno.

Ninguén vos ten en conta e, sobre todo agora que os vosos cartos non contan como daquela, para manter un montón de postos de traballo nesta terra.

¡Cantas películas vos contan cando vos visitan en época de eleccións!.

¡Deberíaste preguntar a onde foron parar os cartos que non se gastaron nese material!.

“Os poderosos son poderosos porque estamos de xeonllos, levantémonos”, di o pensador.

¡Somos libres!

Festexos

Miña cara señora María: o frío non lle permitiu gozar dos festexos. Estivo soa, pois ninguén dos fillos e netos se acercaron á vila. O Lázaro pasouno sen darse conta da festividade. Non puido ir á misa nin a procesión, polo que chamou a un taxi para que a acercara a votar. Votar si. Subiron os seus.

Estragaron a festa co cambio por mor das eleccións. A pesar disto os veciños lusos déronse cita e percorreron a vila coma sempre. Faltoulles a ledicia das charangas. Falta de previsión por parte do Concello ante estas circunstancias. Hai que avisar con tempo para que os da raia non se vaian sen nada.

Daquela celebrábanse actos institucionais. Había protocolo coas autoridades portuguesas, facendo do Lázaro algo máis que unha festa. Feira e festa do Lázaro era como se coñecía. Destacaba o martes porque sempre había un partido de fútbol no que había rivalidade, polo que aglutinaba moita xente.

Todo aquilo acabou. Agora véñennos con inventos e con cambios. Así finarán con todo. Cambio de festa e invento de pratos típicos gastronómicos.

Foi un éxito a cea. Cante folclórico e pregoeiro correspondente amenizaron a degustación. Coido que faltou o trombón. Paga o pobo, por iso asistiron trescentas persoas. Das outras comidas haberá cambios, segundo os xornais, polo que deberon fallar moitas cousas.

Con nomes tan rimbombantes para uns pratos típicos como “Bacallau en dúas coccións, escuma de pataca afumada e pemento asado”, “Carrillera (fazula) de becerro abafada ó viño tinto” e “Milflores de silva” é normal que non asistisen comensais, porque están acostumados a que o bacallau prepárano en Chaves de mil formas diferentes e logo as outras festas gastronómicas son fáciles de identificar. Festa do Pemento en Oimbra, festa do Cogumelo no Riós , cea do Entroido en Laza e, para máis inri, veñen os do Bolo e sinxelamente montan da noite á mañá unha festa da “Vitela”. ¡Que doado!

No país veciño, é dicir, en Portugal, son: ”Festa do Presunto”, “Festa do Fumeiro”, “Festa do Folar”... Así de sinxelas. Enténdeas o pobo.

Verín é diferente. Ten outro nivel. Así lle vai. Cándo se aceptará que Verín está onde está, e polo tanto é unha vila rural. Non é unha cidade. Nin trazas ten de camiñar cara aló. Ao non andar pola rúa é normal que non se respire aire doméstico. O andar en coche de casa ao traballo e do traballo a casa non deixa sentir o ruralismo nas meixelas, polo que non se quere aceptar como algo normal a vida propia dos veciños.

Influencias lusa e francesa. Lusa na materia, é dicir, no bacallau. Francesa no nome, é dicir, no concepto. Por alí é por onde anda a Tenente de Alcalde, xustificando o seu soldo, polo que algo se lle pegou, e así hai que deixar de ser nós para facernos franco-lusos.

Razón tiña o concelleiro do Bloque cando os corrixiu dicíndolle que un prato típico non se inventa, está na cultura dun pobo, na súa idiosincrasia. Hai que dar con el. Viaxando, non. Andando polas rúas e os pobos, si.

“Exercer o poder corrompe, someterse ao poder degrada”, di o pensador.

¡Somos libres!