Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Julio de 2009.

Mandín

Meu caro Marcelino:

Tivo que vir o Plan “E” para que fixeran obras na praza da igrexa. Seguro que ninguén tivo noticias ata que o pedáneo comunicou que o Concello estaba a redactar o proxecto. A ningún veciño se lle deu a oportunidade de opinar sobre tal obra, polo tanto, todo se fixo por antoxo do mandamáis verinés. Aínda máis, a ninguén se lle preguntou se era necesaria, no pobo, a mencionada obra.

Non foi nada raro, porque dende que preside a corporación este taifiñas, as decisións sobre as obras a realizar en calquera recuncho municipal, sempre se comunicaronn despois de feito o proxecto, do que ademais se encargaba el.

Ti, meu caro Marcelino, que traballaches a reo en facer un campo de fútbol, daquela houbérache gustado que acondicionaran un terreo, aproveitando a concentración parcelaria, porque te sintes con forzas para dirixir aos cativos da túa parroquia.

Porque o teu foi o fútbol, a pesar de que non se vía unha das porterías cando estabas na outra. Por iso disfrutarías con ver un campo chairo e cunhas dimensións adecuadas para practicar o teu deporte rei.

Aquel campo, no Toural, con dimensións reducidas, era o lugar onde tomabas o teu descanso despois de gañar uns cartiños, viaxando cara a vila, cargado de mercaduría, no soporte da bicicleta. Bicicleta que tanto coidabas e que che axudaba a burlarte da vixianza oficial ou dos gardiñas da fronteira.

O Plan “E” tróuxoche unha praza remozada na que non volverás a darlle unhas patadiñas a un balón, porque agora póñenlle pedra de grá e leva dous niveis, cun escalón no medio, impedindo que todo esté chairo.

Non volverás a poder aparcar teu coche, porque o bordillo quedará máis alto ca rúa. Terás problemas o día que decidas ir á misa e non poidas achegarte ti só, tendo que depender de alguén que te acerque e logo fuxe de aló, porque non deixaron sitio para colocar un aparcadoiro de servizo do lugar e dos oficios relixiosos.

Nin pensaron no señor crego, sabendo que ten máis misas noutras parroquias, para deixarlle onde aparcar o seu vehículo.

Ningúnha árbore máis leva o proxecto, polo que a calor seguirá pegando, perante o verán, coma sempre. Para iso gastan tantos euros!

A fonte e o labadoiro seguirán no mesmo estado, cando se prestaban a facer algo diferente, na praza. Iso demostra como se fan proxectos de costas aos veciños, que deberían ser os máis informados e preguntados, porque son potencialmente os beneficiados.

Aquilo préstase máis a unha “ágora” ateniense, para uso político, nos momentos das eleccións, que de lugar de reunións para os veciños. O rexedor pensou máis nel, que nos veciños de Mandín.

Pero contigo ninguén falou, meu caro Marcelino, porque ti proxectarías outra obra, que polo menos, sería de seguridade vial para os veciños, que paseandes polas pistas de concentración parcelaria e pola estrada que vai dende o Terrón.

Ti dirías que a obra máis importante, que necesita túa parroquia, é a construcción de beirarrúas dende o Terrón ata Mandín.

Deste modo tamén se ensancharía a estrada facéndoa máis axeitada para circular os coches e os veciños terían máis seguridade. Porque ti xa tiveches algún percance, cando das o teu paseo, por esta estrada.

Como verás, no concello non pensaron nin en ti, nin nos veciños.

Jueves, 30 de Julio de 2009 18:03 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín Hay 1 comentario.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris