Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Octubre de 2009.

Tainas

Miña cara señora María:

Tainas, don Feliciano Sola do hotel Aurora, deixounos. Cansouse de estar con nós. Quixo dar un paso máis na súa pelegrinación vital.

Seguro que aló non cambiará. Non debe cambiar. Deus quéreo así.

Todos os que o apreciabamos, quedamos orfos. Un gran oco, que será moi difícil de encher, arredor de calquera mesa ocupada de viandas, sobre todo no país veciño.

Quedara con el, para facer un pasarrúas, explicándome a orixe e historia de cada casa de Verín, pero non tiven esa oportunidade, porque a morte adiántouseme. Foi máis rápida, mellor dito, chegou antes que o aparello que mercara por internet, polo que non tiven a sorte de pasar unhas tardes a seu lado. Necesitaba escoitalo e que me contara as súas viviencias en cada recuncho de Verín.

Tiña algo que facía pasar o tempo sen enterarte, porque a súa maneira de expresarse era natural e moi amena. Falaba e falaba, sempre con algunha historieta que facía que o momento fora  divertido. A seu lado non había penurias.

Poucas persoas hai tan elegantes, tan coidadosas cos demáis, e cunha sutileza que era capaz de convertir calquera trastada nunha peremne amizade.

Seguro que estará presente en todas as mesas onde se senten os seus amigos, Fanfán e Sánchez, sobre todo nos restaurantes do país veciño, que frecuentaban asiduamente.

Un bo detalle por parte dos propietarios que acudiron á cita con ramos de flores.

No Kilómetro 10 e no Canxirao será onde noten a súa ausencia e terán moito coidado a hora de ver aos amigos, porque estarán sentados, pero faltarán as verbas do “sabio”  vello restaurador.

Haberá sempre unha cadeira valeira ao redor dunhas boas viandas, como era normal, porque así pensarán que está presente.

Que Deus te coloque ao seu carón, porque é o que todos desexamos.

Seguro que estarás presente ao longo da nosa vida, porque a túa ausencia será unha presenza en cada unha das nosas xuntanzas.

Será difícil  sentarse sen ti e será duro romper o xeo das primeiras verbas, para comezar a conversa, porque as bágoas asomaranse polas meixelas dos contertulios, que ven difícil emprender a charla ao redor da mesa, porque algo lles falta.

As Portas de Madrid deixáronte pasar. Non che puxeron freno, nin che cobraron o fielato para que non esperaras e chegaras tarde ao máis aló.

Non foi nada fácil chegar ata elas e iso que na parroquia entonaron cánticos que purgaron as túas culpas.

Baixo a súa mirada pasaches os seus umbrais, porque tiñas necesidade de chegar, para alcanzar a eternidade.

Se Deus che regalara un pouco de vida seguro que farías o mesmo. Cruzarías a fronteira co Fanfán e o Sánchez e iríandes ao Km 10.

Non debes abusar da confianza se non eres capaz de chegar e invitar a todos. Pódeche pasar o mesmo que cando entraches na cafetería  Oasis e dixécheslle ao camareiro que invitabas a  todos. Botaches man da carteira e non tiñas un centavo, polo que dirixicheste ao dono dicíndolle que non se preocupara que ao día seguinte irías a pagarlle. Ata hoxe, non apareciches. Pero... iso eras ti.

Que Deus te teña onda el!

 

Domingo, 04 de Octubre de 2009 17:09 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Río Támega

20091215003332-tamega.jpg

Miña cara señora María: “uns levan a fama e outros cardan a lá”, di o refrán popular. O outro día gocei dun paseo ao longo do río Támega co meu amigo Ponchi. Teño que decir que é membro da Federación Galega de Pesca.

Con el existe unha máxima: “se comen eles, eu tamén como”. Digo esto porque resulta que o que ten fama de furtivo é a persoa máis preocupada pola conservación da natureza e ao seu lado recibín a mellor clase de naturais locais, simple e llanamente percorrendo o río, dende a zona de baño ata a presa do Tresguerras.

Gran coñecedor do lugar, porque naceu preto do Támega, e a súa nenez pasouna no regato, que hoxe chaman rúa Otero Pedraio. Unha maneira, moi sui generis, de conservar o Concello de Verín a súa toponimia local!

Comezamos a nosa andaina ao longo do río e dixo que estaba correndo perigo por tratar de cambiar os peixes das charcas sen osíxeno para outras de máis auga. Cousa que deberían facer os de Medio Ambiente e non chegar, como fan sempre, fóra de tempo.

Días atrás, río enriba, envelenaron varias pozas e despois corrían para sacar os peixes mortos. Debeu ser para que non os viran os veciños.

O caso é que ao longo da Preguiza prácticase a pesca sen morte, pero hai persoas que si pescan e outras que colocan as “cordas” dende as barandas do malecón.

Pódese decir que a desidia das autoridades ante este problema é de mirar cara outro lado e deixar que estes furtivos esquilmen o río Támega, sabendo que esta zona é un lugar de recría para todo el.

O mesmo que a existencia de visóns. Dende a terraza do bar do Zurria viron como un destes animais se desprazou tranquilamente, cara abaixo da pasarela, e enguliu a troita que levaba na boca.

Para este tipo de individuos, Medio Ambiente debería empregar caixas-trampa selectivas, para capturalos e devolvelos ao seu dono, posto que elimina todo tipo de fauna específica do río. Asi non se ven patos, pitas de auga, ánade real e despraza ás londras.

O Concello debería atender estes problemas e debe poñer máis empeño en conservar limpos estes lugares, o mesmo que  colocar carteleiras co nome específico dos lugares do río. 

Dende a Ponte do Melo, que por certo, aínda está sen recuperar, frente ao cuartel da Garda Civil, os lugares de baño que había antigamente son os seguintes: 

Río enriba pasamos polo pozo dos Americanos, antigo Matadoiro, actual pasarela cara o barrio do Olivar. O pozo do Bazal, os Pasadais, que non existen, nin o concello fai nada por recuperar as típicas poldras, para que os verineses, de agora, saiban o que son e o para que servían. Estarían á altura da depuradora de auga potable. O Trerranas, o Pozo Negro, aínda conserva o amieiro tumbado, que os rapaces empregaban para chapucearse.

Continuamos pola Preguiza, pasando polo Pontillón, ata chegar ó Paquita, o pozo máis fondo, que daquela tragou a dúas persoas e máis aló o Mefa, onde o Tarzán, que en paz esté, facía unha presa de bidóns de aceite, enchéndoos de area e atándoos ós amieiros. Logo o Señoritas, a lagoa do prado do Miñambres e a presa dos muíños dos Peláez, na Pedreira, e dos Tresguerras, ambos en San Lázaro.

Como verá, señora María, debemos recuperar as nosas cousiñas.

Só se recupera cara Infistela. Debe haber problemas coa columna e iso que hai unha asociación que o intenta, pero os políticos locais marcháronlle coa subvención que pediran.

Lunes, 12 de Octubre de 2009 13:02 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


D. Rodolfo

20091215003455-rodolfo.jpg

Miña cara señora María: a bisbarra gozou sempre de persoas importantes no mundo cultural e científico. Pero a bisbarra non soubo, moitas veces, recoñecer a súa valía. O pouco que se fai queda reducido aos premios Taboada Chivite,  Carlos Caneiro e Antonio Fernández.

O concello de Vilardevós foi berce de persoas destacadas en materias diversas como poden ser en filosofía, música e como non en xeodesia.

De cando en vez hai algún concerto para recordar a Anxel Barxa, natural de Terroso, e autor de partituras escoitadas polo mundo.

Grazas a estes autores os tamaganos temos onde recrearnos culturalmente, aínda que teñamos que rebuscar súas obras espalladas por distintas bibliotecas.

Señora María o outro día recibín a mellor clase de cartografía, na casa de D. Rodolfo Núñez de las Cuevas. Que sorte temos algúns!

Saberá que dirixiíu o Instituto Xeográfico Nacional perante unha década, o que permitiu modernizar a cartografía hispana, introducindo os métodos de cartografía asistida por ordenador. Colaborou coa Nasa, polo que estamos ante unha persoa moi especializada. Deberíamos aproveitar máis o seu maxisterio, porque está sempre disposto a exercelo.

Como resultado dese tempo formou unha biblioteca, que ten na súa casa paterna, aló no medio do pobo de Vilardevós.

Home entusiasta do seu traballo diu conferencias por moitos recunchos do mundo, polo que foi formando equipos e amigos, que deixaron nas súas mans libros, que sabian que ían  ser ben conservados, polo que resultou unha colección digna de conservar nesta bisbarra.

Trasladou dende Madrid todos os seus libros ata o querido pobo, porque ama esta terra e como cumprimento dunha idea de súa dona, que quixo ser soterrada, neste camposanto, ao pé da serra de Penas Libres.

A súa primeira intención foi donar os seus libros ao seu pobo, polo que fixo as xestións necesarias para que quedaran, pero a desidia ou falta de compromiso dun técnico fixo que non houbera vontade política para conseguir o seu anhelo, polo que se lle brindou outra saída, que aínda que non responde a súa primitiva idea, si ten algo de interés, porque será levada á Cidade  da Cultura, aló nos Santiagos de Compostelas.

Apareceron os políticos de Santiago e puxeron mans a obra para rematar o que vai ser a primerira parte do edificio en inagurar, que será a biblioteca, ofrecéndose en colocar aló todos os libros.

Con esta proposta surxen dous problemas. O primeiro é que o D. Rodolfo veña menos tempo por Vilardevós, polo que o señor crego, D. Baltasar, e máis os amigos non disfrutaremos de súa compaña e das súas explicacións sobre os mapas ou deixe de explicarnos o da busca da cidade soterrada baixo a lagoa de Antela, ou nos narre o da batalla de Osoño, co mapa napoléonico de Galicia. Que Deus non o queira!

Non pode faltar a visita á Teresiña, que sabe do que gostan, tanto D. Rodolfo como D. Batasar, preto da igrexa.

O segundo é que así non quedan reclamos nos pobos, para atraer estudosos do tema e por outra que non se contribúe ao asentamento de poboación no rural.

De todas as formas, na bisbarra, señora María, é a segunda biblioteca que emigra para o centralismo de Galicia. Primeiro Taboada Chivite, agora Rodolfo Núñez de las Cuevas.

Se o concello de Vilardevós non ten recursos para esta biblioteca debeu buscar axuda na Mancomunidade e tamén na eurocidade. Que copien dos flavienses! A ver se algún día fan algo na fortaleza de Monterrei! Que boa obra para o plan “E”!

 

Martes, 27 de Octubre de 2009 21:01 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris