Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Febrero de 2010.



Presidente

Miña cara señora María:  se vostede estivera no Paco Paz seguramente contaría con máis detalle o que aconteceu aló.

Como vostede está entrada en anos non puido achegarse ata a capital, porque necesitaría dun transporte especial. A non ser, que o aseu voto fora imprescindible para aupar á presidencia ao verinés desleal.

Cadaquén arrimou a ascua á súa sardiña, destacando os medios xornalísticos, que estiveron baixo o paraugas da Xunta de Galicia.

Coma voitres se portaron coa familia Baltar ao longo desta campaña cara a presidencia provincial do PP.

Un urra para o xornal, “La Región”, que se portou coma un xabato na defensa de MB. Todos contra Baltar e todos contra “La Región”. Saíron vitoriosos, por iso esta loita soubo a moito máis. Unha loita pírrica.

Pasaba das nove da mañá e o aforo do pavillón estaba bastante ocupado, polos compromisarios e invitados ao evento popular.

Polo corredor central, cara o posto asinado, camiñaba, estilo “Obama”, o aspirante raiano, acompañado da súa dona e o seu fillo cativo. Faltaba a filla.

Nin bos días, nin mirada, nin xesto, nin acercamento cara o anfitrión, o seu “pai político”, que como bo capitán estaba no seu posto. A educación foi sempre a súa debilidade, mellor dito, a súa gran carencia.

Entre as voces da xente, os altofalantes anunciaban outra impugnación máis, comunicando que se faría efecto no momento de ir a votar os supostos compromisarios irregulares. Esqueceuse de cando en Verín gañou irregularmente, polos mesmos motivos de agora. Daquela a impugnación non seguiu seu curso, pero agora bota man dela para gañar. Que fraca memoria ten!. Agora si que fixo o ridículo, non como dixo nas ondas daquela. Agora todo o mundo o soubo, porque os medios de comunicación fixeron eco, desta guerra, onde o fin xustificaba todos o medios que buscaron. Este congreso pasará a historia pola traizón e polas impugnacións.

Toma a palabra Xosé L. Baltar. Rube ao estrado e comeza a dar conta da súa xestión ao longo dos anos que exerceu de presidente do PP de Ourense. Boas verbas para todas as persoas que estiveron o seu carón e foran leais.

Dende as bancadas de enriba outeábase o ambiente. Os aplausos ían marcando os posibles votos e tomaban importancia aqueles que non se deixaban levar polos impulsos de agradecemento, polo que a diferenza ía tomando corpo para diagnosticar o posible gañador. As cadeiras estaban definidas, polo que o gañador ía ser Manuel Baltar. Nas bancadas de Verín non aplaudían.

Aplausos e clamores de entusiasmo, ante as verbas do presidente saínte, resoaban dentro do recinto. O público sentíase vibrante ante quen soubo estar o seu lado nas súas necesidades. E iso que o presidente da mesa, outro fuxido, chamoulle a atención, porque daba as grazas aos presentes.

Baixou do estrado ante as frases de : “Baltar presidente!...”. Foi saudando ás persoas da primeira fila, pero parou na súa cadeira, aínda que estendeu a man para saudar aos seguintes da ringleira. Non quería encontrarse co candidato raiano. Estaba doído co seu comportamento.

O discurso do verinés debeuno facer un aprendiz, porque a palabra “lealdade” saíu da súa boca e de súpeto gritos de: “ fóra!, fóra!, fóra!,...” soou por xeración espontánea. Pouca categoría e pouco nivel. Unha cousa quedou clara: a gran diferenza de preparación cultural, política, etc... entre os dous candidatos. Pero a ousadía é a ousadía. Notábase derrotado.

Cando se dirixía á súa cadeira despois de rematar de ler o pobre discurso tamén empezou a saudar aos convidados da primeira fila. Chegou ata Baltar, que, por certo, estendeulle a man, pero nun xesto de desprezo, soubo, sixilosamente camiñar, en crequenas, ata ó seu fillo, colocándose fronte del, para que non se deran a man, cando chegase á súa altura.

Tempo de votar e, de súpeto, abrazos e alegrías nunha parte das bancadas. MB tiña máis votos, polo tanto, novo presidente do PP ourensán.

Como curiosidades hai que destacar un par delas. A primeira foi que cando o raioto lía o seu discurso, o exconselleiro das “vacas tolas” saíu para fóra, seguro que a botar un cigarro. A segunda foi que a Secretaria Xeral de Turismo colocouse entre dous concelleiros de Verín, charlando todo o rato e, como colofón, desapareceron do recinto deixándoo só, cando todo o mundo ía saudar ao vencedor.

Daba pena, pero buscouna. Viviu a soidade do vencido, vendo a alegría do gañador.

Os da boina gañaron aos do bonete. Os rurais venceron aos urbanitas.

Grazas a Baltar, que soubo imprimirlle carácter de indíxenas ourensáns.

 

Miércoles, 10 de Febrero de 2010 22:48 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Carnaval

Miña cara señora María: dez días de entroido son moitos días. Pero Verín é así. Non debe haber crise ou debe haber moitos cartos aforrados da época da emigración, porque ninguén levanta a voz protestando, xa que as industrias, comercios e escolares son víctimas deste programa con moi pouco sentidiño da realidade.

A bisbarra está desolada pero á festa apúntase todo quisque. Non importa gastar. Deben vir os cartos por arte de birli birloque.

O importante é pasalo ben e, coma sempre, os grandes beneficiados son os restaurantes e bares. Tamén os amigos lusos, porque nesta ocasión, ampliaron os días festivos locais, polo que a xente escapouse para Chaves, porque os comercios estaban abertos. Botando clientes fora!. Este é Verín, facendo votos para engrandecer a nosa ben cara vila flaviense.

Moitos días, pero isto vai cara abaixo. Ten que darse un xiro para intentar que non se derrumbe de todo.

Poucas ideas e copiando mal as da época do Sarria e logo do Prieto.

A sorte que hai é que existen personaxes para levantar este entroido, pero hai que dar con eles e que estean dispostos a dar o seu traballo para a comunidade verinesa.

Manter aquel nivel era lóxico que non se podía soportar, polo caro que saía, pero darlle un cambio recollendo elementos rurais para adapatalo as circunstanciais actuais é posible.

Este carnaval, e sobre todo o desfile, necesita de cambios que non o fagan morrer. Neste só se salvou unha comparsa, unha carroza e sobre todo o número de cigarróns ou peliqueiros.

Houbo xente que o tildou dun Lázaro máis, pola falta dos elementos característicos e indíxenas da vila.

Se souberan do “pregonillo” do Mirito non lles faría falta recurrir a repetición de ano tras ano do acontecer na praza o xoves de Comadres. Por certo, dalle ambiente a Verín con ese evento de celebración do mércores de precomadres.  Iniciativas deste tipo fan que o carnaval siga o seu curso, por iso hai que arroupalos coa colaboración adecuada.

Hai que recordar que estas festas entroideiras da vila sempre estiveron promocionadas polos veciños que estaban fóra, porque traían amigos que se divertían e facían de bos emisarios falando do ben que o pasaban.

Unha curiosa anécdota pasoulle a un enxeñeiro que foi invitado por un compañeiro de traballo a disfrutar destas festas. O tal, pensando que todo o monte é ourego, entrou no casino e sentouse nunha cadeira, coas pernas cruzadas, para levantarlles as faldas ás mozas.  Algunhas soportaron, pero chegou unha das da praza, musculosa e pequena, e deulle un pescozón que o tirou ao chan.

Daquela o carnaval facíase no casino, no bar Aurora, no café Novo e no Buenos Aires, polo que era máis acolledor e  familiar.

Haberá que recuperar ao Fausto para que recorra as rúas botando cinsa dun lado ao outro, porque así era o carnaval.

Haberá que sentarse e escoitar aos maiores para que conten como o facían, pero tamén haberá que deixar que os novos tempos inmersionen os seus elementos para que todos fagan que a mellor festa perdure no tempo.

O que si ten importancia é o Támega que fai que se unan Oimbra, Verín e Laza, porque beben das súas augas e si el está, tamén teñen que estar os tres pobos na mellor festa carnal.

Viva o entroido!

 

Sábado, 20 de Febrero de 2010 10:24 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris