Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Marzo de 2007.

Prieto

20070322175051-porco-delicatessen.jpg

Meu caro Prieto: Quixeches gañar o mundo, pero pasouche coma Ícaro: o sol derreteuche as ás.

Canta ilusión perdida. Cantas voltas. Canto ir e vir. Visitas a Pazos, Mandín, Queirugás, Tamaguelos, Feces, etc..., aquí e acolá. Todo, meu caro amigo, para estar coma ó principio. Tes que comenzar de novo.

Agora si tes un problema. Saber ubicarte e saber desprenderte dos prexuízos.

Teste que definir. Seguir no partido, apoiando ó candidato oficialista, ou abandonar.

Tamén podes seguir e facer a túa loita nas municipais. Pero debes fiar moi fino, porque pódeche pasar coma ó Lucas, que acudan a Verín os mandamases expulsándote sen saber porqué.

De tódalas formas debiches aprender, daquela, cómo se resolven os conflictos internos e, así mesmo, da miña impugnación ó Comité local, porque saberás que foi unha calada por resposta.

Ti non vas ser diferente por moitas visitas que fixeras a Ourense e por moitas promesas recibidas.

Non te diches conta de que estorbabas. De que podes dicir cousas e de que podes soltar a lingua. E sobre todo de que pertenciches a unha organización, que como organización que é, saes trasquilado, anulado, despersonalizado. Contas porque sumas, pero cando desexas subir un escalón aparecen os pantasmas, contando historias, coma que ten que ir outra persoa, claro, amiga súa... ¿esto da amizade?... deixémolo así.

Meu caro Alberto, percatácheste de que estiveron a xogar contigo. A outros pasounos algo parecido.

Sempre buliu no meu maxín a idea de non interesarme polos asuntos partidistas máis aló da Estivadas. Contigo aínda se reafirma máis.

Nun pobo no que nos coñecemos todos, o importante é sumar para poder sentarse na alcaldía, pero aquí réstase, polo que haberá que esperar ós acontecementos de maio, para tomar unha determinación de continuísmo ou de distanzamento.

Visitabas á Conchita, para convencela, por estar enfada por incumprimentos. Ías onda o Toño para recuperalo, e así pobo por pobo, e veciño a veciño.

Recordo os espaventos do trato coa veciña de Tamagos saíndo da alcaldía só por reclamar auga, en pleno verán.

Que visiten Infistela e que cadaquén xulgue ás persoas que servimos ós veciños.

Os dous escoitamos aquela frase de que na oposición dá o mesmo oito concelleiros que un. Nunca entendiches eso. Algún día saberalo.

Non desvanezcas meu caro Alberto: "a todo porco lle chega seu San Martiño".

Jueves, 01 de Marzo de 2007 22:00 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Sergio

20070322175805-pozo.jpg

Meu caro Sergio: "todo o teu gozo metido nun pozo". Neste refrán pódese resumir toda a túa pesadume pola noticia da suspensión do PXOM, por parte dos tribunais, ó non admitir a trámite o recurso plantexado polo Concello.

Ás veces a vida, meu caro Sergio, xoga estas pasadas e un déixase levar.

É triste ver cómo os sacrificios da emigración che valeron para pouco. Pensabas gañar uns cartiños coa compra da finca e resulta que ven a xustiza e tírache con todo.

Non che preguntaron nada, porque non sabían que os teus aforros están invertidos na terriña, non coma outros que especulan na bolsa. Ti, sempre seguro, na terra, pero está visto que nin así.

Daquela as túas meixelas radiaban alegría, cando comprobaches, in situ, que a leira che quedara na zona de ampliación do núcleo rural, agora veñen e tíranche con todo ó traste. ¡Qué penuria, meu caro Sergio!.

As causas da túa situación foron tres: demasiada presa na aprobación do PXOM do 1998, por mor de entrar nun ano electoral; imposibilidade de negociación, para retirar as denuncias cos afectados; e oscurantismo-secretismo incumplindo o punto da orden do pleno correspondente á adaptación da nova lei do solo.

No verán do 1998, 28-29 de xullo, marcharon con papeis do PXOM para Santiago. Regresaron antes da data de aprobación, que foi o tres de agosto daquel ano. Os días foron escasos para a Dirección Xeral de Urbanismo e para estudalos a oposición antes do pleno. Todo porque no se podían perder días de vacacións e porque se entraba en ano electoral, e iso que aínda restaban meses por diante. Meu caro Sergio, é normal que con tanta presa e tanto papel que ler este PXOM tivera irregularidades.

A pesares do contencioso, houbo intentos de arranxar o problema.

Un dos promotores propuxo retirar a denuncia a cambio da multa que lle impuxera a administración, por ampliación dunha nave. Pódoche cofirmar, meu caro Sergio, que aínda hoxe estou esperando pola resposta daquel alcalde, que por certo debería estar ben caladiño e arrimar o ombro polo ben de Verín. A soberbia e outros intereses fixeron que o arreglo non frutificara.

Como remate, meu caro Sergio, fixéronse cargo da concellalía de urbanismo, co tripartirto, uns novatos con descoñecemento da realidade do concello. En vez de adaptarse ó mandato do pleno, fan un plan totalmente novo, incumprindo co acordo plenario e buscando problemas cos veciños, polo que calquera tiña base para ir ó contencioso. Así mesmo, traballaron ás espaldas do alcalde e o resto de concelleiros.

Con todo isto, meu caro Sergio, é normal que estemos onde estamos, e faltan por vir máis sentencias. A culpa non a quere ninguén.

Jueves, 15 de Marzo de 2007 09:59 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


A cobra

20070406104138-culebra.jpg

Miña cara señora María: por favor, séntese un pouquiño  a meu lado. Délle descanso á muleta. Hai tempo que lle quero dicir algo. Debe levar a muleta onda o Palmero para que lle repoña a goma, pois a que ten está lambida e, non se faga de rogar, porque sen muleta non da unha lancada. Ademais pode esbarar en calquera momento e o seu xeonllo non debe sufrir máis.

Tamén lle digo que ten que deixar de pasear por Infistela. Non me faga preguntas. Están a facer unha rotonda na encrucillada da Canella Cega coa rúa Espido e pode accidentarse.

Se quere pasear fágao -perante un tempo-, deica maio, polo alto do Polvorín, para chegar ó camiño que arranca cara a fonte de Cabreiroá, despois de ir pola Avenida dos Balnearios e cruzar cara o Barrio de Obras Públicas. Verá que dende alí hai unha mellor vista e pode ver todo o que lle interese, a pesar do peche esaxerado que ten a finca do doutor. Así mesmo, o de Medeiros anda a construir unha obriña de fin de semana, polo que ten perpiaños onde pode descansar.

Nembargantes, a señora María interesouse máis pola historia do sábado ás once da mañá alí, na Alameda, preto da lagoa, camiño de Estevesiños. O Pepe da Avelina cruza todos os días por alí. Coñece ben o lugar, pero nunca lle sucedera algo igual.

Cando cruzaba co tractor encontrouse cun bicho no medio do camiño. Parou e baixouse. Escomenzou a dar voltas arredor. De pronto, o animal levantouse de medio corpo e o berrido do Pepe ouviuse en todo o amieiral. ¡Qué "culebrón"!, ¡menuda cachola!, ¡qué cacho ollos!. Erguida, remelábaos para controlar todo movemento estrano.

Ó Pepe veulle á cabeza o sucedido cos ovos das galiñas e os gazapos do cortello. Desaparecían e non sabían quén era o ladrón. Unha cobra coma esta tiña que ser a que se aproveitaba de todo. Recordaba que as ubres das vacas da zona, estaban baleiras cando ían a muxir, botábanlle a culpa á Rosiña.

A cobra baixou o corpo e camiñaba arrastrándose para fuxir. Facíao con destreza, pero atenta a calquera movemento do Pepe. Meteuse no río.

Máis tarde, enterouse que aparecera en Pazos, onda Fina.

Claro, señora María, é que  Fina ten unha granxa.

Jueves, 29 de Marzo de 2007 20:14 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Lázaro

Meu caro Xerardo: a túa morriña non toma forma no momento actual. Tes razón e comparto contigo as inquedanzas que bulen polo teu maxín recordando aqueles anos de Lázaro. O título xa daba grandeza: “Ferias y Fiestas de Lázaro”. Polo que o demais viña espontaneamente.

O problema, meu caro Xerardo, é que temos un trimestre cheo de acontecementos festivos: San Antón –festa local-, As Candelas, San Brais e sobre todo o programa do Carnaval co xoves de Compadres, xoves de Comadres e Domingo de Entroido, para rematar antes de entrar na Semana Santa co Lázaro. Iso conleva que, ano tras ano, o Lázaro sexa pobriño.

Mira se é escaso que, con tanta festa, ata os nosos cativos baixan de notas neste trimestre. Porque o ambiente é totalmente de ocio e deberiamos pensar un pouco neles, porque desexamos que os nosos retoños sexan os mellores profesionais.

Por outra banda, estase a potenciar máis o Carnaval, porque é un atractivo turístico con máis rendabilidade económica. Levamos anos vendo que se invertiron os termos. Daquela o Lázaro era grande. Agora é grande o Carnaval.

Pero o que a ti che gustaba, meu caro Xerardo, era estrear o pantalón curto polos xeonllos e os zapatos que limpabas co cuspe cando se che luxaban. Tamén te levaba a túa irmá ó barbeiro para deixarche aquel tupé de chiva lambida. Por iso tes soidade aqueles anos. Agora estreamos todos os días.

Nembargantes, algo estase a conseguir coa festa do Patrón da vila. A feira do viño foi un éxito. A inauguración, o entorno e os fogos deron ambiente. Aínda que a orquestra non foi capaz de contentar ós bailaríns coa última actuación solicitada por uns poucos. Non enturbiou o que está sendo o principio de algo que, con acerto, pode chegar a recuperarse como antano. Tampouco se escoitaron moitas queixas co sucedido ó Conselleiro. Hai que unir esforzos para que non se repitan.

Haberá que propagar e potenciar o fin de semana con actos protocolarios, recuperando algún acto festivo-relixioso e actividades nas rúas, para que os nosos veciños portugueses, que tanto madrugan, teñan onde recrearse. Artesanía, cerámica, postos de venda na rúa e personaxes de animación con actuacións de teatreiros serían un bo elemento para darlle máis vida ó fin de semana.

A miña homenaxe, meus caros veciños, ó señor Julio García -finou hai uns días-, que respondeu á miña perseverancia, permitindo que o foxo se convertira na rúa desconxestionadora do casco antigo da vila.

Jueves, 29 de Marzo de 2007 20:15 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris