Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Marzo de 2010.

Viriato

Miña cara señora María: debería saber que a vila ten unha rúa que leva o nome de Viriato. No corazón do casco antigo, xa daquela, bautizaron a rúa co nome de quen, tal vez pensaron, fora o fundador de Verín.

Autores hai que tratan de confirmar esta afirmación, pero a historia sitúa a este caudillo lusitano, entre o río Douro e o Guadiana. Tal vez as súas incursións o trouxeran, nalgún momento, a esta bisbarra, pero as súas fazañas contra o invasor romano están lonxe de confirmar este feito.

Haberá que crear algunha beca, por parte das intitucións locais, para que estudiosos do tema poidan indagar nos arquivos históricos e que aseguren que, tamén aquí, loitou contra as lexións dos xenerais mandados por Roma.

A rúa está en Verín e leva o seu nome indistintamente de se foi ou non, quen colocou a primeira tenda neste lugar, para impedir o avance romano, na conquista da parte noroeste da península.

A súa especialidade era a guerra de guerrillas, aproveitando o coñemento da orografía, por ser pastor, para emboscar aos romanos e impedir seu avance. Parecía que este lusitano pastor era invencible, polo que os romanos tiveron que empregar a estratexia máis vella e compañeira do ser humano como é a traizón. Tres dos seus lugartenentes foron comprados e asasinaron a Viriato, porque no campo de batalla, no corpo a corpo, non foran capaces de sometelo.

O feito non debeu ser moi gostoso por parte do invasor, porque ao requerir o pago contestáronlle: “Roma non paga a traidores”.

O día trinta de xaneiro os rurais ourensáns tamén votaron dicindo: “A boina non paga a traidores”.

A historia galaica ten aconteceres onde se reflexa a vida dos indíxenas ao longo da existencia. Os irmandiños tamén se levantaron contra os poder establecido, porque os enchían a tributos. Tiveron que organizarse e demostrar que non estaban dacordo con aquela imposición, porque a terra non daba para manterse. Outra vez os da boina tiveron que enfrentarse aos do bonete. Como dicía Xerardo, os do xacho venceron aos do bolígrafo, no congreso popular de Ourense. Mellor dito, os da aixada venceron os da pluma estilográfica.

Tamén Zamora tivo longos anos a representación de Galicia nas cortes de Castela e León. O voto dos procuradores zamoranos era quen decidía polos galegos naquela época.

En Ourense, o trinta de xaneiro do presente ano, repetíase o mesmo. Madrid e Santiago xogaron a ter a representación dos ourensáns, pero encontráronse co “Viriato” ourensán e nin a traizón puido con el.

Non só houbo traizón, tamén desertores, que desexan que os postos das listas electorais sexan cubertos por persoas foráneas. Que non coñecen a provincia. Que aceptan as directrices dos que os colocaron, para ser deputados, e non defenden os intereses da nosa terra.

É triste que persoas que non saben situar a Ourense nun mapa teñan a súa representación, ocupando os primeiros postos de saída, nas listas, e sirvan só para levantar o dedo, non sendo capaces de reivindicar nada para Ourense, pola súa obediencia debida.

O “viriato ourensán” imprimiulle carácter e loitou para que isto non se dera e saíu victorioso, a pesar das traizóns, porque coñecía mellor co Viriato a terra por onde se movía. Foi mestre de escola polos pobos da provincia e tamén revisor da empresa Mangana, polo que o carácter rural non lle era descoñecido.

Baltar non permitiu que Ourense fora colonizado por santiagueses e madrileños. Baltar, pastor ourensán, venceu aos xenearis romanos, Feijóo e Rajoy.

 

Lunes, 01 de Marzo de 2010 21:15 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Stand

Miña cara señora María: se vostede, cando sae da misa, vise un sombreiro ou unha gorra no chan, ao lado mesmo da porta, nunca se lle ocorrería botar un céntimo, porque non sospeitaría que o mendigo ou a persoa necesitada deixaría soa a súa representación para pedir limosna. Isto que lle estou a contar pasoulle ao stand do concello de Verín, na exposición de “Xantar”, aló en Expourene, perante este fin de semana.

Coitadiño do stand, porque tiña que facer de todo. Recibir aos visitantes. Repartir propaganda e dar a coñecer toda a amalgama de curiosidades, que se lle poden ofertar aos posibles visitadores de Verín.

No medio daquelas manifestacións de coloridos por parte doutros concellos, Verín optou por ter nove metros cadrados para expoñer as súas fontes e pouco máis, nunha simple estantería, e nun caballete cunha banderola coa festa do Lázaro. Para tan pouca cousa, tampouco se necesitaba azafata que estivera pendente dos visitantes e dese unha cativa exposición do que Verín e bisbarra teñen.

Triste e solitario aquel stand no medio de tantos, que presumían dos seus encantos e ofertaban degustacións das súas gastronomías.

Por certo, faltaron tamén os restaurantes verineses, que antano montaban o seu comedor, dando a coñecer os productos de horta e de casas dos pobos da bisbarra.

Sen embargo estaba, coma sempre, o Consello Regulador, competindo con viños doutras denominacións, para dar a coñecer os bos caldos que se están a preparar, dende hai uns anos para acó. Por certo, buscaron o mellor sitio de ubicación, dentro da exposición. Como pensaban non ter azafata, por aforrar uns cartiños, decidiron colocalo na entrada mesmo da porta principal, polo que non te percatabas de que aquelo era un stand ata que saías.

Parecía o sombreiro do mendigo, pedía pero non tiñan a quen darlle os cartos, polo que a xente non botaba, porque non tiña quen de agradecercho e desconfiaban de que outra persoa podía deixar o sombreiro valeiro por falta  de cuidador ou amo.

Así son as cousas deste concello. Quere pero non pode.

Pódese afirmar que está no mellor momento de darse a coñecer, porque ten ben colocada na Xunta de Galicia a outrora ben pagá, María del Carmen, como Secretaria Xeral de Turismo, e algo pode facer pola terra que a aupou á política e como consecuencia a ese posto que desempeña.

De todas as formas, é triste que non sexan capaces de darlle a Verín outra categoría e poñan a disposición deste concello todo o que faga falta, para darlle un empuxe e convertilo en punto de referencia balnearia ou ben de recuperar aos agüistas de antano, para realzar o que daquela era coñecido en todas as bisbarras de Galicia e das zonas limítrofes de Zamora e León.

Ou non saben ou non queren, porque están no lugar que por cartos non debe ser. Noutras etapas anteriores non se facían estes desaguisados e en algunha exposición ata o señor Presidente da Xunta de Galicia, don Manuel Fraga diu noraboas polo stand en Silleda.

Nin O Lázaro souberon anunciar, porque aquela banderola tiña pouco gancho e menos sen unha persoa que o ofertara como festa do próximo fin de semana.

Verín, esperta, que te están a deixar que desaparezcas, porque esta “finquiña” debe ter pouco que mamar.

 

Martes, 09 de Marzo de 2010 20:29 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Canella Cega

Miña cara señora María: hai tempo que non se a ve pola rúa. Seguro que esta invernía non lle permite pasear, por iso non se decatou do alagamento da Canella Cega. Se vostede puidese camiñar faríao, coma sempre, polas rúas da vila e non deixaría de visitar Infistela.

A lomba onde se encontra tivo as consecuencias derivadas dunha mala planificación por parte dos enxeñeiros que proxectaron as canalizacións subterráneas dunha zona lacustre que agora demostrou querer recuperar o que sempre foi, unha pequena lagoa.

Recordará que os propietarios das leiras e viñas do lugar tiñan que acceder, perante o inverno, polas paredes que delimitaban as propiedades ao longo do camiño, porque non se podía camiñar xa que estaba cheo de lodo e auga. Máis ca un camiño era a saída natural das augas que se acumulaban naquela charca, que se formaba cando as choivas cargaban na zona da estrada de Castela e do pobo de Abedes.

Por certo, cando os rapaces da vila ían roubar uvas, accedían por un pontillón de lousa, despois de deixar o camiño habilitado por enriba das paredes, que tiñan as fincas. Todo aquilo era unha zona tipicamente rural, con todas as consecuencias que se podían derivar daquel asentamento lacustre. Corredoiras que facían de regatos e regatos que facían de camiños. Todo iso era a canella Cega.

Co tempo converteron a zona en urbana, facendo daquela corredoira unha rúa, pero a natureza non perdoa e quixo recuperar o seu lugar, polo que recuperou a súa antiga función, que era facer de desaugue natural da acumulación das augas perante os invernos.

Así fixo de regato, polo que os baixos dos edificios enchéronse de auga e os propietarios intentando recuperar os seus coches, ante un posible deterioro.

Seguro que os redactores dos proxectos non tiñan coñecemento do lugar e tampouco foron postos ao corrente, por parte das institucións locais, para que desen unha resposta axeitada a este tipo de problemas climatolóxicos.

Era curioso ver a canella Cega chea de auga e baixo ela unha capa de asfalto en quente e acabada de pintar, delimitando os pasos de peóns e calzadas, convertida en leito natural dun regato.

Pouco lle serviu pavimentala e pintala facéndoa a mellor rúa de Verín, se está condenada a ser o que sempre foi, porque está na cota máis baixa de todas as rúas da vila.

Claro que por alí circula un coche novo polo que había que eliminar as fochancas, porque sufrían os amortecedores e a columna do condutor e pode ser unha ruína para Verín que se malogre o propietario.

Con isto demóstrase o mal que se empregaron os cartos do Plan “E”, por parte de quen debe dar solucións a estes problemas, que soporta a vila de Verín.

 

Viernes, 19 de Marzo de 2010 22:55 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Pili

Miña cara Pili: é bo que as persoas que estades fora da vila teñades añoranza dela e que dedes unha opinión como ti nos fas no xornal do día 24 de marzal. A túa sinceira e histórica visión sobre o noso caro Verín está chea de verdades. Non fai falta un agudo olfato para catalogar as carencias das que adolece en beneficio da nosa moi amada Aquae Flaviae. Perdeu o tren no que soubo rubir Chaves.

A culpa non a quere ninguén. Gobernouse sempre dende a dereita e a base de decretos, chámalle didactorialmente. Poucos gobernos de esquerdas e sempre en comnivencia con outros partidos. O seu tempo foi insignificante e pouco influínte no desenrolo da vila.

Podo suxerir unha simple anécdota sobre algo que puido axudar a camiñar, pero que ainda a día de hoxe non hai nada de nada, como foi a inclusión de dous puntos no programa do Partido Popular do ano 1995, que son a comunicación coa autovía das Rías Baixas, do Polígono de Pazos, por Queizás e unir Verín con Chaves, con sendeiros a ambos lados do río Támega, colocando pasarelas e adecentar áreas de recreo e lugares de pesca.

Estou convencido de que non lle interesa que este pobo esperte a certos grupúsculos, que viven das esmolas municipais, polo que non se deben tocar as estruturas sociais, porque se poden perder as prebendas que se teñen.

Cando se lle entrega a “xoia da coroa” a unha empresa privada a cambio de cobrar cinco anos seguidos, para pagar débedas, e se deixa ao pairo o soldo dos empregados municipais e non hai ninghunha manifestación... algo falla nesta triste terra tamagana.

Cando só se ve crecer Infistela e non hai quen revolucione o pobo e cando saímos nas páxinas centrais dunha revista semanal, de ámbito estatal, e non se enche a vila de fotocopias, algo moi forte ten que pasar, para que non haxa un tipo de manifestación ou espontaneidade, que denuncie todas estas agresións.

Claro que Chaves creceu e rubiu no tren do progreso, porque soubo crear as bases adecuadas para estar aló nas europas, dende o ano 95-96.

Verín non soubo estar ás alturas, porque o orgullo de estar por enriba da vila lusa, naqueles anos, non lle permitía estar nas mesmas asociacións que deron o froito que hoxe se ve. Aquel “chovinismo” verinés foi o culpable deste atraso do que ti ben falas no teu artigo.

Chovinismo de perxonases que dirixen o Concello de Verín, pero que en épocas de vacas fracas quixeron aproveitarse, pola lonxanía co goberno do bipartito santiagués, creando a eurocidade Verín-Chaves, para saír nos medios de comunicación e por se aínda quedaban algo de cartiños en Bruxelas. Por agora, o único que trouxeron, foron postos de traballo para os amiguiños.

Como exemplo pódese ver a obra do río Támega en Verín e a obra do río Támega en Chaves. Que pertos e que lonxe estamos!

Pero se miras, simplemente, a maneira de acondicionar as beirarrúas xa che demostran como se fan e como queren as obras públicas. O gusto polo ben feito é a mellor propaganda de vender as súas vilas e cidades por doquier.

Para que vexas como progresou Chaves, debes saber que os nosos cativos disfrutan do parque infantil flaviense porque os seus pais os levan aló. Isto algo quere dicir. Unha aperta.

 

Miércoles, 24 de Marzo de 2010 19:45 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín Hay 2 comentarios.

Feiras e festas do Lázaro

Miña cara señora María: todo quedou en xogos infantís e xogos de veteranos. Os demais non existen na vila. Isto ocorreulle a estas festas, que non hai quen lle de un empuxe para polas como daquela.

Lusos, poucos e o de recibir ás autoridades na casa consistorial, menos. Agora abusan da figura do Cigarrón ou Peliqueiro para todo. Ata que aburren coas cousas non paran!

Encheron o Pavillón de stands, pero o atractivo era cativo. Pode que se note a crise, pero tamén pode que a xente estea cansa de tanta festa no mesmo trimestre.

Por certo, os veciños raiotos pouco se deixaron ver. As campañas publicitarias das feiras e festas de San Lázaro só estiveron na ondas en boca dunha persoa indirecta ao concello, porque institucionalmente non existiron.

Debeu ter vergoña do programa festivo, por consideralo pouco representativo para a categoría da vila de Verín, sobre todo tendo coñecemento doutras épocas e sobre todo por ser a máxima representación municipal, polo que pouco se lle encheu a boca, ou aínda non dixeriu a derrota do trinta de xaneiro.

Pero Verín é así. Non hai quen busque outros alicientes para colocala na cota adecuada, porque se nota que isto corre cara embaixo.

A culpa non a quere ninguén. Xa dicía a miña aboa que a culpa quedou solteira, por moi vinculeira que fose.

Os que non fallan son os invitados familiares que, ano tras ano, apúntanse ás viandas, porque na mesa sempre hai cabrito, que é o mellor prato gastronómico que se pode inventar para representar a nosa bisbarra.

Non deron noticias do concurso gastronómico, como outros anos, polo que debeu ser pouco interesante. Tampouco apareceu nos medios de comunicación a “nosa” Secretaria Xeral de Turismo, promovendo e dando ao evento o impulso necesario, que tanto pregoou, cando era concelleira en Verín. Daquela sería para xustificar o inxustificable dos seus honorarios.

Quenes non faltaron foron o Xaquín e o Marcelo. A estes impórtalle pouco o programa , porque só desexan vir a Verín para pasar o rato e chegar tarde a casa, porque así considéranse homes. Cartos trouxeron poucos, porque só miraban e non tiraron coa escopeta de balotes e non rubiron aos cabaliños nin a nora.

O que si tiñan nas mans eran uns bocadillos cheos de hamburguesas, caéndolle a salsa pola barbela embaixo, como se nunca comeran, cando eran moito mellor aqueles chourizos que lle daba a súa nai que, protestando, trouxéronos para aforrar en comida.

Non puideron xogar ao futbolín no Bar Angel, nin onda o Pelís nin no Bar Alfonso, porque a vida cambia e uns desapareceron e  outros evolucionaron. Agora xógase á “diana”. Non coñecían este xogo.

 

Miércoles, 31 de Marzo de 2010 14:47 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris