Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Diciembre de 2009.

Auga

20091215004536-invertidogota.jpg

Miña cara señora María: tantas veces foi o intento de privatizar a auga na vila de Verín, que por fin conseguiuno o “taifiñas verinés”. Tiña razón o Toca cando decía que polas rúas de Verín andaba un golfiño sen espina.

No 2002 acercouse por estas terras e non quixo esquecerse delas, por iso deixou unha cría para que seguise a causa e se amamantase daquelas dádivas. Poucos recordan aqueles acontecementos no concello de Verín. Un dos tenentes de alcalde foi expulsado do partido, coma se fora un apestoso, porque tiña outra maneira de pensar acerca da privatización da auga.

Defendía a proposta doutra empresa, porque lle parecía que era máis rentable para o Concello, porque se facía cargo dos empregados municipais encargados da auga municipal e ademáis ofertaba unha cantidade económica parecida a do golfiño.

Aqueles actos demostraron como funciona un partido político presidencialista-dictatorial no concello de Verín. Sen escoitar as partes, sempre por manifestación do señor Lucas, tomaron o acordo de expulsalo do partido.

En poucos días déuselle esta solución, a pesar de que algúns compañeiros manifestaran, que se debía esperar a setembro para dar unha solución máis política, por necesidade imperiosa do número de concelleiros para acadar o número suficiente en cada votación, porque coidaban que se podía reconducir a situación.

O problema era ou fora outro, que naquel momento ninguén chegou a pensar, pero visto este presente, a auga está moi clara.

A mesma empresa, que daquela defendía o rexedor, acada agora definitivamente a adxudicación por vinte e cinco anos. Onde estaremos nós!

Pouco importa ver os exemplos dos servizos, que levan varios anos privatizados, que non teñen aos veciños contentos e que os da oposición, de cando en vez, denuncian. Pero nin caso dende o concello.

As afirmacións sobre os beneficios para o concello son de tal consideración que poñen de manifesto o pensamento do mandamais sobre os seus veciños. Pensa que son uns ilusos e que se creen todo o que di. Debería escoitar ao Manoliño o outro día no bar. Daquela boca saían verbas que todos os presentes asentían.

É paradóxico que neste concello se privatice un servizo, como é o da auga, e se queira municipalizar o da recadación, que leva varios anos en mans dunha empresa que consegue unha alta rendabilidade para toda a Mancomunidade. Ó mellor isto é unha xogada para buscar outros fins. Escóitanse voces de persoas inmersas neste tema de que hai que recurrir a estes ingresos municipais, algunhas veces, para facer outros pagos. A partires de agora empeñar máis ao concello. Pagan os veciños!.

Ninguén cre as dádivas da empresa e ninguén pensa que unha empresa privada ven perder cartos a Verín. Como empresa que é ten que gañar cartos, porque senón vai a deriva. A creación de calquera empresa e co fin de xerar riqueza. Aquí e na China. Só nunha maxín tan cativa pode suceder o contrario.

Miña cara señora María agarde ver se isto se produce así. Saberá que esta decisión de privatizar a auga non está no programa co que se presentou nas eleccións locais do 2004.

O instinto de ecolocalización ao “golfiño” deulle bo resultado.

Jueves, 03 de Diciembre de 2009 19:19 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Paseo

20091215004723-oldwoman.jpg

Miña cara señora María: se vostede puidera permitirse o luxo de dar una volta polas rúas da vila encontraríase con situacións difíciles de comprender. Vostede só pode cumprir coa encomenda que lle ten súa filla. A de recoller ó netiño ás horas que ela está no traballo. E para iso fai un gran esforzo co seu xeonllo, porque nesa rota non hai un par de cadeiras onde poida descansar. Así trata este pobo aos seus maiores, sabendo que son a sabedoría da experiencia.

Non se debe preocupar, que aos novos non lles fai mellor trato, porque para uns simples obradoiros, dunhas vinte ou trinta prazas, presentáronse máis de mil duascentas persoas. Que porvir nos espera!

Os veciños quedan abraiados e pola súa maxín pasan ideas que non poden ter explicación a hora de entender a execución de certas obras. Andan a soterrar os colectores do lixo na calzada da estrada internacional de Portugal. Saberá que cando se intenta facer unha obra deste tipo hai que molestar o menos posible aos veciños, que se senten prexudicados, polo tanto débese buscar o lugar de ubicación que menos dane aos negocios lindeiros.

Ademais, este lugar por varios motivos é o menos axeitado para colocar os colectores, porque non son estéticos, porque atrancan a circulación á hora de recoller o lixo e ademais na tenda que está ao lado poden minguar os clientes, polo cheiro que poden botar en calquera momento.

Ante a protesta dun veciño o que fixeron foi desprazalos uns metros cara o outro. Moi boa solución! Ispen a un santo para vestir a outro!

Non haberá problema señora María, dende o concello cargarase sobre os veciños. Verín recibe as culpas de todo o que está mal ou non funciona.

Que pinta no cargo se non asume as responsabilidades que lle concedeu o pobo nas eleccións!

Non recoñece a súa inoperancia. Quere súbditos, non persoas que esixan!

Aínda que os veciños teñan culpa haberá que facer campañas de concienciación, porque unha casa límpase todos os días, ou, el non?

O problema xorde cando non se ten educación e non se lla pode transmitir aos veciños que recollen o que ven e escoitan dos dirixentes.

O propietario do local máis prexudicado pode que reclame, pero non haberá problema, porque paga o pobo. Coitadiño pobo!

A corenta ou cincuenta metros de distancia hai un lugar que debe estar esperando para ser ocupado por colectores, que se chama rúa Correos, por detrás da Sindical. A ambos lados calquera sitio vale.

Por suposto, non carrexa ningún problema e menos protestas de veciños ou propietarios de locais comerciais.

Decisións caprichosas e falta de táctica política, señora María. Dende o poder hai que amedrentar. Así non se move ninguén.

É a máxima municipal.

 

Sábado, 12 de Diciembre de 2009 10:44 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Xudas

20091225180756-judas-iscariot-wa.jpg

Meu caro Baltar: é curioso que che pasara como a Cristo. Perdón por esta figura. Nos mentireiros políticos, nos curros dos bares só hai un comentario: "Son cousas do Baltar!", "está todo preparado!", "mandouno presentar!", "ao final intégranse as listas!, "todo é unha pantomima!"...

Hai un evanxeo de Xudas no que se recolle que tamén foi Xesús quen mandou a Xudas que o traizoara. Ao parecer é unha versión gnóstica do comportamento do apóstolo.

Cantos bicos che deu e cantos sen sabores che fixo pasar para que ao final remate desta forma!. Ata o último momento no te chama para anunciarche a súa candidatura!.

Pois coñecer, debíalo coñecer ben, ou teño que recordarche aquela xuntanza que tiveches con el nun restaurante, nas aforas de Ourense, camiño de Santiago, onde che foi a contar as cuitas que estaba a provocar o teu fillo nalgúns políticos da capital?. Non eran cuitas, eran envexas.

Algún estábase adiantando a este acontecer actual, por iso había que denigralo e apartalo, xa daquela. Ti non picaches, pero escoitaches todo o que che dixo serenamente.

Hai que ter morro para irlle falar mal a un pai do seu fillo, sobre todo en política!.

Aproveitou o momento no que non houbo ningún candidato arroupado por Santiago, polo que a conxuntura foille propicia para facelo, e apareceu, como se fose el. Estaba listo para traizoarte, ademais tíñalo nese Comité de dirección do Partido, a nivel provincial, onde tratades todos os temas, polo que a información éralle privilexiada.

Ti deixaches crecer a este personaxe, sobre todo nun lugar onde os votos da dereita están máis que sementados. Calquera persoa que encabece a lista do Partido Popular gana as eleccións locais. Aínda máis, mellorando os votos, porque este non da máis de si. Mantense na maioría raspada e nunca superou a suma dos votos da oposición.

Deixáchelo facer o que quixo. Convocaches as eleccións ao Comité Local de Verín, porque houbera reclamacións de afiliados.

Gañou aquelas eleccións incumprindo totalmente os estatutos do Partido Popular e así foi crecendo ata pagarche con esta moeda.

Compartiches con el a sangría de compañeiros que marcharon do seu lado, porque o seu comportamento é de ordeno e mando. Pódoche afirmar, porque o vivín, que non hai palabras nos dicionarios de todas as Reais Academias das Linguas do mundo que o poidan definir.

Nestes intres estou contento porque el mesmo se definiu con esta actitude co seu “pai político”, polo que confirma a opinión de todos aqueles que o tiñan ben catalogado. Isto é un aviso para navegantes políticos. Que lean neste comportamento. Válelle calquera partido con tal de estar na poltrona!.

Fuches o seu “pai político”. Cada problema que creaba, polo seu comportamento antidemocrático e de chulería, cos compañeiros, chamábate e presentábaste en Verín para calmar a tempestade da política local. Sempre estabas e aparecías no momento que te necesitaba e agora págache desta forma.

Nunca te preguntaches o porque non foi electo presidente da Mancomunidade. Aí tes un elemento que o debiches analizar, para coñecelo mellor.

Como xestor, na política, poño dous exemplos. Nada de parques empresariais e máis de mil persoas apuntadas para optar a un posto dos tres obradoiros concedidos. E a súa xestión quérea elevar á provincia!.

Pero, non te preocupes, porque ti non estás colgado na cruz e podes seguir, a pesar desta traizón.

 

Viernes, 25 de Diciembre de 2009 12:10 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris