Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Mayo de 2006.

Benigna

20060521110529-parcelas.jpg

O que son as cousas miña cara Rosa Mari, a túa veciña, perante moitos anos, pensa que a señora María non ten corpo nin alma.

A señora María, cara Benigna, é viuva, ten fillos e fillas, galiñeiro e bodega. O que ocorre é que no galiñeiro só hai catro pitas, que son as culpables ou colaboradoras co doutor para facela andar. Visítaas pola mañá e pola tarde polo que ten que baixar do piso e andar pola beirarrúa sen cadeiras, para descansar cada tramo.

Dígoche querida Benigna, que non se lle escapa nada. Só lle falta que o Concello se preocupe algo máis desta xente e acondicione recunchos na vila para provocar todo tipo de tertulias, onde se analizan os problemas cotiáns ou anécdotas que non sei cómo se enteran, pero saber sábenas todas.

Mira como son, que estaban enteradas dos problemas do avance e que o Tenente de Alcalde quería presentar un escrito ó Pleno para retiralo. Sería un amago para ter máis protagonismo de cara ós seus votantes, apuntándose méritos cara as eleccións locais do ano que ven. Que fora ou non, ata a última hora, os concelleiros do BNG mantivéronse na súa postura. Unha chamada de lonxe fixo que cederan. O señor Harguindey é un veterano na política local, polo que: “máis sabe o demo por vello que por demo”.

Tamén se enteraron de cómo no santuario de “Covadonga” da avenida Luis Espada facíanse SUXERENCIAS coma churros. E ríanse a gargalladas, porque era a mesma para tódolos interesados: “Quero que me quede a miña finca coma no PXOM do 98”. ¡Que bo é aquel Plan e iso que ten o fallo da muralla!

Nin argumentos, nin razoamentos en que basar a instancia, para tomar corpo legal e ter que prolongar o núcleo rural correspondente. Máis aínda, sen especificar e sen acompañar un plano que xustifique tal solicitude, demostrando que a finca está dentro da zona que permite a lei do solo de Galicia aprobada polo anterior Goberno da Xunta de Galicia, presidida polo señor Fraga.

O importante é presentar suxerencias, para atestiguar que son moitos os disgustados con este avance.

É curiosa a anécdota da Bieita contando o que lle pasou ó Ernesto. No anterior Plan deu múltiples visitas ó Concello para falar co equipo redactor e os políticos locais, tratando de convencelos de que debían endereitar a circunvalación e así quedáballe un solar na súa finca, pois do contrario non había forma de ter terreo suficiente para obrar. Non houbo maneira de que lle cambiaran a línea de ocupación, vendo que as fincas de enfrente tiñan fondo de abondo. Preséntase agora no santuario e fanlle unha suxerencia co contido que el se fartara de explicar e argumentar ó equipo anterior.

Pode haber tanta falsedade, tanto cinismo, tanta hipocresía. Daquela non o escoitaron. Agora fanlle a suxerencia, sabendo que a circunvalación, agora, ten menos anchura.

Lunes, 01 de Mayo de 2006 18:53 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín Hay 1 comentario.

Avatares do Parque Empresarial

20060521105335-poligonoindustrial.jpg

D. Ramón é unha persoa moi comprometida. Entregado en corpo e alma ós demais. A súa vida está chea de anécdotas, polo que estar ó seu lado é ler nunha enciclopedia de moito compendio.

Emigrou. Quixo estar ó lado dos que ían facer as américas. Pasou o charco e adicouse a conservar as crenzas dos chegados, tratando de gañar para causa ós indíxenas.

Botou uns anos en terras lonxanas, pero a morriña pesaba moito e regresou a súa terriña. Asentou no val, preto do Támega.

As inquedanzas bulían polo seu maxín, polo que botou man ás obras tratando de mellorar a vida dos veciños.

Saneamentos e abastecementos foron os seus primeiros logros. Abandonouse aquilo de facer cola onde o pozo público para levar auga para a casa e facer as necesidades no recuncho axeitado.

A vida discorría pero faltaba dar empuxe á bisbarra. Participou na primeira intentona de configurar un polígono industrial en Verín.

SIGALSA era a empresa pública encargada de por en funcionamento tales infraestructuras pola xeografía galaica.

D. Ramón plantexou o tema ante as Instancias Superiores, tratando de que se ubicase nos montes de Cabreiroá. Non era Alcalde, polo que a súa proposta quedou no olvido.

O Polígono Industrial fíxose no Toxal. Dende aquela houbo varios intentos de darlle un bo acceso, pero os avatares da política non deron coa comunicación adecuada.

Houbo momentos que se deberon aproveitar para facer que o polígono tivera bos accesos. Cid Harguindey, sendo alcalde aterrou un vial ó longo do Pracer, que servía de protección para o saneamento que daba servizo ó matadoiro. Vial que é tema de litixio nestes momentos, por non estar rematado polos seguintes alcaldes. Logo coa autovía. Máis tarde co acceso e Concentración Parcelaria de Vilaza, unha pista da Concentración podía comunicar o Toxal coa N-525, antes de chegar a Albarellos. Por outra o acceso de Vilaza púidose colocar entre este pobo e O Rosal. Dende aquí era máis fácil comunicar o polígono. Enfrentamentos entre os dous rexidores, daquel momento, non deron lugar a resultados positivos.

No ano 96, cando D. Manuel Fraga inaguraba a adaptación do matadoiro, solicitou a presencia do señor Conselleiro de Agricultura e do señor Presidente da Deputación para darlle solución ó polígono industrial, pois era unha criatura sen pai, porque SIGALSA desaparecera do mercado. O traspaso a Xestur foi a consigna que o señor Fraga requeriu e así se fixo, naqueles anos.

Recolleuse a súa ampliación no PXOUM. Houbo un intento do equipo redactor de reubicalo no mesmo lugar que se di agora.

Hai que decir que o actual alcalde foi quen contratou ó equipo redactor de PXOUM e sempre foi partidario de Cabreiroá-Tamagos. O mesmo que Xestur, pois xa se ve o informe que remite ó Concello de Verín.

Participei en dúas reunións, na escola de Pazos, cos propietarios das leiras, para censalos e chegar a acordos do prezo, pois as directrices do organismo correspondente eran claras. Menos de mil pesetas o metro cadrado para poder asumir con rapidez a futura urbanización do futuro Parque Empresarial. Ó meu traballo faltoulle o acompañamento político correspondente, polo que así quedou todo.

Gobernando o Partido Popular melloráronse as infraestructuras, pois crecían árbores nas beirarrúas, provocando un nulo reclamo para futuros emprendedores.

Os empresarios do Polígono non deben renunciar a un bo acceso nin á ampliación das súas industrias no lugar, pero con educación e saber estar.

Querido D. Ramón xa ve cómo son as cousas. Despois dos anos veñen a darlle a razón.

 

 

 

Lunes, 01 de Mayo de 2006 19:00 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín Hay 1 comentario.

Xornais

20060521103637-periodicos.jpg

Non me chamaches, miña cara Rosa Mari, para que lera as noticias dos xornais do día 29 de abril e do día 5 de maio. Seguramente que botache ese sorriso irónico cando as liches.

O bonito do caso é que son de dous personaxes que ti aprecias moito, xa sabes, tesme que perdoar, por permitirme esta licencia.

Sei que canto máis lonxe estén de ti, moito mellor. Nos tes que torcer a cabeza, nin tes que cambiar de beirarrúa, cando os albiscas. Ademais a túa man non está para cambiar as bolsa do supermercado e cruzar a rúa. Debes seguir o consello do doutor, se queres mellorar, porque levas moito tempo con esa venda, apretando os músculos e non das recuperado a forza nela. Seguramente a túa vida na vila sería moito máis sinxela, porque sería difícil encontralos, pero as cousas son como son e contra iso non tes nada que facer.

As gargalladas que te botaches non chas quita ninguén e ese momento de felicidade tampouco, porque sen desexarlle mal, cando tes ocasión, como neste caso, de rirte, falo con toda a túa alma. Eses momentos nos que estás soa o sorriso aparece nas túas meixelas ó ver o que pon a prensa, sobre todo coñecendo ás persoas que fan tales aseveracións.

Porque te das conta de que son como se declaran, por iso a prensa, entre comillas, recolle as súas verbas, para atestiguar de que saíron da boca deles.

Nembargantes sei, miña cara Rosa Mari, de que a ti ninguén che ten que decir como son, porque, por moito que se solten nos diarios con estas ou con outras manifestacións, ti viviches experiencias onde se descubrían tal e como son.

Non te collen por sorpresa porque o teu xuizo sobre estes personaxes é claro. Esperas que algún día non representen a ningún veciño no Concello, porque sería nefasto que Verín seguise con persoeiros desta estirpe.

As frases das que estou a falar transcríbochas textualmente:

“Houbo moito barullo, cando o avance é papel mollado”. O traballo duns profesionais non se debe tratar así e sobre todo pagándoo os veciños de Verín, que son os que lle deron o voto para desempeñar o cargo que ocupa. Algo de respeto e consideración débese ter cos votantes e cos profesionais e senón para que mandaches aquela misiva ós diarios nos que te queixabas do trato político cando non gobernabas.

O outro texto di: ”Se fai iso un edil meu, tería o cese ó día seguinte na súa mesa”. Fíxate nese posesivo. Indica propiedade privada. Dono dos concelleiros, de Verín, dos votos, do Concello, do partido, etc. A democracia e a liberdade aínda non botaron raices nese maxín. Hai reminiscencias feudais. "Espero que non exerza o dereito de pernada, pois estamos no século XXI", di Rosa Mari.

¡Non saben que somos grandes!

 

 

Jueves, 11 de Mayo de 2006 13:43 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín Hay 2 comentarios.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris