Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Febrero de 2011.

C. de Biomasa

Miña cara señora María: vostede debeu estar moi imbuída en preparar a cea do Nadal, porque non escoitou as novas na radio, nin leu os xornais que se fixeron eco da “bomba” que vai sufrir e soportar o val do Támega.

 Alguén apuntou a que fora unha “pulla” do vinte e oito, pero a información correspondía ao día vintecatro.

 Se vostede entra en internet e abre calquera das páxinas que fale dos inconvenientes e ventaxas que acarrea a noticia encontrarase co seguinte: “Unha central de biomasa deteriora a paisaxe, produce contaminación térmica e sobre todo posibilita a contaminación das augas”. Que nos espera! Pobre río Támega, sempre na mesma zona!

 Recordará, señora María, cando se instalou a cerámica de Queizás, que as hortas e casas colindantes sufrían as consecuencias daquela cheminea, polo que tiveron que darlle máis altura, pero o fume seguiu facendo das súas.

 Recordará que a primeira manifestación ourensana foi producto dunha posible instalación da Tafisa, que provocou que os abrigos de visón encaberan a marcha polas rúas de Ourense, como protesta pola posible ruina que acarreaba.

 Aquí, aínda non houbo manifesto de ningún partido político, nin asociación, nin veciños, nin sectores perxudicados, como pode ser o relacionado co viño.

 Hai un exemplo de central de biomasa, como é a de Allariz, onde se poden corroborar os beneficios que aporta aos veciños. Polo de pronto o que si se ve é que os de Allariz están a construir outro polígono, terras máis arriba, porque seguro que as industrias non soportan o fume diario. Beneficios para o cidadán? Ningún, porque seguen pagando o recibo da luz igual que os demais.

 O goberno central prohibindo fumar e o goberno local querendo montar un “puro” permanente de fume para arruinar o val de Monterrei. Así nos vai! E véndese como se fora a panacea de postos de traballo. Que pregunten en Allariz! Merecerá a pena, compensará? Coido que o val non se merece este trato.

 Este tipo de centrais e deste tamaño son só para recibir subvención. Non responden a outra cuestión, porque a súa produción é mínima, polo tanto non se debe arruinar un val con este enxendro que marcará o futuro do val do Támega.

 Esta futura planta de biomasa do futuro Parque Empresarial de Tamagos está condicionada por dúas medidas que deberá respetar. A primeira é que o val do río Támega está dentro da Rede Natura 2000, polo tanto as Institucións correspondentes algo terán que dicir. A segunda é que a cunca do río é pobre en auga, polo tanto a Confederación do río Douro terá que dar a última palabra para por en marcha tal industria. Haberá problemas de abastecemento de auga para Verín e os pobos no futuro?

 Non hai que ser moi ilustrado para ver como está configurada a orografía do val, para constatar que as montañas que o circundan son baixas, polo que reciben poucas neves e poucas choivas, polo que a recuperación da súa capa freática é moi lenta. Hai que engadir que un estudo feito por unha empresa madrileña de captación de augas, cando foi aquilo de construir un balneario, demostroulle ao empresario o que estou dicindo, porque o balneario, aínda non foi construido e aínda máis, na veiga de Cabreiroá a fonte construiu un muro pantalla para acumular as augas que baixan do Pozo do Demo. Isto pódese ver. Non estou a falar de invencións, son realidades.

 Que se pode dicir sobre a incidencia no viño desta bisbarra, que está a ser o despunte agrario, fixando poboación nos pobos, porque da para vivir, cando as outras zonas empecen, co boca a boca, campañas de desprestixio por esta ubicación, desta planta de biomasa, entón turraránse dos pelos e recordarán que non fixeron nada para que non se ubique neste val.

 Señora María: “a can fraco todo son pulgas.”

Jueves, 10 de Febrero de 2011 20:00 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

O Serodio

Miña cara señora María: o Serodio emigrou dende a aldea a Suiza. O Escaiolas fíxoo dende a aldea á vila.

O Serodio marchou novo. Aló casou cunha case veciña e gañaron moitos cartos,  que foron invirtindo na vila. Compraron un solar e construíron un edificio de baixo e dúas plantas. É normal, coma galego, sempre pensando que os descendentes vivirían preto deles, pero... o posto de traballo?

 De momento, todo o edificio está a seu servizo, porque xubilou e veu sen os fillos.

 Como emigrante exerceu postos de responsabilidade, na política, dentro do Partido Popular. Pódese afirmar que era a persoa que case sempre acompañaba aos dirixentes galegos que ían visitar ou en busca do voto en época de eleccións. Dentro do partido está ben considerado, xa que os postos que exerceu e aínda exerce son meritorios. Tesoreiro, vicepresidente, presidente en funcións, etc...

 Cada verán, nas súas ferias, visitaba a casa consistorial, porque o grupo de  goberno tiña as mesmas cores, polo que matiña algunha conversa con algún concelleiro.

  Mantiven longas charlas porque o coñecía antes da emigración e case me toca na familia.

 Nunca pediu ningún favor a pesar de sufrir unhas contribucións especiais para construír as beirarrúas ao longo do seu edificio. Facía comentarios pero aceptou o sinalado polo concello.

 No PXOM do 98, súa propiedade quedou integrada nunha área de reparto pero nunca comentou nada e tampouco fixo reclamación algunha, aínda que a dona que lle vendeu non perdía un momento en visitar o concello, cada vez que se encontraba na vila. Algo de razón tiña porque o resto da propiedade daba directamente a unha rúa con beirarrúas e servizos adecuados.

 Non PXOM que se está a realizar aquela área de reparto do 98 está dividida en dúas.

 Por esta causa o Serodio visitou ao “taifiñas”, no despacho bunquerizado da casa consistorial. Presentouse simple e llanamente como un veciño retornado da emigración. Coa retranca típica do galego deixou caer se non o coñecía e se recordaba a súa presenza un día coa “ben pagá”, nuns saúdos de acto político... non recordaba... A conversa seguía seu curso e vendo que non había de conseguir nada diullo unha reviravolta para atallar e dar co remate do asunto.

 Despois de por de manifesto, con verbas altisonantes, de que nunca se lle ocorrera por os pés na súa propiedade, nin el, nin o outro propietario... sacou do bolsillo unha carta e diulla para que a lese. A misiva recibíraa, estando en Suiza, do señor Feixoo, agradecéndolle os seus servizos, cando fora en busca dos votos, para a presidencia da Xunta de Galicia.

 Aquilo foi coma un aguillón. Chamou a secretaria e mandoulle sacar fotocopias ao escrito do Serodio, anotando nun dos folios a recomendación do señor Feixoo. Quen sería ese tal Serodio, cando o señor Feixoo o trataba de querido presidente?

  Hai que decir que o Serodio manifestoulle que nunca reclamara, urbanisticamente, nada, porque aquela primeira área de reparto considerouna, máis ou menos, equilibrada, pero agora púxoo baixo as condicións dun só propietario, co cincoenta e un por cento. E isto se que é unha canallada.

 O escaiolas tivo unha reunión co equipo redactor do PXOM. Levou con el aos seus técnicos, pero alecionounos para que só escoitaran. Na segunda reunión expuxeron o seu plantexamento, manifestando que aceptaran a súa proposta ou o PXOM iría, coma da outra vez, ao limbo dos xustos. A isto chámaselle negociar. Coñece ao personaxe e sabe como atacalo.

 O Serodio ten de apoio a carta do señor Feixoo. O escaiolas ten a manobra-chantaxe e ten os cartos. Polo de pronto a área está en contra do Serodio.

 Mentras tanto o “taifiñas” que fai?

 Así é como se redacta o PXOM da vila. O resto de propietarios e veciños están totalmente ninguneados.

 A culpa é de vostede, señora María, que chega maio e seguirá votando de piñón fixo.

Jueves, 10 de Febrero de 2011 20:06 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris