Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Marzo de 2008.

Plenos

Miña cara señora María: está ben que de cando en vez colla o teléfono e me recorde de que lea o xornal. Non me decataba da noticia pero é interesante, sobre todo na boca do rexedor verinés.
Para min é máis importante o seu xeonllo e todas as persoas que viven na vila, porque hai que pola ao servizo de vostedes, facéndoa acolledora para novos e menos novos.

As novas non teñen nada de novo, porque hai un ano, que nos medios de comunicación, saían case todos os días. A bancarrota financeira do Concello estaba acotío en prensa, porque había que gañar as eleccións municipais, aínda que iso non fora certo.
O que si chama a atención é que aínda se siga con esa cantilena e ninguén se ruborice, cando se está no poder e pódese pór remedio a tanto desaguisado.

O que si está claro é que dende que se fixeron cargo do Concello coa nova maioría absoluta, non se solicitou ningún préstamo bancario e, para máis inri, a recadación municipal, en concepto de urbanismo, tamén baixou, polo que é incomprensible que se siga acusando de “bancarrota” á anterior corporación.

Visto isto non se debería entender que se tomen acordos onde se nomean tres dedicacións exclusivas con soldos moi altos e dous postos de confianza do rexedor, sen ter aprobado un novo orzamento, para facerlle fronte a esta situación, que se cualifica de desastrosa.

Fálase dunha contención do gasto e de moito “rigor financeiro” e lévanse convocado catorce plenos entre ordinarios, extraordinarios e urxentes. Na lexislatura do noventa e cinco os plenos celebrábanse o último venres dos meses impares, é dicir, ó ano eran seis. Na do noventa e nove tamén foron seis. Nesta lexislatura celébranse o segundo luns de cada mes, polo que ao ano son doce, e fálase de “contención “ do gasto.

Cada pleno cústalle aos veciños de Verín preto de medio millón de pesetas.

Hai plenos que non se deberon convocar, porque aos poucos días celebrouse o ordinario. O único Pleno fóra dos ordinarios que ten xustificación é o da composición das mesas electorais.

Neste pouco tempo desta lexislatura o que destaca é o número de convocatorias de plenos. Deben ter un fin non moi claro, porque os puntos da orde do día non son da categoría dunha convocatoria, polo que se debería esperar ao ordinario. Como por exemplo o de onte, xa que o orzamento no se aprobou cando correspondía, esperar uns días, non lesiona administrativamente ao concello, pero si ao bolso dos veciños.

Tendo unha experiencia política e unha clara perspectiva desta situación económica municipal non se deberían aumentar este tipo de convocatorias, porque fan que aumente o gasto. Así demóstrase que tal situación non corresponde coa realidade e os veciños deben saber como está o erario municipal. A contabilidade lévana os técnicos. Os políticos só fan gastar e cobrar. Aquí radica o problema.

Co orzamento aprobado pola corporación anterior lévase gastado en dedicacións exclusivas, en dous postos de confianza e en convocatorias de plenos, coma nunca se recorda, en tan poucos meses e faltan as miudezas, ¡que vaia se suman! Logo fálase de situación económica desastrosa.

¡Cando se vexa que nun ano racionalizáronse estas convocatorias, poderanse crer esas verbas!.

“Non estou de acordo co que vostede di, pero pelexaría para que vostede puidera dicilo”, di o pensador.

¡Somos libres!

Jueves, 06 de Marzo de 2008 21:52 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

A señora Lola

Miña cara señora María: debe loitar todos os días para que a súa dor non a relegue a unha cadeira. Colla o seu caxato ou a súa muleta e salga á rúa. Non se deixe vencer e faga que o seu xeonllo se exercite para non ter que estar todo o día no seu piso.
Vostede, que vive soa, aínda que, de cando en vez, a súa filla faille algunha visita, non debe estar pendente de se a dor vai a máis ou non dá dobrado o xeonllo.
Non se achique e camiñe, camiñe. Aínda que non teña onde sentarse, porque así poderá gozar dunha conversa coas veciñas, aínda que se arrimen a unha parede ou se senten no chanzo dun portal.

As beirarrúas deben estar ao servizo dos veciños, polo que en vez de tanto cabezón, deberon colocar paralelepípedos de granito cunha altura axeitada para cumprir unha dobre función: impedir aparcar e servir de descanso para vostedes.

Que non lle pase coma a señora Lola. É unha historia triste, pero ocorre todos os días en calquera recuncho do concello. Dá o mesmo en Pazos que en Queirugás, en Mandín que en Tintores, porque persoas da súa idade están espalladas por todo o municipio.
A señora Lola fíxolle caso aos fillos e alugou un piso na vila. Así o matrimonio non ten que percorrer cada mes cada unha das vivendas de cada fillo. Visítanos a cotío e reciben o cariño de fillos e netos. Están máis a man para ben de todos.
Ocorréuselle a un dos fillos facer unha solicitude nos Servizos Sociais, porque a señora Lola acabou sentada nunha cadeira de rodas, polo que necesita axuda persoal para tal enfermidade.
Foille concedida a axuda a domicilio. Perante o mes que o fillo se fixo cargo de súa nai, tal persoa, apareceu un día, deulle de comer un iogur e despediuse cun ata mañá. Non apareceu máis naquel mes. A desculpa é que hai máis persoas que necesitan deste servizo en todo o concello.

Hai uns días, don Alberte Prieto, na súa intervención, perante o pleno do orzamento municipal, manifestou que esta partida, en vez de aumentar, decreceu uns seis mil euros, é dicir, un millón de pesetas. Este é o trato que reciben os maiores, por iso señora María, debe baixar e camiñar. Non se deixe dominar polo seu xeonllo.

A partida do orzamento que se refire ás dietas sufriu un aumento considerable, que por certo só cobran os membros do equipo gobernante, destacando un sobre os demais, e logo pregoan aos catro ventos que non se cobra. Como verá, señora María, é máis importante facer recados viaxando que coidar das persoas maiores. Algún di que son "xestións"·

O asunto ten aínda máis que pregoar, pois o fillo da señora Lola tamén solicitou o da Lei da Dependencia. Mandou os impresos e, ó pouco tempo, recibiu unha misiva na que lle reclamaban a renovación do D.N.I., porque lle está caducado. A señora Lola ten case noventa anos. ¡Que longo mo fiandes! -diría o poeta.

Con todo isto, señora María, non debe facer moito caso do que pregoen na televisión, nin nos medios de comunicación, tanto politiquiños do Concello, como da Xunta ou como do goberno de Madrid, porque o exemplo está na señora Lola.

Cóidese, señora María, ¡que só se vive unha vez!

“Non hai camiño cara a liberdade, a liberdade é o camiño”, -di o pensador.

¡Somos libres!

Viernes, 07 de Marzo de 2008 09:32 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Eleccións 2008

Miña cara señora: “todos gañaron”. É curioso que no concello de Verín todos os partidos políticos gañaron e ninguén perdeu.
Sempre hai que arrimar a ascua a súa sardiña. Este pensamento é froito da presa por aparecer como gañador.

Coma sempre o Partido Popular recibe máis votos neste tipo de eleccións que nas eleccións municipais, onde se vota ao alcalde.
Isto demostra que a estratexia destas eleccións é máis obxectiva e o voto está menos mediatizado polo colocar unha lámpada ou asfaltar o camiño do momento, a calquera veciño. É dicir, non hai favores. Os veciños séntense libres de ataduras políticas da persoa ou persoas que chaman a súa porta, no período electoral.
Este é o verdadeiro voto do Partido Popular, porque se nota no aumento de votos con respecto das eleccións municipais.

De todos os xeitos, que ninguén bote as campás ao voo, porque agora os votantes só tiñan tres formacións políticas a quen votar e non aos Independentes de ADEI, nin aos Verineses Independentes, polo que só o Partido Socialista subiu uns catrocentos votos con respecto doutras eleccións, sendo a mellor votacións de todas as eleccións democráticas, deste partido. Parabéns para Xan Carlos Francisco.
O Partido Popular, a pesar de ser o gañador, baixou uns catro puntos con respecto das eleccións do dous mil catro. O BNG baixou unhas décimas.

Chama a atención que cando se fala de eleccións analízanse os resultados buscando datos para quedar ben, porque hai que demostrar que sempre se gaña, nunca se perde. Pero hai que analizar obxectivamente e si se comparan cunhas eleccións municipais débense ver as diferenzas dunhas as outras.
Nas municipais o candidato é máis preto, case é veciño, polo que se é boa persoa debería acumular máis votos, pero no Partido Popular dáse o contrario. Nas eleccións xerais hai sempre moitos máis votos, case mil, que nas eleccións municipais. Algo se deberían preguntar os afiliados e non deixarse enganar por andrómenas como sucede case sempre.

Felicitamos aos votantes libres por manter sempre esta tendencia no Partido Popular. Pero que non se durman, que os socialistas subiron moitos votos, e pasiño e pasiño vai cambiando a tendencia dos veciños á hora de dar o seu voto.
A xente está cansa de ver pola súa porta as mesmas caras, buscando o voto, polo que tamén desconfían, porque algo buscan.

Unha recomendación a tempo, os candidatos dos partidos non deberían estar máis de oito anos de representantes políticos, para ben dos partidos e para ben dos administrados.

¡Somos libres!

Jueves, 13 de Marzo de 2008 20:07 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Festexos

Miña cara señora María: o frío non lle permitiu gozar dos festexos. Estivo soa, pois ninguén dos fillos e netos se acercaron á vila. O Lázaro pasouno sen darse conta da festividade. Non puido ir á misa nin a procesión, polo que chamou a un taxi para que a acercara a votar. Votar si. Subiron os seus.

Estragaron a festa co cambio por mor das eleccións. A pesar disto os veciños lusos déronse cita e percorreron a vila coma sempre. Faltoulles a ledicia das charangas. Falta de previsión por parte do Concello ante estas circunstancias. Hai que avisar con tempo para que os da raia non se vaian sen nada.

Daquela celebrábanse actos institucionais. Había protocolo coas autoridades portuguesas, facendo do Lázaro algo máis que unha festa. Feira e festa do Lázaro era como se coñecía. Destacaba o martes porque sempre había un partido de fútbol no que había rivalidade, polo que aglutinaba moita xente.

Todo aquilo acabou. Agora véñennos con inventos e con cambios. Así finarán con todo. Cambio de festa e invento de pratos típicos gastronómicos.

Foi un éxito a cea. Cante folclórico e pregoeiro correspondente amenizaron a degustación. Coido que faltou o trombón. Paga o pobo, por iso asistiron trescentas persoas. Das outras comidas haberá cambios, segundo os xornais, polo que deberon fallar moitas cousas.

Con nomes tan rimbombantes para uns pratos típicos como “Bacallau en dúas coccións, escuma de pataca afumada e pemento asado”, “Carrillera (fazula) de becerro abafada ó viño tinto” e “Milflores de silva” é normal que non asistisen comensais, porque están acostumados a que o bacallau prepárano en Chaves de mil formas diferentes e logo as outras festas gastronómicas son fáciles de identificar. Festa do Pemento en Oimbra, festa do Cogumelo no Riós , cea do Entroido en Laza e, para máis inri, veñen os do Bolo e sinxelamente montan da noite á mañá unha festa da “Vitela”. ¡Que doado!

No país veciño, é dicir, en Portugal, son: ”Festa do Presunto”, “Festa do Fumeiro”, “Festa do Folar”... Así de sinxelas. Enténdeas o pobo.

Verín é diferente. Ten outro nivel. Así lle vai. Cándo se aceptará que Verín está onde está, e polo tanto é unha vila rural. Non é unha cidade. Nin trazas ten de camiñar cara aló. Ao non andar pola rúa é normal que non se respire aire doméstico. O andar en coche de casa ao traballo e do traballo a casa non deixa sentir o ruralismo nas meixelas, polo que non se quere aceptar como algo normal a vida propia dos veciños.

Influencias lusa e francesa. Lusa na materia, é dicir, no bacallau. Francesa no nome, é dicir, no concepto. Por alí é por onde anda a Tenente de Alcalde, xustificando o seu soldo, polo que algo se lle pegou, e así hai que deixar de ser nós para facernos franco-lusos.

Razón tiña o concelleiro do Bloque cando os corrixiu dicíndolle que un prato típico non se inventa, está na cultura dun pobo, na súa idiosincrasia. Hai que dar con el. Viaxando, non. Andando polas rúas e os pobos, si.

“Exercer o poder corrompe, someterse ao poder degrada”, di o pensador.

¡Somos libres!

Viernes, 28 de Marzo de 2008 21:53 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris