Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Noviembre de 2006.

A pinza

20061128175613-pinza.jpg

A pinza empregouse sempre para amarrar a roupa no cordel ou no aramio. Pinzas houbo sempre de moitos materiais e de moitas formas, pero o que non sabía era que tamén as había no Concello, di Rosa Mari. Os do”non” coaligados, pegados, amarrados, levados de ganchete cos do “derribos s.l.”. Tócanse os extremos. Resulta perigoso para os administrados e futuros votantes esta ligazón interesada, porque pódense confundir os electores. Non importa, o efecto é o que interesa, polo que hai que rechazar e presentar mocións para non deixar “mover”, xestionar ó señor Alcalde. Mantelo paralizado, atalo de pés e mans para que non leve adiante o seu programa.

Nembargantes, quen resultan perxudicados son os veciños, porque ante a falta de cartos dunha partida determinada para subsanar calquera problema hai que recurrir a modificacións, polo que o señor Alcalde non vai estar esperando a que cheguen as propostas da oposición. Pasan os días e os veciños sen o servizo. O señor Alcalde fará como calquera fillo de veciño que se senta nese sillón: subsanará a avería e logo xa se buscarán os cartos. Estas iniciativas da oposición chámanse: “botar votos fora”. Porque unha explicación de calquera membro do goberno municipal é suficiente para desmantelar esta “pinza”. A isto chámase "tirar pedras contra seu propio tellado” e “quen sementa ventos, recolle tempestades”.

De tódalas formas, as propostas e iniciativas desta “pinza” teñen pouco que facer, porque en frente teñen a Cid Harguindey. Que llo pregunten. As máquinas non paran e os veciños contentos e agradecidos, a pesar de que teñen que pagar os materiais das obras. Estas inicitativas desta “pinza” ademáis de seren nefastas, políticamente falando, di Rosa Mari, porque demostran o pouco cariño que lle teñen a eses veciños necesitados desas obras de abastecemento e saneamento, son o resultado dun futuro cambalache, pensado nas futuras eleccións locais.

O Partido Popular ante o desaguisado do tripartito espera e desexa que o BNG, nas próximas eleccións locais, non entre a formar goberno, que sería tripartito, outra vez, e se manteña ó marxe, redundando en beneficio do PP para facerse coa alcaldía, porque coida ser o partido máis votado. Aínda non asimilaron nin aceptan que está gobernando Cid Harguindey. ¡Coidado cos amigos!

Martes, 28 de Noviembre de 2006 17:57 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Máscaras

20061128180336-mascaras.jpg

Se leran a Taboada Chivite, seguramente non terían que investigar nada e se leran a Federico Justo tampouco, porque no seu libro aparece afirmando que “cigarrón” é o macho da cigarra.

Non importa que lle pinten un nariz de pallaso ou que lle poñan a bandeira de Galiza no zurrón do “peliqueiro” o que importa é que esta carauta vende.

O que sinte a máscara non se deixa levar por eses usos, porque a fin de contas o que se sinte cando se viste con ese traxe non hai palabras para describilo, afirmación do Beni.

Ademais, onde está o espíritu do personaxe é en saberse vestir, no andar, no correr, no parar, no zurrar, no movemento de cadeiras para que os chocos soen con ritmo e sobre todo no elevar a carauta para otear, dende alí, no alto da Picota.

Seguramente que o Peliqueiro que percorre as rúas de Laza non se sinte denigrado, porque sabe o que leva enriba. Como tamén sabe por onde ten que andar e sobre todo o que ten que facer nos desfiles ou nas cerimonias que hai ó longo do tempo carnavalesco.

Alguén plantexou o dos carteis como se fose unha guerra santa. Ou quixo aproveitarse para dar máis propaganda do carnaval verinés. Así houbo comunicacións mutuas entre aludidos tratando de buscar unha solución adecuada como se do mesmo Mahoma se tratara.

O Beni non está por esas. Sacan as cousas de sitio. Cada un pode facer o que queira coa máscara, porque ninguén ten rexistrado, nin patentado nada que se corresponda coas prendas, nin co estilo, porque quen respecta máis, os de Laza ou os de Castro. E non digamos os de Verín, que aparecen con zapatillas ou sen a carauta camiñando como se fosen de copas.

Seguramente que o Juan non participou, nin se enterou deste tema, porque últimamente está por outra labor.

Ademais o carnaval non necesita de falsos adalides, nin inventores, como di, porque antes que ninguén xa existía como ritual funerario, según o noso coñecido antropólogo Mandianes, estudoso do tema.

Seguramente que Mandianes non está ó corrente de que o Concello ten gastado moitos cartos en algo que se promociona por si só, polo que non fai falta esa inxente cantidade e levalo a onde a distancia fai que a visita sexa esporádica e menos agora coa globalización festiva.

Aínda así a importancia do tema non está nas caricaturas. O importante é que houbo comunicación entre Marín e Verín.

A máscara está en cadaquén.

Martes, 28 de Noviembre de 2006 18:03 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Lois

20061128181009-lois.jpg

Meu caro Lois, claro que a señora María existe. Dixen, moitas veces, que anda polas rúas amarrada a un bastón e que descansa sobre as bases dos escaparates ou no pinar, perto da súa casa, enriba de calquera pedra.

Tamén dixen que a este problema de encher a vila de cadeiras, aínda no lle deron solución dende o Concello, porque non se dan conta de que estamos cheos de xente entrada en anos, de disminuídos físicos e persoas que necesitan descansar polos problemas que sexan.

En definitiva, de que estamos cheos de xubilados que regresan ó seu pobo e compran un piso en Verín, polo que é necesario pensar neles.

Porque necesitan saír á rúa para dar un paseo, aínda que non parolen, porque non lle é o veciño da aldea, nin teñen a debida confianza, pero necesitan saír a respirar o ambiente da rúa e dos arredores de Verín.

Nembargantes, dende o concello, tomaron a iniciativa de encher de pasos de peóns as radiais correspondentes, aínda que estén fora do casco primitivo.

Meu caro Lois, isto a ti non che concerne, porque ti non te baixas da furgoneta Renault, pero a gran maioría da población que gosta de andar ve moi ben estas medidas e outras que dende as instancias públicas débense tomar para facerlle a vida máis agradable a quen traballou, e que nós disfrutemos, polo que facilitarlle que poidan desprazarse pola vila coa máxima seguridade é algo ao que debemos contribuir todos.

Meu caro Lois, sabemos que eres un bo avó. Esperas tódolos días ó remate da escola.

Todos camiñamos para aló. Polo que todos nos beneficiaremos das cousas ben feitas e ben pensadas nestes intres. É moi importante que vaiamos pensando nestes pequenos detalles, porque así veremos cómo os veciños saberán corresponder no seu momento, políticamente falando. E cómo non, neste período preelectoral de camiño cara as eleccións locais da próxima primavera.

Saberán quén fai a vida imposible. Só actúa por fastidiar. Para que non se cren postos de traballo públicos. Cando nesta vila os únicos postos teñen que ser municipais, porque de empresas teremos que esperar pola Cidade do Motor, do Circuito de Automoción, da BMV e por qué non, daquela primeira promesa da democracia, de un tal Barrionuevo, que agora estase a consumar. ¡Xa choveu!

¡Coidado coas promesas!

Martes, 28 de Noviembre de 2006 18:10 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Autoestrada

20061204101537-autoestrada.jpg

Meu caro Marcelino, deches moitas voltas. Fuches ó Toural e regresaches, pero non te atreviches a baixar a bicicleta encaramada na trave da adega. Aqueles recordos da época do contrabando rebulíanche polo maxín, pero os anos non pasaron en balde e o corpo non está para aquelas aventuras de corredoiras, escapando dos gardiñas.

¡Que coidada tes a bicicleta!. Está coma se fose do trinque, pero o que fallan son as túas pernas polo que se quixeches acercarte ó Concello tiveches que botar man do coche do xenro. Á hora da verdade non te distinguiches dos resto dos veciños. O corpo non está para bromas. Está visto que hai que arrimarse a quen che pode botar unha man, aínda que teña que pedir o día na empresa.

As leiras que ocupará a autoestrada de Verín na fronteira foron as culpables do absentismo laboral do xenro. "Espero que o recompenses, cando recibas o cheque do Ministerio". Está contento, porque as leiras están a ermo, dende fai moitos anos, e as viñas xa non teñen rastro das cepas. Só mantén aquela de enriba e a que está perto da casa. "Teñen bos bacelos e como é pouca extensión o xenro axuda os fins de semana". De tódalas formas cárgalle ó lume a culpa do abandono, pois non dá o brazo a torcer de que xa non está para traballar.

Quen foi fino foiche o Gonzalo. Coas súas tretas propúxolle a permuta do cupo a seu irmán, coa disculpa de querer plantar unha viña aló na Toixigueira, resultando que agora atravésaa a autoestrada, polo que recibirá un montón de euros. ¡Nin que soubera que ía pasar por alí a vía de comunicación internacional!

A alegría e ó entusiasmo con que plantou a viña non se reflexan nas meixelas. Seguramente que o negocio do viño require outras actividades e outros compromisos coa terra, pero non pode deixar a súa industria para adicarlle máis tempo á viña polo que se recolle uns cartiños polo esforzo que fixo ben vidos sexan.

A queixa está no Concello por ter que atender e informar de algo que é competencia do Ministerio, polo que os funcionarios municipais deberían recibir un plus, por parte da administración estatal, porque están a traballar sobre algo que non é da súa competencia.

Nunca entedín que o Concello teña que facer este traballo. O mesmo que atender ás persoas que as Forzas e Corpos da Seguridade do Estado reteñen no depósito do Xulgados.

Martes, 28 de Noviembre de 2006 19:55 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Templanza

20061204101602-templanza.jpg

Miña cara señora María, o xeonllo segue igual: non quere curar para que vostede ande mellor e sen dor. Pero vostede loita contra el. Non quere tomar brebaxes curativos, nin medicamentos oficiais xenéricos, a non ser no último momento.

- De tódalas formas ando, aínda que teña que levalo arrastro. -Agora levo tamén o carriño da mercaduría e de cando en vez descanso nel, sen deixar o caxato.

Está contenta porque os seus fillos alá lle arranxaron un portelo no portalón, polo que non ten que alancar no travesaño ou rubir polas escaleiras sen barandas. As galiñas, que son a súa alma, arráncana da cadeira e baixa á rúa para darlle de comer e beber. Nunha palabra, son as que a fan andar, por iso non se quere desfacer delas, como lle din os fillos.

Ata agora tivo bos veciños e aínda non lle chamaron a atención, nin a denunciaron por ter o galiñeiro no medio da vila. -"Son só catro galiñas, polo tanto tampouco fan moito mal e, como matei o galo, non despertan a ninguén fora de horas".

Debe ter coidado, señora María, pois alguén anda moi preocupado polos usos urbanísticos, dende un tempo para acá. Antes dáballe o mesmo. Eran votos.

O comer e beber destas galiñas son a causa ou olvido da dor da señora María, polo que se ten que pechar o galiñeiro deixaríase sen media vida.

No pasado setembro unha culebra oteaba dende a esquina do cruce ata que chegou ás vianda. Debe ter coidado.

Co seu humor fala da noticia do xornal que recolle a rolda de prensa do portavoz da “Pinza”, afirmando: ”que está en condicións de meter dentro dun sobre o nome da persoa que gañará a praza fixa do concello”.

Resposta moi sinxela para Cid Harguindey. Basta que lle recordase cando ambos militaban na mesma formación política, daquela, sendo alcalde e concelleiro respectivamente. A resposta está implícita na aseveración.

- Faltoulle prudencia, di a señora María, e mira que recomendo case sempre a estes politiquiños que lean o libro de Baltasar Gracián;” El Arte de la Prudencia”.

De tódalas formas o equipo gobernante non contestou. Seguramente non quixo baixar ás cloacas da política local e preferiu manterse á marxen de algo que só os imprudentes fan públicos.

Haberálle que dar a volta o adaxio latino: excusatio non petita, acusatio manifesta.

Martes, 28 de Noviembre de 2006 19:58 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Concello de Monterrei

20061204101622-monterrei.jpg

Meu caro alcalde, a mellor descripción das cousas atópase nas hemerotecas, nos anales da historia e cómo non, na estrofa da canción: "Monterrei está nun alto e Verín está nun baixo. Nosa señoa da Estrela está nun campiño raso".

A escribidora das follas centrais do "ecoagro" non soubo buscar para nomear a xoia que está no teu concello. Quedouse simple e llanamente no egocentrismo da loita entre Vilaza e Albarellos.

Aparece logo un Vences mal situado e, cómo non, a Fortaleza presidindo a parte central de tódolos textos publicitarios municipais.

Así reduciu tódala xeografía, cultura, historia, costumes, gastronomía, actividades agrarias co silencio de temas tan importantes como é a arte ou recunchos naturais como tes alí no Requeixo.

Non hai referencia á romaría da Virxe da Caridade e coloca a festa do emigrante en Vilaza. ¡Que non se enteren o Zarraquiños e o Ernesto!.

Nin unha palabra a San Salvador de Medeiros cos sepulcros megalíticos. Nin a súa igrexa cos innumerables "cruceiros" espallados polo pobo, que poden representar un antigo "vía crucis", pola forma da colocación. Tamén faltan á cita a cultura castrexa, tanto na "cidá" como no "muro do Buble".

Pero onde está o colmo do texto publicitario é na ausencia de referencia á igrexa de Santa María de Mixós. Unha xoia do arte como di Xaquín Lourenzo. Mistura de estilos: asturiano, visigodo e mozárabe, que fan que apareza nos libros de texto de Histora do Arte. Ten unha lápida adicada ó deus bandua.

Ningunha mención ós vestixios da vía romana ó seu paso por Estevesiños.

Lagoas, entre outras, do texto publicitario, que sí son un "reclamo" turístico, se ese foi a intención de colaborar económicamente co fascículo agrario do xornal provincial.

Martes, 28 de Noviembre de 2006 20:18 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris