Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Enero de 2009.

Ordenanza

 

Miña cara señora María: alégrome de que gozara da súa neta. Está feita unha moza. É triste que so a poida ver de Nadal en Nadal. A culpa tena a emigración. Non hai remedio. Esperar, por se isto da eurocidade é algo máis que postos para os amigos ou organismos para cargos de políticos desbancados. O que si vai carrexar é suba de impostos para os contribuíntes.

 Mirian gusta desta terra. É das que pena por ela. Non a esquece e tena na súa alma, pero esta terra fai pouco para retornala. As súas meixelas brillan de alegría e seus ollos expresan satisfacción por estar entre os seus. Coma de costume todos a rodean e escoitan súas historias. Anécdotas, non para de contar.

Seguro, señora María, que ó seu carón o seu xeonllo doe menos. Non ten tempo de sentir a dor. É bo ter unha neta con humor para aparcar as doenzas uns intres.

Debe ter coidado ó abrir a porta do portal, cando lle pon a muleta, porque lle pode esvarar e mancala.

Non lle gustou nada a normativa do concello sobre actos deshonestos, aínda que viu ben a parte correspondente aos cans de compañía, porque a súa aboa foi investida polo do veciño algunha vez.  O mesmo que algúns rapaciños.

Vai ser difícil que multen a ese can, a pesar de que colle as bolsas do lixo esparexéndoas  por toda a rúa. Houbo queixas dalgúns veciños e chamáronlle a atención ó seu dono, pero erre que erre, segue a facer o mesmo.

En canto aos actos vandálicos vai ser tamén complicada a súa aplicación, porque suceden a horas intempestivas. Saben buscar as horas de falta de vixilancia, polo que os vándalos campan por toda a vila.

De todas as formas, non fai falta recorrer a este tipo de ordenanzas municipais, porque poden  infrinxir algún precepto individual. O normal é que, ante calquera acto incívico, identifiquen aos actores, dando coñecemento á autoridade xudicial, por parte da policía local, para que os xulgue, segundo a lexislación vixente. 

Mirian ríase ó ler a noticia no xornal, porque as súas vivencias na emigración están por riba destas ocorrencias retrógradas. Nin preguntou quen goberna no concello, porque sabe que aquí a xente é moito de piñón fixo. Non son capaces de provocar cambios políticos, cada catro ou oito anos, para que  entren outros ventos na casa do concello!

Contou que a súa amiga chamouna dende as rías baixas para preguntarlle pola noticia do Atlántico, porque considerou que fora unha inocentada no día das pullas. -Pero non. Confirmoulle que se aprobara no derradeiro pleno do 2008.

Esta ordenanza débeselle remitir a cada casa para que a analicen e teñan coñecemento dela. Por certo, non esquecerse dos veciños portugueses, porque todos somos eurocidade.

Verín, vila que anda para atrás, en vez de para adiante. Así nos luce o pelo. Sempre buscando atrancos. Sempre pondo trabas. Debe haber pouco que facer, cando se buscan este tipo de xustificacións para unha labor municipal. Con isto demóstrase un afán intolerable de intervir nos comportamentos dos veciños ata nas decisións máis íntimas. Así rematamos, na vila, o 2008. Haberá que recuperar aquel slogan do maio do 98 que dicía: “Prohibido prohibir”.

Co fácil que é ler o que está no programa co que se presentaron ás eleccións é levalo á practica!

 

Domingo, 11 de Enero de 2009 11:10 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Desbrozadora

20081222101036-desbrozadora-ahwi.jpg

Miña cara señora María: Na foto aparecía coma un rapaciño con chancas novas, coma daquela.

A señora Cándida sempre foi unha muller erguida, ben parecida e camiñaba con esbeltez levando enriba da cabeza a estera, asentada na rodela, que facía cun pañuelo da cabeza ou cunha bufanda, cargada coa mercaduría que  apañaba,  na vila, mentras gañaba uns cartiños lavando roupa para os señoritos.

Nunca entendín por qué vivía soa, aló, no barrio da igrexia. Os seus fillos, dous homes e unha muller, tamén viviron sempre no pobo, non emigraron, a non ser o máis novo, que anda por terras de Andalucía.

O seu marido vivía nunha bodega que a familia tiña perto da escola dos rapaces. Aquela bodega e aquela horta daban sensación de vida dun anacoreta. Parecía o home do saco, porque ninguén se acercaba por alí. -Raras veces algún familiar-. Aquela horta daba para manter aquel home. Tiña coellos, galiñas, verduras................

Aquela muller viviu sempre apretada, pero ao traballo facíalle frente e non se arrugaba, cando era necesario botar unha man a calquera veciño. Sempre disposta a axudar nas labores do campo.

Como non tiña gando, non podía ter esterco, polo que súa teima era barrer a folla caída das ábores, agora no outono, amontoándoas nunhas cuncas, que había no comunal, para misturala cos  excrememtos do gando,que tamén recollía, para logo levalo a súa leira. Aquela muller adiantouse a isto da biomasa!

Sen embargo os rapaces, nas noites de estrelas, cando  xogaban , as escondidelas  desparramábanllos, porque  se encondían baixo a folla. E de novo tiña que xuntar todo aquelo.

A veiga parecía un verxel e o gando recreábase nela, porque a folla non prodrecía aquela herba. Gracias ás necesidades daquela muller.

No concello vai pasar outro tanto con tanta maquinaría desbrozadora. Hai catro máquinas para manter limpas as cunetas de todos os rueiros e estradas do termo municipal verinés. O problema  é que sobran máquinas pero faltan recursos humanos para manexalas. 

Non perda esta oportunidade, señora María, por se ten algún neto que colocar, porque no concello só hai unha persoa que sabe manexar ben estes aparellos, polo que non vai dar feito e ademáis tamén fai de mecánico reparador, polo que ten que estar en todo. Non sabemos se é ben remunerado polos  traballos que fai.

O concello é coopropietario de dúas desbrozadoras na mancomunidade, cos seus repectivos maquinistas, polo tanto correspondenlle cada tres meses, máis ou menos, sempre quince días, polo que o único que hai que facer é sabelas  aproveitar ou haberá que facer un estudo para determinar cal é a maneira de sacarlle o máximo rendimento. Este estudo non debe ser interesante, porque só ten de gasto vinte mil euros.

Seguro que D.Juan José Lamas Fernández estará a pensar e  rir moito, porque no noventa e cinco, sendo concelleiro do equipo do goberno con este mesmo rexedor, puxo enriba da mesa a idea de que o concello necesitaba comprar dúas máquinas. Unha desbrozadora e unha motoniveladora. Pasaron trece anos para que lle fixeran algo de caso!

Señora María: a única máquina que empregaba a señora Cándida era unha basoira de cudeso con mango de sangubiño. 

Jueves, 15 de Enero de 2009 21:51 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Octavio

20090126120347-libertad-de-expresion-.jpg

Miña cara señora María: a semana pasada comentei a derradeira decisión política local que se tomou no concello. Hoxe adiántolle cal foi a primeira do 2009.

Vostede ten que acordarse dun cativo que se criou no seu barrio. Xogaba moito na beirarrúa. Algunha vez limpoulle os mocos coa punta do mandil. Nunha ocasión vostede regresaba do seu galiñeiro, traendo a oveira de arame chea de ovos e o cativo arrimóuselle, metendo un dos dedos dentro, para coller os ovos. Cando viu que non podía sacar a man empezou a chorar e vostede baleirou a oveira para empurrar o dedo pola parte de dentro. Gustaba moito de que o levaran ás cabaliñas.

Aquela crianza que brincaba ó seu redor e bambeábase nos recunchos da rúa, hoxe, é un home. Traballa coma funcionario do Estado e percorre toda España a cotío, porque ten un traballo moi singular. Poucas veces dorme na casa. Está aínda solteiro, polo que goza o que pode. Visita a vila, de vez en cando, e ponse ao corrente de todos os acontecementos que ocorren, porque se sinte un verinés de ben. Vende Verín por onde pasa e fai campaña da súa orixe, porque se sinte orgulloso de ser desta terra.

Este rapaz, perdón esta persoa, foi sentada na cadeira do xulgado, por facer comentarios, nun foro de internet, de como se compran os votos nas eleccións, en Verín.

Ante a autoridade correspondente non se arredou, senón que confirmou as súas manifestacións e recoñeceu ser a persoa que firmaba co nome que aparecía nos textos.

Pódolle confirmar que dos participante é o único que di quen é e ademais pódese ler o que conta ou narra.Tamén puido non confirmar nada do tratado, e dicir que alguén firmaba con seu nome, pero, seguro de si mesmo, reafirmouse en todo o seus escritos.

Esta denuncia, señora María, é a primeira gran noticia, coa que empezamos este novo ano. O día cinco deste mes, Octavio Rani do Encanto, entrou pola porta do xulgado e sentouse ante a autoridade xudicial para declarar sobre os comentarios que fai no foro do xornal provincial.

Señora María, Octavio somos todos aqueles que necesitamos contar historias, experiencias vividas ao longo da vida política local, porque necesitamos desafogarmos e ser libres.

Octavio somos todos os que queremos a vila, que non queremos ser súbditos, senón cidadáns libres e non atados de pés e mans.  Estamos contigo, porque pensamos e dicimos o mesmo. E non digamos os que estivemos aló e tivemos que facer o que ti denuncias.

Serás o culpable de elevar de categoría o que só estaba nos cenáculos e non tiña corpo máis que ser tema dos amigos en calquera lareira da bisbarra.

Queremos estar libres da  espada de Damocles, que deixe de pendurar sobre a nosa cabeza, porque non se pode coartar a liberdade de expresión.

Sempre metendo medo! Sempre tratando de tapar voces discordantes! Cando o bonito dunha democracia é que haxa diversas opinións, porque enriquecen a vida das persoas.

Coa derradeira normativa local inténtase coartar a liberdade individual e con esta denuncia a liberdade de expresión.

 

Lunes, 26 de Enero de 2009 02:16 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín Hay 2 comentarios.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris