Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Noviembre de 2009.

Castelo

Meu caro Presidente da Mancomunidade de Monterrei: vai quedar sen nada!. Bótano das oficinas do Concello de Verín e fanlle alugar unhas co conseguinte gasto para a Mancomunidade.

Nin lle ofertan espazos na desocupada Lonxa, nin no famoso edificio transfronteirizo do Polígono de Pazos.

Estanlle debilitando a súa poltrona coa proposta da saída da recadación e pouco a pouco imos ver como a abandona totalmente, ata conseguilo quitar da presidencia. Logo volverá a normalidade. Buscará recunchos na casa consistorial de Verín, habilitando oficinas para ter todo controlado e non desprazarse porque se mancha, pero mentres, ten a mancomunidade neste impax.

Vostede debe coñecelo ben, porque a primeira falcatruada que lle fai non é ou, esqueceu aquela da xuntanza do Padroado da Fundación Hospital de Verín en Ourense?

Está noutras miras polo que necesita protagonismo e poder. Quere presidir a Mancomunidade polo que o vai ter sempre dándolle a lata. Emprega a ameaza sen disimulo, porque argumentos desa maxín non saen.

Deuse conta que dende que dimitiu Xan Carlos, portavoz do PSOE, sae pouco nos xornais polo que necesita que falen del, porque os de Santiago igual non se decatan e déixano sen un “postiño” na executiva provincial.

Seguro que a parafernalia do venres pasado estivo manipulada.

Non ten sentido que dende a Xunta de Galicia cursen un fax ao concello de Verín, comunicándolle que o Ministerio de Facenda cedía o Castelo de Monterrei á Comunidade Autónoma de Galicia. O normal é que ese fas chegase á casa consistorial de Monterrei, sita no pobo de Albarellos.

Cando suceden este desvaríos os respectivos concellos teñen no seu protocolo o remitilo a seu destino. Pero isto non sucedeu este venres, por que?. Simple e chairamente polo afán de protagonismo, nestes intres, e tamén pola descortesía política do autor do feito.

E non só non remite o fax ao seu destino senón que non o le ao pé da letra.

A xenreira contra o modisto de Verín, Roberto Verino, fixo que non aparecera no comunicado de prensa a palabra “moda”, sendo a primeira da específica narración, que o fax tiña dedicada aos destinos para os que ten que ser empregada toda a acrópoles.

Ante todo isto, meu caro Xosé Lois, colles o teléfono e antes de apagalo, preséntaste no concello de Verín, para acompañar ao “taifiñas”, na súa rolda de prensa, dos venres. Soubeches estar á altura correspondente, porque a prudencia é túa virtude e non quixeches montar ningunha liorta, pero cántas che leva feito?.

Quero crer que todo isto non sexa froito da incultura e ignorancia de quen mandou o fax a Verín.

Logo dirache que como había que dar tamén a noticia do acondicionamento do camiño real, cara o Castelo, e parte pertence a Verín, pois todo queda na casa, pero, en cal?.

Nestes intres de crise financeira o concello de Monterrei debería cobrar dereitos de imaxe cada vez que o concello de Verín emprega o castelo nas campañas de publicidade.

Debes ter coidado porque podes quedar sen castelo. Intención e orde hóuboa daquela.

 

Viernes, 06 de Noviembre de 2009 21:05 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Manolito

20091215003951-farola.jpg

 

Meu caro Manolito: contáronche o conto da leiteira e vícheste rico. A historia e vida do Manolito foi como a de calquera veciño da bisbarra que emigrou para saír daquelas miserias. Foi ás alemanias e gañou uns cartiños polo regresou e invertiu comprando, non un solar, senón unha finca.

O conto era o de sempre. Trazas unha rúa polo medio e logo vendes solares a ambos lados. A finca daba o camelo, porque está ben situada, polo que a inversión podíase recuperar en pouco tempo. Meteuse ao negocio, polo que non voltou máis para a Alemania.

Comenzou, como lle dixeran, trazando a rúa e tamén a adecentou con formigón, facendo unha calzada de oito metros de ancha, dende os bordillos das beirarrúas, polo que os compradores non ían a faltar.

Vendeu un solar no centro, no que se construíu un baixo, que por certo, aínda non hai moito, estivo funcionando un taller de carpintería, pero aquilo no continuou, porque as forzas vivas dominantes da vila, en colaboración co concello, non permitiron que seguise, porque era un intruso no negocio da construcción, daquela época. Estamos a falar da década dos sesenta, setenta e parte do oitenta.

O Manolito tivo que recompor súa vida e sempre estivo penando pola aquela posible urbanización.

Tivo unha oportunidade co PXOUM do 1998, porque  lle recollía a súa finca dentro dunha área de reparto, pero todo se foi ao traste, cando o PXOUM foi declarado nulo pola xustiza.

Esta rúa presta un gran sevizo á vila de Verín e confirmouse, neste verán, coas obras, polo que foi utilizada para desprazar a circulación por ela, xa que está preta da estación de autobuses.

Polas mesmas datas na parroquia de Tamaguelos vense a facer case o mesmo que fixo o Manolito. Hai unha finca, coido que rústica, e vendeuse a cachos, polo que os veciños que lindaban adquiriron as partes traseiras correspondentes as súas vivendas con dereito de paso, creándose unha serventía polo medio.

Esa serventía é utilizada polos veciños do barrio, porque lles facilita o paso cara a estrada de Portugal e debe ser bastante empregada, polo que da a sensación de ser un camiño de terra batida. Nesa serventía ou dereito de paso o Concello de Verín colocou tres postes de madeira e dous de cemento coas respectivas farolas para alumear algo que non é público.

Para solventar o tema ante as preguntas da oposición municipal pola suposta ilegalidade urbanística fixeron un documento de cambio de propiedade da serventía pasándolla ao pobo de Tamaguelos.

Meu caro Manolito, fai un documento de cesión da rúa ao pobo de Verín e así colocaránche farolas, que por certo fanlle falta, porque a túa rúa é moi transitada a pé polos veciños do barrio e tamén por coches. Ao fin os contribuíntes verineses corren cos gastos de ambas e a túa está case no centro da vila.

O que si che vou decir é que ti non fuches alcalde nin eres o señorito do pobo, polo que non che corresponden dende o concello de Verín da mesma maneira.

Un aviso para as futuras urbanización dos promotores de Verín. Fagan como en Tamaguelos e aforrarán moitos cartos en pavimentar as rúas e porlle as infraestruturas, é dicir, en facer os proxectos. Paga o pobo!

Din que hai unha Axencia da legalidade Urbanística da Xunta de Galiza, que está para estes desaguisados. Supoño que tomará cartas no tema.

Perdón, olvideime, Verín non ten PXOM.

 

Viernes, 13 de Noviembre de 2009 13:48 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Plan E

20091215004149-cartel-plan-e.jpg

Miña cara señora María: calquera persoa da vila se tivera que invertir os cartos do Plan E faríao dunha maneira máis racional e, sobre todo, trataría de dar solución aos grandes problemas que ten Verín. Seguro que buscaría a maneira de que o pobo quedara servido e que non serviran para que se servisen del. Noutro lugar darán “máis”, a pesar de que os veciños soportaron as obras que ao fin e ao cabo, non lle van dar ningún beneficio de futuro mellorable.

Xa o dicía o Marcelino o outro día no Toural e iso que non sofre as consecuencias e ruídos desta desafortunada inversión. De todas as formas, sabe o que quere e sabe o que di, porque empezou por numerar as obras que son moi necesarias no concello de Verín, como se estivese vivindo na vila ou tivera algún cargo de concelleiro. Por certo, sabe máis que moitos dos que se sentan nas cadeiras do salón de plenos do Concello.

As obras que Verín necesita son as seguintes: de carretilla dixo unha serie delas, que me deixou sen alento. Este é un bo veciño, porque sabe cando o enganan, polo que ten interés pola vida pública e ponse ao día.

A primeira obra que se debe incluír é o acceso ao polígono de Pazos. Ben polo Pracer, cara Queizás, para acceder a autovía das Rías Baixas, facendo unha ponte sobre o río Támega, ben polo acceso actual, enlazándoa coa N-525, no pobo de Pazos, aproveitando a construción de beirarrúas, para que os veciños  poidan pasear con seguridade. Un bo acceso ao polígono atraería a implantación de empresas cos conseguintes postos de traballo, para a bisbarra, que boa falta lle fan.

A segunda obra de máxima urxencia é unha pequena circunvalación pola zona norte, aínda que fose só unha parte, porque desconxestionaría o cruce do cine Buenos Aires. As beiras do regato da Rasela aínda se pode construír unha estrada con enlace coa N-525, pola finca dos Peláez, que facilitaría o tránsito cara Madrid e tamén cara Portugal, polo campo da feira.

A terceira obra sería a de construír as beirarrúas da estrada cara Vilela, porque son de extrema necesidade por ser zona de paseo dos veciños de Verín. Ante todo seguridade vial para os viandantes.

A cuarta obra do Plan E tiña que ser unha nova captación de auga, porque nas crecidas do río Támega a auga que chega ás casas é turbia, polos arrastres dos montes queimados. Dende a lagoa da finca do Miñambres, pola boa disposición dos novos propietarios, é fácil conseguir auga de calidade, porque non sería directamente do río.

A quinta obra sería unha canalización ao longo da estrada de Laza, dende o Hospital ata a estrada de Cabreiroá, enlazando coa rede xeral por Queizás, para recoller as augas residuais da zona este de Verín e liberar a rede do Camiño Vello de Queizás, para que cando entre en carga non anegue os baixos das casas do seu entorno.

Como remate das obras deste Plan incluiría unha obra tan necesaria e necesitada como é a separación das augas pluviais das augas residuais, matando dous paxaros dun tiro, como é que funcione mellor a depuradora e que nas rúas de Verín non haxa cheiros das alcantarillas.

Que razón ten este Marcelino! Deberíase presentar a alcalde!

Domingo, 22 de Noviembre de 2009 22:58 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris